Opinión
Privilexio ambiental metropolitano. Madrid e as emisións de gases de efecto invernadoiro

A pasada semana Núñez Feijóo visitou a central térmica das Pontes acompañado do alcalde da localidade e do presidente de Endesa. Fíxoo para asegurar que a central continuará aberta 20 anos máis grazas ás remodelacións que está a levar a cabo para reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI).

Central térmica de Meirama
Jessica Uzal A central térmica de Meirama, propiedade de Gas Natural Fenosa, produce electricidade a partir da combustión do carbón.
6 abr 2018 12:09

O certo é que non estamos moi afeitas a mirar os procesos económicos con lentes de cor verde. Se o fixésemos, observariamos que todo feito económico ten a súa consecuencia na contorna ambiental e que, á vez, é a contorna ambiental -a realidade biofísica que rodea a nosa existencia- o que fai posíbel calquera feito económico. Por exemplo, toda a industria alimentaria susténtase sobre unha serie de equilibrios: a fertilidade do chan, a polinización, o equilibrio climático... da mesma forma, a nosa actividade económica produce residuos que sempre acaban deteriorando a contorna ambiental, abonda mencionar como exemplo o cambio climático.

O curioso é que esta ecodependencia da economía produce tamén desequilibrios territoriais entre os centros metropolitanos, grandes consumidores de recursos, e as periferias destes, grandes produtoras de recursos. É dicir, os territorios centrais estenden as súas redes de influencia moito alén das súas fronteiras, e estabelecen canles de comunicación con lugares moi afastados para lograr nutrirse de recursos.

Isto é máis ou menos obvio, o que pode parecer máis estraño é que eses recursos fan o camiño de volta e, da mesma forma que a periferia fornece de recursos ao centro, tamén asume gran parte da carga do seu impacto ambiental. Que pasa coa bolsa do lixo cando a deitamos no contedor? Desde onde se están a emitir os gases de efecto invernadoiro resultantes da enerxía eléctrica que estou consumindo ao escribir este artigo?.

Ser periferia tamén é asumir o custo ecolóxico da industrialización da metrópole, e para mostra, o comportamento das emisións de GEI no estado español.

Os datos de emisións de GEI por persoa para o ano 2015, revelan que os maiores resultados concéntranse en comunidades relativamente pouco poboadas e industrializadas. Asturias, Castela e León, Galicia e Aragón contando con apenas 7,5 millóns de habitantes entre as catro, o que equivale ao 16% da poboación total española, emiten uns 107 millóns de toneladas de GEI, representando case un terzo das emisións totais do conxunto do Estado. Estas cifras colócaas moi por enriba da media estatal, valorada en 7,2 toneladas de GEI por persoa e ano. Mentres que Madrid emitindo pouco máis de 20 millóns de toneladas de GEI é a última, mentres a súa achega ao PIB español sitúaa no segundo lugar cunha porcentaxe do 18,8 %. A súa poboación rozaba en 2015 os 6,56’5 millóns de persoas. Galicia, pola súa parte, representando o 5,2 % do PIB estatal, emite o 8,6 % dos GEI (30 millóns de toneladas). Estes datos parecen desmentir a hipótese de que as emisións e o seu consecuente deterioro ecolóxico son froito do crecemento económico, mesmo poderíamos chegar á conclusión de que, canto máis desenvolvida é unha rexión, menor é o seu impacto ambiental por persoa.

Pero en realidade a explicación é moito menos optimista, e ten que ver cos transvases de materias e enerxías que se producen no Estado. Un dato importante para comprender estes desequilibrios é que o maior factor de produción de GEI no caso galego é o sector eléctrico, e que desas case 30 millóns de toneladas que emitiron “as galegas e os galegos” no 2015, o 40 % procede de 3 únicos lugares: As Pontes, Sabón e Meirama. Galicia exporta cada ano entre un 35 e 40 % de electricidade cara a meseta central, un fluxo constante de enerxía sen o que o funcionamento das economías deficitarias de electricidade sería posíbel. Pola súa banda, tan so a provincia de Madrid consume o 10 % da electricidade de todo o Estado, uns 27.128GW/h dos que tan so cubriu con produción eléctrica propia un escaso 4 % en 2015. Resulta simpático que, se un/ha vai a mirar o informe correspondente ao balance enerxético da Comunidade de Madrid, no seu contido se mencione a orixe renovábel da súa produción eléctrica. A realidade porén, debuxa á capital do Reino coma un funil que engole os recursos das periferias.

A idea de facer de Galicia unha área excendentaria de electricidade responde a unha estratexia de desenvolvemento económico do franquismo que, a partir dos anos 60, e da apertura aos mercados internacionais, fomentou o incremento industrial en determinadas áreas, fronte a outras que recibirían o apelativo de “atrasadas”. Para as galegas, a consecuencia inmediata sería un aumento constante da potencia eléctrica instalada no país durante as décadas seguintes até o comezo dos 80. Nos dez anos que transcorreron desde 1970 até 1980 incrementáronse máis de 2,5 millóns de kW grazas á posta en marcha das centrais térmicas. Pero non fomos as galegas e galegos as beneficiarias deses aumentos na potencia eléctrica instalada, senón a capital do estado, cuxo desenvolvemento industrial facía preciso un incremento da oferta eléctrica.

Os emprazamentos dos xacementos do carbón galego (colapsados en apenas 30 anos) foron a xustificación necesaria para instalar aquí unha industria altamente contaminante.

Pero esta operación non contaba unicamente coa participación da ditadura, senón que contou coa colaboración do sector bancario galego. Pedro Barrié de la Maza xa fora premiado polo Réxime tras a Guerra Civil, ficando co total do sector eléctrico galego despois do asasinato por parte do bando nacional do seu competidor no sector, José Miñones. Durante a década dos 70 sería el quen financiaría a construción da central térmica de Meirama (o segundo foco de maiores emisións de Galicia) por medio do Banco Pastor, o que daría lugar ao coñecido conflito de das Encrobas.

Hoxe a provincia de Madrid desfruta dun torrente eléctrico constante que non produce. Isto acontece grazas a unha subalternización dos territorios periféricos, incluídos os seus recursos naturais, orientados a satisfacer as demandas do mercado exterior. Pero tamén é grazas ao desprazamento dos custos ambientais do seu desenvolvemento económico ás comunidades autónomas que a rodean, en especial polo seu extremo noroeste. Privilexio ambiental metropolitano é un termo que pretende alertar das desigualdades ecolóxicas que favorecen o desenvolvemento socio-económico dos territorios centrais fronte aos periféricos, así como poñer no cerne do debate unha dimensión acotío esquecida que, non obstante, se está a facer imprescindíbel para comprender os riscos dunha modernidade que se fundamenta, hoxe por hoxe, nunha repartición dos danos socio-ecolóxicos asociados á acumulación duns/as poucos/as.

Cargando valoraciones...
Ver comentarios 1
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios 1

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...