Feminismos
As mulleres galegas ocupan o segundo posto de menor retribución por hora de todo o Estado español

A súa precariedade maniféstase na contratación temporal, oportunidades limitadas de promoción e acceso limitado a postos de dirección. A desigualdade estrutural afecta especialmente ás traballadoras do sector primario, onde permanecen invisibles.
Redeiras traballando na nave de Portosín
Redeiras traballando na nave de Portosín, Galiza. Alba Cambeiro

As traballadoras galegas son o colectivo cunha das maiores fendas salariais de toda España, situada no 18,7%. Segundo un recente estudo da Confederación Intersindical Galega (CIG), o soldo medio anual das mulleres é de 20.840 euros, mentres que o dos homes ascende a 25.527 euros, o que supón unha diferencia retributiva de 4.687 euros anuais.

En Galiza as mulleres constitúen o 49% da poboación activa, mais continúan a sufrir discriminación en termos de salario, promoción e acceso a postos de liderado. Segundo a Enquisa Anual de Estrutura Salarial do Instituto Nacional de Estadística (INE), as mulleres galegas ocupan o segundo posto de menor retribución por hora de todo o Estado español. Desde os sindicatos denuncian a supresión da Secretaría Xeral de Igualdade do organigrama do goberno da Xunta e reivindican a necesidade urxente de implementar políticas públicas efectivas para paliar a desigualdade de xénero no eido laboral.

O informe presentado pola CIG revela a medra das fendas de xénero no que respecta ás modalidades de contratación, xa que o 60% dos contratos fixos-descontinuos están subscritos por mulleres. No caso dos contratos indefinidos a xornada completa, só o 45,6% das mulleres teñen este tipo de contrato; fronte aos 71% dos homes. “A reforma laboral do 2021 incrementou a parcialidade e a temporalidade; e este tipo de contratos precarios afecta en maior medida ás mulleres” explica Nicolasa Castro, responsable da Secretaría das Mulleres da CIG.

Gandeira explotación Ponteceso
Gandeira traballando nunha explotación de leite en Ponteceso. Alba Cambeiro

Traballadoras invisibilizadas

“Cando me presentei ao cargo de vicepatroa tiven que aguantar ameazas e insultos constantes” relata Rita, mariscadora a pé na Confraría de Carril. “Moitas mulleres non se presentan por medo ás represalias e ao acoso psicolóxico”. As mariscadoras denuncian un machismo estrutural no sector pesqueiro, así como a infrarrepresentación das mulleres nos espazos de toma de decisións.

O colectivo feminino supón un 42,3% da poboación pesqueira en Galiza, no sector do marisqueo a pe, máis do 74%. A pesar disto, segundo un estudo realizado pola Deputación da Coruña xunto coa Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca), tódolos patróns maiores das confrarías de pescadores son homes. Así mesmo, nas Xuntas Xerais das confrarías as mulleres supoñen o 19,24% sobre o total de representantes.

As mulleres galegas sempre formaron unha parte fundamental do sector primario, mais o seu labor foi invisibilizado. A asunción dunha maior carga dos coidados, a infravaloración das propias capacidades para acceder aos postos de representación e os retos asociados ás condicións sociolaborais seguen a perpetuar a desigualdade entre mulleres e homes no eido laboral.

“As mariscadoras a pe temos un soldo anual duns 7000 euros brutos, levamos anos sen poder gañar o soldo mínimo vital” afirma María Porto, presidenta da agrupación de Mariscadoras de Carril. A contaminación e os efectos do cambio climático están a ter un brutal impacto na produción de marisco nas rías galegas, mais segundo explica María, a Consellería do Mar non autoriza a compatibilización do marisqueo con outra actividade que xere máis ingresos. “Aínda sen chegar ao soldo mínimo vital e a pesar da situación extraordinaria que se está a vivir, arriscámonos a perder a licencia de marisqueo”.

No Sindicato Labrego Galego (SLG) levan anos traballando pola incorporación das mulleres aos dereitos económicos do sector agrario. “Hai moitas mulleres que non están dadas de alta como autónomas, nin constan como titulares dos proxectos agrarios que hai na unidade familiar” afirma María Ferreiro, gandeira e responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG. “No sector agrario o espazo produtivo e o espazo reprodutivo é o mesmo, porque a maioría das actividades labregas está a carón da casa familiar. Estás dándolle de comer ás vacas; pero chegan as 12 da mañá e vas prender o lume para preparar a comida”.

Mariscadora ría de Arousa
Mariscadora a pé traballando na ría de Arousa. Alba Cambeiro

Durante a elaboración da Lei sobre Titularidade Compartida -que busca o recoñecemento xurídico, social e económico da actividade agraria feminina- estimouse unha cifra dunhas 55.000 mulleres susceptibles de pasar a figurar como titulares dunha explotación. Segundo os últimos datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, só hai 1358 inscricións de titularidade compartida en toda España; en Galiza, 44.

Dende o sindicato tamén denuncian os elementos discriminadores das mulleres na reforma da Política Agraria Común (PAC). “A PAC é a gran axuda do sector, pero as granxas cobramos en función das hectáreas de terreo das que dispoñemos” explica María. “Se miramos a distribución de fondos, quen percibe a maioría das axudas son os homes, xa que as granxas de titularidade feminina son moito máis pequenas”.

O documento da Estratexia para a Igualdade das Mulleres Rurais do Ministerio recoñece que en tódalas comunidades autónomas a superficie media das explotacións de titularidade masculina é superior á das explotacións de titularidade feminina. Segundo un estudo da Fundación Mundubat e a Confederación de Mulleres do Mundo Rural (CERES), o importe medio da axuda da PAC en Galiza é de 9.736,53 euros no caso dos homes; e de 4.106,07 euros no caso das mulleres.

Incumprimento da Lei de Igualdade

“Fai un ano que se constituíu a mesa de negociación do Plan de Igualdade para os traballadores e traballadoras do ensino público, e non se fixo absolutamente nada” afirma Nicolasa Castro. “A administración é a primeira en incumprir a lexislación en materia de igualdade”. Malia que existe un Plan Igualdade da Xunta de Galiza, este exclúe ao ensino público, do que dependen unhas 30.000 persoas. Este medio contactou coa Consellería de Educación para obter información sobre o estado do Plan de Igualdade no ensino público, pero non recibiu resposta ata o momento da publicación deste artigo.

CNT Galiza ven de levar ao Tribunal Supremo un conflito colectivo no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, organismo da Xunta que xestiona centros de día, servizos de coidado a persoas maiores e centros da Galiña Azul. Dende a súa creación no 2006, todo o persoal foi contratado como temporal. “O 98% do persoal do consorcio en tódalas categorías son mulleres; arredor dunhas 1500” explica Rita Giráldez, avogada do sindicato. “Estamos a falar dun ente público que traballa co seu persoal en fraude de lei por abuso de temporalidade na contratación”.

Segundo un recente estudo da Federación de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR Galicia), as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) apenas perciben o Salario Mínimo Interprofesional, cunha media de 8,23 euros por hora. O gasto público en Galiza, pese ao envellecemento da poboación, é o sexto máis baixo do estado Español. Ademais, a espera para acceder á dependencia supera o ano de tramitación.

Os últios datos do Instituto das Mulleres revelan que o 92,94% das persoas que teñen unha xornada parcial por coidado de fillos ou adultos dependentes son mulleres. Os sindicatos alertan das graves consecuencias do desmantelamento dos servizos públicos en relación á precariedade laboral e á inseguridade económica. “Os coidados estanse a converter nun gran problema social en Galiza” explica Nicolasa Castro. “A carencia de servizos públicos afecta a tódalas mulleres traballadoras porque non contan co apoio suficiente para ser suplidas nas tarefas de coidado” asevera.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Galicia
Galiza La Xunta y la Confederación del Miño, condenadas por la degradación ambiental del embalse de As Conchas
Las organizaciones impulsoras de la demanda consideran “histórica” la sentencia al vincular un caso de degradación ambiental al menoscabo de derechos fundamentales de residentes de la zona afectada. El fallo aún se puede recurrir.
Culturas
Cultura Residente cancela todos sus conciertos en los festivales propiedad del fondo proisraelí KKR
René Pérez, cantante y rapero que llegó a la fama bajo el paraguas de Calle 13, abandona los carteles del FIB de Benicasim y del Morriña Fest de A Coruña.
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
CRTVG A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
A xornalista Concepción Pombo substituirá, co único aval do Partido Popular, a Alfonso Sánchez Izquierdo. O Goberno de Alfonso Rueda modificou a lei de medios para que os votos do seu partido fosen suficientes para elixila.
Altri
Altri A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
A veciñanza da comarca máis afectada escolleu entre dúas listas logo de non chegar a un consenso. A gañadora tratará de ampliar a súa base de socias e socios por toda Galiza e abrirá máis as portas ás grandes organizacións do país, como a CIG.
El Salto n.79
Altri A celulosa ou a vida: xornalismo situado e loita social para frear un ecocidio
O xoves 17 de xullo esperámosvos no CS 'A Nubeira' de Vigo para presentar o último número da revista El Salto xunto a algunhas das súas principais protagonistas: as que loitan contra o macroproxecto de celulosa liderado por Altri e avalado pola Xunta.
Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.