Fotografía
Pacheco, o arquivo fotográfico máis grande de Galiza no que apodrecen 60.000 imaxes por desidia política
Cando Pablo Prado chegou ao Arquivo Pacheco, as placas fotográficas que documentaban un século de historia de Vigo amoreábanse en caixas de poliespán das que se usan nas lonxas para envasar o peixe. Placas de nitrato mesturadas con acetatos, sen separación nin criterio, a xeraren reaccións químicas que se percibían coa man a escasos centímetros. “Estabamos fartos de sacar placas nas que o 70% da imaxe estaba comida polos fungos”, lembra Prado.
O Arquivo Pacheco é o legado fotográfico máis completo de Galiza. As súas aproximadamente 140.000 imaxes, que agranguen desde a década de 1870 até os anos setenta do século pasado, constitúen a crónica visual máis exhaustiva da cidade de Vigo e a súa comarca. Non obstante, desde que o Concello de Vigo adquiriu a colección en 1991, o arquivo foi vítima dunha desidia sistemática que segue, a día de hoxe, a apodrecer un patrimonio irrecuperable.
Catro xeracións dun estudio
A historia do arquivo arrinca en 1870, cando o italiano Filippo Prosperi, chegado desde Perugia, montou en Vigo o seu estudio fotográfico xunto á pontevedresa Cándida Otero. Ambos foron fotógrafos de primeira liña; premiados nas Exposicións Rexionais de 1878 e 1880, traballaron para publicacións como La Ilustración Gallega y Asturiana e retrataron figuras da vida pública galega.
Á morte de Prosperi en 1899, Otero estabeleceu relación comercial cun fotógrafo portugués que chegou a Vigo en 1907, Jaime de Sousa Guedes Pacheco. Coa morte de Otero en 1915, Jaime Pacheco tomou as rendas dun estudio que, situado na rúa do Príncipe, converteuse nun dos máis prestixiosos da Galiza da época. Tras el virían fillos, sobriños e outras mans que durante décadas seguiron engordando un fondo que se estima superior ás 150.000 unidades.
Cando en 1991 o Concello de Vigo comprou a colección, o convenio incluía obrigas concretas: convocar anualmente o Premio Pacheco, crear unha sala de exposicións permanente, conservar as placas en estoxos libres de ácido e publicalas en coleccións sistemáticas. Ningunha delas foi cumprida.
Vinte anos de abandono
Durante dúas décadas, o arquivo permaneceu practicamente inaccesible e sen catalogar. Sucesivos equipos traballaron nel con maior ou menor continuidade, pero cada cambio de goberno municipal supuña o cese do persoal e o reinicio desde cero. Durante 18 anos nin sequera se convocou o Premio Pacheco, que o convenio esixía con periodicidade anual. Entretanto, os fungos avanzaban.
Foi en 2007 cando o concelleiro de Cultura, Xesús López Carreira (BNG), abriu a colección e encargou un programa de traballo articulado. O equipo que comezou a traballar en xullo de 2008 estaba formado por Pablo Prado e Pilar Abades, licenciados en Comunicación Audiovisual, Isabel Llantada, especialista en dixitalización e laboratorio fotográfico e dirixido por Vítor Vaqueiro, investigador cunha tese de doutoramento sobre os Pacheco e obra publicada sobre a historia da fotografía galega.
Tres anos, 25.000 fotografías
Durante tres anos o equipo catalogou e documentou máis de 25.000 fotografías —fronte ao cero absoluto dos 17 anos anteriores—, dixitalizaron preto de 12.000 placas, puxeron en marcha unha base de datos accesible ao público con 45.000 imaxes, produciron tres exposicións monográficas e editaron libros sobre a colección. Traballaron máis de 15.000 horas en total, en plena crise económica e con orzamentos minguantes.
A tarefa de conservación era urxente. “As placas estaban en pésimas condicións”, explica Prado. Isabel Llantada encargábase de localizalas, retocar dixitalmente rabuñazos que non afectaran á imaxe; e despois gardalas. “Collíamos caixas de zapatos que deixaban as zapaterías, reorganizabamos as placas por tipo e intentabamos que tamén foran por temas, pero iso era moi complicado porque pasaran varios equipos con criterios moi distintos”, recorda Prado. Nalgún momento anterior alguén decidira ordenar as placas por tamaño en lugar de por contido, destruíndo o sistema de organización orixinal. “Perdeuse un montón de información documental sobre o que representaban as imaxes”, di.
O traballo de documentación esixía tamén recuperar a memoria oral. Prado e Abades saían á procura de veciños que puidesen identificar persoas, lugares ou datas nas fotografías, tecendo unha rede de máis de cen colaboradores que alimentaban as bases de datos. “Chegabas a nomes propios, a datas concretas”, lembra Pilar Abades.
A rampa que nunca rematou
O 6 de setembro de 2011, a concelleira de Cultura, xa en mans do PSOE de Abel Caballero, cesou ao director do arquivo. O 31 de decembro, ao resto do equipo. O argumento oficial foi que se ía construír unha rampa de accesibilidade na entrada da Casa das Artes e que, cando rematara a obra, voltarían a ser chamados. “Seguimos esperando que remate esa obra”, di Pablo Prado. “Non nos volveron chamar.”
Pilar Abades lembra que antes do peche xa había indicios do que se aveciñaba: “Reduciron a nosa xornada e dificultaban as condicións laborais.” O equipo, porén, seguiu traballando na mesma liña. “Estabamos loitando contra os fungos e contra a mala conservación do arquivo durante moitos anos”, conta Abades.
A interpretación do equipo apunta directamente a unha decisión política que en ningún momento lles foi comunicada nin xustificada. Cando Abel Caballero acada a maioría absoluta o seu goberno elimina aos traballadores do centro e, de facto, deixa o arquivo no dique seco e sen ningunha explicación.
O edificio que nunca foi
Mentres o equipo traballaba, existía un proxecto para crear o Centro Galego de Fotografía: un edificio de 1.300 metros cadrados e catro andares no casco histórico de Vigo que sumaría ao fondo Pacheco outros arquivos fotográficos como os de Llanos ou Casado, con salas de exposicións, condicións de arquivo axeitadas e un proxecto educativo ao redor da fotografía histórica e contemporánea. O edificio chegou a rehabilitarse pero o proxecto tamén foi paralizado. Hoxe é sede da Deputación de Pontevedra.
“Para min son dúas traxedias”, di Pablo Prado. “As condicións físicas pésimas nas que está o arquivo Pacheco, que se está pudrindo, e a oportunidade perdida do Centro Galego de Fotografía”.
A dimensión do arquivo faise aínda máis elocuente en perspectiva comparada. Nos cursos de recuperación de arquivos históricos fotográficos que Prado e Abades fixeron en Lisboa, representantes de fondos de todo o mundo falaban das súas dificultades para catalogar coleccións de entre 2.000 e 6.000 placas. “Nós mirámonos”, recorda Prado, “dicindo: ostras, que alí temos 120.000, e estamos gardando todo en caixas de zapatos.”
O nulo financiamento do arquivo tivo consecuencias que van máis alá da deterioración física das placas. Pilar Abades lembra que, cando o equipo traballaba, o arquivo funcionaba como un nodo vivo: investigadores e investigadoras achegábanse, aportaban datos, identificaban rostros e datas, e esa retroalimentación permitía configurar de forma áxil unha base de datos que, de estar aberta e dispoñible, tería seguido medrando.
“Estábamos creando unha rede e tecendo algo que axudara a entender o país que temos”, di Abades. Hoxe, con acceso restrinxido tanto ao Arquivo Pacheco como a outros fondos en dependencias municipais, esa rede deixou de existir; e con ela, o coñecemento que só a memoria viva pode achegar: o das persoas que aínda recordan os nomes, os lugares, as historias que hai detrás de cada imaxe. “Hai un montón de fotografía marabillosa que se vai a perder”, conclúe.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!