Galicia
Un ‘pulpo’ con Von der Leyen

Ninguén imaxinaba a toda unha señora da guerra nunha romaría no Pino, escollendo entre ‘oruxo’ e licor café. Un día festivo de pachanga, alcol e represión policial.
von der leyen o pino
Von der Leyen durante o seu discurso na romaría do Partido Popular galego. Pablo Santiago

De camiño cara a festa do PP, nunha pista pegada á N-634, hai sete señores con bandeiras de Vox e de España. Sete señores, nunha cuneta, ignorados polos coches e autobuses que van cara a romaría do partido de sempre.

Xa no leira parking escoito a música da romería mesturada co vento que bate nos eucaliptos: “Desde que me dejaste, la ventanita del amor se me cerró”. Ao chegar, unha carballeira con postos de rosquillas, cereixas, churros, unha pantalla xigante, moita cervexa, vermú e parellas bailando. A xente desfruta do DJ mentres agarda a Feijóo e á ‘Presidenta de Europa’.

Alberto e Ursula estaban aínda no Obradoiro, no único momento incómodo da xornada. Pasado o mediodía, a Asemblea aberta por Palestina quixo lembrarlle a Von der Leyen a súa complicidade e responsabilidade no exterminio en Gaza. Ursula reuniuse varias veces co xenocida Netanyahu e amosou sa súa admiración por Israel, “unha democracia vibrante”, “a liña de frente entre a civilización e a barbarie”, asumindo como ‘civilización’ ao estado colonial israelí. 

As estudantes compostelás berraron o que se lle berra a quen xoga coa guerra e, no medio do rebumbio, unha “vella activista”, Elvira Souto, abriu a súa kuffiyah e chamou por ela: “Von der Leyen!” Ursula virouse e mirou, buscando a voz que lle falaba. Nese momento, Elvira berrou ‘Palestina Vencerá’, segundo ela mesmo nos conta: “Despois disso, um da “secreta” deu-me um empurrom leve, um poli arrancou-me a kuffiyah e outro obrigou-me a sair do grupo de papons que miravam passar a comitivia. Dixem que queria estar onde estava o resto da gente e a resposta foi: ‘Usted no’”. Un axente identificouna e ela pediu a súa kuffiyah de volta, sen resultado, xa que o axente que lla roubou pertence a outra unidade de seguridade e a única maneira de tela de volta é pedirlla ao Ministerio do Interior, segundo conta a propia Elvira. A protesta en Compostela rematou aí. Feijóo e Ursula collían o coche pra ir de romería.

Nas comidas do PPdeG non pasan esas cousas. Non hai disenso, só alcol, rancheras, cancións contra a amnistía e a idea do futuro ‘pulpo’ que van comer na carpa. Cruzo miradas con varias persoas, a maioría cun ton agradable, case cómplice. Especialmente amable é un señor duns 60 anos, que quere conversar:

— A ver que contan hoxe!
— Falarán da amnistía, imaxino… —contesto, tímido, metido no meu papel de seguidor do PP.
— Aos cataláns había que matalos a todos! 

 Poker face e a outra cousa. Malia que quero desbotar prexuízos, non podo. Existe ese perfil, maioritario, de señores e señoras maiores que están na festa do PP porque hai que estar, tamén os rapaces de 30 anos co xersei amarrado ao pescozo ou a señora que disfrazou o seu caniche de azul e bandeiras de España. Leva o premio ese señor apoiado na barra que podería ser de calquera aldea galega e leva unha pucha de Repsol e un polito de Lacoste, exemplificando perfectamente o choque de mundos que hai baixo a carballeira.

A dereita sabe pasalo ben. Están na mesma onda, a tope, sen fisuras co Partido Único de Judea, centrados simplemente en beber, compartir e desfrutar da música e do sol que se coa entre as árbores. Hai un sentimento comunitario evidente, moi verdadeiro, case familiar. Unha cultura propia e próxima compartida por todos e todas, como en calquera acto adventista que podes atopar no rural de Centroamérica. A cultura do PPdeG é complexa, case inexplicable ata para os que a coñecemos desde nenos. Seguro que desde Madrid nola poden explicar.

Por fin, despois do DJ e dun grupo de música, chega a comitiva. Uns 20 reporteiros gráficos tentan sacar a mellor imaxe, e penso, eu que fun reporteiro gráfico en televisión durante anos, o duro que é ter que facer o traballo sucio para xente tan malvada. Máximo respecto, pero tamén rabia.

O primeiro busto parlante sube o atril. Máis alá das palabras baleiras, enumera as últimas vitorias electorais do PP, e engade as Europeas do 9 de xuño e tamén a Champions League que di que “hoxe vai gañar o Madrid”. O aplauso é unánime. Parabéns.

Despois doutro señor emitindo palabras baleiras, saiu Rueda. Comezou cun “Well can, Ursula”, algo que escoitei claramente así, como un can can, en galego, un cadelo. Seguiu tirando de tópicos: a choiva, o camiño, o ‘octopus’, etc. O Presidente falou inglés con acento galego, e Feijóo falou galego con acento de Castilla. O discurso de Dolors Montserrat, “unha catalana” segundo un dos asistentes, rematou con varios vivas, e no Viva España houbo un brazo que se levantou decidido, só durante un segundo, ata que viu que quedaba só.

von der leyen o pino 2

O acto rematou con Ursula. Alí estaba ela, co seu fuciño afiado e o seu pelo teso, moi teso, como saído dunha olería de Buño. Rechama o artificial que resulta, como se fose unha personaxe interpretando a unha presidenta dos Estados Unidos, unha reptiliana moi ben conseguida ou a súa propia réplica dun Museo de Cera. “Quen carallo é a señora esta?”, pregunta un home durante o speech de Ursula.

Porque o discurso foi un baixón, como cando encenden as luces na discoteca. Aínda así, a xente aplaudía por inercia porque é o seu papel e o xeito de pagar o pulpo de despois, ademais de 30 euros. No Pino todo é unidade e felicidade, sen lugar para ningunha acción de protesta ou recordo algún ao xenocidio en Gaza. Facía demasiado bo tempo para falar desas cousas tristes. Tamén había demasiado alcol, a música estaba moi alta e Gaza moi lonxe, como para escoitar o bater das bombas.

A xente dispersouse ordeadamente, camiño á carpa onde esperaba o premio, en forma de comida. Aínda non podo imaxinar a Ursula xantando nunha mesa de madeira en mantel de papel, mesturando viño e gaseosa, quitando co palillo a carne que lle quedou entre os dentes ou escollendo entre licor café e crema de 'oruxo'.

Tampouco son quen de imaxinala conversando sobre o que acontece en Gaza e Cisxordania. De que pode falar na sobremesa, ou do ocio que pode ter quen é cómplice e quen paga que tantos nenos e nenas rematen queimados ou en anacos, dos edificios que caen enriba de familias enteiras, dos cráneos baleiros que vemos nos reels, de toda a dor provocada en tantas décadas de ocupación patrocinada por Occidente. Como se desfruta sabendo que provocas tanta dor. Mellor non pensalo. O pulpo está rico. Faise con pimentón e con aceite de oliva, Ursula.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Política
Política Feijóo radicaliza al Partido Popular en medio del terremoto Cerdán con la vista puesta en las elecciones
Miguel Tellado será el nuevo secretario general del partido. Un movimiento con el que Feijóo consigue el control casi absoluto del PP y le come espacio del discurso ultra a Vox, pero que lo aleja de eventuales pactos con PNV y Junts.
Análisis
Análisis del CIS La calma antes de la tormenta: la dimisión de Santos Cerdán como punto de inflexión
El último barómetro del Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS) ha muerto pocas horas después de nacer por la dimisión de Santos Cerdán, aunque sirve como foto fija de un escenario que favorece a la derecha.
Altri
Altri Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
Medio ambiente
Medio ambiente A loita polo monte galego: lumes, eucalipto e ameazas á propiedade común
Galiza concentra un terzo dos incendios forestais rexistrados no Estado. Mentres a Xunta apunta aos montes veciñais, comuneiros e ecoloxistas denuncian unha estratexia política para favorecer a privatización e a expansión da industria madereira.

Recomendadas

Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.