Opinión
Crónica da inmundicia

Iria Pinheiro conta en primeira persoa a súa experiencia fronte a un tribunal que tiña que decidir se sufrira acoso sexual por parte do seu xefe no programa “Con amor e compañía” de Ficción Produciones S. L. emitido na TVG. En realidade sucedeu que se enfrontou, unha vez máis, e como tantas outras mulleres, a un novo caso de xustiza patriarcal.

Burka ocidental_Iria Pinheiro
Iria Pinheiro Burka occidental
2 oct 2018 12:00

O Xulgado do social n.º3 de Compostela estaba en silencio cando entrei coas miñas amigas e o meu avogado ás 9.00 a.m. o pasado 7 de setembro.

O edificio por fóra é un búnker de cemento, pero por dentro a luz dotaba a madeira dunha calidez que nos sorprendeu. Falabamos baixiño, observamos que aquilo semellaba un tanatorio, rimos, e decidimos que, xa que non me concederan ningunha medida especial para protexerme dos encontros co meu agresor, o mellor era esperar no último andar. Só podían acompañarme dúas persoas, tiven que despedirme das outras dúas.

Alí esperei nun corredor, próximo á oficina onde tiñamos que asinar uns papeis. Cando me chamaron para facelo, alí estaba el. Recuei rápido, e dixen que non ía ata que se fose. Cando me acheguei ao mostrador aínda notaba o seu cheiro.

Tivemos que baixar cara a sala n.º 3, un balbordo tremendo subía polas escaleiras, cando estabamos case abaixo vimos unha chea de xente do mundo do espectáculo que viñan a testificar. Quedamos no medio da escaleira, vendo desde alí aquel cóctelimprovisado onde todo eran gargalladas e gomina.

Eu, engaiolada coma unha bruxa que van queimar, e eles facendo o papel de viláns cos fachos prendidos. Só quen me quería se achegou para saudar, quen non me quería tamén aproveitou a oportunidade de quedar ben. Berraron o meu nome, baixei os chanzos e fíxose un silencio ao meu paso. Entrei na sala, sentei na primeira fila, logo sentaron na mesma fila os demandados, o produtor e o director.

Despois dunha serie de rituais comezou a miña declaración. A primeira pregunta que me fixo o patriarcado foi “¿Usted tiene una episiotomía del parto?”, a pregunta está mal formulada, xa que unha episiotomía faise e o que se ten é unha cicatriz… pero o letrado, que non sabe destas cousas “de mulleres”, o que quere demostrar é que eu teño secuelas psicolóxicas derivadas de tal feito para poder así facer desaparecer a credibilidade do meu relato.

A seguinte pregunta alude a miña actividade como “ca-ba-re-te-ra” así o pronunciou aquel avogado que insistía así en que eu xa era unha muller con bagaxe niso do erotismo e do destape, dando a entender que como veño a pedir respecto ou xustiza se eu vounas pedindo e non debería de asombrarme duns tocamentos xa que como muller da vida debería estar máis que acostumada. Díxenlle que o cabaré é algo político e que así o exercía eu, o vello indignouse todo e mesmo pediu axuda á súa señoría para frear aquel atropelo. Nunca pensei que se me acusaría de ser actriz nun tribunal.

Só quen me quería se achegou para saudar, quen non me quería tamén aproveitou a oportunidade de quedar ben

Preguntoume se o termo M.i.l.f.( Mother I'd like to fuck) era unha forma de pornografía, eu díxenlle que lera nun libro que era algo así. Morreu o conto ante a insatisfacción do avogado da parte contraria.

O sala número tres do xulgado parecía o plató dun deses programas nocturnos onde van pasadísimos e falan de calquera cousa.

Mentres eu declaraba sentía as respiracións dos demandados detrás miña, o ruído da xente que agardaba fóra como se aquilo fose unha festa nun iate en Ibiza.

A xuíza non considerou que o meu caso tivese matices de xénero e como dixen non activou ningún protocolo para protexerme (declarar por videoconferencia, acompañamento psicolóxico, evitar a revitimización etc). Ese día volveron os pesadelos nocturnos.

En toda a súa declaración non houbo nin un chisco de remorsos. Nin sequera o remorso de non ter remorsos
Cando lle toca a quenda ao director, cando declara, recoñece que me tocou, pero que en realidade tocaba os meus personaxes para darlles ordes de dirección, ao igual que cando me berraba, non o facía cara a min, facíao cara a María Pita. Di que unha vez me tocou, pero para non caer ao apoiarse en min por detrás cando estaba recostada na cadeira de maquillaxe cos ollos pechados, que me abrazou e me susurrou unha “advertencia” ao ouvido para que ninguén máis a ouvise e eu non pasase un mal rato (que atento!), que me pediu que fose sexy en curvas e sexy en actitude por que era un “programa sexy” e os guións estaban supervisados pola TVG (que é un aval férreo da loita pola igualdade...). Só se decatou de que me molestaba cando lle agarrei a man e a quitei das miñas coxas. Afirma “Pensé que era mejor dejar enfriar el tema y que se le pasaría”.

En toda a súa declaración non houbo nin un chisco de remorsos. Nin sequera o remorso de non ter remorsos. 

A sentenza non recolle como catro testemuñas describiron que había un ambiente de traballo hostil cara a min e cara a algunhas delas durante as gravacións. Tampouco recolle que unha das traballadoras declarou que sufrira acoso verbal de índole sexual por parte do director. A traballadora di que o director lle dixo: “cuando no esté tu novio en casa avísame y te hago una buena limpieza”, a xuíza afirmou que iso non tiña interese neste caso. Non se conta nos trece folios de sentenza que esta rapaza lle parou os pés ao seu xefe e que aínda así se agochaba para evitar todo contacto con el. Afirma que era un baboso e que así llo dixo á xerente da produtora cando llo preguntou na suposta activación do protocolo antiacoso. A xerente recoñece que llo dixo. A sentencia non o recolle.

O protocolo antiacoso presentado pola empresa tiña menos consistencia que o peiteado de Anasagasti nun día de vento.

Declarou un monologuista que fixo as delicias da maxistrada, ai ela, tiñas que vela!, morría coa risa, mesmo a fiscal non era capaz de interromperlle o speech para preguntarlle. A miña cadeira abaneaba polo moito que rían os demandados. Estaría ben que a televisión emitise a cinta do xuízo os venres pola noite para que todo o país rise a cachón. Deste xeito conseguiu distraer a atención sobre os feitos quitándolle ferro ao asunto e inventando frases de telenovela. Finalmente, foi a súa versión a que tivo peso sobre a miña.

A fiscal suxeriu que eu tiña que ter deixado o traballo ou que lle tiña que ter dito ao meu xefe que parara de acosarme, así el decataríase

O gran momento que esperabamos era o da testifical da xefa de maquillaxe, os ruxe-ruxes da vila dicían que a súa versión dos feitos dependía dunha “amnesia selectiva” provocada polo estrés do xuízo, pero eu, que a coñecía por que eramos amigas, nunca pensei que iso puidese ser certo. Non obstante, algo estraño pasou, cando lle preguntaron se xuraba dicir a verdade deulle un ataque de risa e sacudiuse na cadeira. Señoría, este é un momentazo para ver en repetición no vídeo do xuízo.

Dixo que non vira nada. Non o podía crer, ela que o viu claramente, ela que me dixo que eu era unha arisca por rebelarme ante as caricias do meu xefe… ela que me dixo que non sabía como ía facer para pintarme no brazo unha tatuaxe dun mísil que recordara a un pene… ela que na antesala do xuízo lle dixo á xente alí presente unha cousa e logo esa mesma xente viu como declarou outra.

Entendino todo cando me enterei por WhatsApp de que lle duplicaran o soldo a todas as testemuñas que eran traballadoras da produtora coincidindo coa data do xuízo. A maquilladora seica pasou a cobrar 5000 euros mensuais, non sei se será certo, pero de ser así parece que o rímmel vai caro.

A grande sorpresa foi a do encargado de vestiario, un home que desprezaba o director ata o punto de desexarlle a morte e que chamaba á xerente “fregona con patas”. Por aí contábase que o despediran da produtora e que o director, que o recolleu da gabia, convidábao a cear por Madrid. Comentaban tamén nos bares que falaba case semanalmente cunha das avogadas do director. O que non imaxinabamos é que ía ter a valentía de asumir até tal punto que asumiría el os tocamentos no nome do outro. Din que xa volve ter traballiño.

Iria Pinheiro
A actriz Iria Pinheiro. Foto: Paula Pez
As conclusións do proceso foron delirantes, alí déronse cita grandes os slogans do heteropatriarcado: ”El guión no era machista porque estaba escrito por una mujer”; “la ideología machista no es objeto de indemnización”; “la actriz ha aceptado el trabajo, por lo tanto ha aceptado la situación”; “son hechos falsos aunque parcialmente verdaderos”; “el acoso no es constante, por lo tanto no vale”; “no había más que mala química”.

Non vou facer uso do Recurso de Suplicación, non lle vou suplicar ao Patriarcado Xudicial que revise o meu caso

A fiscal suxeriu que eu tiña que ter deixado o traballo ou que lle tiña que ter dito ao meu xefe que parara de acosarme, así el decataríase. Dixo que as versións das testemuñas coincidían...vaia, parece que non escoitou os catro primeiros. Aprendín logo que na xustiza isto vai ao peso, que se catro din unha cousa e seis din outra, gañan os seis por goleada, aínda que non sexan fieis á verdade porque teñen unha relación de dependencia laboral cos demandados, por exemplo.

Non vou facer uso do Recurso de Suplicación, non lle vou suplicar ao Patriarcado Xudicial que revise o meu caso. É o Tribunal de Xustiza de Galicia un reduto feminista? Non vou perder o tempo en averigualo. O meu recurso vai por esta outra vía, pola humana, a que se esforza en transformar as cousas e que iso repercuta positivamente nas demais persoas. Non me arrepinto de ter denunciado, síntome vitoriosa nesta loita, pero coidado amigas, as leis non están feitas para as mulleres e moito menos para as actrices. É urxente relexislar. É moi necesario que se nos acompañe nestes procesos tan longos e intensos. É preciso ter sensibilidade.

Aínda falta esperar a que remate a instrucción da vía penal. Pase o que pase, en realidade isto xa non ter que ver comigo, ten que ver coas demais. Ten que ver con quen está a ler esta crónica da inmundicia.

Agresiones sexuales
Entrevista a Iria Pinheiro
Iria Pinheiro denuncia os meses de acoso que sufriu por parte de José Luís Viñas Orta, o director do programa "Con amor e compañía" emitido en TVG.
Audiovisual
¿Dónde están los Harvey Weinstein del arte español?
Las denuncias de la actriz Iria Pinheiro y la artista Carmen Tomé abren la Caja de Pandora en un sector en el que la precariedad alimenta el miedo a denunciar los delitos contra la libertad sexual.
Cargando valoraciones...
Ver comentarios 63
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...

CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
A xornalista Concepción Pombo substituirá, co único aval do Partido Popular, a Alfonso Sánchez Izquierdo. O Goberno de Alfonso Rueda modificou a lei de medios para que os votos do seu partido fosen suficientes para elixila.
Altri
A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
A veciñanza da comarca máis afectada escolleu entre dúas listas logo de non chegar a un consenso. A gañadora tratará de ampliar a súa base de socias e socios por toda Galiza e abrirá máis as portas ás grandes organizacións do país, como a CIG.
El Salto n.79
A celulosa ou a vida: xornalismo situado e loita social para frear un ecocidio
O xoves 17 de xullo esperámosvos no CS 'A Nubeira' de Vigo para presentar o último número da revista El Salto xunto a algunhas das súas principais protagonistas: as que loitan contra o macroproxecto de celulosa liderado por Altri e avalado pola Xunta.
AGANTRO
O desprazamento forzoso en Chiapas: metáfora da vida núa
Conversamos coa investigadora América Navarro sobre o desprazamento forzoso en Chiapas.
Altri
Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
A veciñanza da comarca máis afectada presenta dúas listas separadas logo de non chegar a unha proposta de consenso. Por unha banda, concorre unha candidatura continuísta e, pola outra, unha alternativa que se achega máis o nacionalismo institucional.

Últimas

El Salto n.79
el salto
Galicia dice 'no' al capitalismo verde y en el último número de la Revista El Salto te lo contamos
Ya está disponible el número 79 de nuestra revista, en el que destacamos la investigación y el rechazo social que encuentra el proyecto de macrocelulosa de la multinacional Altri.
Orgullo
O Orgullo Crítico enche de diversidade e de humanismo Galiza: “Transfeministas con Palestina”
Crónica visual de como unha enorme multitude encheu de diversidade o centro da cidade de Vigo.
O Teleclube
'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria
O Teleclube
'O Teleclube' pecha a temporada cos supervivintes de '28 anos despois'
Danny Boyle e Alex Garland volven ao mundo dos infectados que inspirou o renacemento dos 'zombis'.

Recomendadas

Medio rural
A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Feminismos
Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Migración
A veciñanza mobilízase para acoller migrantes tras o peche de centros de Rescate Internacional en Galiza
Tras o progresivo desmantelamento de varios dispositivos de acollida, moitos refuxiados foron trasladados a outros puntos do Estado sen aviso previo. Outros son simplemente desaloxados trala denegación da súa solicitude de asilo.
Ourense
Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
Comentarios 63

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...