Incendios
Miles de persoas esixen a dimisión de Alfonso Rueda tras a súa xestión dos incendios forestais

Miles de persoas saíron ás rúas en Galiza este xoves para esixila dimisión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras anos aplicando unha “xestión forestal errática” que, a xuízo dos e das manifestantes, é a principal causante da enorme vaga de incendios forestais que arrasou a provincia de Ourense e unhas 90.000 hectáreas de territorio galego.
A Praza Maior de Ourense convértese no epicentro da protesta
A Praza Maior de Ourense cidade converteuse, como era de esperar, no escenario principal dunha multitudinaria concentración onde centos de manifestantes alzaron a súa voz en defensa do futuro do monte galego. Esta foi a segunda manifestación en menos dunha semana na cidade, o que evidencia o crecente malestar cidadán.
Os asistentes expresaron a súa frustración coa xestión autonómica. Varios manifestantes admitiron sentírense “decepcionados e avergonzados” coa resposta das autoridades, mentres que outros destacaron o “cansazo” de presenciar “un ano máis” como “os montes e aldeas arden sen que ninguén tome unha soa medida eficaz”.
O ambiente intensificouse con consignas como 'Así de duro, sen monte non hai futuro', 'Coa nosa terra non se xoga' e 'A terra é nosa e non da celulosa'. Os manifestantes dirixiron as súas críticas directamente cara o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, berregando “Galiza arde, Rueda responsable” e “Partido Popular inimigo do rural”, mentres demandaban a súa dimisión.
O manifesto: un chamamento urxente ao cambio
Cristina Campos deu lectura ao manifesto da plataforma, onde se denunciou que “gran parte dos espazosvan a quedar tinguidos de negro”, describindo a situación como un “Prestige de interior” causado polas chamas, con máis de 90.000 hectáreas devastadas.
O documento plantea demandas concretas: a creación dun servizo público de bombeiros forestais “profesional e permanente” con “a dimensión necesaria para atender a realidade existente”, así como unha “moratoria indefinida” á plantación de eucaliptos en Galiza.
Miles de persoas enchan o centro de Vigo
A cidade de Vigo tamén foi testemuña dunha importante mobilización con máis de mil participantes que marcharon desde a Farola de Urzáiz ata a sede territorial da Xunta. Os manifestantes corearon lemas como 'Goberne quen goberne, o monte non se vende'.
Dirixentes políticos súmanse ao reclamo
Entre os asistentes da concentración de Ourense atopábase Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), acompañada doutros representantes políticos do partido. Pontón valorou a mobilización cidadá, declarando: “O que estamos a ver en toda Galiza, primeiro, é o amor que temos pola nosa terra”. Tamén defendeu á “cidadanía crítica que está a reclamar un cambio de rumbo respecto ás políticas da Xunta e tamén responsabilidades políticas por unha neglixente xestión”.
A manifestación de Vigo contou coa presenza de destacadas figuras políticas, incluíndo a Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, quen insistiu na necesidade de condicións laborais “dignas” para os bombeiros forestais, cualificando como “unha barbaridade” que o servizo de extinción estea “en mans privadas”.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou a falta de políticas preventivas e demandou un “cambio de modelo” fronte á “desastrosa xestión” da crise.
A raíz do problema segundo os manifestantes
Cristóbal López, portavoz da plataforma organizadora, responsabilizou á política forestal autonómica do “desastre ecolóxico, social e ambiental”, sinalando a escasa prevención e a permisividade ante a “eucaliptización”. Segundo a súa análise, estas condicións xeran incendios de tal magnitude que se volven “incontrolables”, deixando como única alternativa “encomendarse ao ceo para que abra e chova”.
A plataforma 'Por un Monte Galego con Futuro' continúa denunciando o que considera a política forestal do PP que “quema las casas gallegas”, esixindo cambios inmediatos na xestión do patrimonio forestal galego.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!