Laboral
Mil quilómetros ao mes e corpos rotos para coidar dun país que envellece: as traballadoras do SAF van á folga
Uniformes brancos percorren a diario o rural galego en coches de segunda man. Dentro, mulleres de mediana idade transitan vías de sentido único cos minutos contados e as costas rotas. As auxiliares de axuda no fogar desprázanse cada mes entre 800 e 1.000 quilómetros para atenderen, levantaren, deitaren e acompañaren persoas cada vez máis lonxevas, cada vez máis dependentes e cada vez máis soas. Nun dos países máis avellentados dunha das máis avellentadas rexións do mundo, máis de 12.000 mulleres remendan un sistema que esixe moito e paga mal. O cuarto alicerce do estado de benestar descansa sobre os seus ombreiros e algunhas delas, fartas de discursos baleiros, prepáranse para a folga.
Antes de chegar aquí, xuntáronse ducias de veces para probar outras fórmulas. Entre o abandono e o paternalismo, o colectivo das coidadoras resiste condicións humillantes e leva anos infiltrando buracos sistémicos para arrincar dereitos que se dispensan só a base de desgrazas. Na pandemia levantáronse contra a falta de materiais para protexeren as súas vidas mentres coidaban doutras. Tras o asasinato dunha compañeira a mans do marido dunha usuaria no Porriño (Pontevedra), pola memoria, pola xustiza e pola prevención de riscos. En concellos grandes e pequenos, pola remunicipalización. Agora, marchan porque non poden máis e por todo o anterior.
As traballadoras
O 30 de maio, na Alameda de Compostela xuntáronse preto de corenta mulleres e algúns homes para denunciar as condicións precarias nas que desenvolven un labor do que poucos discuten o carácter esencial. No centro das ambicións, chegar a vellas con dignidade: “Como nos teñamos que xubilar aos 67, o servizo precisarémolo nós dende o día seguinte”. M. (56) leva case vinte anos traballando no concello onde vive. Ela, que cobra o salario mínimo interprofesional e que toma analxésicos a diario dende hai meses para soportar a dor nun brazo esquerdo polo que levan colgado ducias de corpos vulnerables, admite, con todo, ser unha privilexiada. A maioría das compañeiras acumulan, ademais de lesións musculoesqueléticas, contratos temporais, xornadas partidas, calendarios incertos e chamadas intempestivas inmersas nunha maraña burocrática na que o sector privado pon as condicións e a administración pública fai a vista gorda coas súas propias regras.
Para moitas, como para E. (60), a interlocución coas empresas que as contratan é un exercicio de poder sibilino e desequilibrado: “Eu cada vez acudo menos á oficina porque sempre teño problemas. Xogan contigo ao gato e o rato, e despois pódense vingar de ti cos traballos máis duros e con máis quilometraxes para que gastes máis”. Nos concellos, responsables da xestión do servizo, adoitan mirar cara outro lado: “Só queren sacar o traballo de enriba e non ter problemas”. Para a maioría, o agravio profesional exténdese tamén á esixencia das familias en casos para os que ninguén avalía os riscos laborais. “Cren que somos grúas humanas”, afirma T. (53). Nos seus dezanove anos vivindo e traballando en Galiza leva transitado todos os estamentos do traballo dos coidados, dende os domicilios privados, pasando polas residencias ata o SAF. Coma todas as que puxeron os corpos baldados na Alameda, sabe que a maioría cala porque teme as repercusións. “Eu non teño medo a quedar sen traballo, xa levamos agardado de máis”.
As reivindicacións
Ás once da mañá dese sábado 30 congregáronse na Alameda de Compostela mulleres con chifres, cazolas e campás. “Rueda, entérate, imos por todas!” Uniformadas de cintura para arriba, berraron estar fartas arredor dunha faixa coa palabra folga. Interpelaron os políticos e tamén a patronal. Tampouco esqueceron os sindicatos ausentes. Detrás delas, outra faixa branca pechaba o grupo en condicional: “Se son negocio, non son coidados”.
A primeira vista, a centralidade do seu labor fai difícil dixerir o básico das peticións. Recoñecemento e cobertura total das enfermidades laborais, cobertura real dos custos de desprazamento, xubilación anticipada, inspeccións no lugar de traballo e avaliación de riscos laborais figuran entre as principais demandas dun colectivo que se responsabiliza a diario do coidado de dependentes e da relación coas súas familias a cambio do salario mínimo. “Se tés unha avaría no coche dinche que é problema teu e descóntancho do soldo ou despídente. Tés que mentir, ir ao medico e que che dean a baixa como sexa, porque se non estás vendida e tirada”.
Precisan que os concellos e as empresas dispoñan medios técnicos para mover persoas coas que ninguén pode na casa, precisan calendarios laborables estables que permitan a conciliación e necesitan ser escoitadas cando familiares e usuarios as tratan mal. “Nas casas téñenme preguntado que hai que estudar para ser limpacús”, conta T. Os percorridos de profesionalización obrigatoria que todas elas teñen que seguir por lei non lles aforran nin os desprezos nin a asignación de tarefas domésticas que non lles corresponden. M. lembra que nas súas funcións teñen que primar as necesidades da persoa usuaria e o seu coidado persoal. Porén, “na maioría dos casos non predominan; chegas e estante esperando co caldeiro da fregona”.
“Isto non é o metal. Fálase de cousas moi baixas porque o sector está abandonado”. Martín Paradelo é membro do comité sindical da Confederación Nacional de Traballadores (CNT) en Galiza, o único que apoiou decididamente as concentracións do 30 e o camiño cara a folga que comeza a artellarse en distintas partes do Estado. Incide na importancia da organización colectiva nun sector que o ten case todo en contra e lembra que non hai atallos. “Convenios como o dos bombeiros, dun perfil sociolóxico contrario ao das traballadoras do SAF, requeriron doce anos de loita. Canto van pasar elas?”, sostén.
A Confederación Intersindical Galega (CIG) concorda, polo de agora, coas demandas máis que coas maneiras. “Nós estamos de acordo con que se fagan mobilizacións; agora, o problema non é ese. Nós temos a nosa folla de ruta por todo o mundo coñecida”. Pedro Pérez, de CIG Servizos, refírese sobre todo á reapertura da Mesa de Traballo sobre o protocolo contra a violencia, que condicionan ao compromiso da patronal para renegociar un convenio conxelado dende 2011. Intentárono hai tres anos pero non houbo acordo. “Os que pagan queren pagar canto menos mellor e quen contrata tamén”, denuncia.
A CNT recea da negociación colectiva e defende que as reformas estruturais necesarias deben chegar da mobilización colectiva dende abaixo e da implantación das reivindicacións “empresa a empresa e servizo a servizo”. Dende CIG Servizos e CIG Administración Pública, abundan no “apoio incondicional” ao colectivo, pero opinan que as demandas de ámbito estatal ignoran as particularidades territoriais do país. Polo momento, amosan o seu escepticismo ante o xurdimento de “plataformas”, reivindican o seu liderado na loita polos dereitos do SAF e afirman que “aínda non hai nada decidido” en canto ao apoio á folga. Elas, pola súa banda, non agochan o seu descontento pola actitude dos sindicatos maioritarios ante un proceso de organización colectiva liderado polas traballadoras.
O SAF, cuxo xermolo agromou dos proxectos asistencialistas de matriz católica cos que tardofranquismo intentaba aliñarse con Europa, é con diferenza o servizo social máis solicitado na Galiza
O sistema
Fronte ás mobilizacións, o Goberno, os concellos e a patronal sitúan as dificultades das traballadoras no campo da responsabilidade allea. A Xunta cualifica de “histórico” o acordo coa Federación Galega de Municipios (Fegamp) sobre o incremento progresivo da contribución autonómica de 12 euros por hora a 18 euros por hora e culpa á administración central do infrafinanciamento do servizo. A Fegamp, pola súa banda, aféalle á Xunta a escaseza dos medios a disposición para un servizo que diversas fontes lle estiman o custo real entre 22 euros e 25 euros. E a patronal afirma que lles corresponde á administración pública fixar prezos adecuados e indexalos ao IPC. Ao amparo da lei de contratación pública, a competencia entre privados por recortar custos repercute de maneira directa na saúde das traballadoras, primeiro, e nas familias despois. Co convenio colectivo bloqueado pola guerra de prezos, a remunicipalización do servizo nin se comenta.
O SAF, cuxo xermolo agromou dos proxectos asistencialistas de matriz católica cos que tardofranquismo intentaba aliñarse con Europa, é con diferenza o servizo social máis solicitado na Galiza. Sobre o papel, é un programa preventivo e rehabilitador de competencia autonómica e xestión municipal no que se articulan servizos e técnicas de intervención física e psicosocial en domicilios en situacións fráxiles ou de dependencia.
Na práctica, é un servizo público crecentemente externalizado no que as traballadoras ocupan unha zona gris entre a atención á dependencia e o traballo doméstico. O último informe sobre financiación local publicado pola USC e a Fegamp sinala, entre as principais eivas do sistema no que o SAF se insire, tempos de tramitación excesivos, desigualdades territoriais, baixas prestacións e “un modelo de baixo custo que compromete a calidade asistencial”.
Aquí, onde un terzo dos fogares son unipersoais, as persoas maiores superan o 20% da poboación e o 40% das persoas dependentes habitan en concellos de menos de dez mil habitantes, a atención no fogar atende cada día máis de vinte mil persoas vulnerables. Outras case corenta mil perciben o chamado Bono Fogar, que dota con 5000 euros anuais a usuarias baixo o coidado de familiares ou achegados. María Cadaval e Carmela Sánchez, profesoras da facultade de Economía e coautoras de parte do devandito informe, advirten unha “elevada presencia de coidado informal” con máis de 137.500 persoas coidadoras non profesionais identificadas e alertan sobre a “externalización de custos cara os fogares, tanto en termos económicos como laborais e psicosociais”.
Antía Pérez Caramés, Profesora de Socioloxía da Universidade da Coruña e investigadora no eido da dependencia e do traballo doméstico, afirma que “a crise dos coidados é o sistema colapsando”. Como primeiro dato, explica que o Estado español ten un terzo das empregadas do fogar en toda Europa. “O recurso ao emprego do fogar é útil para subsanar a ausencia de coidados de larga duración nun Estado do Benestar tardío e familista que obriga ás mulleres das familias a atender as necesidades sociais antes ca o estado, e que atende a dependencia tarde sendo dos máis envellecidos”.
Neste sentido opina que “as migallas da dependencia caen no SAF, que debería ter carácter preventivo e cubrir situacións de dependencia leves, pero que na práctica cobre todo tipo de situacións con pouca intensidade horaria”. Isto, di, asome un carácter “crítico” en situacións de gran dependencia, nas que “os recursos públicos son insuficientes ou implican un copagamento difícil de asumir, e o mercado privado ve posibilidades de negocio”.
“É máis fácil rebentar as traballadoras”, afirma Martín. Para a CNT e para a CIG, a falta de recursos non é unha escusa válida. Ambos sindicatos defenden a remunicipalización do servizo e a dotación de recursos que protexan a dignidade de traballadoras e usuarias.
Antía sinala “moitos puntos de tensión nas costuras do sistema de coidados”. Por unha banda, as circunstancias demográficas incrementan a demanda. Pola outra, a distribución “asimétrica, desigual e precaria” dos coidados impide que quen se ocupan doutras poidan coidar de si mesmas. “Por exemplo, mulleres migradas descoidan as súas propias familias, transvasando capacidades produtivas dunhas capas a outras, reforzando desigualdades preexistentes”.
As alianzas
A escaseza de traballadoras é case o único aspecto no que concordan institucións, patronal, profesionais, investigadoras e sindicatos. E a precaridade das condicións no SAF explica só en parte esta escaseza. Para moitas mulleres, o nivel de profesionalización que require este servizo é inaccesible por falta de papeis. Neste sentido, os prezos do sistema tamén os determinan as condicións de miles de mulleres migradas que viven como persoal doméstico en condicións de semiescravitude. O do traballo doméstico é, como lembra Antía Caramés, “un chan pegañento” moi difícil de abandonar. E engade a este respecto que o lugar de orixe e a situación administrativa trazan a miúdo unha liña divisoria no perfil demográfico das traballadoras, “cando hai semellanzas que farían compatible traballar xuntas”.
Tamén o pensan as traballadoras, que levan anos aproximándose a outros movementos de mulleres derreadas polo patriarcado a nivel estatal. “A día de hoxe as kellys son o noso referente de autoorganización”, di M. Recoñece ademais que, malia as diferenzas sectoriais, foi a través do proceso aberto polas kellys que ao SAF obtivo melloras na prevención de riscos laborais. “Metéronnos aí como un favor”. A última vitoria tamén foi en Madrid. O 26 de maio, traballadoras do SAF de distintos territorios do Estado asistiron á aprobación dunha Proposta Non de Lei no Congreso dos Deputados presentada por Esquerra Republicana na que se recollían as súas principais demandas. Un ano antes, o asasinato da compañeira do Porriño empurrou ás mulleres do SAF en Cataluña a amosar a súa solidariedade e a rabia compartida ás portas da Generalitat.
Traballadoras e sindicatos reivindican ademais a necesidade de sensibilizar a sociedade, comezando polas familias das persoas usuarias. Antía Caramés avoga por alianzas entre “persoas coidadas, familias, migrantes, traballadoras do SAF”, e mira con esperanza aos últimos avances na regulación do emprego do fogar. “Aínda que as reformas son tímidas e insuficientes, dende a covid-19 recoñecéuselles o dereito ao desemprego e entraron no sistema de riscos laborais; son melloras moi potentes en pouco tempo, froito da visibilización e loita dos colectivos”. Ademais, cre que as complexidades dun territorio articulado en pequenas xeografías como o galego poden tornarse en oportunidade a través de proxectos de coidados comunitarios “que compatibilicen as vidas no entorno rural con servizos residenciais sen macroimpactos.” Tamén se amosa optimista sobre a acollida das protestas que virán. “Vimos que é un sector que xera simpatía e empatía social. Todo o mundo coñece alguén, sabe como é o servizo de primeira man; isto é un factor fundamental”.
As traballadoras, escarmentadas de fotos, aplausos e promesas en van, amósanse máis pesimistas respecto aos apoios, pero optimistas de espírito. Saben que teñen un longo camiño por diante, pero non contemplan abandonar a loita. “Este é o ano do SAF”.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!