Ley Trans
Unha lei trans para Galiza

Tras anos de traballo preséntase no Parlamento Galego o borrador da Lei Integral de Identidade de Xénero

Unha lei trans para Galiza
Manifestación do 4 de maio en Compostela, ante a presenza do bus de Hazte Oír. 2017. Pablo Andrade
15 jun 2017 09:32

En Marea, BNG e PSdG presentaron no Parlamento Galego o borrador dunha Lei impulsada polos colectivos Arelas, Amizando, ULTREIA e activistas independentes, despois de dous anos de debate e traballo conxunto.
Este Proxecto de Lei Integral de Identidade de Xénero chega pouco despois da despatoloxización da transexualidade en Catalunya (outubro de 2016), e no País Valencià (marzo de 2017), nun marco inzado de debates, redefinicións, novos ritmos políticos e oportunidades de enunciar e organizar o corpo e as súas prácticas. Estas novas leis autonómicas supoñen un avance cara a despatoloxización da transexualidade con respecto á Lei —estatal—, reguladora da rectificación rexistral relativa ao sexo das persoas, do 15 de marzo de 2007, que esixía a emisión dun diagnóstico diferencial de disforia de xénero (antes transtorno de identidade de xénero, agora incongruencia de xénero), para acceder a tratamentos hormonais e cirurxías. O feito de que o diagnóstico sexa diferencial implica que non pode coexistir cunha condición preexistente (sic), o que exclúe as persoas con outros diagnósticos de saúde mental do proceso.

A discusión acerca de se manter unha “patoloxización estratéxica”, útil na obtención do permiso médico para modificar o corpo, ou loitar pola total despatoloxización, que implica un cambio na relación entre os aparatos de verificación e as persoas interesadas, foi un debate intenso no seo de moitos colectivos trans internacionais, e cristalizou nun movemento masivo a prol de conseguilo todo (sen permiso).

Os diagnósticos de disforia de xénero teñen a particularidade de ser difíciles de obter, se un individuo non se adscribe ás representacións hexemónicas da feminidade, no caso das donas, e da masculinidade, no caso dos homes. As persoas trans que non querían entrar nin na categoría “home”, nin na categoría “muller”, víanse forzadas a negociar os seus tratamentos e necesidades legais en condicións de radical desigualdade, especialmente se se tratar dunha transición cara a feminidade. No presente proxecto de Lei si está ampliado o suxeito político trans, de tal xeito que entran a ser protexidas as formas de diversidade de xénero que antes nin se contemplaban ou cuxa presenza era anecdótica.

A cuestión da despatoloxización comezou a permear nos movementos feministas e LGTB do Estado español grazas a colectivos trans como a desaparecida Guerrilla Travolaka (Barcelona, 2006). O punto de inflexión supúxoo a campaña Stop Trans Pathologization, de 2012, cuxo obxectivo era tirar a transexualidade dos manuais psiquiátricos (DSM e CIE), e así deixar de forzar as persoas trans a superar invasivos interrogatorios, a xerar un relato que coincidise coa narrativa médica e a ver os nosos corpos atravesados por temporalidades que nos son alleas.

O dispositivo UTIG

O Proxecto de Lei de identidade de xénero para Galiza contempla a creación dunha “Unidade Asistencial de Referencia de Identidade de Xénero”. O caso galego é diferente ao de lugares como Málaga ou Barcelona, onde as Unidades de Transtorno de Identidade de Xénero (ou UTIG), xestionaban o tratamento multidisciplinar da transexualidade mediante psicólogos clínicos, psiquiatras, endocrinos e cirurxiáns. Así, mentres as persoas trans de, por exemplo, Santiago de Compostela, eran derivadas a Psicoloxía no Centro de Planificación Familiar (onde o Test da vida real se seguía realizando até hai dous días), para que as enviasen a endocrinoloxía en Conxo, no Hospital Clínic de Barcelona as usuarias tiñan que sortear todos os obstáculos e imposicións do circuíto sancionador da psiquiatría e a endocrinoloxía tradicionais, con nocións terroríficas sobre xénero, que lles dificultaban aínda mais o acceso a unha vida habitábel. Deste xeito xorde Trànsit, un servizo dependente da seguridade social catalá, posto en marcha na cidade de Barcelona por profesionais da saúde que decidiron ofrecer unha atención médica libre dos cuestionamentos patoloxizantes cos que traballa o equipo médico do Clínic.
NESTE PROXECTO DE LEI entran a ser protexidas as formas de diversidade de xénero que antes nin se contemplaban
O modelo Trànsit racha coa lóxica que investiga, examina, censura, corrixe e determina quen pode ser cadaquén. Cómpre fixarse nos percorridos de propostas transformadoras para evitar a perpetuación de procesos que vulneran a integridade dos seus usuarios, reducidos a pacientes sen axencia de seu ou a clientes dunha Sanidade cada vez máis brutalmente neoliberal.

Falando da mercantilización da transexualidade, o Artigo 29.3 do Título IV recolle, a proposta do Goberno galego, divulgar as prácticas inclusivas con persoas trans por parte de empresas. Tiven que ler varias veces este apartado para convencerme de que non era un erro tipográfico: non acabo de ver que hai que agradecerlles ás empresas que sexan permisivas coa identidade de xénero dos empregados trans, mentres se mantén un mercado de traballo de carácter necropolítico e esencialmente excluínte. Ademais do detalle de que non debería ser noticia que non se maltrate unha traballadora trans nunha empresa privada.

Na mesma tónica, as “medidas no ámbito da seguridade e privación de liberdade” suxiren que a policía reciba formación para cachearnos mellor. Como acontece co tema das Unidades, cómpre garantir que esa información non se vai utilizar para vulnerabilizar e perseguir o colectivo trans.

No tocante a políticas específicas para combater a transmisoxinia, a única mención ao caso concreto das mulleres aparece no apartado sobre servizos de asesoramento e apoio a persoas trans: elas poderán acceder aos recursos asistenciais para vítimas de violencia machista en condicións de igualdade. Alén diso, non hai medidas concretas para detectar e actuar contra a transmisoxinia estrutural. Non se incide na progresiva desaparición de tratamentos hormonais de calidade que sofren e que, no caso transmasculino (desabastecemento temporal de testosterona inxectábel), se resolve en cuestión de meses. As opcións para as consumidoras de Estradiol son cada vez menos seguras e máis custosas. 

Novos retos

O rascuño da Lei introduce novidades que teñen que ver con asuntos como a educación e a cultura, dedicando orzamentos para que as bibliotecas públicas dispoñan dun “fondo bibliográfico específico en materia de identidade sexual e de xénero”, e elaborando un plan integral sobre educación en colaboración cun Consello Consultivo Trans.
ESTE PROXECTO DE LEI blinda dereitos que dependían da vontade do funcionariado e profesionais e abre novos vieiros de actuación
No relativo á protección e responsabilidade, a Lei detalla un sistema de sancións bastante minucioso na súa cobertura: tense en conta a “discriminación múltiple” que sufriría unha persoa agredida por ser trans e por ser tamén, por exemplo, unha persoa migrante.Este proxecto de Lei vén blindar dereitos que dependían da vontade do funcionariado público e das profesionais da saúde, deixa moi atrás a Lei española —que acaba de facer dez anos—, e abre novos vieiros de actuación. Repensar cuestións como a das mulleres, a das persoas maiores ou a da vivenda e o mercado laboral desde unha óptica transinclusiva —porque asinar contratos de traballo e aluguer sendo trans e sen o DNI cambiado pode ser unha aventura perigosa—, é urxente para mudar a actual situación de desigualdade e exclusión.

Tamén é necesario fundamentar os avances en materia legal en lóxicas de acompañamento e reparación, como as que fixeron posíbel que o Goberno sueco anunciase, en abril de 2017, indemnizacións de arredor de 30.000€ para todas aquelas persoas forzadas a someterse á castración para acadar o recoñecemento institucional do sexo sentido. A lei española de 2007 non obriga a realizar ningunha cirurxía, mais os dous anos de tratamento hormonal obrigatorios poden cursar en castración química, o que significaría renunciar aos dereitos reprodutivos para oficializar a identidade.

Tal vez un dos obxectivos principais pasa por acceder ao sistema sanitario en tanto que usuarias dun servizo público que tenda a multiplicar os espazos onde poder recibir atención sanitaria digna, fóra dunha unidade específica que moita xente rexeita, porque a súa simple existencia segrega (nos). E tamén pasa por comezar a ver o corpo e a identidade fóra das lóxicas da propiedade privada.

TEST DA VIDA REAL
O Test da vida real consiste na demostración de que a persoa trans vive e actúa de acordo ao seu xénero. Consta de varias fases que se solapan: sesións coa psicóloga clínica (nas que pode haber outra psicóloga de prácticas apuntando todo o que dis); sesións en grupo; e completar o denominado Test de Minnesota. Este test consta de afirmacións ás que hai que respostar en termos de “verdadeiro” ou “falso”. Algúnhas cuestións de feminidade eran “Gustaría de ser florista” ou “Teño cambios de humor sen razón aparente”. As cuestións de masculinidade incluían enunciados como “Gustaría de ser militar” ou “Gusto das revistas de mecánica”.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

LGTBIAQ+
Concentración “Por Daniela y por todas”: medio centenar de personas pide dignidad para las personas trans fallecidas
Trans en lucha señala el absurdo jurídico de una normativa que deja en manos de la familia la protección de las personas trans fallecidas, incluso cuando es esta quién la vulnera.
Galicia
Discriminación Dos años a la espera de reparación tras sufrir lesbofobia en un registro en Galicia
Un funcionario de un registro de Pontevedra se negó a inscribir al hijo de Antía y su pareja. Un error de redacción en la ley trans está detrás de los argumentos que el funcionario esgrime para defender su actuación.
Justicia
Justicia Cómo retorcer el derecho antidiscriminatorio: apuntes del juicio por delito de odio a una activista trans
La presidenta del Partido Feminista pide cinco años de prisión y 50.000 euros en daños a una mujer trans por considerar que un tuit que no la mencionaba constituye una amenaza y una incitación al odio. Pero, ¿qué son los delitos de odio?
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.
Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
Filosofía
Brais Arribas, filósofo “Non se trata de empoderar senón de disolver o poder”
Durante a conversa, o profesor reflexiona sobre a saúde da filosofía galega, o poshumanismo, as novas masculinidades ou a experiencia da pandemia.