Opinión
Nos ríos, nas folgas, nas romaxes
O 15 de novembro de 1976, poucos días despois da primeira folga xeral (12N) convocada tras a morte de Franco, publicábase Con pólvora e magnolias, de Xosé Luís Méndez Ferrín.
O 15 de novembro de 2026, poucos días despois da xa histórica folga xeral do 11N, celebramos os 50 anos desta obra na que se materializou unha maneira única de entender a resistencia e a creación poética.
“Na sindical reconstrución diaria
de cada cousa rompida e volta a endereitar,
na unión mínima dos homes darredor dun problema sórdido,
en cada petición en grupo,
ao cabalo de cada contubernio de mans dadas,
reclamo a liberdade pró meu pobo.
[...]
Nos ríos, nas folgas, nas romaxes, [...]
reclamo a liberdade pró meu pobo”.
Non escribe X. L. Méndez Ferrín en termos de vencedores e vencides. As dúas acepcións da palabra derrota tórnanse indistinguibles nun discurso construído na deriva “da auga confuciana, irrepetible” que precipita os corpos e os desexos converténdoos no alimento dun futuro que nace e morre, que florece e que detona, que é pólvora e magnolia, no que estamos “moitos xa para sempre derrotados” “á espera dunha poboación máis fera e leda”.
Nas folgas, esa poboación é unha realidade. Rendemos homenaxe a un autor que sufriu en primeira persoa a censura e a represión franquistas, que foi detido, procesado e encarcerado pola súa escrita e a súa acción política, nomeadamente nas mobilizacións obreiras de 1972 en Vigo, mesma cidade na que hai uns días, como en moitos lugares da Galiza e o estado español, decenas de milleiros de persoas berraron contra a especulación e o avance da extrema dereita.“[...] E despoixas
os meus amigos con facianas e corpos esguíos de fouce
sóbor dos lentos ríos pretendan acelerar mundo pra nós
e volten sóbor do peito e concéntrense en núcleo escuro e puño.”
Porque a nosa derrota non é a de quen se rende ante a violencia represiva, nin ante unhas circunstancias materiais devastadoras. A nosa derrota é unha intemperie e un desgarro, unha vulnerabilidade feroz que nos fai conscientes da nosa mortalidade e crítiques na nosa aceleración, que nos permite “combater e se-lo lóstrego” mesmo desde un ceo desamparado cumprindo coa esperanza que atopamos en Con pólvora e magnolias de que “a determinación de chorar non impida a fouce”.
“e vai nacendo noutros i esto é o grande milagre
(¡UNHA LAPA LENE, UNHA CANDELEXA!)
da conciencia desta patria
conservada en pequenos corazóns
ardentes con fogo doce que non morre”
Medio século despois da súa publicación, cando Alvarellos publica a edición facsimilar de Con pólvora e magnolias, cun epílogo de Anxo Angueira, o poemario segue vixente a través das lecturas e revisións coas que o afundimos un pouco máis na derrota e o transformamos un pouco máis no futuro. Segue vixente na vontade de coñecer e dialogar con obras que nos resultan alleas por tempo ou por espazo. Segue vixente na construción líquida e bifurcada do noso relato colectivo. No desamparo e na celebración, contraditories sempre e vulnerables, saudarémolo con flores e disparos “nunha festa que celebre o paso dialéctico de todas as cousas do mundo”.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!