Literatura
Os amantes desorientados

Iolanda Zúñiga presenta unha novela a medio camiño entre a comedia e o drama: Noites de safari, un peculiar glosario de amantes despistados que navegan entre o común e o estrambótico.

4 abr 2018 13:01

A protagonista da nova novela de Iolanda Zúñiga, Noites de Safari (Xerais, 2018), farta de súa actitude pasiva nas relacións sexoafectivas, decide empoderarse e “pasar de ser carnaza a depredadora”. Con este propósito decide crear un personaxe, Marleen Malone, biografía, cambios estéticos e plan de acción incluídos, co obxectivo de conseguir relacións satisfactorias nas que sexa ela quen leve, por fin, a voz cantante. Neste devir vaise atopando cunha serie de amantes que conforman un bestiario pop de “homes abrecachas aos que a protagonista lles brinda un oco: intencionado na súa entreperna, imprudente no seu corazón”.

Pero o peso dos seus traumas e desafectos pasados suporán un obstáculo na procura do seu obxectivo. “Ela tenta romper coa inercia”, subliña Iolanda. “Pasa de agardar, de ser submisa, e adopta un rol masculino como é saír de caza. Pero non lle sae ben, engánchase dos tipos que vai atopando e retorna ao seu antigo rol, proxectando un futuro idealizado en cada nova relación”.

A novela está composta por 23 relatos, un por cada letra do alfabeto na que cada un dos caracteres presenta a cadanseu amante asociado, conformando unha sorte de abecedario de personaxes secundarios que camiñan entre o común e o estrambótico.

Da man de Marleen vemos en acción a Apático, Casado, Mentireiro ou Facha entre outros, clásicos das noites de caza, a medio camiño entre a actualidade e o alcanfor.

“Moitos destes amantes son imposíbeis, non existen”, afirma a autora, aínda que resulta inevitable atopar en cada letra deste peculiar glosario referentes que o lector ou lectora pode identificar no seu entorno.

Pero o importante non son eles, senón o proceso que vive a protagonista, Marleen, representada na portada do libro con roupa de caza, uns prismáticos e un cazabolboretas con forma de corazón na barra dun bar da noite viguesa. “Todo o circo dos amantes é unha escusa para falar de temas que á protagonista, como muller, lle afectan”, comenta a autora.

Realidade e ficción

Agás no caso de Periferia (Xerais, 2010), Iolanda protagoniza os seus textos. Tanto no seu primeiro libro,Vidas post-it (Xerais, 2007), como no poemario Amor, amén (Xerais, 2008) e no libro que agora presenta atopamos unha escrita en primeira persoa onde a autora constrúe un personaxe de si mesma. E no caso da obra que nos ocupa vai un paso máis alá e asina a novela co mesmo pseudónimo que adopta a protagonista do libro.

“Para enfrontarnos ao mundo creamos personaxes. Eu non son a imaxe mediática que proxecto, Iolanda e Marleen van por rúas paralelas, non temos apenas nada en común”, subliña a autora. Aínda que nalgúns casos as situacións que atopamos en Noites de safari poder ter unha base real, Iolanda constrúe unha ficción na que xoga cun falso relato autobiográfico. “Outro tema son os sentimentos da protagonista, aí hai moito de min e das mulleres do meu entorno”, puntualiza. Identificar a persoa que escribe co personaxe é algo moi habitual, e ás veces é motivo de singulares anécdotas: “Hoxe mesmo recibín un correo no que un antigo mozo dicíame que esperaba non saír entre os amantes do libro”, comenta riseira Iolanda.

Frecuentemente atopo no meu entorno historias de relacións con homes tan fóra da realidade, tan esperpénticas, que me custa reflectilas para que non parezan un delirio. A realidade sempre supera a ficción.

“Marleen está inspirada nunha persoa que hai moito que non vexo. Ela era moi boa cazadora, sempre traia presas para a casa. Contábame as súas historias e eu no fondo tiña envexa dela. Pero logo ela sempre sufría porque precisaba máis das relacións do que eles”, comenta a escritora.

“Penso nas cousas que lles pasan ás persoas do meu entorno”, sinala Iolanda. “Coñezo moitos casos de mulleres que fixeron todo o posible para quedar embarazadas, como no caso de Marleen Malone. É unha realidade, sentíanse “forno sen biscoito” ao igual que ela. E están frustradas, igual ca ela”, afirma. A autora non elude afondar en situacións que poder resultar polémicas, fuxindo da corrección política. Con Marleen mergullámonos nas nosas contradicións, incapaces moitas das veces de fuxir do conflito permanente entre o que queremos e dicimos ser e o que finalmente somos, produtos dunha maquinaria cultural coa que temos que loitar e que non poucas veces nos pasa por riba. “Moitas mulleres aínda calan ante determinadas situacións que viven coas súas parellas. Isto é algo desgraciadamente habitual”, prosegue Iolanda. “A maioría procuran nunha relación obxectivos máis a longo prazo do que soen pretender as súas parellas”.

“Teño a sensación de que este libro pode ser percibido como machista por algunha xente, pero dáme igual”, afirma a escritora. “Conto historias que nos pasan ás mulleres”. Zúñiga reflicte un debate de actualidade como é o que enfronta a expresión artística coa corrección política. “Eu defendo que hai que contar as historias perdendo o medo ao politicamente correcto, impídenos contar a realidade, que é un bo xeito de transformala. Por suposto que hai que educar en valores, pero a risco de ter escrito un texto polémico, seguín aí. As historias nútrense da realidade, non podemos negala”, conclúe.

A escrita como terapia

Periferia foi un shock coa realidade nun lugar diferente (a novela está ambientada nas favelas de São Paulo), e tiña que contalo fose como fose, como se vivía baixo unha ponte. No caso de Noites de safari a motivación foi terapéutica, como en Vidas post-it, o meu primeiro libro”, afirma Iolanda. “Son unha escritora tardía, comecei con vinte e tantos a escribir e fun xuntando relatos. Nesa altura traballaba nunha libraría á que acudía regularmente Fran Alonso, editor de Xerais, e animeime a entregarlle os meus textos”. Tres anos despois foron publicados”, conta Zúñiga. “Foi un libro de iniciación, cando decidiron reeditalo ao gañar o premio Xerais con Periferia opúxenme, reneguei del, pero ao final convencéronme. Deille unha volta e mudei algunha cousa, da que logo me arrepentín”, comenta Zúñiga. “Entendín que o valor desa obra era a súa frescura e inocencia, que era como tiña que ser. Agora véxoo con cariño”, conclúe.

“Abrín o outro día Noites de safari para extractar uns textos para a promoción e xa quería cambialo todo”, comenta entre risas Iolanda. “Non me gusta ler os meus libros unha vez rematados, xa non me pertencen e estaría sempre dándolles voltas e cambiando cousas. Unha vez que está na rúa tomo distancia coa obra. Se non o fixera así, seguro que en catro meses xa querería cambialo enteiro”, conclúe risoña.

Arquivado en: Galicia Literatura
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

En el margen
Cécile C. Eveng “Perdemos amigues y es una pena porque las personas LGTBIQ pueden ayudar a desarrollar África”
La filóloga camerunesa reside actualmente en España y estudia un doctorado en migraciones, cuerpos, negrofobia y vulnerabilidad de personas. Investigar sobre identidades disidentes en su país le ha traído críticas, hasta desde la propia academia.
Feminismos
Jule Goikoetxea “Los genocidios se sustentan en prácticas micro que legitiman una manera de vivir delirante”
Jule Goikoetxea es una de las filósofas más reconocidas del Estado Español. El año pasado acompañó a Angela Davis en su visita a la Fira Literal de Barcelona. De aquellos cuatro días nace su primera novela, ‘Politeísmo bastardo’.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.