A loita polo monte galego: lumes, eucalipto e ameazas á propiedade común

Galiza concentra un terzo dos incendios forestais rexistrados no Estado. Mentres a Xunta apunta aos montes veciñais, comuneiros e ecoloxistas denuncian unha estratexia política para favorecer a privatización e a expansión da industria madereira.
Incendios en Galiza
Candela Prumm Unha parella de cabalos salvaxes buscan pasto en Gondomar, Pontevedra, logo dos incendios de 2017.

Segundo a Estadística Xeral de Incendios Forestais (EGIF), Galiza concentra o maior número de lumes forestais de todo o Estado español. O proxecto España en llamas, que analizou os datos do período comprendido entre 1983 e 2016, revelou que Galiza sufriu o 36% dos incendios rexistrados en todo o Estado. 80.162 lumes que queimaron 1.158.629 hectáreas.

No último Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), a Consellería do Medio Rural da Xunta inclúe una novidade; o análise do risco de incendios segundo o tipo de propiedade. O documento sinala a relación proporcional entre a superficie queimada e a superficie total existente nos montes públicos e nos montes veciñais en man común: un 15,01% e un 14,72%, respectivamente. No caso das propiedades privadas, a porcentaxe descende ao 6,16%. Deste xeito, o informe conclúe que na última década arderon 17.055,40 hectáreas menos en solo privado que no dos montes veciñais. A Organización Galega de Comunidades de Montes (Orgaccmm) ven de emitir un comunicado no que denuncia as informacións “manipuladoras” da Consellería do Medio Rural e pide á Dirección Xeral de Defensa do Monte que faga públicos os lugares onde se iniciaron os lumes na última década. Alfredo Pereira, presidente da organización de comuneiros, incide na diferenciación entre a orixe do lume e a superficie queimada: “A análise tense que facer a partir da orixe do incendio”. Pereira alerta dunha estratexia de “criminalización” dos comuneiros, aos que se vincula cos lumes, co obxectivo de “xustificar que na nova lei de montes se pretenda eliminar o carácter xermánico dos montes veciñais para poder proceder a súa municipalización ou a súa privatización”.

Cara unha nova lei de montes veciñais

A comezos do 2022 a Consellería do Medio Rural comezou o proceso para modificar a Lei de Montes Veciñais en Mancomún, aprobada en 1989. Varias organizacións presentaron recentemente unha declaración con esixencias á Xunta respecto ao borrador da lei, xa que segundo advirten, “roza a inconstitucionalidade”.  As organizacións afirman que coa lexislación proposta sería posible perder a titularidade do monte e temen que a Consellería permita a privatización dos montes “para entregarllos á industria madereira”. Porén, reivindican que a futura norma debe garantir a propiedade colectiva da veciñanza comuneira. A declaración foi asinada pola Organización Galega de Comunidades de Montes (Orgaccmm), Asociación pola defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Confederación Intersindical galega (CIG), Federación Rural Galega (FRUGA), Instituto Galego das Terras Comunitarias (Ingateco), Ecoloxistas en Acción e o Sindicato Labrego Galego (SLG). Segundo explican dende o Sindicato Labrego Galego (SLG), a actual lexislación ven sufrindo unha serie de modificacións en detrimento do carácter xermánico dos montes; isto é, que sexan xestionados pola comunidade de xeito asembleario. “Unha das propostas é que o monte se poida alugar por un prazo de 50 anos a unha entidade privada se está nun estado de abandono”, advirte Diego Sánchez, enxeñeiro forestal do sindicato.
Malia que os montes veciñais en man común teñen a declaración de utilidade pública; poden ser expropiados no caso de que outro uso teña prevalencia. “A Lei de Depredación outorgoulle a característica de utilidade pública a tódolos proxectos eólicos”, explica Sánchez.
A Orgaccmm presentou tamén unha iniciativa lexislativa popular (ILP) no Parlamento sobre a regulamentación dos montes veciñais para garantir a súa xestión pola veciñanza a través das comunidades propietarias. A proposta persegue blindar estes espazos fronte a intereses alleos, recoñecer o seu valor ecolóxico, cultural e social, e fomentar unha xestión sustentable baseada nos usos tradicionais.

A importancia dos traballos de prevención

Dende a Asociación Forestal de Galicia (AFG) consideran que o Pladiga é un documento “continuísta” e botan en falta unha valoración dos danos reais sobre os montes. “Sempre se incide sobre as vivendas e as persoas, pero non se fai unha valoración da perda de servizos ecosistémicos que supón un incendio” explica Xosé Covelo, o seu presidente. En abril do 2023, o Consello da Xunta aprobou o inicio da tramitación do anteproxecto de Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais. A AFG bota en falta a definición de áreas estratéxicas de defensa no monte; e critica que toda a carga da protección civil fronte aos incendios recaia exclusivamente nos propietarios forestais próximos aos núcleos de poboación, sen un reparto xusto da responsabilidade. Os colectivos forestais defenden a adopción de medidas que reduzan a combustibilidade do monte, así como unha maior dotación económica para as liñas de axuda á prevención de incendios. Neste senso, Alfredo Pereira salienta a importancia das actividades de silvicultura, apicultura ou a posta en valor do patrimonio: “A verdadeira prevención é camiñar cara o monte multifuncional e sustentable”. Unha das directrices marcadas no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 é a de rebaixar nun 5% a superficie de eucalipto no horizonte do 2040. Mais segundo o Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG), a superficie de eucalipto aumentou un 1,4% respecto a 2022, acadando as 419.051 hectáreas. As organizacións ecoloxistas recordan a alta perigosidade do eucalipto no incremento do risco de incendios forestais; e veñen de solicitar á Xunta de Galicia a prórroga da moratoria para novas plantacións ata o 2030. Denuncian o incumprimento dos obxectivos do Plan Forestal e reclaman medidas efectivas para frear a expansión da especie e garantir a protección dos ecosistemas galegos. Dentro do corpo de bombeiros forestais de Galiza hai unha parte significativa que pertence ao colectivo de persoal laboral fixo-discontinuos; e que traballa só 8 meses ao ano. “Isto provoca que moitos efectivos non poidan dedicarse de maneira continua ás tarefas de prevención, o que repercute directamente na eficacia do dispositivo”, afirma Oscar, bombeiro forestal en Ourense. Xulio, traballador en As Pontes, nega que se realicen traballos de prevención específicos para evitar a proliferación do eucalipto: “Cando non estamos nos meses de alto risco o que facemos é mantemento de infraestrutura, mellora de cortalumes e queimas prescritas”. Ademais, segundo explica, o número de prazas fixadas oficialmente no Pladiga non reflicte a realidade dos efectivos operativos, xa que hai vacantes sen cubrir por xubilacións ou baixas. “Saen os números que están na Relación de Postos de Traballo da Consellería do Medio Rural, pero iso non significa que estean cubertos”, sinala.
Cargando valoraciones...
Ver comentarios 1
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios 1

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...