Cerdedo homenaxea aos dous militantes da CNT asasinados pola Falanxe hai 90 anos

Os canteiros Francisco Arca e Secundino Bugallo foron torturados e asasinados na Ponte do Barco en agosto de 1936.
cercedo CNT
Homenaxe a Francisco Arca e Secundino Bugallo en Cercedo.
3 ago 2026 08:15

A ditadura fascista do xeneral Franco deixounos como herdanza a coñecida “ruptura pactada”, ese acordo entre o réxime e a grande maioría da súa oposición, que permitiu que a cúpula franquista puidera seguir sendo elite na democracia, coa grande ironía que supuxo que algúns dos pais da democracia foran destacados franquistas.

A “loubada” Transición foi apuntalada por unha versión historiográfica dominante que falaba dun reparto de culpabilidade, describindo a guerra como “unha guerra entre irmáns”. Seguir equiparando a responsabilidade dos dous bandos foi unha maneira de continuar coa represión.

No momento actual, ollamos como se normaliza un discurso neofranquista que avanza en tódolos ámbitos, e que xa ameaza desenfreado coa derrogación da Lei da Memoria Democrática no caso de que se materialice o tándem Feijóo-Abascal como futuro goberno do Estado. É imprescindible seguir dando a coñecer a verdade da nosa historia recente para frear ese revisionismo ultradereitista que vai conquistando institucións, medios de prensa e redes sociais; e que constitúe unha ameaza real para a convivencia democrática.

Aínda que durante a Guerra Civil en Galiza non se produciu unha fronte de batalla, estímase que houbo entre 5000 e 7000 persoas mortas no noso país por represión directa só nos primeiros meses despois do golpe fascista de xullo de 1936.

“A represión foi un mecanismo central de construción do poder franquista”

Julio Prada Rodríguez, Catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Vigo, aclara que “unha das particularidades máis destacadas de Galicia foi precisamente que a represión acadou unha importante dimensión nun territorio onde practicamente non existiu guerra aberta. Noutras rexións a violencia foi consecuencia tanto do conflito militar como da persecución política; en Galicia, pola contra, a represión converteuse desde o primeiro momento nun mecanismo central de construción do novo poder franquista”, así como que “a forma máis habitual de violencia foi a represión extraxudicial.

Moitas vítimas foron asasinadas sen pasar por ningún procedemento xudicial mediante os chamados paseos, as sacas ou a aplicación da denominada lei de fugas. A finalidade destas prácticas non era só eliminar aos opositores, senón transmitir unha mensaxe de terror ao conxunto da poboación para impedir calquera tentativa de oposición.”

Socialización do terror fascista como elemento exemplarizante

Os sublevados sabían moi ben que os efectos do terror só existen se se publicitaban adecuadamente os seus resultados, de aí a razón dos fusilamentos nas cunetas dos cruces de camiños ou estradas importantes. Nunha área tan dispersa como Galiza isto era clave para facer visible o terror.

O vindeiro 13 de agosto, o colectivo A Lumieira da Terra de Montes organizará de novo a homenaxe a Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias, cando se cumpren 90 anos das súas torturas e salvaxes asasinatos por parte de membros da Falanxe na cuneta do quilómetro 74 da antiga estrada entre Pontevedra e Ourense. Fontes do colectivo A Lumieira describen os asasinatos da Ponte do Barco coma exemplos paradigmáticos da macabra estratexia fascista de socialización do terror.

Fontes do colectivo A Lumieira describen os asasinatos da Ponte do Barco coma exemplos paradigmáticos da macabra estratexia fascista de socialización do terror

Francisco e Secundino eran canteiros de profesión, e foron dirixentes da Sociedade de Agricultores “El Trabajo” de Figueiroa, ligada ao sindicato CNT e que formaba parte da Federación de Agricultores e Obreiros de Cerdedo, con sede na Casa do Pobo de Deán.

Secundino Bugallo xogou un papel clave na xénese de Izquierda Republicana no concello de Cerdedo, formación política que fixo unha defensa activa dos obreiros da bisbarra encarcerados por participar en actos de solidaridade coa folga xeral revolucionaria de outubro do 34.

Francisco Arca, xunto co seu fillo e outros veciños, foi condenado a catro meses de cadea por irromper a misa do Xoves Santo na igrexa de Figueiroa (Cerdedo-Cotobade), para defender a vontade dunha parte significativa dos veciños da parroquia ante as prácticas corruptas e a intransixencia do crego, que se opuña a que as persoas que manifestaran unha certa conciencia crítica durante a súa vida foran enterradas no camposanto parroquial, así como á construción dun cemiterio laico.

Secundino e Francisco plantáronlle fronte na ponte Valoutas á Garda Civil

Unha vez se produciu a sublevación fascista, Secundino Bugallo e Francisco Arca uníronse ao comité de emerxencia de Cerdedo que defendeu a legalidade dun goberno elixido democraticamente, chegando incluso a plantarlle fronte na ponte Valoutas á Garda Civil que se dirixía coa idea de prender aos representantes locais republicanos. Como consecuencia deste enfrontamento, algunhas persoas foron detidas e outras tiveron que agocharse nos montes da zona para ser apresadas días despois.

Este foi o caso de Secundino e Francisco que foron recluídos no cuartel da Garda Civil de Cerdedo. Na noite do 12 ao 13 de agosto, os dous canteiros van ser sacados do cuartel por un grupo de falanxistas e levados até as proximidades da Ponte do Barco, na parroquia de Pedre. Alí van ser brutalmente torturados e asasinados polos paramilitares fascistas. Os seus corpos mutilados van ser abandonados na cuneta, para seren descubertos na mañá do 13 de agosto polos viaxeiros do coche de liña, entre os que se atopaba a muller de Francisco, que se dirixía a Pontevedra na procura de novas sobre o seu home.

O crego de San Martiño de Figueiroa non permitiu que foran soterrados no cemiterio da súa parroquia, tendo que darlles sepultura nunha fosa común en Pedre, máis fóra tamén do recinto do camposanto

Adrián Vilas, tataraneto de Secundino Bugallo, relata para O Salto que foi o seu propio bisavó, José Bugallo Lois, un dos fillos de Secundino, quen foi recoller os corpos nun carro de vacas e que o crego de San Martiño de Figueiroa non permitiu que foran soterrados no cemiterio da súa parroquia, tendo que darlles sepultura nunha fosa común en Pedre, máis fóra tamén do recinto do camposanto.

Adrián tamén nos conta que outro dos fillos de Secundino, Gerardo Bugallo Lois, igualmente sindicalista, estivo recluído no cuartel co seu pai, e salvou a vida no último momento. Foi mobilizado á forza polo bando fascista para loitar na Batalla do Ebro. En abril do 39, unha vez rematada a guerra, regresaba á casa nun tren que fixo parada en León. Ao ser recoñecido na estación por un dos falanxistas que participara nos asasinatos da Ponte do Barco, este non dubidou en matalo, disparándolle polas costas.

E o día 21 de decembro de 1936, foille comunicada a Rogelio a nova do vil asasinato do seu pai durante o almorzo que compartía cos seus compañeiros na pensión onde estaban aloxados

Pola súa parte, o fillo de Francisco, Rogelio Arca Rivas, igualmente canteiro de profesión, atopábase en Madrid cando se produciu o golpe de estado, alistándose na primeira Columna Confederal que se organizou para defender a capital do Estado ante as avanzadas dos mercenarios do exército franquista que chegaban pola Serra de Gredos. Posteriormente, a súa columna foi reconvertida na 39 Brigada Mixta que combateu até decembro do 36 na fronte de Aragón. Dita compañía regresou a Madrid ese Nadal para desfrutar duns días de descanso, e o día 21 de decembro de 1936, foille comunicada a Rogelio a nova do vil asasinato do seu pai durante o almorzo que compartía cos seus compañeiros na pensión onde estaban aloxados.

Rogelio tamén foi quen, xunto cos seus compañeiros de unidade e coas Brigadas Internacionais, de conter a embestida fascista durante a Batalla do Jarama, salvando a súa vida de milagre en máis dunha ocasión. Seguiu loitando pola defensa da legalidade republicana en diversas frontes ata o 29 de marzo de 1939, cando foi finalmente capturado na localidade turolense de Camarena de la Sierra, para ser trasladado e confinado en terribles condicións de amoreamento nunha Praza de Touros de Teruel convertida en campo de concentración.

Unha vez saiu de alí, foi integrado nun batallón disciplinario e recluído nos calabozos do cuartel de Lugo ata que lle foi considerada como condonada a súa pena. De volta na casa, tivo que cargar cunha realidade de escarnio e exclusión social nun Cerdedo asolagado polo terror franquista.

Represión franquista contra as mulleres no rural galego

Nun contexto onde un catolicismo integrista pasou a dominar cada recuncho da vida diaria, exercendo un control sobre a sociedade que sería a envexa de calquera outro réxime totalitario de partido único, as mulleres de Francisco Arca e Secundino Bugallo foron vítimas de continuas vexacións. Víanse obrigadas a vivir baixo un clima de coerción constante que pretendía estigmatizalas diante da súa comunidade, tratando de convertelas nun exemplo a evitar para o resto da veciñanza.

Como resultaba habitual, a represión para as familias non rematou cos seus terribles asasinatos. Adrián Vilas aclara que a súa tataravoa Filomena Lois Iglesias, a quen chegou a coñecer, tiña que enfrontarse a miúdo a situacións de presión por parte dos falanxistas que trataban de transmitirlle a sensación de que estaba baixo vixilancia. Filomena evitaba baixar ao pobo de Cerdedo, onde por exemplo non podía ir á farmacia, e recordaba tamén a desfeita que deixaron na súa casa os paramilitares franquistas cando foran alí requisar as armas do seu home xa morto.

Adrián conta tamén como a súa tataratía Vitorina foi rapada polos falanxistas nun muíño da aldea. Estaba casada cun irmán de Secundino que, ante as ameazas franquistas, se viu obrigado a marchar a Estados Unidos para endexamais voltar á súa terra. Como xa non podían coller ao seu home, Vitorina foi o branco das represalias.

Moitas mulleres convertéronse así en auténticos reféns da política represiva franquista

O profesor Julio Prada Rodríguez, autor, entre outras obras, de Franquismo e represión de xénero en Galicia explica que “a represión franquista non remataba co fusilamento, encarceramento ou fuga dos homes considerados desafectos. Nas zonas rurais galegas foi frecuente que as súas esposas, nais, irmás ou fillas continuasen sendo obxecto de persecución, tanto pola súa relación familiar cos represaliados como por constituíren unha vía de presión sobre os fuxidos e sobre as súas redes de apoio”.

Moitas mulleres convertéronse así en auténticos reféns da política represiva franquista. O castigo pretendía marcar publicamente a súa suposta condición de desafectas e devolvelas ao modelo de muller sumisa, dependente e afastada da vida pública que defendía o franquismo”. Desta maneira “as mulleres dos represaliados non só tiveron que afrontar as consecuencias económicas e emocionais derivadas da perda dos seus familiares, senón que frecuentemente sufriron unha represión propia baseada na vixilancia, as detencións, os rapados, a exclusión social, as humillacións públicas e, nos casos máis graves, a violencia sexual. A represión franquista no rural galego foi tamén unha represión de xénero destinada a disciplinar ás mulleres e a destruír calquera vínculo cos vencidos.”

O colectivo A Lumieira da Terra de Montes, tomando o relevo doutras asociacións locais como a pioneira neste eido Verbo Xido, anima a participar na homenaxe a Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias o xoves 13 de agosto ás 20:00 h na Casa do Pobo de Pedre (Cerdedo-Cotobade), nun acto con micro aberto, recitais, música tradicional e ofrenda floral.

Para a familia de Secundino Bugallo, a homenaxe representa un momento especial e de marcada emotividade. Adrián Vilas conclúe que “é un exercicio de Memoria Democrática saber que estas cousas aconteceron”

Este tipo de convocatorias xogan un papel esencial para reivindicar os dereitos á verdade, a xustiza e á reparación das vítimas de crimes de dereito internacional, como os que foron cometidos durante a Guerra Civil e o franquismo, e que son recoñecidos como dereitos humanos pola lexislación internacional.

Para a familia de Secundino Bugallo, a homenaxe representa un momento especial e de marcada emotividade. Adrián Vilas conclúe que “é un exercicio de Memoria Democrática saber que estas cousas aconteceron” e considera esencial “poñer en contexto estes feitos para estar alerta ante o auxe de movementos fascistas que vivimos hoxe en día”.

Memoria histórica
“Asociamos os campos de concentración con Alemaña porque alí recoñeceron a súa historia, pero en España non”
Catro rapazas galegas presentan Dores, unha curta documental que se somerxe na realidade dos campos de concentración galegos para achegar unha nova perspectiva sobre a relación coa Memoria Histórica.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...