Migración
Adeuses na Sagrada

A emigración galega a reflexión nun barrio inmigrante. Dispositivo Migrante recolle en fotografías e charlas do porto da Coruña coma lugar físico e simbólico da intrahistoria galega. As imaxes do adeus e do retorno, teatro lido e conferencias nunha exposición localizada no barrio coruñés de Sagrada Familia.

Manuel Ferrol_1
Manuel Ferrol
30 abr 2018 08:50

Na imaxe de Martí titulada Os adeuses un grupo de seis persoas despiden na fronteira do porto da Coruña a quen parte nun barco cara á América do Sur. Tres Homes erguen os brazos, dous fano collidos polas mans, na marxe esquerda da imaxe unha muller só mira cara á liña do horizonte. A resignación está de costas ao fotógrafo. Falar do porto coruñés, do lugar de paso marítimo, é narrar unha intrahistoria galega con dimensións planetarias: a da emigración, a dos expatriados, a das pequenas patrias xermoladas na outra beira do mesmo mar Atlántico, en Bos Aires ou en Caracas. O hoxe denominado “porto interior” contén nos seus preto de 400.000 metros cadrados os adeuses forzados debido á procura dun futuro ou dunha supervivencia non garantida polo réxime fascista de Franco, nin a supervivencia física nin a supervivencia das ideas. Por ese lugar de paso anfibio partiron políticos, artistas, escritores e mortos de fame. Por el entraron, nos anos 50 e 60, os libros das editoriais libres de Arxentina, México ou Venezuela con portadas e edicións deseñadas por Luís Seoane. Os libros, as palabras, entraban agochadas en caixas de madeira, palabras de contrabando a repartir polas reboticas de librarías coma Molist.

Dispositivo Migrante, exposición radicada na biblioteca municipal do barrio de Sagrada Familia da Coruña, recolle o lugar físico e simbólico dos adeuses, das partidas, das chegadas, do sentir dun porto vibrante na actualidade en disputa política pola súa titularidade pública ou privada, por se pasa a ser espazo de convivencia cidadá ou terreo especulativo para as construtoras. Segundo as últimas reunións respecto deste tema, a Xunta de Galicia e Portos do Estado acordaron ceder 377.074 metros cadrados do porto a titularidade privada, mentres que só uns 89.000 pasarían a ser públicos. Dispositivo Migrante, nado do macroproxecto da Concellería de Cultura do Concello da Coruña, Xeografía, Memoria e Capital Cívico, ten, segundo os seus promotores, a finalidade de concienciar sobre este lugar e o seu significado no presente mais tamén no futuro. O que pode ser ese gume do mar para a cidadanía.

Juan de Nieves, comisario de arte contemporánea e experto en proxectos de arte pública, dirixe xunto a Pablo Fanego este macroproxecto: “preténdese levar a cabo un marco de pensamento transversal da Coruña, dende a arte e as ciencias sociais”. Sinala que esta exposición só é un nodo de algo moito máis grande que se presentará nunha das salas de exposición municipais da Coruña. “Isto nace dunha idea, unha colaboración do artista Joan Morera Arbones na súa estadía na Coruña. Indaga no proceso de construción do imaxinario simbólico e iconográfico da emigración galega a partir dun lugar concreto, o porto da Coruña. Nel realizáronse boa parte das imaxes máis representativas da emigración galega. Destacan os traballos de Alberto Martí e Manuel Ferrol”. Son estes dous fotógrafos quen fixeron unha radiografía sentimental da emigración do país.

Os adeuses
Os adeuses. Alberto Martí.

Martí (19/3/1922 - 29/9/2017) sinalaba na memoria e nela atopaba música. Nun dos documentos audiovisuais que presenta esta mostra describe o cambio das palabras no porto coruñés: “Nos anos 50 e 60 comezaron a chegar os turistas. Eran despedidos con música. Cantos tradicionais e música”. Repara nunha das fotos e co dedo le as roupas dos seus protagonistas, “polo que levan posto estes de aquí non son turistas. Son emigrantes”. Martí recolleu coa súa cámara para La Voz de Galicia os emigrantes da estación marítima. Nese lugar foi onde Manuel Ferrol (1923 - 28/2/2003) tamén puxo en branco e negro a xeografía da dor, a das almas que circulan cara unha meta descoñecida fóra da súa terra, naquela fronteira do mar que el coñecía ben: era fillo de torreiro de faro. Na mostra destácase unha coñecida imaxe de Martí, a de dous nenos serios, un sentado enriba dunha gran maleta, outro de pé apoiado nun baúl. En La Voz de Galicia do 7 de marzo de 1960 o xornalista titula a imaxe cun Ya había marchado el barco. “Eses nenos quedaran co seu pai en que se verían en Caracas, pero o camión de transporte de madeira que os levou ata Coruña pinchou unha roda, chegaron tarde e perderon o barco”, explica Martí na entrevista audiovisual, “ao final colleron un que saía de Vigo”. Unha edición do suplemento de La Voz recrea esa escena cos mesmos personaxes para ilustrar unha reportaxe do xornalista Rodri García. Están os dous nenos, xa anciáns e o fotógrafo Martí. O veterano reporteiro fotográfico facía un traballo de recolección da memoria. Un cura que bendí aos que marchan, uns retornados que entregan unha estatuíña dunha Virxe María exótica, vida de Cuba, a unha monxa ou unha ringleira de galegos exhaustos, durmidos nas butacas da pasarela de barcos como o Juan de Garay, transatlántico que fai de protagonista e fondo nas escenas, neste caso, de Manuel Ferrol. Nas fotos de ambos autores hai miradas infantís, miradas de mulleres meditabundas, de homes serios, de ollos humildes interrogando á cámara. Unha das fotos máis coñecidas de Ferrol e a dun pai que chora collendo o seu fillo mentres, na parte dereita da fotografía, se vea silueta dun cura. As fotos de Dispositivo Migrante teñen unha permanente lectura entre liñas onde atopamos a Igrexa Católica e o réxime de Franco coma pano de fondo. A relixión e a doutrina política coma elemento clave da emigración. A constante presenza nos retratos de curas e sotanas da unha imaxe constante de funeral e bendición, dunha tradición que despide ao futuro. César Antonio Molina, escritor, poeta e ex ministro de cultura, pregúntase sobre as fotos de Ferrol nun prólogo do catálogo dunha exposición: “Que aspecto ten o rostro de Deus? Que é Deus? Ten rostro? E se non o ten, debemos mostralo con un? A vista das fotos de Manuel Ferrol o rostro de Deus é o da dor e a ausencia.”

O lugar escollido para Dispositivo Migrante é unha biblioteca inmersa nun barrio da Coruña erguido pola emigración, o barrio de Sagrada Familia. Dispositivo Migrante é un programa onde se xunta a socioloxía e a arte. Cando xuntas cousas tan sociais e tan críticas sae unha cousa moi bonita coma é este proxecto”, di Raquel Martínez, decana da facultade de socioloxía da UDC e unha das mentes que están detrás do proxecto. “Nunha conferencia que tivemos co sociólogo César Rendueles na Coruña, el deu a súa opinión sobre a arte e o mundo actual. Tamén falou das bibliotecas públicas, para el seguen a ser espazos de arte cultural moi pouco recoñecidos. Ao rematar a charla intervín xa que coincido con Rendueles en que as bibliotecas de barrio son dinamizadoras da súa contorna. A partir desa intervención decidiuse que esta biblioteca albergase a exposición. Dispositivo Migrante é unha obra de reflexión das migracións actuais e do noso propio pasado migratorio, e de como ese pasado migratorio xurdiu aquí e volveu aquí. Isto inclúe o porto da Coruña, onde hoxe chegan cruceiros e outro tipo de barcos.” Esa biblioteca coma facho de actividade realízase con obras como Entre dúas augas, espectáculo de teatro lido, nado na propia biblioteca e levado ao público por veciñas e veciños de Sagrada.

A biblioteca de Sagrada Familia.
A biblioteca de Sagrada Familia é un lugar sen silencio. Nela hai un rumor constante de palabras e voces, de actividade. “Eu penso que se algo define a este espazo e que é unha biblioteca viva en todos os sentidos. Hai pequenos microcosmos, como a hemeroteca, logo a zona infantil onde os rapaciños fan o seu traballo, algunha parella facéndose as beiras nunha esquina, xente consultando internet, xogando a consola, xente estudando… todo nun clima de harmonía admirable. Un xeito de convivir, dignificar e integrar nun barrio moi golpeado” di o seu director, Enrique Rodríguez, que salienta o importante valor deste espazo no contexto da zona: “Temos un grupo de teatro lido, facemos obradoiros de lecturas para nenas e nenos, impartimos clase na nosa aula de formación de español para estranxeiros e de alfabetización mediática… Alí tes dende alumnos de Erasmus ata refuxiados políticos. Podes atopar un rapaz francés de Erasmus, un refuxiado de Malí, un paquistaní ou un refuxiado sirio. E todos conflúen neste espazo. Mira -sinala a dúas nenas pequenas que están xuntas facendo un traballo- Marrocos falando con Senegal!”. Raquel Martínez incide no carácter de “termómetro” da biblioteca que xa tivo dende a súa fundación: “Foi a primeira biblioteca municipal da Coruña. Xorde cando a asociación de veciños do barrio, nos anos 80, acode ao goberno municipal da época para que se crease unha comisaría na Sagrada Familia, xa que había preocupación sobre o conflito social que estaba a haber no barrio. Dende o Concello resolveuse finalmente que “na Sagrada Familia non fai falta represión, fai falta máis educación”. Creouse a biblioteca nun contexto moi duro”. Segundo fontes de Bibliotecas Municipais, este espazo será ampliado no futuro.

Dispositivo migrante
Sagrada Familia ten cores tropicais nas fachadas das “casas baratas” do Ministerio da Vivenda, tamén as grises e pardas do urbanismo a grande velocidade. Ten rueiros concéntricos e apertados onde se modula a paisaxe na psicoloxía da especulación, da acumulación de xente froito dos retornados da emigración do pasado e os inmigrantes de hoxe que as habitan. A escolla deste lugar coma fogar das imaxes e material audiovisual da exposición non é casual, Sagrada Familia é sitio de transhumancia vital: “É un barrio que se construíu xa nos anos 60 e 70. Aquí pasouse por circunstancias moi duras ao longo da nosa historia: a pobreza, o desemprego, a vulnerabilidade social, a drogadicción, a delincuencia… todas elas forman parte da marca do barrio. Mudou de ser un lugar eminentemente obreiro, desa clase obreira xurdida do desarrollismo de mediados do século pasado, a ser un barrio que recibiu nos últimos anos a un gran número de persoas de distintas nacionalidades e que acolleu un número importante de inmigración”, di Raquel Martínez. “Tanto a Sagrada Familia como a Agra do Orzán son dous barrios importantes da cidade onde emigraron moitos galegos ao estranxeiro. De feito, contamos con moitos edificios de protección oficial, pero moitos outros foron construídos grazas á iniciativa individual de moitos dos emigrantes que enviaban as súas remesas de cartos ou volvían á Coruña. Agra do Orzán e Sagrada Familia están construídas a partir do diñeiro da emigración, dos retornados. Eles estiveran no estranxeiro e aforraron como para chegar de novo á Coruña e facer os seus negocios. Estes dous barrios son onde se entremesturan raíces migratorias diversas: os que se foron e volveron, os fillos dos que se foron e as novas migracións que volveron a partir da crise e os novos migrantes.” Sobre a situación do barrio fala Enrique Rodríguez, director da biblioteca municipal de Sagrada Familia: “Sagrada Familia é un barrio deprimido dentro da cidade da Coruña, non é un barrio que teña os mesmos servizos e características doutros barrios da cidade. Non hai caixeiros automáticos nin sucursais bancarias, iso determina e fai unha foto da situación. É un barrio con tradición de precariedade económica, sen moitas zonas verdes ou espazos de confluencia no ámbito urbanístico. Todo iso determina unha paisaxe urbana e social. Esta paisaxe é moi diversa. Nós tiñamos un barrio empobrecido con respecto doutros distritos da cidade e a este barrio empobrecido chegan dende hai dez ou quince anos toda a diversidade e inmigración que dalgunha maneira conflúe aquí, do parque de Santa Margarida para arriba”.

Racismo económico na actualidade.
Diego, Sara e Leticia, alumnos da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña e guías de Dispositivo Migrante, destacan que a xente “é acollida primeiro pola comunidade máis que pola Administración. Faltan políticas públicas dese tipo en barrios coma Sagrada Familia”. “Eu non vexo racismo, pero si receo”, afirma Sara, “algúns ven a inmigración coma algo que ataca o seu, crean competencia nun momento de necesidade para todos. Antes da crise neste país víase a inmigración como algo bo porque facían os traballos que nós non queriamos facer. Todo se resume nun tema laboral”.

A emigración ergueu este barrio e nel hoxe habita a psicoloxía inmigrante, alí constrúen unha patria propia de comunidades veciñais, relixión e metros cadrados de vivenda. Youssef chegou a Sagrada dende Oriente Medio, vive cos seus tres irmáns nun piso compartido e destaca que hai boa convivencia, a pesar dos prexuízos cara á relixión que profesa: o Islam. Youssef fala da xente que confunde o templo co Estado: “A xente sen estudos non sabe que é o Islam. Só se informan polo que din as televisións e sacan as súas opinións de aí”. Coincide con el, Cheikh Fayé, emigrante senegalés autor de Ser Modou Modou (As. Socio-pedagóxica galega), unha narración da súa chegada a España e a súa vida aquí coma inmigrante: “A maioría dos españois non sabe que é o Islam. Aquí ser musulmán é difícil.” A relixión é un dos factores que destacan na emigración, na partida, na acollida e na estancia. Sagrada Familia é un dos barrios da Coruña con maior número de lugares de culto xunto cos de Agra do Orzán, os Mallos ou a Grela. A Coruña destaca en toda Galicia por ser a cidade con máis lugares de culto por metro cadrado. Nos adeuses hai fe. Montserrat Golías, profesora de socioloxía na UDC, subliña o valor da relixión coma elemento de unión e primeira acollida nas comunidades emigrantes. Galicia é porto de entrada da diversidade: “Os retornados traen con eles a diversidade relixiosa. Sagrada Familia é un lugar cheo de igrexas, dende a Pentecostal ata a Baptista”. É esa diversidade relixiosa a que toma o espazo público; Golías critica que este crisol cultural e relixioso non se vexa reflectido no sistema educativo: “A lei di que hai diversidade relixiosa, pero son moitos os que reclaman ensinanzas en relixións minoritarias. En moitas aulas dáse o paradoxo dunha maioría de alumnos que profesa unha relixión minoritaria”.

Hai relixión e hai tamén transmisión de cultura, Martí e Ferrol levábano a cabo coas súas fotografías, moitas veces, como dicía o propio Martí, de xeito case inconsciente. Hoxe en día son os inmigrantes quen teñen a encarga de levar esa herdanza cultural dos seus países de orixe aos seus fillos, tal e como fixeron os galegos en Hispanoamérica e América do Sur en forma de Centros Culturais e Ateneos. “As xeracións de emigrantes transmiten a súa cultura ás segundas xeracións”, apunta Noelia Pedreira, bibliotecaria de Sagrada Familia. Este microcosmos de múltiples crenzas convirte situacións cotiás en situacións de dúbida, “o difícil que é para nós saber se poñer belén ou non no Nadal”. Ante a dúbida responde Golías, no medio dun debate no seo do espazo de lectura, “mellor non poñer nada, isto é espazo público? Pois entón debe ser espazo laico”.

A voz dun lugar cambia cando a palabra que lle dá sentido muda e é substituída por outra, ese é o caso do porto da Coruña. O lugar mudou. A nova banda sonora da beira marítima da Coruña é a do viaxeiro de ocio, a dos iates brancos que substituíron ás dornas pesqueiras que se pintaban coas cores marítimas nos soportais do Parrote e a dunha Estación Marítima que xa non existe e que foi substituída por un controvertido edificio asinado polo arquitecto César Portela, ao carón de dúas xoias modernistas, o Kiosko Alfonso e A Terraza. O Martí outeador, o fotógrafo que gustaba, segundo afirmaba, “de facer fotos con vistas dende as casas altas”, podería sacar hoxe dende calquera delas unha boa fotografía xeral do porto, da desmemoria colectiva.

O franquismo presume de migrantes.
Para o réxime franquista a emigración foi vía de escape de elementos “perigosos” e man de obra que deixaba de avultar nas gráficas do desemprego da posguerra. Segundo a prosa oficial: “la emigración como un amplio campo de posibilidades abiertas ante la libertad del individuo y, al propio tiempo, fuente poderosa de vínculos y relaciones entre pueblos puede proporcionar resultados beneficiosos económico-sociales y en otros órdenes de la vida humana, no sólo al que emigra y a sus familiares, sino en bien general de los países (...)». (Exposición de Motivos de la Ley de Bases de Ordenación de la Emigración do 22 de decembro de 1960). En cifras económicas calcúlase que o diñeiro dos emigrantes españois trouxo preto de 3000 millóns de dólares ás arcas do estado franquista.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Huelva
Derechos Humanos APDHA exige a la Unión Europea que se acabe con la explotación en los asentamientos de Huelva y Almería
La Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía ha mandado una carta a todos los grupos políticos del Parlamento Europeo para que pongan fina a más de dos décadas de explotación a las y los trabajadores migrantes del territorio
Galicia
Investigación Varios refugiados denuncian a la ONG Rescate Internacional por explotación laboral y agresión sexual
La Guardia Civil investiga al centro de Mondariz-Balneario tras varias denuncias por parte de voluntarios migrantes que aseguran trabajar sin contrato a cambio de 50 euros semanales. La ONG gestiona 1.700 plazas del programa estatal de acogida.
Galicia
Galicia A Xunta aprobou a celulosa de Altri argumentando que a súa cheminea de 75 metros sería “icónica”
O Informe de Patrimonio Cultural, favorable á multinacional, emitiuse con base en dúas encargas externas, contratadas e pagadas pola empresa ao ex presidente e ao actual tesoureiro de Icomos-España.
Israel
Día de la Nakba Ex Libris, la empresa israelí que provee tecnología a las bibliotecas del mundo
Los principales productos de gestión y servicios bibliotecarios provienen de una empresa cuya sede principal se encuentra en el Malha Tecnology Park, sito en el territorio ocupado donde antes se levantaba la aldea palestina de Al Maliha.
Análisis
Análisis Después del apagón, la normalidad: crisis a la izquierda, Gobierno a la derecha
El Gobierno de coalición está cada vez más exhausto, el PP que vence pero no convence, Vox permanece estático y en izquierda ‘alternativa’ prevalece el estado de descomposición, según los datos del último CIS.
Irlanda
Lavanderías de la Magdalena Caelainn Hogan: “Las madres “descarriadas” y sus criaturas eran un desafío a la autoridad de la Iglesia"
Caelainn Hogan, periodista irlandesa nacida en 1988, es autora de 'La república de la vergüenza', donde revela los abusos en las instituciones para mujeres que se desviaban de la norma en Irlanda.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'Os Pecadores' loitan contra montruos reais e mitolóxicos no novo episodio de 'O Teleclube'
O dúo do director Ryan Coogler e o actor Michael B. Jordan estrean unha película sobre a experiencia afroamericana cunha ameaza sobrenatural engadida.
Más noticias
Kabilas de mesa camilla
Kábilas de mesa camilla Las flores no nos libran de la culpa de no ser vírgenes
Estamos maternando en una Andalucía cuajada de modelos religiosos cautivos en la lógica patriarcal, y está en nuestra mano ofrecer a la nueva generación de churumbeles una versión decente de las imágenes o una negación desfasada de lo que ven
Genocidio
Genocidio 470.000 personas están en situación de hambruna en Gaza, donde continúan los asesinatos
El Ministerio de Salud de Gaza reporta que 52.928 personas han sido asesinadas y 119.846 heridas desde el 7 de octubre de 2023. Trump se reúne con los países del Golfo, pero no se mueve de su apoyo a Israel.
Educación
Educación Protocolos éticos en espacios educativos: ¿qué dicen sobre el abuso de poder?
La asociación de referencia para las escuelas gestalt acaba de aprobar un protocolo para detectar y abordar del abuso de poder. Otros ámbitos educativos cuentan con documentos éticos sobre este asunto.
Opinión
Opinión Abolir la familia, la perspectiva de une superviviente
La familia se vende como un espacio seguro, un lugar de amor y de cuidados mutuos, algo que no corroboran los datos. ¿Hay alternativas? ¿Cómo llevamos nuestras experiencias de redes de apoyo mutuo al centro de la sociedad?

Recomendadas

Investigación
Investigación Varios refuxiados denuncian á ONG Rescate Internacional por explotación laboral e agresión sexual
A Garda Civil investiga o centro de Mondariz-Balneario tras varias denuncias por parte de voluntarios migrantes que aseguran traballar sen contrato a cambio de 50 euros semanais. A ONG xestiona 1.700 prazas do programa estatal de acollida.
Laboral
Laboral Coidar sen dereitos: a loita das traballadoras nas residencias privadas de Galiza
Sen tempo nin medios para ofrecer uns coidados axeitados, alertan dunha situación insostible nos centros e denuncian a privatización dun servizo a costa do benestar das persoas maiores e dependentes.