Minería
Balsas mineiras: unha ameaza perpetua de catástrofes a prol do lucro empresarial

A balsa de residuos da mina de Touro, proxecto estratéxico da Xunta, sería ilegal en moitos países por non cumprir normas básicas de seguridade. Estas estruturas teñen provocado ducias de catástrofes e verteduras tóxicas malia as “trampas” das mineiras, que procuran esquivar as regulacións ambientais e de seguridade.
balsas mineiras galiza - 2
Rotura da balsa de Aznalcóllar en 1998. Foto de Ecologistas en Acción
25 nov 2024 05:30

O prezo do cobre non deixa de subir. A ‘transición enerxética’ fixo medrar unha demanda para a que non hai minas dabondo no mundo. As grandes empresas, malia as evidencias da imposibilidade dun crecemento infinito nun planeta finito, escollen non aplicar esa máxima nos seus beneficios e insisten na procura de minerais.

Este negacionismo interesado implica xerar novos pasivos mineiros que non sempre contan coas regulacións e controis necesarios. Nunha mina de cobre, por exemplo, só ao redor do 0,5% do material extraido ten valor. O resto, son residuos procesados que quedan ao aire libre, moitas veces para a eternidade, en ‘piscinas' xigantes. Cada ano, varias delas rompen e, co tempo, o risco é maior.

Pero aquí non vai pasar. É imposible que a balsa rompa.

A das balsas é unha desas loitas que enfronta ás grandes empresas coas ecoloxistas, as veciñas e as científicas que nada gañan nisto. No proxecto Touro, de Atalaya Mining, habería dúas, de 75 metros de alto, con 100 millóns de toneladas de residuos, nunha superficie equivalente a 500 campos de fútbol. Todo isto, a menos de 200 metros das casas das veciñas.

Minería
Minaría Os señores da mina: así paga a Xunta o greenwashing do lobby mineiro
Unha rede de empresarios, políticos e asesores a soldo de mineiras estranxeiras recibe centos de miles de euros da Xunta para fomentar a minaría metálica en Galiza.

As fallas e colapsos repítense cada ano. En Galiza, San Finx en 1960 ou Monte Neme en 2014. No Estado español, Aznalcóllar en 1998, nunha catástrofe que liberou 5 millóns de metros cúbicos de residuos, corenta veces máis que o que deixou o Prestige. Neses tres casos, o resultado foi o mesmo: contaminación e impunidade mineira. No Brasil, en Brumadinho, hai cinco anos, unha destas balsas rompeu, liberando unha ola de residuos que pasou por riba de 270 persoas. En 2015, tamén no Brasil, 19 vítimas máis. Tamén aconteceu hai pouco en Canadá, contaminando lagos e ríos, ou en Ajka, Hungría, arrasando sete vilas.

Pero aquí non vai pasar. É imposible que a balsa rompa.

balsas mineiras galiza - 1
Protesta de Greenpeace e Ecologistas en Acción na mina de Riotinto. Foto: Pedro Armestre - Greenpeace

Steven Emerman é doutor en Xeofísica e experto nestas presas de relaves (residuos mineiros). No seu paso por Touro explicounos porque é “inevitable” que rematen fallando: “Estas balsas non poden desmantelarse, así que hai que confinar os estériles tóxicos para sempre. Hai que facer revisións, monitorear, facer obras de mantemento… e isto ten que facelo a empresa mineira, para sempre! É isto realista? Porque ‘para sempre’ é moito tempo”. A lei de minas exixe ás empresas un plan de peche e clausura, pero Emerman aclara que “é preciso desmantelar ou manter, pero no caso de Touro o plan é abandonar”.

O proceso da extracción do mineral provoca que estes residuos sexan tóxicos, “pola súa capacidade para xerar drenaxe ácida de mina, unha mezcla de ácido sulfúrico e moitos metais pesados”. Isto pasa, por exemplo, nas augas que aínda desbordan da propia mina de Touro pechada en 1988, nas filtracións de San Finx ou nas da balsa de Monte Neme que provocou unha vertedura de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos.

Con Emerman camiña Isidoro Albarreal, doutor en Matemáticas, membro de Ecologistas en Acción e experto na falla de Aznalcóllar. Isidoro explica un xeito de reducir este risco de roturas: “Os residuos sólidos son máis estables que os líquidos, e en caso de derrumbe, a area non flúe igual que a auga”. Esta deshidratación e espesado dos relaves é, para Emerman, “unha mellor práctica, pero non é habitual”. Albarreal, sempre máis incisivo nas súas respostas, conclúe que aínda que “é importante obrigar ás mineiras a que fagan este resecado (a deshidratación), case nunca o fan por unha cuestión económica”.

Pero aquí non vai pasar. É imposible que a balsa rompa.

Isidoro Albarreal coñece ben a Atalaya Mining, promotora do Proxecto Touro, pola súa actividade na mina de cobre de Riotinto, en Huelva: “A condición que puxeron para concederlles a autorización ambiental era a deshidratación dos lodos, e case dez anos despois, non o fan. Pasa sempre, que non cumpren as condicións que poñen no proxecto e despois non hai consecuencias”. 

balsas mineiras galiza - 3
Unha das filtracións da mina de Riotinto. Foto: Pedro Armestre - Greenpeace

Nesta mina, en paralelo á loita legal sobre esta cuestión e malia unha paralización temporal das verteduras polo incumprimento do desecado, xurdiu outra ameaza. A mineira pretende, coa aprobación da Junta de Andalucía, ampliar a balsa de residuos, de xeito que sería o dobre de alta que a seguinte máis alta de Europa.

Albarreal e Emerman, ademais, teñen claro que houbo “unha trampa” no plan de emerxencia do proxecto de recrecemento: “Cambiaron o índice de rugosidade do cauce do río (a súa capacidade para frear a vertedura) de xeito que, segundo os novos cálculos, aínda sendo a presa máis grande, os residuos tardarían máis en chegar ás poboacións”, explica Emerman, que fixo os cálculos despois de que Albarreal detectase a “trampa”: “A empresa fixo o contrario do que hai que facer nestas simulacións. Eles querían un resultado concreto para minimizar un risco, entón escolleron un coeficiente de inicio en concreto para que o cálculo tivera o resultado que querían. O grave é que isto non o controle a administración”. Emerman aclara que “non ten lóxica ningunha”, xa que o río é o mesmo que no estudio previo que autorizou a reapertura da mina, que concluia uns efectos maiores que agora, cunha menor cantidade de residuos. No caso da simulación de falla das balsas do proxecto Touro, o doutor en Xeofísica aclara que tamén houbo “unha trampa cos parámetros”, defíneo como “unha obra de ficción” e sinala que, nos dous casos, os residuos rematarían no Océano Atlántico.

As denuncias de irregularidades repítense noutros proxectos, coma recrecemento da balsa de lodos de Alcoa en San Cibrao, que aumentará catro metros máis a súa altura, sen plan de clausura. Organizacións como Adega falan dunha autorización ambiental “express e fraudulenta” e unha avaliación “trucada”, pero esta é outra historia que require dun espazo aparte.

balsas mineiras galiza - 4
Balsa de Lodos de Alcoa en San Cibrao (Lugo). Imaxe: Alumina

Emerman atopa outro problema no método de construción das balsas de Touro, Riotinto ou San Cibrao, chamado ‘augas arriba’, prohibido en moitos países e criticado “pola propia industria” pola súa inseguridade: “Os diques da presa constrúense enriba dos residuos non compactados, polo que en caso de licuefacción, os diques caen sobre os estériles. As fallas catastróficas máis graves dos últimos anos foron neste tipo de construcións”.

Pero aquí non vai pasar. É imposible que a balsa rompa.

A lexislación española aínda non conta cunha regulación específica que prohiba o modelo augas arriba, como acontece en Perú, Chile, Ecuador ou Brasil. En 2020, o Programa da ONU para o Medio Ambiente e o Consello Internacional de Minería publicaban un informe para establecer unha norma internacional para xestionar relaves que, malia non prohibir este modelo, recollía críticas por non prohibilo globalmente. A Commonwealth, noutro informe, suxería aos seus países ter en conta a prohibición. A organización estadounidense Earthworks, directamente, insta a prohibir novas instalacións, pechar as existentes “o antes posible” e sinala ás empresas que esquivan a prohibición facendo pasar as balsas por outro modelo máis seguro. Albarreal ten claro que o motivo para seguir co modelo augas arriba é puramente económico, como tamén sinala Earthworks.

A balsa do Proxecto Touro, apoiado pola Xunta de Galicia, seguiría este estándar inseguro e obsoleto. Ademais, noutros países tamén sería “ilegal” e “impensable” pola súa distancia as aldeas, segundo explica Emerman: “Pensamos que as regulacións en China, por exemplo, son moi débiles, pero alí a separación mínima a núcleos poboados é de 1 quilómetro. En Brasil, son 10 quilómetros ou 25, dependendo da densidade da poboación. En Ecuador, 10. E aquí queren poñer a balsa a menos de 200 metros? Como é posible? Os residuos tardarían 5 ou 10 segundos en colapsar Arinteiro”. A resposta deixa clara a magnitude da catástrofe, e insiste en cuestionar a falta de regulación no Estado español: “En Brasil existen as ‘zonas de autorescate’, que son as zonas nas que cada persoa ten que salvarse a si mesma porque os servizos de emerxencia non poden chegar a tempo. En Brasil, esta zona é de 10 quilómetros abaixo da presa. En España non existe esa zona, pero isto pasa igual, o concepto é real.”

balsas mineiras galiza - 5
Leiras e explotacións gandeiras en Arinteiro, cos diques da balsa de fondo. Imaxe: Lentes Diverxentes.

Segundo estes expertos, a lexislación tampouco está actualizada para posibles efectos do cambio climático nin preparada para sucesos como a dina en València. Albarreal ten claro que “se o que caeu en València, cae en Riotinto, reventa a base da balsa”. Emerman afirma que, baixo as leis de España e Portugal, as balsas deben deseñarse para que soporten unha inundación cun periodo de retorno de 500 anos, que “aproximadamente é unha probabilidade dun 0,2%”: “É un estándar moi débil que noutras partes do mundo é dun 0,001%. É dicir, algo que aínda que é teóricamente posible, é altamente improbable. Co cambio climático, as magnitudes das tormentas raras parece que están aumentando e ese periodo de retorno non está claro, así que é preocupante porque é posible que os deseños non aguanten estas tormentas”.

Pero aquí non vai pasar. É imposible que a balsa rompa.

O novo-vello proxecto en Touro

Isabel García, da plataforma Mina Touro-O Pino Non, critica a insistencia da mineira e da Xunta co novo plan da mineira, malia ser un “copia-pega” do proxecto que “quedou en evidencia” e xa foi rexeitado pola Xunta: “A balsa vai seguir existindo, o río segue estando onde está, o risco é o mesmo. Non hai cambios. Poden poñer unha planta solar máis ou menos, pero o risco e o proxecto son os mesmos”. Isidoro Albarreal engade que “a lei que regula o impacto ambiental impide que poida admitirse a trámite un proxecto que sustancialmente xa foi estudado”, pero non confía nas administracións: “Hai moitas presións das mineiras. Primeiro, as administracións envían un informe negativo contundente, despois pasan a un desfavorable condicional ou con requerimentos, e en moitos casos remata sendo favorable, aínda que sexa con condicións. Finalmente, autorizan aínda que despois non cumpran, e aí xa son impunes. Moitas veces xa teñen previsto o diñeiro das multas dos seus incumprimentos”. 

balsas mineiras galiza - 6
Manifestacións das veciñas de Arinteiro en Santiago de Compostela. Imaxe: Lentes Diverxentes.

Isabel aclara que as veciñas “queren seguir cos seus medios económicos, sostibles e xeradores de economia na zona; non parece sensato por parte de ningún goberno fiar todo a unha empresa a conta de destruir moitas outras actividades e expulsar á xente do seu espacio, todo para conseguir o enriquecemento de accionistas dalgún lugar do mundo lonxano a Touro e levar o cobre a China.”

Con anterioridade a calquera falla catastrófica dunha balsa hai dous eventos que, con exactitude case matemática, acontecen sempre: a advertencia dos riscos por parte das técnicas e das ecoloxistas e a negación da empresa de calquera risco. No caso de Boliden en Aznalcóllar en 1998, ou de Atalaya Mining en Riotinto en 2024, tamén.

Ao preguntarlle a Isabel, Steven e Isidoro sobre a posibilidade real de que pase isto, contestan cun argumento que fala de cada un deles. Steven, tira de ciencia e empirismo: “Estas cousas pasan. O ano pasado pasou en Sudáfrica, México, Tanzania, Ecuador ou Filipinas”. Repite, tamén, que os riscos, como as balsas, son “para sempre” e que polo tanto, supón unha “maldición para todas as xeracións futuras”. Tamén cuestiona a propia existencia destas estruturas, porque “os pasivos ambientais son para todos, pero os beneficios económicos son só para as empresas”. Isidoro simplemente lembra: “Xa pasou en Aznalcóllar, coas mesmas recomendacións que dá agora Steven. Ademais, que gañamos nós con advertir sobre isto?” Isabel vai ao humano, ao sentido común e da propia vida: “É necesario este risco? Temos que vivir con ese medo?”  As familias de Arinteiro, Touro e as que están río abaixo ata a Arousa, rexeitan a mina. Non queren espertar unha noite e que todo remate.

Só queren durmir tranquilas.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Medio ambiente
Crise climática Sarria, cun dos peores índices de calidade do aire de Galiza, á espera dunha nova planta contaminante
Sarria convive dende hai décadas coa contaminación provocada pola cementeira do Oural. Agora, Votorantim Cimientos proxecta a instalación dunha nova planta para a produción de combustible a partir da coincineración de residuos.
Galicia
Galicia La UE cava hondo: litio gallego para el nuevo militarismo europeo
En pleno rearme ordenado desde Bruselas, Galicia entra en el tablero geopolítico como potencial proveedor de litio para la industria de defensa. Un enclave de alto valor ecológico en Doade (Ourense) se convertirá en cantera para baterías militares.
Medios de comunicación
Medios de comunicación Faro de Vigo despide ao seu traballador número 20 nunha década mentres asina beneficios de 2,5 millóns
O comité de empresa e o Colexio de Xornalistas reprenden a decisión da empresa do grupo catalán Prensa Ibérica e convocan unha protesta semanal nas redaccións do xornal por toda Galiza.
Medio ambiente
Crise climática Sarria, cun dos peores índices de calidade do aire de Galiza, á espera dunha nova planta contaminante
Sarria convive dende hai décadas coa contaminación provocada pola cementeira do Oural. Agora, Votorantim Cimientos proxecta a instalación dunha nova planta para a produción de combustible a partir da coincineración de residuos.
Economía social y solidaria
Tecnología Inteligencia Artificial y economía solidaria: ¿posibles aliadas?
¿Cómo debe relacionarse la economía solidaria con una tecnología que vulnera derechos humanos y ambientales constantemente? Cooperativas e investigadoras tecnológicas animan al movimiento a perderle el miedo y a utilizarla de manera crítica.
Líbano
Líbano Cinco décadas sin paz ni justicia en Líbano
El país mediterráneo conmemora el 50 aniversario desde el inicio de la guerra civil, un conflicto cuyos crímenes no se han juzgado y cuyos desaparecidos no se han encontrado

Últimas

Crisis climática
Crisis climática La UE se entrega al ardor guerrero mientras descuida la crisis social y la emergencia climática
Varios países de la UE ya están recortando drásticamente en servicios públicos y estado del bienestar para poder costear el aumento del presupuesto militar.
Opinión
Opinión Poliamor de derechas, poliamor de izquierdas
La no-monogamia no puede ser simplemente una etiqueta identitaria o una preferencia personal, sino una práctica material que cuestiona la propiedad privada, la privatización de los cuidados y la reproducción de los roles de género
La vida y ya
La vida y ya Días de vacaciones
No somos conscientes de que la lluvia depende, en un porcentaje altísimo, de ellas. Sin plantas hay menos lluvia. Sin lluvia las semillas no germinan. Así funciona.
València
València “‘El vol de Guillem’ ha supuesto la liberación de todos estos años de lucha”
Ricard Tàpera, autor del cuento, y Betlem Agulló, hermana de Guillem Agulló, que ha puesto voz a la historia, nos explican cómo ha sido el proceso de creación de esta obra coral, ilustrada por Helga Ambak.
Ayuntamiento de Madrid
Residuos La “motosierra de Almeida” no frena la oposición social al cantón de la limpieza en Montecarmelo
Los vecinos no entienden por qué el Ayuntamiento madrileño no accede a construir el cantón en una parcela técnicamente viable y que no afectaría a miles de niños y la única zona verde del barrio.
Opinión
Space X Los viajes al espacio y el efecto Katy Perry
El 2024 fue el año más caliente desde que hay registros, mientras que Katy Perry y un puñado de millonarias nos deleitaron con su viaje espacial cortesía de Jeff Bezos.
Estados Unidos
Estados Unidos La buena sintonía entre Trump y Meloni
Como era de esperar, los mandatarios mostraron afinidades políticas e ideológicas. La italiana insistió en la idea de “fortalecer Occidente”.

Recomendadas

Minería
Minaría Bruxelas cava fondo: litio galego para o novo militarismo europeo
No medio do rearme ordenado pola UE, Galiza entra no ámbito xeopolítico como potencial provedor de litio para a industria de defensa. Un enclave de alto valor ecolóxico en Doade (Ourense) converterase en canteira de baterías militares.
Historia
Historia Cuando la solidaridad antifascista reunió a musulmanes, judíos y cristianos en la España republicana
Marc Almodóvar y Andreu Rosés rescatan a los combatientes árabes de la Brigadas Internacionales en el libro ‘Moros contra Franco. El antifascismo y la Guerra Civil española en el mundo árabe’.
Senegal
Senegal Una ‘Escuela de rehenes’ o cómo Francia usó la educación en África para transformar las mentes
La administración colonial francesa puso en marcha en 1855 un centro educativo que tenía el objetivo de formar a los hijos de los reyes locales mediante el borrado de su cultura.
Camboya
Camboya 50 años del inicio del genocidio en Camboya
El régimen de Pol Pot acabó con la vida de más de dos millones de personas. Solo tres integrantes de los Jemeres Rojos han sido condenados por crímenes contra la humanidad.