Opinión
A lección napolitana

No filme Diario napolitano (1992), o cineasta Francesco Rosi regresa onde, trinta anos antes, rodara As mans sobre a cidade, documento fundamental do realismo crítico italiano.

napoles 2
Napoli, Italia, 25 Octubre 2014. Agentes del Comisariado de Scampia patrullan el barrio. Gianfranco Tripodo
16 may 2017 11:38 | Actualizado: 12 jul 2019 00:25
No filme Diario napolitano (1992), o cineasta Francesco Rosi regresa onde, trinta anos antes, rodara As mans sobre a cidade, documento fundamental do realismo crítico italiano que explora as orixes da especulación urbanística na capital do sur do país.

Rosi volve a Nápoles para comprobar, desta volta sen a mediación da ficción, se a historia progresa liñalmente. Axiña entende que non. A Camorra e unha desbocada economía financeira -nin tan desbocada, comparado co que estaba por vir- controlan poder e gobernos de maneiras que a súa vella película intuíra. A destrución da base produtiva sentara as bases da usurpación.

Así o explican no Diario historiadores, economistas e arquitectos. Pero existían liñas de fuga. Varios dos intervintes sinalaban un factor como imprescindíbel para a recuperación da metrópole do Mezzogiorno: unha clase traballadora organizada e politicamente independente. É 1992, pasara apenas un ano desde a autoinmolación do PCI e o colapso da Unión Soviética.

A practicamente unha década da caída de LehmanBrothes e da instauración do estado de excepción como regra, a dirixencia do bloque dominante responde a esa definición: unha especie de Camorra reconstituída
O Estado opera como redistribuidor á inversa. Do traballo ao capital. Nas Mans sobre a cidade, políticos corrompidos e corruptores políticos repartíanse estipendios a forza de plans urbanísticos amañados, recualificacións pola parte de atrás e liberalismo fariseo, dese que afirma estar contra o público pero que o usa para se enriquecer.

De Francesco Rosi ao Chirbes de En la orilla pasan 40 anos e ningunha mudanza cultural substancial: manda a ética do lucro. Entrementres, a narrativa galega, bardante as últimas obras de Diego Ameixeiras e algunha outra excepción, ocúpase en novelas históricas. Pero desa historia que Walter Benjamin afeaba á socialdemocracia alemá e que formula unha “imaxe ‘eterna’ do pasado” ao tempo que perde “a oportunidade revolucionaria na loita polo pasado oprimido”.

É así que tal vez só unha clase traballadora organizada e politicamente independente sexa quen de se opoñer á versión vixente da sociedade da explotación. Á Camorra como fase superior do capitalismo. Significa isto repescar no bazar das etiquetas o obreirismo estreito e unha ollada idealista sobre o traballo? Non. Significa comprender que é no mundo do traballo -en mutación constante e que inclúe o traballo non remunerado maiormente feminino- onde se reproduce a lóxica material que conduce á dominación da maioría por unha minoría. Significa que a loita de clases é unha construción política edificada sobre as contradicións do modo de produción do capital. E significa que esa construción é a tarefa principal da esquerda de tradición socialista.

O crítico literario inglés Terry Eagleton citaba a Marx nun libro sobre, precisamente, Walter Benjamin: “Cando unha clase non é unha clase? O campesiñado minifundista francés é unha clase na medida en que comparte as mesmas condicións de vida; mais ao existir só unha interrelación local entre estes campesiños minufundistas e ao non crear a identidade dos seus intereses unha comunidade, un lazo nacional nin unha organización política entre eles, non forman unha clase”.

Reconstruír politicamente unha clase traballadora organizada e independente significa, ao cabo, extraer conclusións da lección napolitana á que Francesco Rosi, un director obliterado na historia do cinema posterior á caída do Muro de Berlín, dedicou boa parte da súa vida.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...