O prelo
A dialéctica infinita do amor
.jpg?v=63865549894 2000w)
Son, eran e serán Dous. Dous nunha cidade que se expande labirinto. “Dous coma unha multitude”. Porque as multidudes se compoñen dun e outro, un e outro, un e outro que se contrapoñen e se suceden. Así acontece tamén coas palabras no chairas sucesións de Oriana Méndez. O libro, publicado por Chan da Pólvora, recolle unha multitude de dúas voces enlazadas na dialéctica infinita do amor. Esta “lingua encadeada, de cabalos” galopa unha chaira que é a lesión resultante do impacto inevitable de “caer no fondo da vida”, convertida esta nun astro que só podemos coñecer “a partir da súa propia estela”. Dous comparten a esencia do planeta e o animal ferido: a gravitación terrible dun depredador e a precipitación da vida sobre a vida. Dous viaxan. Dous conversan.
“Escóitanse mutuos compréndese só
mediante filamentos fíos
nin sequera cabos
frebas de raciocinio
prendidos das súas propias memorias
como deberían dicirse a si mesmos?”
Dous dinse unha forza creadora que fai madurar os froitos sen que exista a árbore, unha chave sen porta, unha metáfora que substitúe o sentido por “algunhas ondas de dolor”, “algúns coitelos que acarician a mirada”. Oriana cita ao comezo do libro as seguintes palabras de Antón Lopo: “O significado é unha cinta que avanza”. Así, a lectura deste libro non pode presupoñer que unha cousa significa outra cousa. Aquí Dous signifícanse mutuamente nun “desdobramento universal” que é, á vez, íntimo, unha cinta impulsada nada máis que por un desexo líquido, pletórico, incansable.
“O que se din é
nun idioma futuro: só despois
despois da súa manifestación
podería romper a ser interpretado”
Porén, os versos de chairas sucesións convídannos a gardar a nosa “secreta comprensión”. Méndez ofrécenos un libro de poemas de amor desviándose, como é costume nela, das formas habituais da literatura. Non é este un libro diáfano na medida en que nunha primeira lectura pasamos por alto moitos elementos, pero si é un libro diáfano na medida en que accedemos a el como accedemos ao horizonte, ao mar en calma, ao fío tenso dun tecido a piques de crebar. chairas sucesións presenta unha liña horizontal, un lugar que percorrer e non no que adentrarse. Non por isto é nin moito menos un libro cunha estrutura narrativa cun comezo e un final, pois se sitúa “fóra do tempo”.
“Aquí e alí íase desprazando o tempo
e a fractura do tempo
a cronoloxía estaba suspendida
por unha razón precisa:
abrazo é un dicir de dous
non acontece un suceso e despois outro
é máis ben unha duración no soño”.
Sen ben non atopamos un comezo ou un final, si vemos un espazo “despois da chaira” onde buscar, e tamén unha procedencia de Dous: un órgano invertido, unha concavidade, un refuxio que é abandonado pola intemperie abrasiva desta planicie na que a diferencia entre o rostro e a máscara de palabras non é máis que un interrogarse. As imaxes derrúbanse no momento en que son contruídas, sendo a disolución o cume da súa existencia mesma. A forma en que a poeta leva o dito ao dicir provoca que a lectora, como Dous, “vexa precisamente o que non pode ver”. En chairas sucesións, o desexo impulsa o discurso cara a adiante. É esa “plétora escrita que laranxa nos desfai” tamén a que nos fai, a que fai Dous, a que fai discorrer un río que perde caudal e medra sen deterse coma a noite implacable dos abrazos.
“permanece algunha substancia capaz
algo que por si só poida proliferar
que conteña semente dalgunha clase viva
disposta a desanoarse?”
Recentemente coincidín cunha boa amiga nun recital de Oriana Méndez. Falando dun dos poemas de chairas sucesións, contoume que á primeira non entendera moito do que quería dicir, pero que sabía que era un poema de amor porque había moitas preguntas. Efectivamente, o poemario ofrécenos o interrogante coma un impulso, un “querer” que nos conduce ao seguinte nunha sucesión de sombras que conducen a si mesmas.
Pecha o libro un posfacio de María do Cebreiro, que escribe: “Ante a finitude das cousas, é a apertura aos outros o que nos salva”. O feito de ler un libro, o feito de escribir un libro, o feito de escribir sobre un libro forman parte tamén da escisión que supón o encontro co outro. E realmente creo que hai algo de salvación en percorrermos esta ferida salvaxe “a medio camiño entre a subxectividade e o mundo”.
Relacionadas
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
A Xunta do PP remata o seu plan de control sobre a CRTVG tras escoller á súa nova directora en solitario
Altri
A Plataforma Ulloa Viva cambia a súa directiva para os vindeiros anos de loita contra Altri
El Salto n.79
A celulosa ou a vida: xornalismo situado e loita social para frear un ecocidio
AGANTRO
O desprazamento forzoso en Chiapas: metáfora da vida núa
Altri
Galiza elixe o rumbo da loita contra Altri nas eleccións á directiva da plataforma Ulloa Viva
Últimas
O Salto medra contigo
O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Orgullo
O Orgullo Crítico enche de diversidade e de humanismo Galiza: “Transfeministas con Palestina”
O Teleclube
'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
A Catapulta
O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
O Teleclube
'O Teleclube' pecha a temporada cos supervivintes de '28 anos despois'
Recomendadas
Medio rural
A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Feminismos
Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Migración
A veciñanza mobilízase para acoller migrantes tras o peche de centros de Rescate Internacional en Galiza
Ourense
Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!