Opinión
Un fanzine con ISBN

Afra Torrado publica co selo Rodolfo e Priscila 'Fago o que podo', unha recompilación dos seus traballos de banda deseñada.
o prelo isbn - 4
31 dic 2023 06:30

A primeira páxina do meu exemplar de Fago o que podo non se diferencia moito das demais. Na ilustración, tres persoas (unha das cales se parece moito a min) abrazadas. No texto, “Desfruten este fanzine con ISBN. Afra Torrado”. O feito de que un debuxo apresurado teña a mesma calidade que as viñetas da obra, e o feito de que estas conserven a frescura do garabato corroboran as palabras da autora: isto é un fanzine con ISBN. Non en balde a traxectoria de Afra está ligada ao terreo da autoedición. Edita (xunto con Pablo Rodríguez) no selo Leite Edicións, onde publicou poemarios, cómics, manuais e libros de pasatempos.

En Fago o que podo, Torrado recopila traballos de toda a súa andaina na banda deseñada, desde o ano 2018 ata hoxe, encaixados mediante pequenas reflexións sobre a creación do propio libro. As conversas de Afra cunha figura negra identificada coma a síndrome da impostora guíannos pola obra nun traballo de reflexión, autoesixencia e autocrítica, como se asistísemos ao momento en que a autora revisou e seleccionou cada fragmento. Na maior parte do cómic, a autora é a protagonista.

o prelo isbn - 3

Hai unha palabra á que lle teño especial manía e que estou segura de que se vai empregar para describir Fago o que podo: “xeracional”. Digo que lle teño manía porque se emprega case sempre ingnorando as diferenzas de clase ou xénero (entre outras), que son moito máis definitorias que o feito de que e autore dunha obra naza dez anos antes ou despois. En todo caso, o libro de Torrado está artellado en torno á experiencia persoal, polo que nos mostra a vida cotiá dunha persoa da súa idade, do seu xénero e da súa clase. É Afra buscando a vida. Non hai máis.

Atopamos desemprego, entrevistas de traballo e unha cita dos Smiths (“I was looking for a job and then I found a job / and Heaven knows I’m miserable now”) como resumo do paso da protagonista polo mundo laboral. Atopamos escenas que reflicten de que maneira a autopercepción inflúe nas relacións sexo-afectivas. Atopamos reflexións sobre o propio corpo. O estilo, coa acción repartida en breves episodios, recorda en ocasións ao xénero das tiras cómicas, de forma que moitas viñetas poderían funcionar como obras independentes.

o prelo isbn - 2

En Fago o que podo albiscamos as profundidades (ou vémolas explicitamente) de corpo e mente arroupadas polo ton lixeiro, o humor e a tenrura dedicada a un traballo ben feito. Todo isto está presente tamén noutras historietas que se recollen no volume, coma as da Señora Barbuda. Nelas, unha rapaza chamada Señora e apelidada Barbuda experimenta o crecemento repentino da peluxe facial, e podemos ver os efectos que isto ten nas súas relacións e na súa vida cotiá.

o prelo isbn - 1

A primeira incursión de Afra Torrado na publicación tradicional é un resumo perfecto da súa carreira: un palleiro de cores pastel e chistes malos (leche tibia/leche de peroné?) que agocha unhas cantas agullas escuras e lúcidas, igual que a vida cotiá contén momentos en que agroman as dúbidas máis esenciais. Editada con cariño e bo gusto por Rodolfo e Priscila, Fago o que podo é unha lectura agradable, e a porta perfecta para quen non coñeza a obra de Torrado e queira entrar no mundo desta autora xa imprescindible tanto no terreo da banda deseñada coma no da poesía.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...