Ferrín astano
Xosé Luís Méndez Ferrín no festival en solidariedade cos traballadores de Astano en Ferrol. Febreiro de 1985 Xurxo Lobato
19 nov 2026 16:28 | Actualizado: 19 nov 2026 17:02

Cando eras un adolescente da favela do Segundo Mundo de Sampaio e na casa os libros que entraban eran algunha novela de Stephen King ou de Dean R. Kontz encargadas ao Cïrculo de Lectores, as columnas do Faro —que meu pai mercaba e aínda merca cunha devoción inmerecida— escritas por Fernando Pereira, quen fora alcalde de Soutomaior; ou as do chantadino Xavier Costa Clavell, convertíanse en xanelas que expandían a mente e a facían descansar tras a dose de provincianismo antigalego que enchoupaba un xornal que hoxe non toco nin cun pau.

Pero se había unha columna que me facía vibrar, cando falaba dos misís da URSS e da Iugoslavia de Tito, da nación galega e dos erros do piñeirismo, dos cabalos do Galiñeiro e do humanismo de Jean-Paul Sartre, das folgas do 72 e dos petróglifos da Serra da Groba, esa era a de Xosé Luís Méndez Ferrín. Eses textos foron unha escoliña impresa para quen, coma min, ía desenvolvendo unha sensibilidade cara a política e a cultura e un compromiso co país. Anos despois, cando tiven un soldo da Citröen e non pagaba polo lugar no que vivía —é dicir, a única vez que fun de clase media— merquei libros como nunca e decidín subscribirme á revista dirixida por Ferrín, ATrabe de Ouro, —fascinado porque existise en galego unha publicación de deseño minimalista que regalaba os ollos, dedicada ao ensaio de alta calidade, en clave de esquerdas e soberanista. Esa foi outra das miñas fontes de formación máis importantes. No mesmo tempo, Ferrín tiraba do prelo Estirpe, volume que adquirín de contado e que me asombrou con esa mestura de épica e de telurismo ancestral con cantos a Fidel Castro ou con manifestos tan canallas e urbanitas como o quiosco das Almas Perdidas que cita no Testamento do Ghebo; lugar onde lle teño tomado algunha cando, nas noites dos sábados, aburridos de deambular entre os cheiros a mexo do Casco Vello, entrabamos na lonxa, ás tantas, para ver a descarga dos barcos e as poxas e alucinar co tamaño dos peixes espada e os tiburóns. Ferrín tiña unha virtude: conseguir que os rapaces que leramos o Hobbit e viramos Excalibur soñaramos cun país cheo de forza sentimental sen caer no fascismo (hoxe o universo Tolkien úsase para nomear os dispositivos de vixiliancia dos tecnoligarcas); antes ben, aprendiamos a encauzar o irracionalismo estético caro á xuventude cara a tarefas materialistas e racionais como eran a liberación proletaria e labrega e a autodeterminación.

Cando madurei, o Ferrín político non me convencía. As súas análises resultábanme esquemáticas e repetitivas. Pouco atentas ás mudanzas sociais que se ían producindo no país. Eslogans que non se compadecían co escritor capaz de producir marabillas como Con pólvora e magnolias. É un defecto do becho —o becho son eu— ser pouco dado ao discipulado, polo que os debates que condicionaron durante anos o nacionalismo galego entre ferrinianos e rodriguistas e entre beiristas e rodriguistas sempre me pareceron batallas de vellos que había que superar. En calquera caso, Beiras era á análise política o que Ferrín era á literatura. Uns mestres. E, ambos os dous, uns fracasados para a política práctica; onde, cando menos, a UPG de Rodríguez —malia o anti-intelectualismo, a lentitude para incorporar novidades e a feble pulsión por ocupar as institucións— creara algo importante: estruturas.

Cando, hai pouco, relín Antón e os inocentes, non só volvín recoñecer o enorme escritor que era Ferrín, senón que descubrín o mellor retrato do lugar no que eu nacera e me criara. As descricións de casas desordenadas que baixan polas encostas ata un val no que está a fábrica, asemellábanseme moito ao val de Lavadores. Onde as construcións ocupan todo o espazo, apenas separadas por finquiñas minifundistas e muros de bloques. Desde os curutos de Sampaio e do Meixoeiro, pasando polo Cabral alto que linda con Puxeiros, alá onde nace o Lagares. Un caos de tixolo e de estradas labirínticas que desce ao predio, hoxe en ruínas, da antiga fábrica de Álvarez, onde meu avó completou os seus anos de cotización cando regresou da emigración. Narda e Berto, a parella protagonista, resultaban familiares. Unha filla do aluvión labrego que autoconstruíu a súa vivenda no arrabaldo e un natural da costa, máis urbanizado e con consciencia sindical. Eran case un retrato da miña nai e o meu pai. E Antón, o tío de Narda, ese espectro dado a todos os excesos, de condición próxima ao lumpen, podía ser moitos dos personaxes que se me foron cruzando pola vida: Pichu, o borracho que falaba só e escandalizaba ás mestras de EXB cando pasaba por diante do cole; Cerqueira, que suspendía todas e un día chegou cun parche e un ollo birollo porque picou nel un tronco de berza nunha caída; Miguel, rapaz abandonado polos pais e criado por unha avoa con voz de cheminea e un tío con tatuaxes que visitara o cárcere da Avenida de Madrid, ou algúns dos compis do instituto que, tras pasar media adolescencia vendo moquear os ionquis dos oitenta acabaron enganchados á heroina igual ca eles.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...