Opinión
Terroristas incendiarios e outros seres imaxinarios

Os grandes actores do bipartidismo español son inconfundibles na esencia das súas políticas medioambientais. Subidos ao barco do desarrollismo deixaron arder Galiza igual que deixaron secar Doñana. Para eles o monte é, ante todo, un ben de mercado.
Incendio Carballeda de Avia Ourense
Brais Lorenzo Incendio en Carballeda de Avia, provincia de Ourense.

Sector forestal. Unha parte fundamental da cadea de valor da madeira. Un medio básico no aproveitamento do solo. Ninguén con poder chama polo monte como ‘monte’ agás cando o monte arde. Nin souto nin carballeira nin teixadal nin sobreiral. Ninguén nos despachos da Xunta nin en Génova nin en Ferraz nin nas direccións dos medios de comunicación tradicionais nin por suposto nos consellos de administración das grandes empresas. O monte é, ante todo, un recurso económico. Aínda que sexa público, aínda que sexa de xestión comunitaria, aínda que sexa un Parque Nacional ou parte da Rede Natura. Para estes será un dinamizador do turismo, para aqueles, no fondo, un presunto creador de riqueza.

Resulta difícil non lembrar a icónica frase do exministro socialista de Fomento, José Luís Ábalos —que el Supremo lo tenga en su gloria—, e como aplicaría a súa lóxica no caso dos incendios forestais que veñen de arrasarnos: “La vivienda es un derecho, pero también es un bien de mercado”. Aquel ouveo resume moi ben hoxe o enfoque das políticas públicas e medioambientais do bipartidismo español. No fundamental son indistinguibles. Todo é mercantilizable e o monte nunca foi unha excepción.

As xestións ambientais ecocidas da socialdemocracia nas partes do Estado español onde goberna de maneira hexemónica son totalmente intercambiables polas do Partido Popular. No devir desta parte da historia marcada polo desarrollismo, cunha mirada cara atrás dende o futuro ninguén sabería dicir quen xestionou que, quen deixou morrer o que.

No Parque Nacional das Tablas de Daimiel, un dos humidais máis importantes de Europa, apenas o 5% da superficie está asolagada como debería: alí os socialistas gobernaron durante 38 anos. Outros 37 anos controlaron a Junta de Andalucía e non hai que prestar moita atención á actualidade para saber a situación de risco extremo na que se atopa Doñana. Nin falar do megalómano teleférico que o mesmo partido quixo crear nos cumios do Pirineo aragonés e que a forza da xente organizada freou.

Por iso o xogo de competencias destes días nas escenificacións da alta política doe tanto nas altas montañas de Trevinca, nas parroquias remotas de Chandrexa de Queixa, nos bosques de Ribadavia, nos fogares reducidos a cinsas en Valdeorras, nas viñas mortas de Verín, Oímbra e Monterrei. Saben —sabemos— que o mando político é contixente no que ao contexto turnista se refire. Nin o PSOE do Goberno español nin o PP do galego cumpliron na historia recente coas súas obrigas ambientais e por iso non lles quedou outra que enlamarse. Distraer, provocar, prometer. Mais niso, no estilo, na forma, si que hai diferenzas.

Pedro Sánchez xogou con vantaxe. A maior parte do territorio calcinado está en Galiza e, en menor medida, en Castela e León, feudos históricos do Partido Popular, quen ademais ten todas as competencias da xestión forestal. Así que nin Alfonso Rueda nin Alfonso Fernández Mañueco nin por suposto Alberto Núñez Feijóo tiñan unha xogada fácil.

Probaron coa estratexia de pedir recursos que xa tiñan ao Ministerio de Defensa. Probaron a culpabilizar subrepticiamente ás políticas contra o cambio climático. Probaron a poñerse chalecos fluorescentes e deixar medrar a barba. Non acabou de callar o relato. Por iso Feijóo ordenou reconducir o tiro cara os pirómanos, eses presuntos terroristas incendiarios que tantos titulares lle salvaron nos seus 13 anos como presidente da Xunta. Eses que, segundo os datos oficiais dos últimos cincuenta anos, apenas chegan ao 7% na responsabilidade dos incendios forestais intencionados.

Eses seres imaxinarios —nin unha soa causa xudicial do Estado español demostrou a existencia de redes criminais organizadas a ese respecto— son os que merecen a atención do Partido Popular. Apenas un par de días tardou en citalos o presidente da Xunta e foi un dos eixos centrais do Plan integral de ayuda, recuperación y prevención para el medio rural y forestal que presentou Feijóo como estratexia política estrella. Aínda que de plan ten pouco: apenas doce páxinas con enunciados desiderativos, marxes e interliñados xenerosos e anotacións esquecidas que recoñecen as súas propias tautoloxías.

Tanto ten. O inimigo único e ficticio será rexistrado, non escatimarán en gastos. Iso decidiu destacar Núñez Feijóo na súa presentación, na que prometeu “crear un registro nacional de pirómanos que obligue a llevar una pulsera telemática y clarificar los procesos para impedir que crisis, desgracias y accidentes se conviertan en bronca política”. Como sempre, a hemeroteca tardou apenas dous días en virlle de volta.

Desta vez foi no Senado e a cargo de Carme da Silva, a representante do BNG na Cámara Alta que lle recordou que ese rexistro xa o lexislara Feijóo como presidente da Xunta. Iso si, nunca o puxo en marcha. Estaba no capítulo 147 da Lei do 2012 e tamén na inconclusa Lei de Prevención de Incendios anunciada logo da vaga de lumes 2022 e que quedou esquecida nun caixón cando chegou o outono como quedaran todas estas provocacións e análises pouco sofisticadas coa chegada das primeiras choivas.

Entretanto, mentres os medios chegan, a única garantía eficaz nas aldeas é a autoxestión e a colaboración entre veciñas e veciños. Como levan facendo día e noite no cumio do país as xentes de Trevinca no incendio que a Xunta tratou de ocultar e que aínda segue activo. Dicía estes días Antón Lois que a nosa paisaxe rural tradicional non é outra cousa que o resultado de séculos practicando unha cultura de alianzas entre o medio e as persoas. Alén da prevención, da xestión e da dotación adecuada de recursos por parte das administracións, un futuro de esperanza só será posible coa reconstrución desa rede sólida de alianzas.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...