Ourense
As primeiras chuvias tras os incendios deixan sen auga potable á veciñanza de Valdeorras
En Xagoaza, unha aldea do Barco de Valdeorras, Antonio observa impotente como o lodo marrón descende pola ladeira do monte cara o Sil. “Parécese á catástrofe do volcán da Palma. Isto dá medo". A pendente do monte, de case un 28%, acelera o desastre. En Veigamuíños, outra parroquia do mesmo concello, levan case 20 días sen auga, con problemas de cortes no subministro debido ao colapso das captacións.
As primeiras choivas de outubro fixeron visible o que os alcaldes da comarca de Valdeorras levaban semanas advertindo: as ladeiras calcinadas polos incendios do verán arrastran toneladas de cinza e solo queimado cara ás fontes, mananciais e ríos. O resultado é un sistema de abastecemento colapsado e poboacións enteiras sen auga potable.
No Barco, o Consorcio de Augas instalou dúas fontes portátiles, en Vilamartín, o concello reparte palés de auga con voluntarios de protección civil. Na Rúa, a alcaldesa María Albert, describe unha situación límite: “Temos un fontaneiro no Concello que está a traballar 18 horas ao día, intentando evitar que o groso das cinzas que baixan non entre na rede de abastecemento”.
Na Rúa ardeu o 100% do monte no termo municipal; coas captacións en superficie e completamente expostas, abonda cun pouco de chuvia para que colapsen debido á pronunciada pendente do terreo. Se ben dende o Concello habilitaron o pavillón municipal para que os veciños se poidan duchar, temen que esa rede tamén remate colapsando ao longo do outono.
Os municipios da comarca de Valdeorras coinciden en sinalar unha deixación de funcións por parte da Xunta de Galicia. “O traballo de contención das ladeiras afectadas tiña que ter comezado a día seguinte de rematar o control do incendio”, denuncian dende o concello do Barco de Valdeorras. Enrique Álvarez, alcalde de Vilamartín de Valdeorras, é contundente sobre a resposta institucional: “A Xunta envía voluntarios as fines de semana, pero os problemas que hai agora mesmo nos concellos da comarca son moi serios, como para querer solucionalos con voluntarios."
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil traballa con brigadas na construción de faxinas e albarradas, pero os alcaldes coinciden en que as actuacións son insuficientes. “Ese tipo de traballos están dando resultado cando chove despacio, pero cando chove de maneira brusca non é suficiente”, explica Álvarez. A alcaldesa da Rúa insiste en que a responsabilidade da xestión do territorio e a xestión dos montes é da Xunta de Galicia. “Non teñen que esperar a que os concellos lle pidan, teñen que actuar como o goberno galego que son”.
A Consellería de Medio Ambiente, consultada por este medio, alega que na zona de Valdeorras quen ten as competencias de xestión do dominio público hidráulico é a Confederación Hidrográfica Miño-Sil; e non Augas de Galicia. A Xunta subliña que a zona de policía dos organismos hidráulicos comprende unha franxa lateral de 100 metros de anchura a cada lado do cauce.
Porén, Aurentino Alonso, alcalde do Barco de Valdeorras rebate este argumento: “A Confederación ten unha zona de actuación que son os cen metros perimetrais, pero monte arriba hai moito territorio no que a nós non nos consta que se estea levando algún tipo de acción”. Os alcaldes da comarca insisten en que se tiña que ter actuado nas captacións ao remate dos incendios. “Os Concellos non temos capacidade para facer grandes obras de protección ou de garantir o subministro de auga aos nosos veciños”, engade Alonso.
A Confederación Hidrográfica do Douro, que xestiona parte da zona afectada, asegura estar actuando na zona de Oímbra realizando albarradas, faxinas e tratamentos selvícolas sobre a vexetación de ribeira. En canto á calidade da auga, a Confederación recoñeceu a este medio que nas mostraxes realizadas "detectouse a presenza dalgún contaminante da categoría dos hidrocarburos aromáticos policíclicos”, pero alega non ter a competencia no control da calidade da agua de consumo.
“Estamos traballando como polos sen cabeza”, lamenta o alcalde de Vilamartín. “Isto era previsible dende o minuto un dos incendios do verán”. Os alcaldes denuncian a falta de coordinación entre as administracións e afirman a necesidade urxente dunha reunión conxunta entre Deputación, Augas de Galicia, Xunta, Medio Rural, Confederacións e concellos.
Ante a inacción administrativa, ADEGA e cinco concellos de Valdeorras coordinaron unha acción simultánea para a restauración ambiental das zonas queimadas. O voluntariado levou a cabo tarefas de mulching, espallando máis de 25.000 quilos de palla para protexer o terreo; e instalou trampas de sedimentos para reter o solo e impedir o arrastre de cinzas cara aos cursos fluviais e ás captacións de auga.
O impacto nas augas subterráneas
Máis alá da contaminación visible de ríos e captacións superficiais, existe un impacto menos evidente pero potencialmente máis grave: a afectación das augas subterráneas. Greenpeace xa alertou de que as chuvias de outono arrastran cinzas, metais e contaminantes cara aos ríos, encoros e acuíferos, comprometendo o subministro de auga potable.
Segundo datos do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME-CSIC), máis de 900.000 hectáreas de masas de auga subterránea víronse afectadas por incendios nas últimas dúas décadas, cun custo ambiental e económico superior aos 43 millóns de euros. As demarcacións do Miño-Sil, Douro e Galicia Costa son as máis vulnerables.
Segundo un estudo do CSIC sobre incendios forestais, os lumes modifican as propiedades físicas e químicas do solo. A investigación advirte que a destrución da vexetación reduce a capacidade do sistema para interceptar e reter a chuvia; o que conleva unha maior perda de auga por escorrentía superficial e unha redución da recarga de augas subterráneas.
A Xunta de Galicia anunciou o 1 de setembro que completara “as primeiras actuacións para evitar que as cinzas cheguen aos ríos” na demarcación de Galicia-Costa (a única de competencia autonómica). Porén, estas actuacións limitáronse a municipios da costa como Ponteceso, Lousame, Meaño, Agolada e Vilaboa, deixando fóra precisamente as zonas máis afectadas de Ourense, que pertencen ás demarcacións do Miño-Sil e Douro, de competencia estatal.
Mentres tanto, en Valdeorras, a auga segue baixando negra; e as administracións seguen discutindo sobre de quen son as competencias, nunha guerra burocrática que deixa a miles de veciños sen auga potable. “Vai ser un inverno moi complicado”, adverte María Albert. Coas primeiras chuvias do 22 de outubro xa colapsaron a metade das captacións na Rúa, “e foi unha hora de chuvia escasa”. Aurentino Alonso coincide: "Temos a sensación que tiñamos cos lumes do verán, unha descoordinación total. Levamos pedindo unha reunión coas administracions dende o primeiro día”.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!