modepen 2026
Manifestación de Modepen en Santiago de Compostela.

Compostela acollerá este sábado unha manifestación en defensa do escudo social

O Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos convoca á cidadanía para reclamar que a revalorización das pensións quede garantida por lei, sen depender de negociacións parlamentarias anuais.

Este sábado 21 de febreiro, Modepen, o Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos, convoca unha mobilización en coordinación coas plataformas de pensionistas doutras comunidades do Estado, nunha xornada de acción común fronte ao que definen como un retroceso no benestar das persoas máis vulnerables.

O detonante inmediato é o rexeitamento parlamentario do chamado Real Decreto-Lei Ómnibus o pasado 27 de xaneiro. A norma, que o Goberno pretendía aprobar de forma conxunta para poñer en marcha un amplo abano de medidas sociais, non conseguiu os votos suficientes no Congreso: 177 deputados e deputadas votaron en contra, fronte a 171 a favor. O PP, Vox, Junts e UPN fixeron posible ese bloqueo.

Entre as medidas que quedaron polo camiño estaba a actualización das pensións conforme ao IPC, que supuña un incremento xeral do 2,7% e chegaba ata o 11,4% nas contías máis baixas. Tamén a mellora do Ingreso Mínimo Vital nun 11,4%, a prórroga da moratoria contra os desafiuzamentos de familias sen alternativa habitacional, a prohibición de cortar a luz, a auga e o gas ás persoas en situación vulnerable, e a extensión dos bonos sociais para abaratar a factura eléctrica dos fogares con menos recursos. A todo iso habería que engadir financiamento extraordinario para a Comunidade Valenciana polos danos da DANA e para a illa da Palma pola erupción volcánica de 2021, así como deducións fiscais por melloras de eficiencia enerxética.

Tras o varapau parlamentario, o Goberno optou por desdobrar o decreto en dous textos separados: un orientado a salvagardar a suba das pensións e outro que busque o consenso suficiente para sacar adiante outras medidas do escudo social, incluída a suspensión dos desafiuzamentos en casos concretos.

Pero para Modepen, este parche non aborda o problema de fondo. A organización leva anos reclamando que a vinculación das pensións ao IPC deixe de estar suxeita aos vaivéns da aritmética parlamentaria e pase a estar blindada por lei. O seu argumento é sinxelo: se o custo da vida medra cada ano, as pensións deben medrar como mínimo na mesma proporción, e iso non pode depender de se un decreto concreto consegue ou non os votos necesarios nun momento dado.

A mobilización deste sábado é tamén un xesto de solidariedade con todos os sectores afectados polas medidas que quedaron bloqueadas: familias en risco de desafiuzamento, fogares que non poden pagar os subministros básicos, persoas que dependen do Ingreso Mínimo Vital para chegar a fin de mes. Unha parte da cidadanía que, segundo Modepen, paga o prezo das disputas políticas coa súa estabilidade cotiá.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...