Ana Pillado Vega: “Todas as linguas son tesouros a conservar”

Ana Pillado Vega, creadora da colección de contos non sexistas Lila Lilaina, ven de publicar a súa primeira novela, En efecto Bolboreta. 

Ana Pillado Vega Escritora Entrevista
Elena Martín La escritora Ana Pillado Vega.
17 mar 2020 09:00

Ana Pillado Vega, creadora da colección de contos non sexistas Lila Lilaina, ven de publicar a súa primeira novela, En efecto Bolboreta. Tamén é pintora, ceramista e profesora de Literatura “por amor á Xeración do 27”. Falamos con ela sobre o pasado, presente e, sobre todo, o futuro da nosa terra.

De onde ven o nome da túa páxina Sons de CúnCún?
Seica fun unha nena que tardei en lanzarme a falar, creo que por economía lingüística, ao descubrir que se dicía cúncún sinalando algo, comunicábame sen ter que dicir nada máis. Por iso o meu pai chamábame Cúncún. Pero foi moito despois, ao escoitar por primeira vez o latexo do corazón da miña filla estando embarazada, que fun realmente consciente de onde viña o de cúncún. En verdade é unha onomatopeia do son do corazón, un eco matrístico. O son do meu propio corazón irmandado co da miña nai. Aí cobrou moita máis forza o de cúncún e decidín comezar a asinar a miña obra como Ana Cúncún.

En En efecto bolboreta falas da necesidade de protexer o medio ambiente pero sen caer en catastrofismos, que nos podes contar da túa primeira novela?
Descríboa como unha crónica da revolución da bicharada diversa —para min bicharada é a toma de consciencia de clase— pero tamén como a crónica da viaxe que foi para min escribila. En efecto bolboreta ía ser un conto breve para a miña filla Gaila. Ser nai foi unha revolución e deume a necesidade de manter unha esperanza activa no futuro desde o facer colectivo, sen caer en catastrofismos cos que nos queren paralizar. Este conto inicial contaba a historia dunha bolboreta que está tan cómoda no seu casulo que non sae o día que ten que saír coas demais, e cando o fai por fin, xa é de noite e se atopa coas bolboretas nocturnas (avelaíñas), que son xusto o contrario a ela. Chea de prexuízos, pensa que son inimigas, pero axiña se dá conta de que en realidade teñen moito en común e acaban formando unha irmandade coa que mudar as cousas de xeito horizontal. A partir de aí chegaron outros insectos e a cousa medrou. Facer unha fábula, por outra banda, permitiume amosar os humanos como os seres hexemónicos pero domesticados, xusto ao contrario do que os insectos.

Ser nai deume a necesidade de manter unha esperanza activa no futuro sen caer en catastrofismos cos que nos queren paralizar

A que te refires con viaxe?
Foi como unha incursión no máxico. Mentres a escribía pasábanme cousas como que un casulo de bolboreta medrase nos calcetíns colgados a secar da miña filla. Dalgún xeito, a novela conectoume coa natureza até o punto de que decidín marchar do barrio de Montealto ao campo. Por iso nela tamén hai algo do meu alter ego e de crónica do meu cambio vital.

A literatura pode axudar a protexer a lingua?
En Galiza xa houbo “pin parental” ao facer que os pais escollesen o idioma. Pero, pese ás presións, creo que a cultura galega ten boa saúde, que hai moitas persoas marabillosas que dan todo para reivindicar a lingua e axudar a que siga sendo un vehículo de expresión cultural. Estamos nun mundo globalizado, cada vez máis americanizado, e por iso é importantísimo que conservemos as nosas raíces. Como dixo Manuel María, “Galiza somos nós, a xente e máis a fala”. Como profesora de lingua e literatura intento facer ver ao alumnado que todas as linguas son tesouros únicos a conservar porque son reflexo da cosmovisión dun pobo. Desde o punto de vista lingüístico non hai unha lingua máis válida que a outra, iso son conceptos económicos.

Tes algún proxecto para o futuro?
Teño moitos, pero gustaríame resaltar sobre todo as ilustracións que estou facendo para un libro de poesía xunto coa miña filla Gaila.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...