Poesía
Con vento nas velas

Novas editoriais, librarías especializadas, antoloxías de autores e autoras novas... a poesía galega navega con vento nas velas con vontade de explorar alén dos seus propios límites.

10 nov 2017 18:50

A teor do relato da poeta e libreira Alicia Fernández (Escairón, 1987) adivíñase un impulso relativamente poético no nacemento da primeira libraría especializada en poesía da historia da Galiza: “Foi todo moi abrupto”, rememora. “Especulara algunha vez coa posibilidade de montar algo semellante na rúa de San Pedro, é certo, como quen soña esperta, mais logo vin un local en wallapop, funo visitar con Eduard e... vaia! Aínda que non son eu persoa de tomar as decisións dun momento para outro, desta vez fíxeno”.

A libraría en cuestión ten un ano e tres meses de vida; e funciona, 'ou iso nos din os xestores', aclara Alicia cun sorriso. O seu nome, Chan da Pólvora, vénlle do cámping da illa de Ons onde nunha noite de verán Alicia e a súa parella, o poeta Eduard Velasco (Barcelona, 1982) -xunto co tamén poeta Antón Lopo (Monforte,1961) e o deseñador Manolo Martínez-, compartían soños de futuro baixo a noite estrelada.

Chan da Pólvora, ademais de libraría, é tamén editora de poesía; en realidade, “unha confederación onde a libraría e a editora somos unidades de produción autónomas”, explica Antón Lopo, responsable da editorial, cuxo nacemento foi ben máis prosaico có da tenda. “Levaba tempo á procura dun medio de supervivencia despois do desastre periodístico. Estiven a facer un espectáculo poético durante case tres anos, pero esgotada esa vía tiven que procurar outro medio de vida”. Daquela botou a vista atrás e recordou os seus tempos de redactor de cultura do desaparecido Galicia Hoxe. Alí editara poesía durante vinte e tres anos grazas á Revista das Letras. “Volver editar poesía case era unha obriga pois ofrecía a posibilidade de vivir disto ou cando menos de contribuír ao meu sustento económico”.

En ano e medio de vida, Chan da Pólvora suma no seu catálogo máis de dez títulos. Algúns deles pódense considerar éxitos de vendas ao rondaren os mil exemplares vendidos. É o caso do poemario 'Suicidas', de Francisco Cortegoso, que veu a luz o mesmo día do falecemento prematuro do seu autor aos 31 anos; ou 'Camuflaxe', de Lupe Gómez (Curtis, 1972) , emblemática autora de quen se agardaba novo libro dende había unha década.

Apiario

Outra editorial de recente aparición é Apiario, dirixida polas poetas Antía Otero e Dores Tembrás (Bergondo, 1979). “A nosa idea era basicamente editar os autores e autoras que nos gustaban como nos gustaría que nos editasen a nós”, conta Antía. E explica: “Era un momento en que, como autoras, do mesmo xeito que a xente que nos rodeaba, percibiamos a dificultade de publicar: a ameaza de desaparición pairaba sobre certas editoras, algúns premios non tiñan asegurada a súa continuidade...”.

Os tempos de produción de Apiario son diferentes aos de Chan da Pólvora. Malia teren nacido antes, en 2014, o seu catálogo apenas chega aos oito títulos. “Nós traballamos en cada libro nove meses ata que entra en imprenta. Pode unha editora permitirse un parto semellante se non se trata de dúas frikis?”, pregúntase Antía cun sorriso. “Nós, en todo caso, estamos dispostas a facelo e o que agardamos é que sexa sostible, porque cremos moito nisto. A edición de poesía nos últimos anos estaba a empeorar dunha maneira brutal. Era importante a revalorización do libro de poesía tamén en canto obxecto, a posta en valor do deseñador, do tipo de papel, dos materiais... Creo que é isto algo que o público agradeceu”, conclúe con satisfacción.

O catálogo de Apiario, malia a súa exigüidade, conta xa con dous títulos recoñecidos con galardóns de gran prestixio no Estado. Celebración, de Gonzalo Hermo (Rianxo, 1987) foi Premio Nacional da Crítica Española e Premio de Poesía Joven 'Miguel Hernández' en 2015. Ao ano seguinte, outro libro da editora, O Deserto de María do Cebreiro (Santiago, 1976), conseguía da mesma maneira o Nacional da Crítica de España.

De antoloxías e xeracións

A aparición de novas editoriais contribúe á bafarada de ar fresco que actualmente parece traer consigo un interese renovado pola poesía na sociedade. Antón Lopo é optimista ao respecto. “Vivimos nun momento de expansión de poesía. É obvio tanto en España, como en Portugal... e tamén aquí, por suposto. Viñamos dun tempo xeado, pero na actualidade faise evidente a recuperación da creación poética entre a xente nova”.

Esa percepción dificilmente pode existir sen a existencia dunha fornada de autoras e autores novos que susciten o interese do público. Lopo, de feito, foi dos primeiros en bosquexar os trazos dunha interesante xeración de neos nun artigo en Faro de Vigo en 2015. Eses neos forman parte de 13, a Antoloxía que acaba de publicar Chan da Pólvora baixo a dirección da profesora Chus Nogueira, en coedición coa editora madrileña Papeles Mínimos. A fórmula bilingüe “permite que os autores que están empezando a se consolidar sexan coñecidos dunha forma simultánea en dous idiomas”. Están incluídos en 13 autores e autoras nados despois de 1980 e cuxa primeira obra publicada non se remonte máis alá de dez anos atrás.

Ilustración Bea Lema_2

Para Berta Dávila (Santiago, 1987), que gañou o Premio Nacional da Crítica Española en 2013 con Raíz da Fenda e que é unha das autoras incluídas na antoloxía de Chan da Pólvora, “non é en verdade importante saber se existe ou non unha xeración de novísimos como tal, cuns trazos comúns que a definan. Iso só se saberá co tempo”. Considera, en todo caso, que as xeracións ”funcionan a xeito de fronteiras nos mapas, serven para localizar e facer visible unha serie de persoas como grupo”. Non obstante, e malia a variedade temática e estilística entre os novos autores, afirma que “estamos a compartir un vínculo na precariedade, na provisionalidade de todo, a obriga de entender o mundo como unha entidade cambiante na que nada é seguro... Iso fainos confluír dalgunha maneira como colectivo humano”.

Á marxe do debate xeracional, para Antía Otero é salientable outro feito: a relación transversal que existe entre os poetas galegos de distintas idades.· Que se superen as barreiras xeracionais dunha maneira tan natural é un fenómeno que, polo que puiden comprobar, non acontece noutras literaturas do mesmo xeito que na galega. Paréceme algo moi bonito e moi san”, celebra. Pódense entender as súas verbas logo de ver a reacción emocionada nas redes sociais da meirande parte dos poetas novos do país após o pasamento aos 85 anos da poeta Xohana Torres. Eu tamén navegar, o título do seu discurso de entrada na RAG, converteuse nun dos hashtags máis compartidos pola comunidade poética galega.

Na admiración a Xohana Torres recollíase o recoñecemento a unha muller comprometida coa literatura e coa lingua galega da que todos forman parte, abofé, mais tamén e sobre todo, a admiración a unha conmovedora voz poética, única e irrepetible na súa singularidade.

SEN LÍMITES
A poesía é un xénero literario minoritario e a lingua galega unha lingua minorizada. A poesía galega, polo tanto, enfrontouse tradicionalmente á pantasma dos seus propios límites. De todos os modos, os poetas resístense a aceptalos e exploran alternativas para conmover mediante o feito poético ao maior número e diversidade de persoas. “O límite é unha cousa difusa, moitas veces dicimos que hai un límite que na práctica comprobamos que non é tal”, di María Lado (Cee, 1979) “En todo caso, ti como creadora tes que ser unha persoa aberta ante todo tipo de límites. Xa hai pouca xente para consumir cultura, como para saír aínda por riba co límite posto”. María Lado e Lucía Aldao son o exemplo de que o feito poético pode gañar seguido novos públicos saíndo dos formatos tradicionais do libro ou do recital convencional. “A min persoalmente gústame publicar, pero non creo que para ser poeta teñas que telo feito, creo que Lucía Aldao (A Coruña, 1982) é o mellor exemplo do que digo”. Cando se coñeceron Aldao e Lado decidiron que os recitais non podían ser aburridos, tiñan que ser cando menos tan divertidos como ir de carallada. Crearon o seu primeiro espectáculo en 2005: 'Onde estea un cubata que se quite un soneto', e dende aquela un público fiel, ás veces á marxe do público tradicional ou máis militante da poesía, segue a responder ante cada un dos seus shows.

Yolanda Castaño (Santiago, 1977), outro exemplo de superación dos límites tradicionais da nosa poesía e que é convidada decote a congresos internacionais ou eventos poéticos nos recantos máis afastados do planeta, considera que a existencia dun público militante da nosa poesía, sen ser negativo, debe ser entendido como un estadio máis nun proceso de normalización que avance cara ao reforzo dos sistemas ou dos mercados. Ese estadio, porén, acabou sendo moroso de máis no caso da nosa literatura. “Cumpría un cambio de actitude que comunicase un cambio da relación dos propios produtores e produtoras literarios coa poesía”. E engade: “Eu creo que non debemos sentirnos en inferioridade de condicións a unha poeta que escriba en esloveno, en islandés, en maltés ou en letón, só por falar de literaturas con menos falantes có galego. Hai que pisar forte, falar coa cabeza ben alta e ao mesmo nivel e co mesmo coñecemento de causa que quen escribe nunha lingua con estado e con mercado...”. E remata optimista, sen negar en todo caso as dificultades intrínsecas a unha literatura como a galega: “Ao final, ves que te escoitan ou te chaman independentemente da lingua na que escribes...”

Arquivado en: Literatura Galicia Poesía
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Culturas
Bob Pop “Mis poemas son unas croquetas sabrosas y no congeladas”
Escritor y vedete intelectual, acaba de publicar ‘De cuerpo presente’, un poemario donde responde 27 años y un diagnóstico de esclerosis múltiple después a sus miedos ante la enfermedad en la juventud.
Poesía
Poesía Por qué vive Roque Dalton: 50 años del asesinato del poeta de El Salvador
El poeta Roque Dalton sigue desaparecido desde que aquel día murió “muchacho” con 40 años de edad. Que Roque Dalton murió muchacho lo escribió su amigo Mario Benedetti, también poeta.
LGTBIAQ+
LGTBIAQ+ Unha casualidade, unha resposta masiva e un debate incómodo: a sentenza de Samuel Luiz en contexto
O 22 de maio, o TSXG ratificaba o veredicto do xurado popular e recoñecía que o asasinato de Samuel Luiz foi un crime motivado por LGTBIfobia. O caso supuxo unha mobilización sen precedentes.
Xunta de Galicia
Política A Xunta recibe ao embaixador de Israel en funcións mentres Gaza agoniza ao bordo da fame
O Goberno de Alfonso Rueda escenifica a súa boa sintonía coa Administración de Benjamín Netanyahu apenas unhas horas despois de que Israel bombardease unha escola que servía de refuxio e ordenase unha evacuación masiva en Gaza.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.

Últimas

Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.
Madrid
Derecho a la vivienda Victoria contra la Sareb: 16 familias consiguen firmar contratos después de años de lucha
Un bloque en lucha de Casarrubuelos (Comunidad de Madrid) consigue formalizar contratos con el banco malo, al que acusan de actuar “como un fondo buitre”. En Catalunya, diez ayuntamientos apoyan los reclamos de 62 hogares en huelga contra La Caixa.

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.