Poesía
Luz Fandiño, a poeta rebelde que loitaba cantando

Patricia González e Alejandro Balbuena, músicas e amigas de Luz Fandiño, foron as últimas persoas que a poeta recoñeceu antes un do seu desnacemento. Na mesma cociña na que estiveron con ela tantas veces, lembrámola.
Luz Fandiño pasamento - 5
Alejandro Balbuena Ojea e Patricia González Iglesias (Acordeireta) con Luz Fandiño o xoves 18 de abril, unha semana antes do seu desnacemento.
5 may 2024 12:00

O 1 de maio, o Día da Clase Traballadora, viaxamos a Saiáns, á casa de Patricia González Iglesias e Alejandro Balbuena Ojea, dúo vigués que conforman a agrupación Acordeireta. No traxecto en coche penso en Luz indo cara a mesma casa, na furgo de Alex e Patri, cheirando un limón para non marearse e bebendo groliños de auga con mel e pingueiras de limón. A casa das amigas de Luz está nunha curva. É unha casa con dous pisos, abaixo Patri ten o seu Obradoiro de Costura onde traballa: “Ás veces falaba con ela por teléfono mentres cortaba os vestidos e un dos recordos máis bonitos que teño é que me recitaba do outro lado do teléfono, iso era incrible”.

Obituario
Obituario | Luz Fandiño Ata sempre, comandanta!
Luz Fandiño era unha punky, inamovible nos seus ideais e no seu discurso. Unha muller que, a pesar de ter vivido as peores miserias, chegou ao final da súa vida coa súa enerxía adolescente e co seu espírito de loita intacto.

“A min tamén me recitaba ao teléfono, se cadra un poema que escribira ese mesmo día e dicía neniño, a ver se che gusta este poema que escribín hoxe”, engade Alex. “O máis lindo disto é que agora ao ler os seus poemas é como se puidese escoitar a súa voz”.  A voz de Luz Fandiño, con esa cadencia tan particular, soa na sala da casa de Patri e Alex, a través do seu poema Soedade, que forma parte do que será o novo disco de Acordeireta. “Ela puido escoitar este tema porque a rapaza que a coidaba, Laura LaMontagne, púxollo. Gustaríanos tela levado con nós cando teñamos o proxecto rematado pero non puido ser”.

Luz Fandiño pasamento - 3
Alejandro Balbuena Ojea e Patricia González Iglesias na cociña da súa casa, acompañadas dos libros de Luz Fandiño. Fotografía de Rui Grenha. Rui Grenha

Loitar cantando con Luz

Loitar cantando (2020) é o primeiro traballo de Patricia González Iglesias e Alejandro Balbuena Ojea. En homenaxe á súa amiga poeta puxéronlle de lema as palabra de Luz Fandiño. “Unha muller loitadora, valente, insubmisa e xenerosa que ilumina sempre o noso camiño coa súa sabedoría, memoria sen fin e alma moza. Cada verba súa é unha ensinanza para nós”, escriben no vídeo que está colgado na súa canle en Youtube, onde se pode ver á poeta rodeado dos seus porquiños (os bonecos que zurcía e agasallaba ás amigas e aos amigos). “O día da incineración de Luz ás persoas que nos acordou levamos os porquiños e xuntamos alí máis de vinte, e eu pensei, pero cantos porquiños tería feito esta muller, 200?”, pregúntase Patri.

O seu era estar nas manis, era a súa vida. Ás últimas que foi foron as que houbo por Palestina, escapoulle ás coidadoras e alí foi, con dous bastóns

No cuarto do fondo das amigas músicas viguesas de Luz hai tres bonequiños feitos por ela. “Cando durmía na nosa casa quedaba nese cuarto. Un día pola mañá espertou cedo e veu para a cociña onde estás ti sentada xusto e púxose a ler o Cancioneiro da loita galega de Florencio Delgado Gurriarán, cando nos erguemos aquí estaba toda emocionada lendo o libro e coas cadelas, Cuca e Nora, ao seu lado”. “Tiña unha devoción polas nenas e nenos e polos animais. Cada vez que ía andando e vía unha cadeliña xa quedaba con ela. Ás nosas fíxolle un poema a cada unha, primeiro a Cuca e logo para Nora”. “Sempre que falaba con ela por teléfono preguntábame polo meu compañeiro, Alex, e por elas”, di Patri. “Eu cando lle chamaba dicíalle son o pai de Cuca e Nora e xa me dicía ai neniño, ai neniño, toda emocionada”, engade Alex.

Coa mesma emoción acompañaba Luz Fandiño a Patricia González e a Alejadro Balbuena a todos os lugares aos que ían xuntas: concertos, foliadas, presentacións de libros, incluso á presentación do documental que conta a súa vida A poeta analfabeta, que realizou hai uns anos Cósmica Producións, baixo a dirección de Sonia Méndez, e, como non podía ser doutro xeito, tamén ían a manifestacións. “O seu era estar nas manis, era a súa vida. Ás últimas que foi foron as que houbo por Palestina, escapoulle ás coidadoras e alí foi, con dous bastóns”.  E que Luz foi sempre, así, “rebelde, Luz” (p. 44), escribe Lupe Gómez no libro Luz e Lupe (2005), a biografía que a poeta fixo da poeta rebelde.

“Contábanos que cando a policía lle pedía o carne de identidade nas manifestacións ela dicíalle que non o trouxera e cando lle pedían o nome daba o da súa avoa, e de domicilio o enderezo da casa onde nacera no Sar, que xa non vivía alí, e logo dicía, a ver neniña, que me van facer con 80 anos?”. “Unha vez díxolle a un policía que a pistola que tiña na man que a pagara ela cos seus impostos!”. Así era Luz, rebelde, Luz.

Luz Fandiño pasamento - 4
Alejandro Balbuena e Cuca xunto ao poema que Luz Fandiño lle escribiu á cadela, a quen lle tiña moito cariño. Rui Grenha

O éxodo e as fames

“Cando lle pregunto que é para ela a emigración, ela dime que é o desangre dunha terra. E acórdase tamén do que dixo Castelao que, os galegos cando ían á emigración, nunca se cortaba o seu cordón umbilical con Galicia” (p. 67), recolle Lupe Gómez (2005). Na biografía que ela mesma editou tamén sinala que Luz foise para Bos Aires con vinte e un anos (p. 72). “Contounos anécdotas moi duras de Bos Aires”, confesa Patri. “Luz sempre dicía que non viviu unha emigración, viviu un éxodo”, lembra Alex. Nos seus propios versos que conforman a Escolma de Poemas (1950-2010), editado no 2011, podemos ler: “Ministro da Emigración: / é que vostede sofre o desterro, / o sangar da nosa terra / ese éxodo tristeiro / que sofrimos uns millóns?” (p. 23).

Luz sempre dicía que non viviu unha emigración, viviu un éxodo

“Ela dicía que era analfabeta porque pasou moita fame, fame de comer e fame de ler”, di Patri: “Eu coñecín / as tres fames / duras e crúas / e as tres / fixeron o seu / irreparable mal. / A primeira rouboume / á miña avoíña / e á miña nai / e levoume / para o desterro. / As outras dúas / aínda non / as puiden vencer: / fame de xustiza / e fame de saber” (p. 34), escribe na Escolma de Poemas (1950-2010). “Para ela o ben máis prezado era andar cos libros na maleta”, recorda Alex. Ler e saber.

Para ela o ben máis prezado era andar cos libros na maleta

“As  miñas aulas / foron as cociñas / e os retretes. / Alí coñécese / a dureza dos mestres, / son os mesmos: / Arxentinos, / Españois ou / Franceses / cuspen sadicamente / os meus suspensos” (2011, p. 33). Luz traballou sempre servindo casas e limpando. “En Compostela traballou limpando os baños públicos, e andaba coa máquina de escribir entre limpeza e limpeza”, lembran Patri e Alex. “E cando lle quixeron quitar ese traballo as compañeiras pediron reunión co alcalde de Compostela daquela e non as quixo atender, pero un día Luz veuno pola rúa e díxolle de todo, e cremos recordar que seguiron traballando aínda un ano máis grazas a iso, era rebelde para todo!”, sentencian.

Berro en herdanza

“Luz sentiu, e aínda sente, verdadeira devoción polas dúas marabillosas mulleres que a fixeron nacer á vida con ilusión. A súa nai Marina e a súa avoa Felisa. Fala delas con moitísimo amor, e cunha chispa especial de alegría nos ollos. Como se delas herdase todo o que agora é Luz. A rebeldía, pero tamén o amor pola lectura e polas palabras” (Lupe Gómez, 2005, p. 31). “Mamá, mamaíña / Eu son produto da vosa vida, / da vosa historia, da vosa memoria (...) vós, mulleres libres, / mulleres na vosa época / incomprendidas”, podemos ler nun dos seus poemas (2011, p. 84).

Luz referíase á súa avoa como mamaíña. Ela foi quen lle transmitiu a importancia da lectura o do saber. “A mamaíña leía os libros clandestinos e era quen lle lía as cartas á xente de Compostela que non sabía. Entón ela dicíalle a Luz que tiña que aprender a ler, que eles o que querían e que fosen uns analfabetos que non soubesen ler”. As integrantes de Acordeireta lembran unha anécdota que lles contaba a súa amiga sobre o acontecido cunha bandeira cando ela era pequena: “era un día especial e Franco mandou poñer as bandeiras, e colleu a nai de Luz, que debía ser como ela, e puxo a bandeira da república, e todas lle dicían marcha ao monte que van ir a por ti. Veu a policía, e leváronlle a bandeira, e a nai chegou á casa, non viu a bandeira e foi ao cuartel e reclamala. Veño pola miña bandeira, díxolle, non será esa?, e contestou: pois si, dixeron que puxera unha bandeira, non cal, eu na miña casa non teño outra. E déronlla e foise para a casa. Esa rebeldía ela tamén a tiña”, afirma Patri. “Hai outra anécdota de cando as monxas lle mandaran cantar o Cara al sol co puño en alto, ela ía baixando o puño e castigábana e dicía se me cansa el brazo, se me cansa el brazo!”.

Luz Fandiño pasamento - 2
Patricia González e Noelia Gómez nun momento da entrevista o mércores 1 de maio en Saiáns. Rui Grenha

Os libros e o amor danzante

A primeira vez que Luz Fandiño entrou á biblioteca do Centro Galego de Bos Aires ía a acompañar a unha amiga ao médico. Parouse na vitrina ante un libro de Cabanillas e entrou para preguntarlle ao bibliotecario, o señor Ares, se podía mercalo. O bibliotecario díxolle que podía lelo no Centro e levar libros prestados. Así comezou o súa historia de amor cos libros, que xa nunca remataría. Cantos libros terá publicados Luz? Pregúntolle a Patri: “A rapaza que llos escribía, Merche, Merchiña para ela, di que cre que como mínimo vinte”. “Escribir a era a súa terapia”, di Alex. “A poesía é a miña táboa / de salvación. / A poesía é a esencia / da miña vida. / A poesía é a gamela que / me mantén a flote”, deixou escrito (2011, p. 204). Luz escribía moi amodo, tremíalle a man. Escribía a rotulador. Nos últimos anos asinaba cun selo. “Sinto que as miñas / man van máis lentas / e máis torpes / para coller / as palabras / que veñen / ó meu maxín / á velocidade do / lóstrego / e cando quero / retelas e no / papel plasmalas / outras coa mesma / présa ocupan / o seu lugar” (2011, p. 187).

“O último que nos dixo ao despedirnos foi vós sodes diferentes”

“Un día estaba Luz na biblioteca do Centro Galego, e viñeron uns mozos falar co señor Ares. Un deles fixouse en Luz Fandiño e faloulle dun coro que tiñan, no que ela podía entrar a cantar (...) O primeiro día presentáronlle a moita xente, entre eles a Casal. Casal era o profesor de baile. ¡Bailaba! ¡Como bailaba! di Luz toda emocionada, e recoñece que en certo modo namorouse del véndoo bailar” (Lupe Gómez, 2005, p. 119). Casal foi o amor danzante de Luz Fandiño. Pero ela foise para París e el para Estados Unidos. “Ten cartas enfadada porque el marchara”, “pero ela sempre dixo que non quixo ir para alá con el, tiveron durante tempo unha relación por carta, ata que el enfermou”, di Patri. “Como en Estados Unidos non tiña médico casou con el para que viñera para Compostela e puidera ter unha sanidade. Casounos Vidal Bolaño. Máis ou menos un ano despois faleceu”. Luz ficou viúva.

En vida

“Gústanos facer as homenaxes en vida, e con ela puidemos facelo”, afirman Alex e Patri. E que Luz era xusto o que quería, que a festexaran en vida, de feito, deixou escrito: “En vida! / Só en vida, / se de verdade / ben me queredes, / agasalládeme / cun feixe de verbas amigas. / En vida / (...) “regaládeme / as flores dun libro / de poesía, será / máis fermoso, / se a súa mensaxe / leva a denuncia / coas súas espiñas. / En vida! / Só en vida!” (2011, p. 130). E cantou, vaia se cantou Luz, até o último minuto! Alex e Patri foron visitala ao seu piso de Compostela a semana antes do seu desnacemento. “Fomos as últimas persoas que recoñeceu”. “Cando nos veu emocionouse e comezou a cantar primeiro o himno de Alfredo Brañas e despois Loitar cantando”. “Apertounos forte as mans, tiña as uñas pintadas de violeta”. “Tivo a miña cara nas súas mans e ficamos mirando durante moito tempo un para a outra, como dúas persoas namoradas”, sentencia Alex. “O último que nos dixo ao despedirnos foi vós sodes diferentes”. E así se despediron Patri e Alex da súa compañeira e amiga, a nena-vella rebelde coa que xa sempre cantarán loitando.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Investigación
Investigación Varios refuxiados denuncian á ONG Rescate Internacional por explotación laboral e agresión sexual
A Garda Civil investiga o centro de Mondariz-Balneario tras varias denuncias por parte de voluntarios migrantes que aseguran traballar sen contrato a cambio de 50 euros semanais. A ONG xestiona 1.700 prazas do programa estatal de acollida.
Medio rural
Rural A Escola dos Pobos chega a Lugo para reivindicar un mundo rural con futuro
A iniciativa, que impulsa a transformación dunha antiga casa solariega das Merindades nun espazo de formación e encontro, preséntase este mércores en Lugo co apoio do Sindicato Labrego Galego.
Altri
Altri Centos de persoas enchen o río Ulla nunha protesta histórica contra a celulosa de Altri e a mina de Touro
O río potencialmente máis afectado por ambos proxectos converteuse este domingo nunha vía de protesta e conciencia ambiental grazas á decida de decenas de embarcacións dirixidas por activistas de todo o país.
Investigación
Investigación Varios refuxiados denuncian á ONG Rescate Internacional por explotación laboral e agresión sexual
A Garda Civil investiga o centro de Mondariz-Balneario tras varias denuncias por parte de voluntarios migrantes que aseguran traballar sen contrato a cambio de 50 euros semanais. A ONG xestiona 1.700 prazas do programa estatal de acollida.
Comunidad de Madrid
Luis A. Ruiz Casero “Durante la transición la cárcel de Carabanchel albergó a más presos que en algunos años del franquismo”
De los presos franquistas que construyeron el penal, pasando por los que fueron fusilados, hasta los revolucionarios que pusieron patas arriba el centro penitenciario con iniciativas como la COPEL, Luis A. Ruiz Casero ofrece en 'Carabanchel. La estrella de la muerte del franquismo', un documentado homenaje a las luchas de las personas internas.
Industria armamentística
Genocidio Las relaciones armamentísticas de España e Israel han sido “más lucrativas que nunca” desde octubre de 2023
Un informe del Centre Delàs señala diferencias significativas en las armas que España dice que ha vendido a Israel y las que Israel registra. Las empresas israelíes han firmado 46 contratos con las administraciones por más de mil millones.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'Os Pecadores' loitan contra montruos reais e mitolóxicos no novo episodio de 'O Teleclube'
O dúo do director Ryan Coogler e o actor Michael B. Jordan estrean unha película sobre a experiencia afroamericana cunha ameaza sobrenatural engadida.
Opinión
Opinión ¡A la mierda Europa!
Hay otra Europa que es víctima de la Europa neoliberal y belicista que apuesta por la industria de las armas a costa de los derechos sociales, es una Europa que se muere de vergüenza cada vez que ve imágenes de Gaza o Cisjordania.
Laboral
Laboral Al borde de la huelga en la educación pública vasca
Los cuatro sindicatos convocantes denuncian que el Departamento de Educación vasco no se han sentado a dialogar hasta este viernes pocos días antes de los paros
Laboral
Laboral Los sindicatos convocan huelga en Mediapro durante las últimas jornadas de la liga de fútbol
El final de la liga de fútbol podría no verse en televisión si la empresa HBS, nueva adjudicataria de la producción de La Liga, no garantiza la subrogación del personal. Los sindicatos han convocado huelga del 13 al 27 de mayo en el grupo Mediapro.
Palestina
Ocupación Isarelí Primera movilización unitaria contra el genocidio en Palestina y por el fin del comercio de armas con Israel
Este sábado 10 de mayo se espera en Madrid una asistencia multitudinaria de personas venidas desde cientos de municipios de todo el Estado español para concentrar la protesta de los ataques indiscriminados del Israel contra la población palestina.
Tribuna
Tribuna Para acabar de una vez con las nucleares: sobre el último intento de prolongar la vida de las centrales
Los voceros de la nuclear han encontrado la oportunidad ideal para difundir sus bulos con el apagón del 28 de abril. Quieren generar polémica para mantener operativa una infraestructura innecesaria, peligrosa y que genera residuos incontrolables.
Análisis
Análisis ¿Existe una identidad europea?
El 9 de mayo se celebra el “día de Europa”, que conmemora la paz y la unidad en el continente y que coincide con la declaración presentada en 1950 por Robert Schuman que sentó las bases de la cooperación europea. Pero, ¿qué es Europa realmente?
Estados Unidos
Libertad de expresión Canadá recomienda al profesorado LGTBQ+ o crítico con Trump no viajar a Estados Unidos
Una circular de la Asociación Canadiense de Profesores Universitarios (CAUT) recomienda “encarecidamente” que el personal académico viaje a los EEUU “solo si es esencial y necesario”.
El Salto Radio
El Salto Radio Malismo
Hacerse el “malote” aporta beneficios: entrevista con Mauro Entrialgo, autor de Malismo, un ensayo sobre los mecanismos de ostentación del mal

Recomendadas

Laboral
Laboral Coidar sen dereitos: a loita das traballadoras nas residencias privadas de Galiza
Sen tempo nin medios para ofrecer uns coidados axeitados, alertan dunha situación insostible nos centros e denuncian a privatización dun servizo a costa do benestar das persoas maiores e dependentes.
Pensamiento
Lola Olufemi “No me atraen las utopías lejanas, estoy más interesada en el ahora”
La escritora e investigadora británica Lola Olufemi trabaja desde la certeza de que el presente no es una jaula, desde la confianza en que viviremos cosas diferentes aunque no se sepa exactamente de qué tipo van a ser.
Catalunya
Acción directa Las Sublevaciones de la Tierra francesas llegan a Catalunya: “Necesitamos una forma nueva de luchar”
Una acampada de tres días y una acción simbólica han sido el pistoletazo de salida de Revoltes de la Terra. La organización ha sido capaz de unir a ecologistas de campo, de ciudad y campesinado en una dinámica de lucha “nueva”.