A Anova de Beiras e Martiño Noriega volve pedir o “voto utilitario antifascista” para o BNG

A organización chama á participación nas urnas baixo o paraugas soberanista e o exemplo da xenerosidade política do histórico líder nacionalista: “Ninguén pode quedar na casa cando a propia casa de todas está en perigo”.
pontón noriega beiras
A líder do BNG, Ana Pontón, xunto ao voceiro nacional de Anova, Martiño Noriega e o histórico dirixente nacionalista, Xosé Manuel Beiras..

Anova-Irmandade Nacionalista, o partido de Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega, lanzou un “chamamento urxente” a defender a democracia ante unhas eleccións xerais, as do vindeiro 29 de novembro, nas que están en risco as conquistas en materia de dereitos das últimas décadas. A formación pide á cidadanía galega un “voto utilitario antifascista” e reclama o apoio á candidatura soberanista do BNG.

Nun comunicado, a organización sostén que os partidos políticos teñen a obriga de entenderse e proxectarse na sociedade como ferramentas ao servizo das maiorías sociais, “nunca como un fin en si mesmo”. Anova, que se define como espazo soberanista e republicano, asegura facer feito desta máxima a súa praxe política dende a súa fundación, inspirada no exemplo de Xosé Manuel Beiras, a quen chaman “irmán”.

A formación lembra que nos anos dez impulsou espazos transformadores de unidade popular entre distintas sensibilidades da esquerda galega e que, nestes “convulsos anos vinte”, optou por alimentar os vasos comunicantes cos movementos sociais, manter o seu traballo nas candidaturas municipalistas e amosar o seu apoio ao cinto soberanista das nacións do Estado. Ese cinto, afirma, foi nos últimos tempos a voz das maiorías sociais nas institucións e un antídoto contra as extremas dereitas, e represéntano espazos como EH Bildu, ERC, a CUP e, en Galiza, o BNG. Segundo Anova, isto explica algunhas das súas posicións alén dos “minorados marcos partidarios” e das “tácticas cativas”.

“Ninguén pode quedar na casa cando a propia casa de todas está en perigo”, reclaman dende Anova

O comunicado fala dun “momento de emerxencia” no que moito do construído durante anos “pode esvaecerse en meses”, a pesar do compromiso dunha cidadanía activa coa defensa do feminismo, a lingua galega, os servizos públicos, o dereito á vivenda e unha transición ecolóxica xusta. Anova considera necesario acompañar esa resposta colectiva ante quen deshumaniza o outro e cuestiona os consensos máis básicos, e que, denuncia, están dispostos a empregar todos os medios para reprimir a quen non acate o seu mandato.

A organización defende que as prazas e as rúas “volven marcar o camiño”: organización, programa de ruptura, folga xeral e combate cívico en todos os espazos nos que a extrema dereita pretenda normalizar “a barbarie”. Nese contexto, aboga por apostar pola diversidade e tecer alianzas sociais e políticas na defensa de “pan, traballo e teito”, sen esquecer que os espazos nos que non se exerce poden ser ocupados pola “negra sombra da longa noite de pedra”.

Por todo isto, Anova fai un chamamento á participación da cidadanía galega cun voto utilitario antifascista nas xerais do 29 de novembro e pide o respaldo en Galiza á candidatura soberanista do BNG. O comunicado remata cunha consigna: “Ninguén pode quedar na casa cando a propia casa de todas está en perigo”.

Política
Os enredos da Fronte Ampla e de Podemos achegan o BNG ao seu mellor resultado en tres décadas
O debate da esquerda confederal centrado no eixe Madrid-Barcelona e unha implantación territorial inexistente fan soñar as voces máis optimistas da Executiva Nacional do Bloque con ata catro escanos no Congreso.
Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra en tu cuenta.
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...