Política
O Foro La Toja convida ao ex primeiro ministro israelí Ehud Olmert xunto a altos cargos do PP e PSOE

O Foro La Toja, coñecido fóra do país como 'o Davos galego', acostuma reunir cada ano na illa da Toxa (O Grove, Pontevedra) a pesos pesados do bipartidismo español xunto a un bo puñado de empresarios e outros políticos da dereita internacional. Este ano, os organizadores do berce extraparlamentario da dereita galega elixiron como conferenciante ao ex primeiro ministro de Israel, Ehud Olmert, máximo responsable político da masacre de Gaza durante a autodenominada Operación Ferro Fundido de 2008 e a Segunda Guerra do Líbano en 2006. Invasións militares nas que morreron asasinados centos de civís, sobre todo palestinos.
Tras facerse pública a noticia da axenda de La Toja, a Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina convocou para o próximo sábado 4 de outubro, ás 10.30h, unha mobilización que comezará na rúa Castelao e rematará no Hotel do Grove, onde se estará celebrando o ciclo de conferencias.
Ehud Olmert, que se mostrou lixeiramente crítico co xenocidio encabezado por Benjamin Netanyahu en Gaza, foi en repetidas ocasións condenado polos tribunais de Israel por corrupción, por aceptar subornos para favorecer pelotazos urbanísticos en territorios ocupados no coñecido como caso Holyland e tamén por obstruír á xustiza en ambos procedementos. Acabou cumprindo apenas 16 meses de cárcere. Tras saír, comezou a moderar o seu discurso; chegou a cualificar como “crimes de guerra”, no diario Haaretz, algunhas operacións de Netanyahu en Gaza.
No Foro La Toja, como é habitual, compartirán micrófonos altos cargos do Partido Popular e do PSOE, así como persoas de ambos partidos que teñen ou tiveron postos de mando no Goberno español: Alberto Núñez Feijóo, presidente do Partido Popular e líder da oposición; Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galiza; Amanda Sloat, directora senior para Europa no Consello de Seguridade Nacional de EE.UU.; Antón Costas, presidente do Consello Económico e Social de España, Arancha González Laya, exministra de Asuntos Exteriores de España e decana en Sciences Po; Carlos Cuerpo, ministro de Economía do Goberno de España; Ernesto Zedillo, expresidente de México; Juan Manuel Moreno, presidente da Junta de Andalucía e vicepresidente do Comité das Rexións da UE; Mariano Rajoy, expresidente do Goberno de España (2011-2018); Margaritis Schinas, exvicepresidente da Comisión Europea; Meritxell Batet, expresidenta do Congreso dos Deputados de España (2019-2023); ou Soraya Sáenz de Santamaría, exvicepresidenta do Goberno de España (2011-2018).
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!