Política
Xosé Manuel Beiras: “A esquerda estatal á esquerda do PSOE leva ano e medio dando un recital de apoio ao PP”

O histórico líder nacionalista analiza devagar os erros das coalicións coa esquerda federal e acredita en que o futuro da transformación social está fóra das institucións.
ENTREVISTA BEIRAS - 1
O histórico líder galeguista, Xosé Manuel Beiras, no salón da súa casa. Bea Saiáns

Os cadros asinados por Aurichu Pereira nas paredes da súa casa dan testemuño da importancia que a pintora compostelá segue a ter na súa vida. Viúvo desde novembro de 2023, Xosé Manuel Beiras (Santiago de Compostela, 1936) pasou por unha fochanca que tivo que interromper momentaneamente para ocuparse doutras das paixóns da súa vida, a política do nacionalismo galego. O pasado inverno, o reencontro do histórico líder galeguista co partido que impulsou e que logo lle deu as costas, o Bloque Nacionalista Galego, tivo unha importancia fundamental na onda de entusiasmo que se xerou arredor de Ana Pontón para as eleccións do 18 de febreiro. Pechábase un círculo que estivo marcado polo paso que o mesmo Beiras deu en 2012 cando apostou polo establecemento dunha alianza coa nova esquerda confederal xurdida despois da crise financeira e en plena onda de austeridade. Hoxe, Beiras mira con desesperación e algo de rabia os erros desa mesma esquerda e asume que o futuro da transformación social está lonxe das institucións.

Como viviches desde dentro todo o proceso previo a esa escenificación do reencontro do nacionalismo galego para as eleccións á Xunta?
Sabedes que houbera conversas dende finais do verán, primeiro entre persoas e logo xa entre delegacións. O Bloque estaba moi lanzado, mesmo, a que Anova fose co BNG nunha especie de coalición asimétrica. Así foi como lle chamaron. Pero de repente, pararon todo. Estaban interesados en que seguise habendo un diálogo. Polo horizonte que hai e para poder seguir ampliando o espazo do nacionalismo, pero que tiñan problemas con algún sector interior que non quería e entón quedou en nada. 

Anova atopouse con que, por unha banda, Sumar estaba presionando moito para fichar a Martiño [Noriega]. Facían moito ruído fóra e iso facilitáballe ao BNG non facer nada. A min non me contaban nada para non darme a lata porque Aurichu [a súa compañeira] morrera o primeiro de novembro. Pero un día, preto de Noiteboa, pedinlle a Martiño que me contara como estaban as cousas e iso foi o que me contou. Nós non podiamos montar unha candidatura e con Sumar dende logo que non iamos concorrer. Entón, Martiño e eu fomos á coordinadora de Anova a propoñer deixar claro publicamente que con Sumar non iamos facer nada e propoñerlle ao Bloque facer un documento de declaración de vontade, de comezar un diálogo, e que con ese documento nós apoiaríamos esa campaña sen ir nas listas. E foi o que pasou.

ENTREVISTA BEIRAS - 2

Fuches parte de todas esas persoas que tiñan esperanza de cambio?
Para min foi moi emocionante e moi instrutivo. Primeiro tivemos o acto de Martiño, Pontón e eu en Compostela, que foi moi ben, tivo moita repercusión. Ao día seguinte chamoume Ana Pontón para dicirme que quería falar comigo a nivel individual e discretamente e viu á miña casa. E nesa conversa comezou a dicirme que había moita xente no Bloque doída porque Anova, cando as Mareas, fora con Podemos. Entón pareina e díxenlle que por aí non fora porque entón imaxina como estariamos coa política de terra queimada que fixeron con nós nos Gobernos das Mareas.  E eu? Teño que saír a apoiar ao Bloque despois de todo o que me fixeron? Entendeuno e explicoume que tiñan unha asemblea en novembro e que non querían ir cunha cousa xa prefixada. Pero ao final foi simplemente ese documento de declaración de vontade.

En parte, tamén te convenciches daquilo porque a túa presenza foi fundamental nos mitins.
Estiven no da Coruña, no de Vigo e no de Compostela. Para min, o máis impresionante foi ver a moita xente nova e non tan nova que se achegaba e que nos daba as grazas por todo o que estabamos a facer e pola xenerosidade. Non sei se se lle escapou, pero Ana dixérame que tiñan enquisas fiables que dicían que o 40% do electorado que estaba propenso a absterse era do Bloque. Eu coido que o de Anova mobilizou a moita desa xente. Logo tamén vivín o reencontro con moitos cadros e moita xente do BNG. Algunhas un pouco... Viñan darme unha aperta, pero as cousas que me fixera non son para contar, pero bueno, tanto ten.

Chegaches a pensar que podía mudar a situación de Galiza nas pasadas eleccións?
Se eu pensaba que podía mudar a situación? Eu pensaba que a condición era que non pinchase o PSOE. E moito me temía que ía pinchar. E non foi que pinchase, rebentáronlle as catro rodas. Malia ter o mellor candidato que tivo nos últimos tempos, que é Besteiro, outra vítima da maxistratura.

Ademais da insistencia de Sumar en fichar a Martiño Noriega como candidato á Xunta, houbo algunha vontade de construír dende abaixo ou era máis ben unha estratexia para facerse co seu capital político?
Sumar? Que va. A min non me encaixa no meu caletre, non o comprendo. Para min, a primeira traxedia e o perigo máis grande que hai de agora en diante nesta lexislatura é que a esquerda estatal á esquerda do PSOE leva ano e medio dando un recital de apoio ao PP. Andan a hostias. Que se son galgos ou podencos. Son cans e vanche trabar. Sexan uns ou outros. É horrible. Como van construír dende abaixo se eles abaixo non teñen nada? Eu sei o que hai porque montamos AGE [xunto a Yolanda Díaz] de urxencia en 2012. Sabía o que tiña Esquerda Unida e ademais viuse: Sumar saíu de aí e de Podemos. Un partido que aquí nunca tivo bases e tamén andaron en retesías constantes. Coido que agora nin sequera podían propoñer esa construción dende abaixo con este colectivo dunhas 500 persoas que hai en Anova, que non existe como entendo eu unha forza política. Anova ten un patrimonio do que fixo, que foi valente, que rompeu esquemas.

ENTREVISTA BEIRAS - 3

Que levou á Anova á aposta de encontro coa esquerda española aquel Día da Patria en 2012?
Por que en 2012, en Mazarelos no Día da Patria, lanzamos aquela proposta de apostar polo improbable? Nunha nación sen estado, un movemento nacionalista, un movemento emancipador de esquerda, como foi o nacionalismo galego, ten que xogar nun sistema de dúas coordenadas de esquerda a dereita. Tes que ter por unha banda a contradición de clase e, pola outra, a contradición nacional. Se os superpós como transparencias, as posicións non coinciden. Entón, tes que tratar de diagnosticar a situación en base a esa conxugación. No ano 2012, en plena recesión, nós considerabamos que a contradición dominante era a de clase. O que preocupaba máis á xente, tamén ao electorado nacionalista, eran os problemas propios da hexemonía dunha dereita cafre, do ultraliberalismo. Por iso lanzamos a idea de que había que facer un frente amplo. Entón pasamos esa fronteira entre o nacionalismo e o españolismo. Se hai forzas de ámbito estatal non nacionalistas pero que asumen os dereitos do pobo galego como nación a exercer a súa soberanía, tentemos establecer pontes con elas.

Pode ser que o BNG non entendera aquel momento político?
Se o BNG chega a entender que aquilo non era derivar cara o españolismo senón romper a fronteira con xente que non era nacionalista, pero que si que entendía o proceso de emancipación e non era antinacionalista, a historia de AGE sería distinta. Feijóo perdería as eleccións [de 2012] e ademais o nacionalismo hoxe sería hexemónico. Pero non pasou así. Lembrades que sempre se dicía o de “non nos representan”. Esa nova articulación política requiría incorporar nos cadros da organización a toda a xente que loitaba na sociedade civil. Eu detectara a toda esa xente no Nunca Máis e cando tivo lugar o proceso de loita contra os proxectos de piscifactorías. Había que captar a toda esa xente nova que estaba loitando neses procesos, pero non pasou así. O organigrama foi cooptado, fundamentalmente, por cargos das vellas organizacións e se reproduciron os vellos vicios.

E despois dese proceso, o espazo político do que fas parte perdeu a esperanza na confluencia coa esquerda federal española?
Os movementos nacionalistas progresistas teñen que ter claro que se queres cambiar o modelo de Estado, tes que acumular forzas para dar a batalla no corazón do Estado e iso non podes facelo sen contar coa esquerda estatal. Esa é a razón de ser das alianzas. Pero, ao mesmo tempo, as esquerdas á esquerda do PSOE de ámbito estatal teñen que ter en conta que sen a alianza cos nacionalismos progresistas, tampouco poden mudar as cousas. A miña relación con Pablo Iglesias tamén deu conta disto. Cando vin como actuaron en relación ao referendo do 1 de outubro [de 2017] e nas eleccións que viñeron despois, díxenlle a Iglesias que non podían estar na neutralidade. Non hai posición equidistante posible. Ou estás con eles pelexando contra un inimigo común aínda que non compartas todas as súas teses, ou estás dándolle osíxeno ao opresor.

ENTREVISTA BEIRAS - 4

Cres que iso é unha cuestión ideolóxica dos cadros dese espazo político que teñen interiorizado certo nesgo xacobino ou chovinista ou ten máis que ver coa política moderna de ver gráficas e demoscopia que lles di temos que coller esta vía e non outra?
Unha combinación deses dous factores. Hai moitas excepcións, pero a súa formación ideolóxica, principalmente a xente que vén do PCE, constitúe unha lectura do marxismo deturpada porque nas cuestións nacionais é a lectura do stalinismo, non de Lenin. Se iso o insires nas dinámicas e nas dialécticas do Estado español, pois aínda é máis grave. Non o entenden. E cando acaban por entendelo, á hora da verdade, éntralles vertixe de dar o paso correspondente. Non son quen.

Inicialmente, as mareas foron unha historia de éxito.
Con aquela alianza de En Marea, en Galiza conseguimos romper por moito o teito histórico que tivera o BNG xamáis, seis deputados e dous senadores. Retorcendo o regulamento da Cámara, negáronnos o grupo propio e sector nacionalista de En Marea quería ir ao grupo mixto, como fixo Compromís. Nós, por lealdade e porque considerabamos que era un acordo estratéxico importante, aceptamos a proposta de elaborar un documento que marcase as pautas de funcionamento do grupo confederal. Os deputados e deputadas de En Marea, funcionarían como grupo parlamentario dentro e incluso terían liberdade de voto para discrepar de Podemos. Con esas condicións, aceptamos, pero saboteárono dende o primeiro día. Tristemente, tamén dende o propio grupo. Concretamente, Yolanda Díaz e Antón Gómez Reino. Entón, chegou o momento en que as pautas que marcaba o órgano dirixente de En Marea en Galiza non eran seguidas polo grupo parlamentario porque tiñan maioría aliñada con Podemos. Sabedes a frase lapidaria de Castelao, verdade? O máis parecido a un chauvinista español de dereitas é un chauvinista español de esquerdas.

Canto disto que acontece cres que ten que ver cos novos xeitos de facer política baseados nos hiperliderazgos? É dicir, a fin das grandes organizacións en favor desta idea do ‘partido cartel’ cunha estrutura completamente vertical e no que non interesan as bases.
Infortunadamente, os partidos políticos que xurdiron do 15M acabaron reproducindo unha nova casta. Pero por que acabou funcionando con esa verticalidade? Porque os cadros primordiais da nova organización tiñan a incultura política e os hábitos adquiridos nas formas de organización que eles mesmos criticaban. E aínda que nun momento propuxeron rexeneración, na práctica acabaron funcionando así e tamén pasou no propio nacionalismo, no BNG a partir do 2003. Temos que ter en conta, sempre, os nosos propios erros e facer autocrítica.

Creo que eu sempre tiven en conta que nós temos problemas internos na nosa sociedade dos que sempre se lle bota a culpa por parte das elites dirixentes aos cidadáns e non é así. Nos cidadáns hai de todo, pero nas elites están eses vicios adquiridos de corte non democrático nas súas pautas de comportamento interno. Agora átame esa mosca polo rabo, como resolves iso? Pois até o de agora non se resolveu.

ENTREVISTA BEIRAS - 5

Ata que punto nós subestimamos o ataque do Estado? A través da xudicatura, vemos como o Estado atacou e ataca os movementos sociais, a Podemos, ao independentismo vasco e catalán... Debemos telo en conta nestas análises?
Por suposto, eu non o subestimo en absoluto. É o que Gerardo Pisarello chamou “un proceso desconstituínte”. En positivo, a cidadanía quere mudar as cousas, di que hai que ir cara unha nova creba democrática, que este réxime non pode ser, que esta Constitución xa non vale... Pero, ao mesmo tempo, hai un proceso deconstituínte dende as propias estruturas do Poder. E o paroxismo disto é cando a cúpula do Poder Xudicial se convirte nun poder golpista e sediciosa polo menos dende hai cinco anos. O problema está en que a Constitución non dota á cámara de representantes dos resortes necesarios para impedir ou cando menos para coartalo. E igualmente coa lei que regula a escolla do CXPJ e polo tanto de tódolos órganos xudiciais. É grotesco, surrealista, o esperpento do Valle Inclán. E a Unión Europea, incapaz de facer nada. 

En que sentido?
No canto de ser o resultado dunha gran confederación, un construto político, a UE pasou a ser unha institución ao servizo do gran capital. E como o gran capital europeo está trufado do gran capital norteamericano pois funciona como funciona, que non pode nin lexislar, senón que colexisla. Entón que carallo de democracia é esa? A Unión Europea é un espellismo. Evidentemente, todo isto está sostido polos grandes poderes mediáticos ou, como lle digo eu, a fábrica de estupefacientes. Nos anos noventa falábase da Brunete mediática, agora aquilo é un anano comparado con isto.

Sen exculpar a ninguén, quizais tamén falta certo recoñecemento dos poderes salvaxes que dicía Ferrajoli.
Sempre o recoñecín. Por que cres que nós aceptamos concorrer con estas alianzas? Eramos conscientes. Pero o primeiro que tes que facer como organización política é a revisión dos teus erros porque a esquerda está abocada a repetilos e cando os repite é peor aínda que a primeira vez que os cometeu. Por suposto que hai culpas no Estado español, pero tamén as hai no país e non hai excusa.

Falabas antes e falouse moito da relación de Yolanda Díaz co espazo político de AGE e, noutros lugares, dixeches que non fas axustes de contas, pero que leccións extraes desa relación coa esquerda federal e deste cambio de ciclo político que poidan servir para o futuro da esquerda?
Vós credes que hai cambio de ciclo?

Polo menos é decrecente en canto a rendemento político.
Estamos no mesmo ciclo, pero nun momento de decadencia e descomposición. O aparato deste réxime, que é un réxime podre e en estado de descomposición dende polo menos hai 15 anos, é como unha planta carnívora. Non crea nada e devora todo. É como esa imaxe do cadáver que parece que se move, pero o que pasa é que son os vermes que están dentro comendo. O réxime é o cascarón, a superestrutura, que cando chega a gobernar a esquerda, como pasa cos gobernos de Pedro Sánchez, ten o Goberno, pero non ten o poder. E onde está o poder? Fóra! E ademais lonxe das institucións políticas, sempre foi así, está ben claro. É o gran capital quen manexa os fíos. Porén, hai etapas nas que non lle queda outra que chegar a acordos.

De onde vén iso?
Estamos nun período contrarrevolucionario longuísimo que empeza nos anos setenta. A min asómbrame non ver utilizar a dirixentes da esquerda isto que acabo de dicir. Non se utiliza esa expresión, quizais asusta á xente, pero que outra cousa é? Un ciclo contrarrevolucionario. Iso está claro en [Giovanni] Arrighi ou [Immanuel] Wallerstein. Estou moi de acordo coa tese de Arrighi de que a fase decadencia dunha hexemonía acaba nun período de caos sistémico, que é onde estamos agora.

Como ves o crecemento da extrema dereita?
O gran capital é o que crea a ferramenta do fascismo. Canto se tardou na esquerda e nos medios de comunicación de esquerda en denominar fascismo ao que temos hoxe? Canto se tardou en percibir que o proceso de fascistización das sociedades europeas occidentais viña dende os anos noventa? Cando eu dicíao, moitos amigos, mesmo de esquerda de verdade, dicíanme “Beiras pásaste”. Cando eu escribín por primeira vez que os israelís eran os nazis de arestora, así literalmente, foi nun artigo na madrugada en que se declarou a Guerra do Golfo. Era o ano 1992, ao final, pasábame de rosca? 

Entón, cal é a diferenza entre os fascismos dos anos vinte e trinta do pasado século e os actuais? 
A diferenza crucial é a morfoloxía do gran capital. Daquela, os capitais hexemónicos eran os capitais monopolistas dos Estados. Por iso o Estado tiña tanta importancia e por iso había que coller o aparato do Estado e prohibir todo: a liberdade de prensa e de partidos, etc. Os líderes da esquerda, que non teñen porque ser grandes intelectuais, si que teñen que ter acceso a estes coñecementos dalgún xeito. Se queredes un sarcasmo, dígovolo cun dos problemas da esquerda. É tan improbable que un politólogo formado nas universidade sexa un bo político como que un crítico literario escriba unha boa novela. Hai poucos.

A historia evolúe en espiral, en tres dimensións. Se ti, un analista, proxectas sobre un plan en dúas dimensións, tes un círculo

Aproveitando eses paralelismos que fas cos anos vinte, sobre a túa propia biografía. Ti naces cando o imperio con máis alcance da historia está no seu mellor momento de desenvolvemento. E agora estamos no comezo da súa decadencia ou polo menos en confrontación contra o imperio emerxente que é China. Estás na Sorbona cando está acontecendo todo o de Arxelia e agora estamos nun momento no que está acontecendo o de Gaza. Como interpretas este paralelismos no sentido de que tipos de relación entre pobos, no marco do internacionalismo, teñen que traballarse agora?
Intentar contestar a isto sería pura soberbia, pero podo intentar dicir algunhas cousas. A historia non se repite. Iso é unha mala lectura do brumario de Marx. El non fala da historia, el fala dos dirixentes. É moi distinto. A historia si que evolúe en espiral, en tres dimensións. Se ti, un analista, proxectas sobre un plan en dúas dimensións, tes un círculo. Pero se introduces a terceira dimensión, é unha espiral. Entón, hai momentos na espiral que estás na vertical de algo que aconteceu anteriormente e é análogo, pero non é o mesmo. Isto é o que está a acontecer coa metamorfose dos fascismos en sentido amplo, non no sentido estrito político. Cómpre coñecer ese pasado para non repetir eses erros, dende logo. Que pasa na República de Weimar nos anos trinta na esquerda? Por unha banda, o stalinismo empeza a facer machadas no partido comunista alemán. Pero, ao mesmo tempo, o Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD) e o Partido Comunista Alemán (KPD) están enleados nunha retesía mentres o nazismo está en ascenso. É un momento clave. Cando os nazis queiman o Reichstag, collen un chibo expiatorio comunista que non era alemán, importante. Entón, o partido nazi propón a expulsión dos deputados comunistas, que eran arredor de oitenta. E a SPD vota a favor da expulsión dos deputados comunistas. Agora, pensade en cousas que están acontecendo nos últimos tempos. Mirade por exemplo o festival de Eurovisión, onde os rusos son malísimos e os xenocidas israelís, non. E se te rebelas contra iso, es antisemita. Só unha mostra. Con que os dirixentes da esquerda lesen o capítulo sobre os anos vinte e trinta de O eclipse da fraternidade de Antoni Domenech, algo sacarían. Dende logo, Yolanda Díaz aprendería algo.

ENTREVISTA BEIRAS - 6

Que tipos de relación entre pobos, no marco do internacionalismo, teñen que traballarse agora?
Sobre o internacionalismo, algo xa se fixo, pero acabou como o rosario da aurora. Os Foros Sociais Mundiais. Era a nova Internacional, só que non era unha Internacional de partidos. Era unha internacional de redes de combate altermundista fronte a globalización actual. En canto a partidos políticos, só había nas últimas xornadas unha especie de foro, a proposta do grupo onde estaba Camilo Nogueira do BNG e Os Verdes-ALE. Eu vivín todos os foros agás o primeiro. Sabedes cal foi a cifra de inscrición no 2003? 150.000 persoas. Hai algún caso análogo nestes vinte e pico anos que pasaron? Logo foi Bombay, Portoalegre, Kenia e Belém do Pará, onde emerxen todos os movementos indixenistas dos pobos orixinarios. Alí tamén se crea a rede mundial dos dereitos dos pobos, dende os maias guatemaltecos até os mapuches de Chile e Arxentina. Foi impresionante.

Cal era ese novo suxeito histórico?
Dende as revolucións do XIX, o suxeito histórico, o motor do avance histórico era un suxeito homoxéneo, de clase. Fundamentalmente, o proletariado industrial. Hoxe, o suxeito histórico é plural e diverso e, naquel momento, tiña que lanzarse á palestra política: teríamos a nova Internacional. Aquel modelo dos Foros Sociais Mundiais estaba chamado a ser a nova Internacional sempre que se conectase coa instancia política, pero non se fixo. En calquera caso, a hexemonía yankee é como un dinosaurio ferido de morte. Nos seus últimos coletazos aínda pode destruír moitísimas cousas.

Como cres que hai que actuar neste momento histórico?
Nas relacións internacionais hai que tecer relacións entre as cidadanías e das súas organizacións, como se fixo no primeiro decenio deste século nos Foros Sociais Mundiais, pero catapultándoo á instancia política. E nesa instancia política existen as ferramentas e os actores capaces de participar diso e servir de ponte coa sociedade civil? Pois non porque a maior parte nin sequera saben de que vai. A min resúltame difícil crer que se os dirixentes de Sumar, de Izquierda Unida ou de Podemos tivesen conciencia destas cousas fixesen a cantidade de estupideces que levan feito nos últimos anos. Están cegos, non ven nin a realidade circundante. Iso que significa? Unha mediocridade alarmante.

O tema é quen prende a mecha. Precisamos lucidez e coraxe e onde está a fallar é por arriba, non por abaixo

Ti naces cando o imperio con máis alcance da historia está no seu mellor momento de desenvolvemento. Agora, estamos no comezo da súa decadencia ou polo menos en confrontación contra o imperio emerxente que é China.
A hexemonía ianqui en que se basea? Non é a primeira potencia industrial dende hai moitísimo tempo; non é a primeira potencia militar en terra, enlámase sempre, Afganistán, Iraq e Ucraína; e tampouco é a potencia exclusiva en armas de disuasión. Entón en que é a primeira potencia? Nos circuítos financeiros mediante o que fixo Nixon cargándose os Acordos Bretton Woods e tódolos Estados convertéronse en feudatarios do monarca, como na Idade Media. É o que lles queda, pero que porcentaxe da poboación, da produción industrial e do PIB mundial representan agora os BRICS? Esa é a sentencia de morte da hexemonía ianqui. 

Sobre a túa propia biografía, explicaches que nun momento “descarrilaches”, isto coincide coa etapa do desencanto. Dalgunha maneira, despois de todo o ciclo do cambio vivimos outra etapa de desmobilización, que similitudes atopas entre ese final da utopía do 68 que ten lugar ao redor dos 80 e a nosa etapa?
Hoxe non hai un desencanto no sentido de que a cidadanía estea desmobilizada. Hai un efecto do que foi a traizón do PSOE en setembro de 2016 combinado con que todas as enerxías das prazas se vertesen na política institucional das Cortes e as súas derivas. Iso deu lugar a que esa cidadanía se convertese nunha esquerda social orfa. Pero o polvorín está aí. O tema é quen prende a mecha. Precisamos lucidez e coraxe e onde está a fallar é por arriba, non por abaixo.

Estamos a pagar agora o fraude da Transición. O desencanto foi o da xente que estaba convencida de que se ía desmontar o réxime franquista e que ía haber un proceso constituínte. Pero no canto diso, metéronnos a reforma do irreformable. Un réxime totalitario antidemocrático non se pode reformar.

ENTREVISTA BEIRAS - 7

Considéraste derrotista?
Non aposto pola esperanza porque sempre estiven marcado polas lecturas da miña adolescencia. A miña xeración vivía como auga de maio toda a literatura e a filosofía da xeración perdida americana e do existencialismo francés. Era todo escuro. Pero si teño a convicción de que a Historia non vai para atrás. Só ten ciclos de involución. No horizonte que eu vexo, teño a impresión de que a saída deste réxime non vai vir polo traballo político que se faga dentro das institucións do réxime. Hai que estar, si, e ser valente e rotundo, non palanganear. Pero vai vir por unha rebelión cívica. En Galiza pasou co Nunca Máis e pode volver ocurrir cando menos o pensemos. Non esquezamos que as revolucións na historia de Europa nunca foron preditas antes de cumplirse. Nin a do 48 nin a Revolución Francesa do 89 nin a Comuna de París nin a Revolución Mexicana de principios de século nin a Revolución Soviética nin o Maio Francés ao que, por certo, Compostela adiantouse tres meses. E sen falar das revolucións da periferia. Pero, claro, eu non o vou ver a non ser que sexa cedo (ri). 

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

O Salto medra contigo
Medramos xuntas O Salto supera o teito das 10.000 subscricións
Logo da campaña de verán, superamos por primeira vez na longa historia deste proxecto a cifra de 10.000 persoas socias, un obxectivo que nos puxemos hai sete anos.
Ence
Redes clientelares Rueda coloca como Directora de Calidade Ambiental á muller dun alto cargo de Ence en Galiza
Grupos ecoloxistas e veciñais denuncian “un conflito de intereses e unha trama familiar” entre María José Echevarría Moreno e o seu marido Antonio Casal Lago, Director Territorial da empresa produtora de celulosa.
menos_mal_q_nos_kda_portugal
27/7/2024 10:26

Interesantísima entrevista, pregúntome que Galiza teriamos nun universo paralelo no que non se apartara a Beiras. De tódolos xeitos, dáme un pouco de mágoa que non lle dea ningún valor ao feminismo como forza política motriz do cambio. Creo que o equipo do anterior Ministerio de Igualdade si que tomou o pulso da rúa e levou as reivindicacións ao ámbito político e a lexislación. Oxalá se fixera máis, pero fíxose moito. Lembro que hai uns anos, falando con outro do BNG, boteille en cara a coalición con PNV e CiU, que non tiñan en conta reivindicacións feministas nin de minorías, e díxome "é que o feminismo e esas cousas non son política política, son, como moito, asuntos sociais". Supoño que hai homes (tamén mulleres) que nunca van saír de aí.
Grazas pola entrevista e polo aloumiño no Día da Matria :)

1
0
O Salto medra contigo
Medramos xuntas O Salto supera o teito das 10.000 subscricións
Logo da campaña de verán, superamos por primeira vez na longa historia deste proxecto a cifra de 10.000 persoas socias, un obxectivo que nos puxemos hai sete anos.
O Salto medra contigo
O Salto medra contigo Eles por diñeiro, nós por un futuro mellor: subscríbete ao Salto
Sempre que unha multinacional ou un goberno intentaron cometer un atentado medioambiental no noso territorio estivemos alí para contalo. Puidemos facelo porque a nós sostennos a nosa comunidade, pero queremos chegar máis lonxe e por iso precisámoste.

Últimas

Francia
Francia Macron nombra primer ministro a Michel Barnier en un guiño al partido de Le Pen
La Francia Insumisa llama a la movilización y la izquierda al completo censura el nombramiento del exministro de Asuntos Exteriores de Chirac. La extrema derecha apoya tácitamente la operación.
Entrevista La Poderío
Entrevista La Poderío “Con el duelo migratorio te enfrentas a muchos duelos diferentes al mismo tiempo”
Carmen Gollonet Bautista lleva 14 años en Holanda. Su historia es, como todas las de migración, a la vez única y representativa. Con ella hablamos de duelo migratorio, del “torbellino de emociones” que supone alejarte para siempre de tu tierra.
Laboral
Laboral El Ayuntamiento de Bilbao contrata a Quirón para hostigar a los trabajadores de baja del Funicular de Artxanda
Tres meses después de la huelga que realizaron los trabajadores del Funicular de Arxanda, el Ayuntamiento de Bilbao advirtió en marzo de que iba a contratar una “auditoría externa” para reducir el número de trabajadores de baja y de permiso.
Más noticias
Opinión
Opinión El colapso ya está aquí: transitando la vuelta a casa
El colapso ha llegado. Las máscaras caen a mansalva. Las montañas se incendian o son incendiadas y ya no cabe más denuncia que la acción y la pasión.
Opinión
Opinión ¿Qué ha hecho la comunidad internacional por detener el genocidio de Israel?
Con las nuevas adhesiones de España, Irlanda y Noruega a la causa de la soberanía Palestina son ya 146 países, de los 193 que constituyen la ONU, es decir, la mayoría de las naciones del mundo.
Cárceles
Literatura Explicar a tu hijo que su padre está en prisión: el cuento que da luz a este gran tabú
Un cuento dirigido al público infantil desmitifica la cárcel, explica cómo es la vida dentro de ella y aporta herramientas a las personas cuidadoras de niños y niñas que tienen a su padre en prisión.
Justicia
Justicia Vidas cruzadas de la presidenta del CGPJ y el fiscal general del Estado en la apertura del curso judicial
Isabel Perelló ha llegado inesperadamente al cargo más importante en la justicia española, Álvaro García Ortiz espera una inminente decisión sobre su imputación.

Recomendadas

Greenwashing
Greenwashing O ‘biomanual’ de Ence para lavar a súa imaxe en Galiza
Charlas sobre medio ambiente en colexios, escolas de xornalismo, barcos para confrarías, proxectos con universidades e publicidade para os medios. O xigante da celulosa empeza o curso financiando un imaxinario ficticio sobre a súa sustentabilidade.
Migración
Migración ¿Quién teme a la migración? El curso político comienza con la mirada en las fronteras
El marco de la crisis migratoria se ha asentado durante el verano en el debate político y los medios de comunicación, mientras el nuevo Pacto Europeo de Migraciones y Asilo habilita un endurecimiento de las políticas migratorias.
México
México Más allá del reconocimiento legal: la lucha del pueblo afromexicano por su representación
Tras obtener la legitimación de su identidad en la Constitución en 2019, el pueblo afromexicano sigue luchando por la implementación de medidas concretas que garanticen su visibilidad y equidad.