Medio rural
As mulleres rurais soñan con deixar de ser heroínas

A falta de servizos básicos no rural é a primeira pedra no camiño de quen quere vivir e desenvolver os seus proxectos fóra da cidade. Aínda así, o rural galego atópase á cabeza en canto a titularidade feminina respecto á media do Estado español.
mulleres rurais gz 25
Noelia Solar traballando na transformación de aceites esenciais. Sara Martínez López

Galiza é unha comunidade rural en gran medida. Porén, a Galiza rural está perdendo vida. Polo menos, vida humana. O éxodo por parte da mocidade non é algo novo nin moito menos exclusivo das zonas rurais. A dificultade de acceso a empregos e salarios dignos unido aos alquileres desorbitados son a principal causa de que cada día milleiros de mozas e mozos marchen do seu fogar na procura dunha vida menos precaria no estranxeiro. E se a estas dificultades engadimos a falta de servizos públicos, coma hospitais, escolas ou transporte, conseguimos a receita perfecta para baleirar aldeas e vilas completas. “Moitas mulleres novas síntense na obriga de migrar do rural para poder ter máis oportunidades tanto laborais como persoais”, asegura a docente na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigadora na Cátedra Juana de Vega, Mar Pérez.

Non axuda tampouco a favorecer a vida no rural a imaxe que se vende nas cidades. Unha imaxe que ben podería ser doutro século. Relatos carentes de referentes e, sobre todo, de referentes femininos que buscan perpetuar modelos e estilos de vida que non poñen a vida no centro. 

Cada vez son máis as mulleres que apostan por desenvolver proxectos propios no rural galego. “A miña percepción en base as estatísticas é que as mulleres no rural galego teñen máis titularidade que no resto do Estado Español”, explica a investigadora e docente Mar Pérez. Segundo datos do censo agrario do 2020, en Galiza hai un 50% de cotitularidade —propiedade agraria—, mentres que no resto do Estado español esta cifra é dun 28.6%. “Unha parte moi importante das iniciativas que están a xurdir no rural son de mulleres novas. As novas explotacións agrarias lideradas por mulleres, xeralizando, tenden a ter unha maior conciencia ambiental e innovan moito máis”, afirma a investigadora. 

“O rural penaliza ás mulleres”, din dende a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais

Malia as elevadas cifras de emprendemento e liderado feminino no país, son moitas as limitacións e dificultades ás que deben enfrontarse estas mulleres para desenvolver os seus proxectos. Dende a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur), aseguran que “o rural penaliza ás mulleres”. Unha idea respaldada polos estudos levados a cabo pola Cátedra Juana de Vega da USC: “A nivel económico, tanto no rural como no contexto urbano, as mulleres continúan tendo menos acceso aos empregos e polo tanto menos cartos que os homes. Pero no rural increméntase isto, algo notable se miramos as taxas de desemprego”, afirma Mar Pérez. “A falta de servizos afecta a todo o mundo no rural, pero ás mulleres aféctanos máis por toda a carga de coidados que adoitamos ter”, concorda a presidenta de Fademur en Galiza, Verónica Marcos, referíndose especialmente a servizos de conciliación tales coma gardarías ou centros de día.

“Creo que as mulleres que lideramos proxectos no rural somos algo representativo. Para mín é un orgullo ser muller e vivir no rural” asegura Noelia Solar. Especialista en aromaterapia, dermocosmética, plantas medicinais e saúde holística, Noelia é tamén un dos exemplos de emprendemento feminino no rural. Esencia Viva é, nas súas palabras, “un proxecto con tres piares fundamentais: a consulta de reeducación postural, masaxe e dermocosmética rexenerativa, o laboratorio onde creo todos os tratamentos faciais e corporais que emprego e vendo, e a escola para formacións”. A súa paixón polo que fai daría para escribir varias reportaxes. As inquedanzas de Solar veñen da “química das plantas, dos olores e da súa transformación” e teñen a raíz nunha viaxe como cooperante a Honduras: “Vivín un tempo coas menciñeiras tradicionais na vila na que estaba. Traballaban coas mans e empregaban as plantas. Todo o que vivín alí deume a volta por completo”.

“Eu o que tiña claro era que quería vivir nunha zona rural en Galiza. E buscamos e buscamos e gustounos este val, porque non queriamos tampouco unha zona illada”, explica Solar. Coa idea en mente de formar unha familia, ter preto escolas e centros de saúde foi o requisito fundamental á hora de escoller o seu destino. “Agora os meus fillos tiveron que voar fóra, porque chega un momento no que aquí xa non hai nada para eles”, continúa. “Ao final, cando vives nun lugar, tamén queres darlle un futuro e que exista un relevo xeracional. Encantariame que algún día eles, que adoran este lugar, poidan continuar vivindo aquí. Pero polo de agora as oportunidades son demasiado precarias”, remata. 

A escasos dez minutos de onde traballa, outra muller lidera con éxito outro proxecto innovador. Tras rematar os seus estudos, Verónica Dieguez decidiu volver á casa e apostar pola granxa familiar aportando unha nova visión. “Aquí nesta casa xa se facía queixo dende hai moitos anos, porque a miña avoa facía queixo tanto para o consumo da casa como de vez en cando para vender ás veciñas”, conta Verónica. “Cando miña nai colleu a granxa, a moita xente rompéulle os esquemas todos. Daquela, que unha muller se fixera cargo dunha granxa era tremendo, case a última cousa do mundo”, lembra. Agora, logo de apoiar a súa nai e dez anos despois de apostar por engadir valor ao leite, Queixos Mazarico é referente na produción de queixo con leite crú, vendendo en toda Galiza o seu produto. “Ás veces semella que se vives no rural es muller e xa, mentres que na cidade podes ser unha profesional”, denuncia esta gandeira. E conclúe: “Por sorte agora estamos demostrando que sabemos ver as cousas doutro xeito e facer posibles proxectos que escapan do tradicional. É un orgullo”.

“Cando os meus avós eran novos, lembran que eran arredor de 60 persoas da mesma idade na zona. Agora da miña idade somos apenas catro”, asegura Verónica Dieguez. Aínda que para que a súa queixaría funcione non precisa unha veciñanza grande, cada vez nota máis o despoboamento rural á hora de repartir o queixo nas vilas e pobos de arredor. “A maioría das tendas de alimentación foron pechando ao longo destes dez anos. E moitas pecharon por xubilación, porque non había ninguén para quedar con elas”, explica. A maiores da falta de renovación xeracional, o peche destas tendas de alimentación ten moito que ver coas novas tendencias de consumo, compartidas tanto nos núcleos urbanos coma nos rurais: “Ao pequeno comercio non se lle adoita dar o valor que se debería, porque temos que recoñecer que é moi cómodo mercar todo na mesma gran superficie, aínda que as cousas non sexan tan naturais”. 

O peso invisible dos coidados

Segundo datos aportados por Fademur, estímase que arredor do 68% dos coidados no rural galego recaen nas mulleres. “Hai unha progresiva masculinización dos coidados no rural, principalmente porque se ven na obriga de asumir tarefas e roles tradicionalmente asumidos por nós”, afirma a presidenta da federación. Datos cos que Mar Pérez, docente na USC, concorda profundamente e engade: “A igualdade non é só legal ou salarial, que tamén, senón que debe ter en conta a carga dos coidados”. 

Mentres que nas cidades escóitase falar da chamada ‘dobre xornada’ das mulleres, no rural poderiase acuñar o termo ‘triple xornada’, dada a dificultade de acceso a servizos que favorezan a conciliación. “Servizos públicos e privados de calidade e accesibles para que estas mulleres poidan descargar ou reducir un chisco esa carga dos coidados que levan ás costas”, demanda a investigadora.

Sacar adiante un proxecto propio e crear unha familia ao mesmo tempo non é tarefa doada, pero Noelia Solar tiña claro que quería ser nai. “É un traballo a maiores, unha carga engadida. Pero eu quería selo e quería volcarme a tope con eles. Seguramente por iso o laboratorio tardou tanto tempo en darse de alta, porque realmente eu tamén quería vivir ser nai”, comparte esta emprendedora. Como en todo, a maternidade pode levarse de diferentes xeitos, e Noelia afirma sentirse agradecida por contar cunha estrutura afastada dos roles tradicionais. “Atendo a moitas mulleres que me contan a represión que senten na súa familia. Hai un concepto de que a muller é a que coida a todos, pero logo non se recoñece esa labor. E iso afecta á súa autoestima e á súa saúde”, asegura.

“É certo que as mulleres no rural en xeral seguimos tendo eses problemas, porque os servizos no rural seguen chegando aos poucos. Aquí non dependes da gardaría, dependes dos avós”, afirma Verónica Dieguez. “Hai xente maior que podería valerse por si mesma sen ter que depender de ninguén, simplemente tendo acceso a transporte público para ir ao hospital ou ao mercado”, continúa a gandeira. 

Unha falta de apoio por parte das institucións que, de solucionarse, tería como resultado unha mellora na calidade de vida no rural e, polo tanto, un revertimento no despoboamento. “Se te apoian dalgunha maneira e ves que a túa vida vai ser viable no rural, máis persoas poderían pensar en ficar aquí. Se non, claro, a tendencia é a marchar porque se non tes servizos, se non tes ese apoio, é complicado”, explica Verónica Dieguez. Noelia Solar, pola contra, amósase optimista: “Nas cidades estase poñendo de moda facer ‘baños de bosque’ para reducir os niveis de estrés. Aquí vives no bosque e ademais contas con veciñas que te axudan cada día. Hai moito que mellorar aínda, pero estou segura de que cada vez seremos máis as que decidamos emprender no rural”.

Tódalas entrevistadas, incluída a Xunta, concordan na falta de vontade política por parte das institucións

“As axudas nunca son suficientes. Seguimos pedindo algo básico: servizos. E non só pedimos que se creen, senon tamén que non nolos quiten naquelas zonas nas que temos. Non podemos ser cidadás de terceira”, reclama a presidenta de Fademur en Galiza, Verónica Marcos. A día de hoxe, son moitas as aldeas e parroquias galegas sen centro de saúde, escolas ou mesmo acceso á rede. Un servizo, este último, que nos tempos que corren xa é básico e imprescindible para desenvolver a meirande parte dos traballos. “De ter mellor cobertura, podería vivir no rural xente que teletraballe”, afirma Noelia Solar. Tamén propón: “Dende as institucións deberían facilitar que a xente que marchou fóra estudar, poda volver ao rural, apostando por unha maior pluralidade de empregos”.

Deixando de lado os servizos, pero sen quitarlles importancia, dende Fademur denuncian a existencia dunha “fenda urbano-rural” que afecta ao financiamento e reclaman a existencia de formacións específicas para acceder ás axudas existentes ou á tecnoloxía. “Si que é certo que moitas axudas priorizan aos proxectos rurais e ás mulleres, pero non é suficiente nin efectivo”, asegura a presidenta. “As axudas deben ser máis profundas e transgresoras, e débese perseguir a igualdade real no acceso ás mesmas. E non falo só de creación de emprego ou cartos, senón de conseguir unha calidade de vida propia do século XXI”, engade Mar Pérez, docente e investigadora na USC. Unha calidade de vida que pasa por solucionar os problemas relacionados co acceso á vivenda, ao transporte público e as carencias de servizos públicos e privados no rural.

“Dende a Xunta queren vender a moto de que apoian ao rural, pero a realidade é que son organizacións independentes coma Fademur as que si te facilitan e apoian”, denuncia Noelia Solar. Unha realidade respaldada tamén por Verónica Dieguez, quen afirma que “se non fose por Fademur aquí non se acorda de nós nin o apuntador. En teoría a Xunta ten medidas e axudas para as mulleres emprendedoras no rural, pero deben referirse a empresas moito máis grandes”. Estas dúas emprendedoras afirman sentirse completamente esquecidas por parte das institucións, tanto á hora de solicitar axudas económicas como no que a formacións se refire. “Incluso as formacións que se fan son sempre por parte das asociacións. Por parte deles nada, somos as olvidadas do planeta”, denuncia Dieguez. “É moi forte que a Xunta só estea presente na zona para permitir un proxecto como o de Altri e arrebatar o soño dunha comarca enteira. Ou dunha Galiza enteira”, engade Noelia. 

Tanto a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, como a directora xeral do Agader, Paz Rodríguez, e máis Fabiola García, a conselleira de Política Social e Igualdade, declinaron participar nesta reportaxe. Por outro lado, María Quintiana, dende a dirección xeral de Promoción da Igualdade, afirma que o obxectivo da Xunta de Galiza é “que o traballo da muller goce da importancia e recoñecemento que se merece”, engadindo logo que deben ser elas ás que “dean un paso adiante”: “É dicir, que sexan elas as que lideren os seus propios proxectos e gocen de autonomía propia”, conclúe a política.

Sobre as palabras de María Quintiana, dende Fademur explican que si é certo que hai un maior recoñecemento, con premios e certames, pero realmente iso non repercute en axudar á calidade de vida das mulleres rurais. “Na última Lei de Igualdade establécese un Estatuto da Muller Rural, pero este estatuto debe ir acompañado de medidas efectivas que realmente melloren a calidade de vida”, reclama Verónica Marcos. 

Ademais, sobre a visibilidade e a maior representación da figura da muller rural da que se mostra orgullosa a Xunta, tanto Fademur como Mar Pérez da Cátedra Juana de Vega da USC aseguran que aínda queda moito por facer. “Falta mellorar o acceso das mulleres aos postos de poder e toma de decisións. Sobre todo no eido da gandaría. Cada vez hai máis mulleres titulares ou cotitulares de explotacións, pero en xeral vemos que son explotacións moito máis pequenas e cun menor acceso ás axudas grandes”, afirma Verónica Marcos dende Fademur. 

Mar Pérez, docente e investigadora lembra como facendo un estudo para a Cátedra Juana de Vega chamóulle a atención descubrir que son as mulleres as que adoitan formar parte das asociacións e colectivos. “No rural todo pivota nas mulleres. Incluso a vida social e colectiva. Pero logo chama tamén a atención como nas manifestacións do sector agroalimentario son case todo homes”, explica.

En definitiva, dende Fademur remarcan que cómpre revisar as axudas ofertadas no rural, personalizalas para cada eido, e facilitar o acceso ás mesmas. Peticións ás que se suma a docente e investigadora Mar Pérez, quen reivindica que “para todo isto fai falta vontade política e ter en conta as reivindicacións e necesidades da metade da poboación. Ignorar esta realidade leva a tomar malas decisións políticas como ata agora, como políticas neonatalistas en lugar da mellora da calidade de vida naquelas zonas nas que aínda vive xente”.

Noelia Solar e Verónica Dieguez lideran proxectos diferentes, pero ambas comparten o amor pola súa terra e un orgullo enorme por estar sendo quen de sacar adiante iniciativas tan innovadoras no rural galego sen apenas axuda. “A muller no rural sempre estivo máis desvalorizada, hai esa idea de que no rural as mulleres só valen para atender dos fillos, sen voz, nin voto, nin nada polo estilo. Eu noto un cambio. Agora comezan a saber que estamos, e que valemos para algo. Que se estamos nós non ten por que vir un home”, asegura a gandeira e emprendedora Verónica Dieguez. Malia as dificultades “non me gusta falar de heroínas. Non queremos selo, queremos ter unha vida coma a das demais, esta resiliencia é unha obriga”, conclúe a presidenta de Fademur. “As mulleres somos o soporte pero estamos desexando deixar de selo. Precisamos unha corresponsabilidade real”, remata a investigadora da Cátedra Juana de Vega, Mar Pérez.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Galicia
Galicia La justicia anula el despido de una trabajadora de Mercadonda por “discriminación por enfermedad”
El sindicato CIG, apoyado en la sentencia, relata cómo Mercadona utiliza formularios dirigidos a encargados y responsables de tienda para recopilar datos sobre los trabajadores que se encuentran en situación de baja médica prolongada.
Galicia
Galicia La TVG, condenada a rectificar por difundir una información falsa sobre el BNG
La justicia también condena al director del ente público, Alfonso Sánchez Izquierdo, por la noticia en la que se afirmaba erróneamente que el BNG no había enviado representantes a un evento organizado por la Xunta para dar inicio al Año Castelao.
Economía
Economía A Xunta de Rueda privatiza outra das residencias de maiores financiada por Amancio Ortega
Tanto esta residencia como a de Pontevedra, cuxa xestión tamén está en proceso de licitación, serán as próximas en abrir tras a entrada en funcionamento das de Santiago de Compostela e Lugo, que xa operan baixo o mesmo modelo.
CRTVG - Corporación Radio y Televisión de Galicia
Medios públicos A TVG, condenada a rectificar por difundir unha información falsa sobre o BNG
A xustiza condena tamén ao director do ente público, Alfonso Sánchez Izquierdo, pola nova onde se afirmaba erradamente que o BNG non enviara representantes a un evento organizado pola Xunta e mais a Fundación Castelao para dar inicio ao Ano Castelao.
Palestina
Palestina Israel prohíbe regresar a los 40.000 palestinos desplazados en el norte de Cisjordania
El ejército de Israel desplaza a miles de sus casas en campos de refugiados en diferentes ciudades de Cisjordania ocupada. Mientras, Israel presiona para no llegar a una segunda fase de alto el fuego.
Palestina
Palestina Illan Pappé: “No esperaba esta magnitud de indiferencia europea ante lo que está sucediendo en Palestina”
El historiador de origen israelí no se ha sorprendido la violencia cometida por Hamás en octubre de 2023 ni de la reacción de Israel o el apoyo a Estados Unidos, pero sí de cómo ha abordado la cuestión la sociedad europea.
Oriente Próximo
Oriente próximo Abdullah Öcalan llama a deponer las armas para lograr la plena democracia para el pueblo kurdo
El líder del Partido de los Trabajadores de Kurdistán llama a la disolución de la organización. Ankara dice que “estudiará” la situación, que también influye sobre Siria, Irán, Iraq y la situación en los países de Oriente Próximo.
Macrogranjas
Maltrato animal Una investigación revela una nueva “masacre” en una granja de pollos que salpica a Mercadona
En España, la granja investigada comercializa el producto ‘Cuartos traseros de pollo’ en la cadena de Juan Roig y está certificada con el sello catalán Welfair de bienestar animal, según denuncia el colectivo ARDE que ha realizado la investigación.

Últimas

Economía
Economía A Xunta de Rueda privatiza outra das residencias de maiores financiada por Amancio Ortega
Tanto esta residencia como a de Pontevedra, cuxa xestión tamén está en proceso de licitación, serán as próximas en abrir tras a entrada en funcionamento das de Santiago de Compostela e Lugo, que xa operan baixo o mesmo modelo.
Editorial
Editorial O Salto deixa de publicar en X
A asemblea deste proxecto informativo decidiu conxelar as súas publicacións na rede social propiedade de Elon Musk.
Opinión
Opinión De Errejón a Monedero: reflexiones sobre el ciclo del desasosiego
¿Qué pasa cuando quien abusa ha sido o es tu compañero de filas, tu colega, alguien que se consideraba feminista, y no una caricatura facha o un incel de manual? ¿Cómo manejamos la complejidad?
Ley de dependencia
Derechos sociales Reclaman más financiación para la ley de dependencia ante el nuevo anteproyecto
Bustinduy garantiza como universales servicios como la teleasistencia o recibir sanidad se resida donde se resida, en referencia a los protocolos del covid en las residencias.
Más noticias
Andalucismo
Día de Andalucía ¿Por qué Andalucía sigue celebrando el 28F?
Las andaluzas y andaluces celebramos el día de Andalucía entre los actos institucionales y las reivindicaciones políticas, reflexionamos sobre la vigencia y la influencia política de este día.
Barcelona
Activismo Absueltos los ecologistas que pintaron el megayate de Walmart en Barcelona
La sentencia afirma que la acción no constituye un delito de daños leves, ya que “la pintura biodegradable fue fácilmente limpiada con una manguera de agua”.
El Salto Radio
El Salto Radio Criminalizar la okupación, perseguir la movilización
Los "18 de la Macarena” se enfrentan a una petición de 77 años de prisión por ejercer su derecho a la protesta. De ello y del derecho a la vivienda hablamos con Macarena Olid, vicecoordinadora de la Asociación pro Derechos Humanos de Andalucía.

Recomendadas

Urbanismo
Urbanismo salvaxe Un pobo contra o asfalto: Bembrive e Mos rebélanse contra unha autovía que arrasará o seu pulmón verde
Veciñas e veciños conseguen presentar 25.000 alegacións contra unha estrutura de dez quilómetros, defendida xa só polo PSOE en Madrid e en Galiza, que partirá en dous unha poboación enteira e forzará a expropiación de decenas de vivendas.
Pensamiento
Mar García Puig “Habitar la metáfora es un peligro que merece la pena”
La escritora catalana Mar García Puig publica ‘Esta cosa de tinieblas’, un breve ensayo narrativo que defiende el poder liberador de la metáfora frente a una pureza simplificadora y paralizante.
Guerra en Ucrania
Geopolítica Trump fuerza a Zelensky a hipotecar la explotación de minerales críticos a cambio de su apoyo
Según el borrador del acuerdo comercial presentado por EE UU, esta potencia deberá obtener el 50% de todos los beneficios de las nuevas explotaciones minerales de Ucrania.
Represión
Represión Javitxu, desde la cárcel de Zuera: “Lo que peor llevo es estar lejos de la gente que más quiero”
Francisco Javier Aijón, Javitxu, es uno de ‘los seis de Zaragoza’. Entró en la cárcel el pasado mayo con una condena de casi cinco años basada en las declaraciones policiales durante el juicio.