Crisis climática
Así non habemos parar o meteorito

«Nosotros somos el meteorito», a novela gráfica de Darío Adanti sobre a mudanza climática supón un eivado intento de concienciación.
Nosotros somos el meteorito, a novela gráfica de Darío Adanti
A novela gráfica de Darío Adanti Darío Adanti

Coordinador do Instituto Resiliencia

21 feb 2023 09:58

A metáfora do meteorito como recurso comunicativo para falar do caos climático antropoxénico (ou industrioxénico sería mellor dicir, se cadra) non é nova. Teñen recurrido a ela desde Noam Chomsky até a afamada película de McKay & Sirota Don't Look Up, e algúns coma E.O. Wilson mesmo ampliaban o seu significado ao conxunto da destrución biosférica en curso. A súa forza explicativa principal reside en que boa parte da poboación a vencella automaticamente co concepto da extinción, polas narracións acerca da extinción dos dinosauros. Neste caso os dinosauros seriamos nós, co aspecto claramente diferencial de que, desta volta, a propia especie ameazada pola extinción é a que ten creado o meteorito, como xa teño sinalado nalgún outro lugar.

Desta potente simboloxía narrativa é da que parte a última banda deseñada do autor arxentino afincado en España Darío Adanti, publicada pola prestixiosa editorial basca Astiberri o pasado ano 2022, co título de Nosotros somos el meteorito. Xa soamente ese diáfano título e a súa impactante capa cumpren un obxectivo comunicacional que non é despreciable: transmítennos que o caos climático pode ser equivalente ao impacto dun meteorito ou cometa coma o que provocou a extinción masiva do Cretácico-Terciario, e acompañando a esa idea, o recoñecemento de que o meteorito é culpa nosa. Memes coma este, reforzan os creados noutras artes (película de McKay) e mensaxes de divulgadoras e académicos (Chomsky, Lladó, Hansen, Puig Vilar, IPCC, etc.). A inmensa potencialidade da combinación dun discurso científico e doutro metafórico ao redor da mudanza climática é un campo no que mesmo existen estudos académicos. Mais nesta ocasión centrareime apenas nesta nova obra do coñecido autor e humorista arxentino.

O meteorito coma metáfora do caos climático foi utilizado por Chomsky, a película Don't Look Up e agora Darío Adanti.

En primeiro lugar é digno de salientar o notable traballo de documentación que está por tras das súas 160 páxinas, e co que se pode percibir que o autor gozou dabondo, como recoñecido “fan da ciencia” que é, sobre todo no apartado da historia de como se foi descubrindo o papel do carbono no quentamento global e no que a obra chega a rozar a erudición nun grau pouco común neste tipo de medio. Porén, nalgunha outra parte da novela, en concreto na que explica o que é unha extinción, parece que é un tanto excesivo (quen é o que non sabe a estas alturas o que quere dicir que unha especie se extingue?), aínda que si que é valiosa a explicación de como esas desaparicións poñen en andamento toda unha serie de consecuencias en cascada dentro dos ecosistemas, que xa non son tan obvias para o público potencial da obra.

Nosotros somos el meteorito, a novela gráfica de Darío Adanti 2
«Nosotros somos el meteorito», a novela gráfica de Darío Adanti Darío Adanti

Con todo, a medida que avanzamos polas páxinas de Nosotros somos el meteorito e imos entendendo unha serie de conceptos básicos e nos convencemos da gravidade do asunto, comezamos a achar en falta unha explicación que resulta fundamental: o papel do capitalismo e da industrialización que o acompañou, como causante do desastre. Isto sen dúbida merecía, en comparación, máis espazo do empregado polo autor en recrear os debates científicos do século XIX, precisamente porque poría o foco na auténtica causa: o meteorito é o capitalismo, en realidade, ou a civilización industrial, ou a teima por medrar sen freo ou... mais non somos “nósoutros”, o ser humano, como especie. Se quere explicar realmente o autor cómo chegamos aquí, é dicir, cómo fabricamos ese meteorito co que nos estamos a piques de suicidar, non pode eludir falar con detalle do papel do sistema socioeconómico, por non falar xa dos mitos culturais, o cal xa daría para outras 100 páxinas máis, polo menos. De feito ás veces parece intuírse unha posición un tanto ambigua sobre a avaliación que fai do sistema que rexe as nosas vidas, que nalgunhas viñetas trasluce o que semella ser unha concepción do autor acerca do libre mercado como motor de progreso que nos trouxo toda unha serie de cousas boas, aínda que nalgunha entrevista ten recoñecido que o auténtico responsable do noso benestar material son “os combustibles fósiles” e que a eliminación de barreiras ao “libre mercado (...) incrementou o quecemento global”.

Se queremos explicar cómo aparece o meteorito non se pode eludir falar de capitalismo.

Este aparente punto cego do autor con respeito ao papel do capitalismo, que lastra ao final o conxunto da obra, vén sendo como se estivese a ollar para o meteorito cun deses telescopios que se utilizan para estudar a coroa solar, e que agachan o que hai no centro: Adanti é quen de ver —e de describirnos con detalle— o que sucede ao redor do meteorito pero non pode ver realmente o que é o núcleo do mesmo, isto é, o sistema capitalista. Ou, por dicilo con outra analoxía tecnocientífica, percibe e explica moi ben o que pasa na lonxitude de onda da ciencia, mais non o que sucede na lonxitude de onda da política. Aínda que, se cadra, en realidade si que pode velo (o discurso que adoita dar nas entrevistas sobre o comic semella algo máis radical e contundente có que quedou plasmado nas súas viñetas) e o que pasa é que non se atreve a explicitalo, como se o cofundador dunha revista tan atrevidamente crítica coma Mongolia se estivese —incomprensiblemente— reprimindo, autocensurando no momento crítico de revelar quén é realmente o asasino ao final da novela, quizais por eludir a etiqueta de obra política e chegar a un público máis amplo. A fin de contas, é menos polémico, máis asumible por todas as audiencias, dicir que o problema social é “o consumismo” ca dicir que é o capitalismo.

Adanti propón 'solucións' que non abordan o problema real.

De maneira consecuente con esta análise, a parte final na que xa patina definitivamente o discurso desta novela gráfica, limítase a recoller toda unha batería de accións coas que se supón podemos frear o meteorito, que soan demasiado a lugares comúns do ecoloxismo light máis institucional estilo Axenda 2030, desenvolvemento sustentable e sustentabilidade débil: limitar o termostato da calefacción, mellorar a eficiencia dos paneis solares, quitar os coches do centro das cidades, multar as industrias que contaminen, prohibir os plásticos dun só uso e a obsolescencia programada (mais só nas TIC), etc. Porén, ningunha das solucións que enumera a dupla páxina toca en absoluto o problema de fondo: a necesidade do capitalismo de crecer continuamente. De feito, algunha destas ideas baixo o epígrafe “O que deberían facer os gobernos e a industria”, coma “desenrolar novas tecnoloxías que permitan deixar detrás os combustibles fósiles” (el ten afirmado que as tecnoloxías nos “dan” enerxía, cando realmente nos permiten usar as enerxías, o cal é moi diferente) ou “crear novos fertilizantes”, implica que non acabou de entender a mensaxe dunha —cando menos— das obras que cita na bibliografía ao comezo do libro: Petrocalipsis, de Antonio Turiel. E se cadra tamén revela a súa notoria fe nas tecnosolucións, algo que non extraña demasiado vindo dalguén que ten declarado que “o verdadeiro sentido humano pasa por despegarse do natural”.

En definitiva, unha obra ben realizada e editada, amena de ler e cuns contidos didácticos e instrutivos aproveitables, que reforza a acertada e potente alegoría do meteorito para que vaia callando na mente social, e que pode constituír unha ferramental cultural de certa utilidade, mais que fracasa na súa dimensión mobilizadora por apuntar nunha dirección errada e insuficiente baseada nun diagnóstico raquiticamente político, cun punto cego notorio no papel do sistema industrial-capitalista. Benvidas sexan as obras que introduzan a mensaxe acerca da ameaza existencial do caos climático en novos xéneros e públicos, mais ogallá aparezan axiña outras que sinalen con máis claridade e contundencia as causas e as necesarias vías para combatelas con auténtica eficacia.

Nosotros somos el meteorito, a novela gráfica de Darío Adanti  1
«Nosotros somos el meteorito», a novela gráfica de Darío Adanti Darío Adanti


Sobre o blog
O Centro de Saberes para a Sustentabilidade (CSS) é un Regional Centre of Expertise on Education for Sustainable Development recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas. Ten como misión fundacional “informar, sensibilizar e implicar a comunidade educativa e a sociedade no seu conxunto na promoción da transformación social necesaria para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable a través de experiencias cos pés na terra que fomenten a conservación, a sustentabilidade, a protección ambiental e a resiliencia“. O goberno do CSS é horizontal e democrático a través dun Consello Reitor formado por representantes de todos os axentes participantes. Máis información: http://www.saberes.eu
Ver todas as entradas
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cómic
Cómic ‘Los nadie’, un reportaje en viñetas para empatizar con las víctimas de la masacre en la valla de Melilla
La novela gráfica ‘Los nadie’ recrea la vida de cinco personas hasta el fatídico 24 de junio de 2022, cuando encontraron la muerte al tratar de cruzar la frontera y llegar a Melilla desde Marruecos.
El Salto Radio
Podcast Lecturas: El Eternauta
Analizamos el cómic distópico que anticipó la barbarie política en Argentina y que se ha convertido en una china en el zapato de Milei
Granada
Cómic 'La Revística': el caso de Juana Rivas, Remama contra el cáncer y más historias de la Granada rebelde en cómic
La asociación ‘La Tebeoteca’ publica el número 9 de su revista gráfica que incluye el caso de Juana Rivas, la iniciativa ‘Remama’ de mujeres pacientes oncológicas o el mítico festival granadino ‘Espárrago Rock’, entre otros temas
Sobre o blog
O Centro de Saberes para a Sustentabilidade (CSS) é un Regional Centre of Expertise on Education for Sustainable Development recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas. Ten como misión fundacional “informar, sensibilizar e implicar a comunidade educativa e a sociedade no seu conxunto na promoción da transformación social necesaria para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable a través de experiencias cos pés na terra que fomenten a conservación, a sustentabilidade, a protección ambiental e a resiliencia“. O goberno do CSS é horizontal e democrático a través dun Consello Reitor formado por representantes de todos os axentes participantes. Máis información: http://www.saberes.eu
Ver todas as entradas
Medio rural
Medio rural A esperanza da xestión colectiva fronte ao espolio: os comuneiros de Tameiga contra o Celta
Mentres varios proxectos industriais tentan privatizar e destruír os ecosistemas galegos, algúns grupos de veciños e veciñas organizadas fan oposición social construíndo alternativas comunitarias. Ás veces, tamén gañan ao xigante.
Ourense
Ourense Ourense organízase para loitar contra patrullas de extrema dereita nos barrios máis empobrecidos da cidade
A veciñanza e os movementos sociais responden ao discurso do medo promovido por Frente Obrero e sinalan a súa estratexia de criminalizar a pobreza e sementar odio en contextos de exclusión e abandono institucional.
O Salto medra contigo
Crowdfunding O Salto Galiza abre un crowdfunding para empapelar Altri
Queremos investigar os responsables políticos e empresarias do que podería ser o maior atentado ambiental da historia recente de Galiza.

Últimas

O Teleclube
O Teleclube 'O Teleclube' alucina no deserto con Óliver Laxe e 'Sirat'
Laxe leva o seu cuarto premio de Cannes, esta vez en competitición, polo seu novo filme que explosiona na gran pantalla.
A Catapulta
A Catapulta O tempo, o espazo e a poesía de Estíbaliz Espinosa
A poeta visita A Catapulta para conversar sobre o seu traballo e a súa traxectoria literaria

Recomendadas

Feminismos
Feminismo Dous anos sen reparación tras sufrir lesbofobia nun Rexistro Civil de Pontevedra cando ían inscribir a seu fillo
Un funcionario negouse a inscribir ao fillo de Antía e a súa parella. Un erro de redacción na lei trans está detrás dos argumentos que o funcionario esgrime para defender a súa actuación.
Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.
Medio ambiente
Medio ambiente Iberdrola proxecta un parque eólico que pon en risco un dos maiores xacementos fortificados de Galiza
A Xunta vén de declarar a utilidade pública para o parque eólico Castro Valente, a pesar de que a súa construción está suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.