Sanidad pública
A xestión de Feijóo do Álvaro Cunqueiro: privatización, camas pantasma e un sobrecusto de 470 millóns

“Un político é un cidadán que cobra dos impostos dos españois e, polo tanto, cando di que inaugura un hospital a pregunta que hai que facerlle é: ‘Déixao vostede a deber ou está pagado?’, porque se o deixa vostede a deber, faga o favor de marchar rapidamente e empezar a pagalo”. Son declaracións do actual líder do PP, Núñez Feijóo, na súa campaña para presidir o partido no 2022. Un informe sobre o contrato de concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo publicado polo Consello de Contas de Galicia este mércores asegura que, de ter optado por un modelo máis eficiente, como o sería a licitación da obra por unha parte e a dos contratos de servizo por outra, “se poderían acadar resultados similares a un menor custo”. Concretamente, o informe calcula a redución de custos en 382.234.537 euros sen IVE ou, o que é o mesmo, de 470.469.422 aplicando o IVE.
A idea de construír o Novo Hospital de Vigo (NHV) nace no goberno bipartito co obxectivo de nivelar a Vigo coa calidade sanitaria de hospitais como o CHUAC ou o CHUS, que son referencia tanto en investigación como en transplantes e outros servizos. Co proxecto xa en marcha e Feijóo recentemente chegado á presidencia da Xunta, prodúcese un cambio no modelo, pasando de ser público a unha modalidade público-privada.
Así, das 2.000 camas que se contemplaban no proxecto, o máximo que chegou a existir foron 1.366 no 2020, segundo as memorias do Área Sanitaria de Vigo. Ademais desta redución dun 30% no número de camas, “os recortes chegaron tamén á investigación e a docencia, e mesmo á desaparición do Hotel de Pacientes e unha redución da metade da superficie hospitalaria e dun 40% dos quirófanos”, denuncia Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública.
Outro dos obxectivos principais deste novo hospital consistía en reducir o peso relativo do sector privado. O informe publicado este mércores polo Consello de Contas de Galicia conclúe que Povisa, de carácter privado, segue a ser o centro de referencia para a meirande parte de especialidades, destacando as cirurxías oral e maxilofacial e a unidade de queimados. “Actualmente a sanidade en Vigo está en gran parte privatizada, xa que o Álvaro Cunqueiro foi vendido xa varias veces a multinacionais e fondos voitre. Estamos a pagar con cartos públicos un hospital que ninguén quere pola mala rendibilidade”.
A Administración pública finanza un hospital que pertence a fondos e empresas privadas
Ao tratarse dun modelo público-privado, a Administración debe rematar de pagar o orzamento establecido coa construtora. Pero, ademais, debe facer fronte aos gastos que vaian xurdindo asumindo un sobrecusto marcado pola devandita construtora. Así, segundo os estudos realizados pola asociación en defensa da sanidade pública, dos 450 millóns de euros a pagar durante 15 anos que custaría o proxecto inicial, totalmente público, nesta modalidade ascende aos 1.370 millóns de euros, sen contar o aparcadoiro. “A construtora pode subir os prezos porque sempre hai que facer obras para adaptar os hospitais ás novidades”, explica o voceiro de SOS Sanidade Pública. E engade: “Este modelo é unha estratexia perfectamente deseñada polos grandes lobbys de presión na Unión Europea para que as grandes empresas poidan enriquecerse a través da creación de novos hospitais”.
A receita era perfecta para que todo saíse mal
O Consello de Contas establece a necesidade de realizar un estudo de viabilidade antes de adxudicar calquera contrato de carácter público. No caso do NHV, a Administración substituíu este Estudo de viabilidade completo, polo Estudo de viabilidade económico-financeira, no cal se establece que o anteproxecto debe ser coherente co obxecto da contratación. Porén, a superficie útil hospitalaria modificouse en dúas ocasións, “evidenciando así unha planificación insuficiente e violando os principios de igualdade de trato, non discriminación e transparencia que deben rexer a contratación pública”, tal e como recolle o mencionado informe publicado polo Consello de Contas de Galiza.
Por outra banda, o Consello de Contas denuncia unha falta notable de seguimento por parte da Administración, que recorreu a medios externos tanto na fase de contratación, encargando o Estudo de Viabilidade á consultora Pricewaterhousecoopers Corporate Finance S.L, como na fase de control da execución da obra, baixo a supervisión de Galaria. “Isto non supuxo tan só que as contratacións non se realizasen coas garantías que ofrece a lexislación para os contratos públicos, senón que tamén supón un risco na efectividade do control”, asegura o informe.
Dende a asociación en defensa da sanidade pública, SOS Sanidade Pública, pídenlle ao goberno galego que remate con este modelo público-privado e reintegre o hospital Álvaro Cunqueiro ao público. “Margaret Thatcher tamén optou no seu momento por este modelo, pero os sobrecustos e o aumento da mortalidade que levan consigo os recortes en sanidade, demostraron que non era boa idea. Feijóo estaba advertido e non fixo caso”, conclúe o sanitario e voceiro da asociación, Manuel Martín.
Sanidad pública
A Xunta asfixia a sanidade galega no comezo do verán: 243 médicos menos e 810 camas eliminadas
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!