Médicos e médicas de familia rebélanse contra a estratexia de precarización da atención primaria da Xunta

As asembleas de facultativos denuncian que o Sergas pretende impor gardas obrigatorias, homologar a especialidade sen formación MIR e saturar aínda máis as consultas. Anuncian folga para finais de novembro.
folga AP galiza
Representantes de CIG-Saúde, CCOO, CSIF e UXT na convocatoria de folga. Foto: CIG.

A atención primaria galega vive un dos seus momentos máis críticos. Médicas e médicos de familia das áreas sanitarias da Coruña, Santiago, Pontevedra e o Salnés veñen de celebrar asembleas extraordinarias a semana pasada para plantar cara ao que consideran un ataque frontal contra a súa especialidade e a calidade asistencial. O detonante: as propostas que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) trasladou o pasado 17 de outubro á Mesa Sectorial.

A nova categoría profesional que pretende impor o Sergas, denominada Facultativo Especialista de Atención Primaria (FEAP), obrigaría a realizar gardas en diferentes centros, non necesariamente o propio. “Isto faría imposible levar as listas de pacientes en atención primaria ordinaria e implicaría unha maior saturación das mesmas”, advirte un facultativo presente nas asembleas consultado por O Salto.

Gardas obrigatorias e saturación asistencial

Ata o de agora, as gardas cubríanse voluntariamente ou a través dos Puntos de Atención Continuada (PAC), onde os profesionais realizan quendas de 17 horas entre semana e de 24 horas os domingos e festivos. Un modelo implantado hai varias décadas que o Sergas pretende modificar radicalmente.

A nova categoría FEAP combinaría a xornada ordinaria con gardas obrigatorias. O problema non é só laboral, senón tamén asistencial. “Cando un médico fai unha garda, ao día seguinte libra, pero a súa lista de pacientes ten que vela outro compañeiro, o que satura as listas”, explican os representantes da asemblea da Coruña. Na práctica, isto significaría máis listas de espera e peor atención para a cidadanía.

Para moitos profesionais, especialmente aqueles con responsabilidades de conciliación familiar, a imposición de gardas supón unha regresión de dereitos laborais conquistados. “Hai moitos compañeiros que por motivos de conciliación non queren facer gardas. Estamos a falar dunha regresión nos dereitos laborais”, insisten.

As tres asembleas son contundentes: esixen que “baixo ningún concepto deben crearse novas prazas FEAP” e que esta categoría sexa considerada “a extinguir”. Desde Santiago e Barbanza especifican que os profesionais con praza FEAP en vigor deben poder traballar nas condicións acordadas, pero “posteriormente deben someterse aos mesmos criterios que o resto dos profesionais sanitarios”. Pontevedra e Salnés manifestan a súa “oposición unánime á creación de prazas FEAP”.

A opacidade na contratación

Un dos aspectos que máis indigna aos profesionais é a falta de transparencia. Segundo explican, cando finaliza unha praza de Medicina Familiar e Comunitaria, o Sergas convértea automaticamente en FEAP, obrigando así a realizar gardas en centros que non son os propios.

A asemblea coruñesa esixe “garantir a máxima transparencia na publicación das prazas dispoñibles, tanto nos centros de saúde como nos Puntos de Atención Continuada”, e considera “imprescindible pór fin á opacidade actual nos procesos de contratación”. Desde Santiago engaden que todas as prazas de medicina de familia deben saír na convocatoria da Oferta Pública de Empleo (OPE).

Outro dos puntos vermellos para os profesionais é a intención do Sergas de homologar a especialidade mediante un curso formativo. “Levan anos contratando a xente sen a especialidade para cubrir en Atención Primaria”, denuncian. A medicina familiar e comunitaria require catro anos de residencia MIR, un sistema regulado e acreditado que garante estándares formativos e seguridade clínica.

Os e as profesionais da asemblea da Coruña lembran que “a homologación de títulos é unha competencia exclusiva do Ministerio de Sanidade, e non da Xunta de Galicia” e consideran que “causa especial sorpresa que o Goberno galego promova publicamente propostas neste sentido, sen ter competencias para facelo”. Desde Santiago esixen que “debe cesar inmediatamente a contratación de profesionais sen a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria” e que os contratos deste tipo xa asinados non sexan prorrogados.

Os facultativos tamén esixen que os profesionais do PAC que se atopen de baixa non queden a deber esas horas de traballo no cómputo anual da súa xornada; e reclaman límites claros de pacientes: un máximo de 28 pacientes diarios para os médicos de familia en xornada ordinaria, como establecen as asociacións científicas, e non máis de 30 pacientes por garda nos PAC, cifra que o propio Sergas plantexou inicialmente.

“Medidas excepcionais e transitorias”

O pasado 12 de novembro, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou que a Xunta “negociará todas as medidas de atención primaria” e que as propostas están “abertas ao diálogo”. O discurso da administración baséase na previsión dun déficit de 244 médicos de familia en 2029.

Gómez Caamaño xustificou as medidas como “excepcionais e transitorias” para garantir a cobertura nos centros de atención primaria. O responsable de Sanidade puxo en valor o incremento dun 4,75% nos recursos destinados á atención primaria nos orzamentos para 2026, que acadarán os 1.747 millóns de euros, así como a oferta de 178 prazas fixas para médicos de familia.

Porén, nas asembleas consideran que o discurso institucional ignora o cerne do problema. Mentres a Xunta fala de “diálogo aberto”, os profesionais denuncian que as propostas concretas do 17 de outubro supoñen unha ameaza directa á atención primaria; e alertan de que “a fragmentación da atención, o empeoramento do acto médico, a saturación das consultas e a contratación de persoal sen a formación adecuada poñen en risco a saúde da poboación galega”.

Ante a gravidade da situación, as asembleas veñen de anunciar unha folga de tres días convocada para o 26, 27 e 28 de novembro. Segundo informan, de non cumprirse as súas reivindicacións, procederán á convocatoria dunha folga indefinida a partir do 1 de decembro.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...