A campaña dunha galega con cancro de mama consegue que Sanidade se comprometa a adiantar os cribados

Diagnosticada con 42 anos nun estadio avanzado, María Varela levou 86.000 sinaturas a Madrid para reclamar cambios na detección precoz.
María Varela
María Varela, ás portas do Ministerio de Sanidade.

Comezou cunha lumbalxia. Un dolor persistente na costas que non cedía e que a levou ao médico sen sospeitar o que viña. “O que menos pensaba é que ía a quedar ingresada no hospital”, conta María Varela. Nesa mesma tarde deixáronlle entrever que tiña cancro. O diagnóstico chegou co estadio 4. 

María foi diagnosticada de cancro de mama metastásico aos 42 anos, unha idade na que o sistema público español non contempla facer nin unha soa mamografía preventiva. 

O pasado 9 de abril, María sentouse fronte ao Director Xeral de Saúde Pública e Equidade do Ministerio de Sanidade, Pedro Gullón, e á Subdirectora Xeral de Promoción, Prevención e Equidade en Saúde, Estefanía García Camiño. Levaba con ela máis de 86.000 sinaturas recollidas a través de Change.org, das cales 65.000 xa foran rexistradas formalmente no Ministerio o pasado 11 de marzo. E levaba, tamén, os testemuños de preto de 200 mulleres —diagnosticadas moi xóvenes— que a contactaron tras coñecer a súa historia.

Un sistema que non cambiou en trinta anos

A pregunta que guía toda a campaña de María é simple: por que na sanidade pública non se fai ningunha proba de detección precoz do cancro de mama ata os 50 anos? “Non pode ser que o sistema de cribados actual sexa do ano 1992 e non se cambiara”, di. “O programa actual ten 30 anos, en 30 anos non cambiou a medicina?”

Segundo un estudo publicado na revista The Lancet Oncology o pasado marzo; os casos anuais de cancro de mama no mundo aumentarán un terzo, pasando dos 2,3 millóns rexistrados en 2023 a máis de 3,5 millóns en 2050, cunha suba do 44% nas mortes asociadas. 

O 9 de decembro de 2022, o Consello da Unión Europea aprobou unha recomendación que insta aos estados membros a ampliar o cribado de cancro de mama ás mulleres de entre 45 e 74 anos. “España ten que cumprilo”, di María.

Na reunión celebrada o 9 de abril, María compareceu cunha serie de demandas concretas. “No INE recóllense todas as falecidas por cancro de mama, pero os datos non aparecen desagregados por idade”, explica. Neste sentido, solicitou ao Director Xeral de Saúde Pública e á Subdirectora Xeral de Promoción, Prevención e Equidade en Saúde que facilitasen esas cifras que, segundo lle confirmaron, existen aínda que non son de acceso público. Dende o Ministerio comprometéronse a remitilas.

Así mesmo, reclamou a elaboración dun estudo sobre as pacientes con cancro de mama que inclúa unha análise por grupos de idade, ao considerar que sen esta información resulta imposible coñecer con precisión o impacto real da enfermidade nas mulleres máis novas.

Dende o Ministerio recoñeceron que a evidencia científica internacional e as recomendacións europeas apuntan a adiantar os cribados aos 45 anos e amplialos ata os 74; e comprometéronse a impulsar a medida para que quede aprobada antes de que remate 2026. O proceso pasa por varias instancias: a Comisión de Saúde Pública, a Comisión de Prestacións e o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

O Ministerio e a Xunta: compromisos con matices

Consultado por este medio, Pedro Gullón confirmou que o proceso está en marcha. “Actualmente encóntrase en debate coas Comunidades Autónomas. Pasou á comisión técnica de valoración de cribados —chamada ponencia de cribados— e posteriormente pasará á Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial”, explicou.

Sobre por que se fixa o limiar nos 45 e non nos 40, como reclaman os colectivos de pacientes, Gullón apela á complexidade técnica dos programas de cribado poboacional: “Non sempre un cribado universal é a solución. Temos que revisar de maneira continua que evidencias existen para actualizar os programas de cribado como estamos a facer agora”. Xa que os posibles prexuízos —falsos positivos, intervencións innecesarias— tamén forman parte da ecuación.

En canto á falta de datos sobre incidencia, o Director Xeral recoñece o problema e apunta á solución: “En paralelo á ampliación de recomendacións de idade, estamos a traballar nos sistemas de información de cribados e na reforma da vixilancia en saúde pública en España.” 

O Sergas respondeu as preguntas deste medio cunha posición que mira en dúas direccións. Por un lado, reivindica que Galiza foi “pioneira” en 2023 ao ampliar o rango do cribado ata os 74 anos, adiantándose ao debate estatal. Por outro, mantén unha postura cauta respecto ao extremo inferior.

“Polo que respecta á ampliación a partir dos 45 anos, esta está a ser analizada no seo da Ponencia de cribados do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (SNS), tendo en conta todos os datos dispoñibles na actualidade para ser conscientes do balance entre risco e beneficio da dita medida”, sinala o organismo. E engade que calquera ampliación da carteira de servizos do SNS “debe ir acompañada dun incremento do financiamento das comunidades autónomas por parte do Ministerio de Sanidade.”

María non discute os matices técnicos. Fala dende a súa propia experiencia e dende os testemuños das mulleres que se foron sumando á súa campaña. “Se o cribado en Galiza comezara aos 40 anos eu non estaría no estadio 4. Tería cancro, pero con outro diagnóstico. Moitas mulleres teríamos outro pronóstico de vida.”

No ano 2024 o número de mortes por cancro de mama foi de 6.513 mulleres no. 18 mulleres ao día. Un número que, en ausencia de datos desagregados por idade, non se pode distribuír correctamente entre franxas. Ese baleiro estatístico, que María denunciou na reunión, é tamén parte do problema: non se pode xestionar o que non se mide.

O compromiso arrancado ao Ministerio é real, pero Gullón recoñece que os prazos dependen de acordos entre administracións, implementación e recursos autonómicos. María insiste, con todo, en que máis alá dos tempos administrativos hai unha cuestión de equidade de fondo: “Non estou de acordo con que o acceso a unha proba de cribado dependa de onde vivas, deberiamos ter un criterio unificado”, remata.


Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...