O colapso das urxencias en Galiza leva a profesionais e pacientes ao límite

Corredores ateigados de camas, tempos de espera que se contan por horas e profesionais esgotados. Os sindicatos denuncian falta de vontade política e plantillas insuficientes.
Manifestación Vigo Sanidade - 1
Juancho Everman Manifestación contra a privatización sanitaria en Vigo.

“Onte estaban os tres corredores de servicio cheos. Tiñamos a 36 persoas agardando”, relata Amadeo Seco, médico de urxencias, describindo unha realidade que se repite día tras día no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). “A situación é de colapso”, asegura.

Os números son contundentes: arredor de 500 urxencias diarias, con tempos de espera que oscilan entre as dúas e as tres horas de media desde a chegada do paciente. A saturación non afecta unicamente á Coruña. A comezos desta semana, no Complexo Hospitalario Clínico de Santiago, ata 40 pacientes chegaron a esperar ingreso nos corredores de xeito simultáneo.

A gravidade da situación levou á Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES) a facer público o seu apoio aos coordinadores dos servizos de urxencias hospitalarios, que viñan denunciando as condicións laborais extremas e a necesidade urxente de negociar melloras nas plantillas e nas condicións de traballo. Dende SEMES Galicia subliñan que os profesionais están a traballar en condicións que comprometen tanto a súa saúde como a calidade asistencial.

Un problema de xestión

Para os sindicatos, as causas da crise están claras. “Hai unha falta de planificación e unha falta de vontade total por parte do Goberno da Xunta para resolver isto”, afirma con contundencia Javier Fente, secretario xeral de sanidade de UXT. Segundo a súa análise, o problema repite un patrón invariable: “No periodo invernal, pasa tódolos anos o mesmo”.

A elevada afluencia e a saturación dos PACs e dos centros de saúde acaban repercutindo directamente no servizo de urxencias hospitalario. Cando as urxencias non poden derivar os pacientes ás plantas de hospitalización por falta de camas dispoñibles, o colapso é total.

Esta carencia estrutural non é nova. “O Sergas arrastra un grave problema de xestión, mantén as plantillas baixo mínimos e, a día de hoxe, non hai médicos suficientes”, advirte o representante da UXT, que critica que a administración configure os cadros de persoal “desde un despacho”, allea á realidade asistencial.

“Non se poden fixar plantillas teóricas sen ter en conta as porcentaxes de incapacidade temporal”, denuncia Fente. As consecuencias son contundentes: “Se nun servizo de atención primaria deberían traballar 14 ou 15 médicos e só hai 4 en activo, algo falla”.

A ausencia de negociación entre a Administración e os profesionais de urxencias é outro dos elementos centrais da crise. O acordo que rexe as condicións laborais destes traballadores data de 2007 e, segundo os propios afectados, quedou completamente obsoleto.

Hai case dous anos, os profesionais de urxencias mobilizáronse para esixir negociacións. “A resposta da Consellería foi pospoñer indefinidamente calquera diálogo”, denuncian dende a CIG. “Levamos dous anos agardando para falar”.

Entre as principais demandas dos profesionais atópanse a exención de noites e gardas a partir dos 55 anos, unha actualización das retribucións, novos plans funcionais; unha dotación axeitada dos cadros de persoal; e unha reestructuración dos servizos para poder traballar en “condicións dignas”.

Desde UXT levan anos reclamando que a constitución de comisións de seguimento para avaliar o funcionamento do acordo e introducir melloras. “En todas as reunións da Mesa Sectorial pedimos de xeito reiterado que se reuniran as comisións deste acordo e máis de urxencias extrahospitalarias, pero de momento, nada”, resume Fente.

A sobrecarga asistencial

Mentres as negociacións brillan pola súa ausencia, os profesionais soportan unha carga de traballo que desde os sindicatos califican de “indecente”. A falta de persoal tradúcese nunha presión asistencial insostible que afecta tanto á calidade da atención como ao benestar das traballadoras.

Ana Mato, enfermeira de urxencias, describe unha realidade especialmente dura nos días de maior saturación: “Houbo varios días de ata seis horas de espera para unha primeira atención.” A saturación dos corredores convértese nun escenario habitual. “Chegamos a habilitar catro corredores; tres de camillas e un de cadeiras de rodas”, explica a enfermeira.

Asunción Maus, secretaria xeral autonómica do Sindicato de Enfermería (SATSE) en Galiza, advirte das múltiples dimensións desta sobrecarga. “Estamos ante un problema asistencial e tamén dunha forte presión laboral, xa que se traballa cun número de pacientes moi alto e resulta imposible planificar o traballo”, explica.

Segundo Maus, isto incrementa os riscos e dificulta unha atención segura, xa que a acumulación de tarefas e os continuos cambios de foco favorecen a aparición de erros e problemas de seguridade asistencial.

A sobrecarga, con todo, non é só asistencial. A representante sindical sinala tamén o impacto emocional das elevadas cargas de traballo, así como a necesidade frecuente de asumir quendas adicionais pola falta de persoal, unha situación que deriva nun acusado esgotamento físico e emocional das profesionais sanitarias.

A situación descrita polas profesionais contrasta frontalmente coas instrucións oficiais. Segundo explican, existe unha directriz do Sergas que establece que os doentes deben ser ingresados nas súas habitacións para evitar que os corredores se utilicen como espazos de atención de urxencias. Con todo, desde a CIG denuncian que en numerosas ocasións os pacientes que están pendentes de probas complementarias ou de valoración por especialistas permanecen nos corredores.

Asunción Maus apunta que esta realidade se repite de maneira xeneralizada en todo o territorio. A secretaria xeral autonómica de SATSE en Galiza explica que, na práctica, están a habilitarse zonas de hospitalización improvisadas, que non reúnen as condicións habituais e que comprometen tanto a confidencialidade como a privacidade dos pacientes.

Segundo denuncia Ana Mato, chegan a realizarse sondaxes e mesmo exploracións sen as mínimas garantías de intimidade, “sen cortinas, sen biombos e sen ningunha forma de gardar a intimidade dos pacientes”.

Un problema crónico, non estacional

A saturación invernal repítese ano tras ano, pero, segundo denuncian as traballadoras, a súa orixe non é estrutural, e sitúase na atención primaria. A falta de acceso á medicina de cabeceira, con esperas de ata dúas semanas, “provoca que moitos pacientes empeoren antes de ser atendidos e acaben precisando ingreso hospitalario”, explica Ana Mato.

Asunción Maus coincide neste diagnóstico e subliña a importancia de garantir unha atención primaria ben dotada e capaz de absorber a demanda asistencial. A secretaria xeral de SATSE en Galiza considera “imprescindible” reforzar as plantillas para que os pacientes poidan ser atendidos no primeiro nivel asistencial e evitar así o colapso doutros servizos.

O persoal de enfermería é quen sofre de maneira máis directa a falta de recursos e a crecente sobrecarga asistencial. As profesionais denuncian un deterioro progresivo da sanidade pública galega, marcado por unha atención continua e sen descanso, na que a presión asistencial se volve constante e “profundamente esgotadora”.

O conselleiro de Sanidade recoñece “picos de tensión asistencial” pero defende que o sistema “responde”. Para os sindicatos, con todo, a saída pasa de maneira inevitable por un aumento do investimento público en sanidade. Subliñan a necesidade de reforzar o orzamento e insisten na necesidade dunha vontade política real para acometer unha reforma estrutural: dimensionar axeitadamente as plantillas, mellorar as condicións laborais e planificar os recursos de acordo coa realidade asistencial.

Este medio contactou co Servizo Galego de Saúde (Sergas) para solicitar a súa versión sobre a situación das urxencias hospitalarias, pero non obtivo resposta ata o momento da publicación deste artigo.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...