Tres médicos para 4.000 pacientes: o rural galego paga o prezo do colapso sanitario

Son 853 as vacantes de persoal sanitario facultativo sen cubrir, 120 concellos sen pediatra e a peor valoración cidadá do Estado español.
Centro saúde Mazaricos
Concentración no Centro de Saúde de Mazaricos Alba Cambeiro

O pasado luns, veciñas e veciños do concello coruñés de Mazaricos concentráronse diante do seu centro de saúde para denunciar unha situación que consideran “insostible”. Tres médicos para 4.000 pacientes, cupos que superan os 1.300 e máis dúas semanas de espera para conseguir cita. Os centros de saúde máis próximos atópanse en Santa Comba ou Muros, poboacións que para moitas veciñas supón un desprazamento de máis de media hora en coche pola xeografía dispersa e accidentada do territorio. 

“Para conseguir cita temos que esperar mínimo quince días”, conta unha veciña. Un traballador do propio centro, que pide o anonimato, resume o que significa todo iso no día a día: “A semana pasado unha médica viu a 90 pacientes nunha soa mañá. Como se vai dar unha boa atención?”, denuncia.

Os números dun déficit estrutural

O recente informe do Consello de Contas de Galicia confirmou o que moitos profesionais sanitarios e doentes denuncian dende hai tempo. A atención primaria galega só concentra o 12% do gasto sanitario total, por debaixo do 14% da media estatal e moi lonxe do 25% que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS). Esa infrafinanciación crónica tradúcese nunha realidade que afecta directamente á poboación máis vulnerable e máis dependente dos servizos públicos de proximidade.

O déficit é especialmente grave na atención pediátrica: 120 concellos galegos carecen de servizo de pediatría nos seus centros de saúde e 96 comparten pediatra, segundo datos de outubro de 2025 recollidos no mesmo informe. Mentres tanto, mantéñense sen cubrir 496 prazas de especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, 157 de especialista en Medicina de Urxencias non Hospitalarias e un total de 853 postos de persoal sanitario facultativo. Non son cifras abstractas: son consultas que non se fan, diagnósticos que se retrasan e enfermidades que se complican.

O retroceso tamén é visible na hospitalización. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), as camas instaladas en Galicia pasaron de 10.016 no ano 2020 a 9.672 en 2023, unha caída significativa nun contexto de envellecemento poboacional acelerado.

E a cidadanía nótao. Galiza rexistra o porcentaxe máis baixo de satisfacción coa Atención Primaria de todo o territorio estatal, situándose por debaixo do 73%, segundo a enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). 

A folga e as negociacións

O pasado marzo, a Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou folga en toda a Atención Primaria galega para os días 26 de marzo, 9 e 23 de abril. A reunión do comité de folga celebrada o 25 de marzo en Santiago de Compostela durou varias horas e abordou 24 reivindicacións concretas, dende a dotación de estruturas de xestión propias para a Atención Primaria ata a limitación das axendas diarias, pasando pola retribución axeitada para todas as categorías profesionais.

O Sergas non aceptou ningunha das demandas presentadas e non foi posible chegar a ningún acordo. A CIG mantivo a convocatoria de folga e reafirmou a súa disposición a continuar negociando, pero advertiu que a Administración respondía sistematicamente coa creación de grupos de traballo internos que, no seu criterio, “o único que consegue é retrasar a toma de decisións”.

Entre as principais esixencias da CIG estaba establecer un máximo de 30 pacientes por axenda diaria en medicina de familia —un límite que, segundo a organización, leva anos aceptado sobre o papel pero que a realidade non respecta— e de 20 en pediatría. Tamén reclamaba o pago da intersustitución para todas as categorías (que un profesional realice a axenda doutro compañeiro), a creación de prazas estruturais nos PAC e a garantía de que non se contrataría persoal médico sen titulación de especialista. Este último punto é especialmente sensible: “dende a Consellería recoñecen que se contratan de forma puntual” e alcanza “ata un 20% en certas áreas sanitarias”.

Manuel Rodríguez, presidente de Omega, outro sindicato con presenza neste conflito, non quixo dar detalles sobre as súas negociacións co Sergas, que cualificou de “moi duras”, pero si apuntou ao problema de fondo: “Non pode ser que un facultativo atenda a 50 persoas nun día. Pedimos que se adapten os cadros de persoal ás necesidades reais da poboación.”

Medidas que non convencen

Un dos aspectos máis polémicos das últimas semanas é o decreto que amplía o horario dos PAC para incluír as mañás do sábado. A Consellería presenta a medida como unha mellora do servizo e un incentivo salarial para os profesionais. Pero dende a Asemblea de Médicas e Médicos de Familia da Área Sanitaria da Coruña a lectura é ben diferente.

“Véndeno como se fora a panacea, pero ao final consiste basicamente nunha voluntariedade”, explican. Segundo a Asemblea os sábados pola mañá xa eran atendidos polos médicos de Atención Primaria Ordinaria antes da redución da xornada a 35 horas semanais. O que cambia agora é o marco retributivo e a cadea de responsabilidades: se non hai voluntarios entre o persoal de PAC, a carga recae nos profesionais de Atención Primaria Ordinaria; e se tampouco hai voluntarios aí, “o que van facer é impoñercho”. O resultado final podería ser, na práctica, dous fins de semana ao mes con gardas de 24 horas.

Doutra banda, a Asemblea tamén alerta sobre as chamadas “axendas de descarga”: consultas vespertinas para absorber o exceso de demanda cando se completan as citas da mañá, que serían atendidas por outros profesionais contratados de forma voluntaria. “Temos medo de que metan xente sen especialidade”, sinalan. 

Se ben a Consellería anunciou a creación dunha unidade de apoio de medio cento de médicos para desconxestionar a burocracia en Atención Primaria, os profesionais temen que isto encubra máis contratacións de non especialistas.

O que describe Mazaricos —a concentración de carga nunha soa profesional, as listas de agarda de dúas semanas, os desprazamentos obrigados a municipios veciños— non é un problema de xestión local. É a expresión máis visible dun modelo que rompe por varias costas á vez: infrafinanciamento crónico, incapacidade para atraer e reter profesionais no ámbito rural e unha Administración que non aborda as causas estruturais.

Este medio solicitou ao Sergas a súa valoración sobre o informe do Consello de Contas, datos actualizados sobre prazas vacantes e información sobre o estado das negociacións pero non recibiu resposta antes do peche desta información.

Mentres as negociacións continúan sen resultados visibles, as veciñas de Mazaricos seguen esperando quince días para conseguir cita. O rural galego, con poboación dispersa, envellecida e cada vez máis afastada duns servizos que se concentran nas cidades, paga o prezo máis alto dun sistema que leva anos mirando cara a outro lado.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...