As guerrilleiras galegas e o ‘Ictus’ de Chévere: a MIT de Ribadavia fai unha aposta insólita pola memoria na súa 42ª edición

O maior evento de artes escénicas de toda Galiza amosa un compromiso excepcional coas loitas históricoas e a creación contemporánea. Janet Novás e Mercedes Peón tamén actuarán con ‘Mercedes e máis eu’ no Auditorio do Castelo.
MIT Ribadavia 2025
Público durante a edición da MIT en 2025.
17 jul 2026 13:05

Ribadavia abre este venres as portas da 42ª Mostra Internacional de Teatro (MIT) e convértese, unha vez máis, nun punto de encontro para creadoras, compañías e público chegado de dentro e fóra de Galiza. Ata o 25 de xullo, a vila ourensá volverá facer dialogar teatro, danza, performance e creación contemporánea nunha programación que este ano ten na memoria —histórica, política, familiar, corporal— o seu fío condutor máis recoñecible.

É a segunda edición baixo a dirección artística de Sabela Mendoza e Gena Baamonde, que insisten na aposta pola creación contemporánea, pola diversidade de linguaxes e formatos e pola escena como espazo de pensamento crítico e experiencia colectiva. “A MIT é a mesma e diferente cada ano. Regresar á Mostra é manter o hábito do extraordinario, o costume de sorprendernos. En tempos escuros, a arte segue sendo un refuxio colectivo para o posible”, sinala a dirección artística sobre unha edición pensada arredor da idea de “cita”: o encontro coas outras, coa memoria, coas escenas vibrantes.

En total serán 25 espectáculos e máis de dez actividades paralelas de mediación e formación, con programación diaria en distintos espazos da vila, ademais dun reforzo dos espazos de encontro profesional e pensamento compartido que caracterizan a mostra.

Unha xornada inaugural marcada pola memoria

A primeira xornada propón xa un percorrido polos grandes temas desta edición. Ás 19h, a Igrexa da Madalena acollerá a lectura performativa de O Miradoiro, de Alomais Teatro, texto gañador do XX Premio Abrente, que convida a reflexionar sobre a condición humana, a vulnerabilidade e a necesidade de construír comunidade. Media hora máis tarde celebrarase, no mesmo espazo, o acto oficial de inauguración da mostra.

Ás 21h, a praza Maior converterase nun escenario ao aire libre para recibir El bolero, da compañía vasca Altraste Danza, unha proposta que explora a capacidade do movemento para crear vínculos entre intérpretes e espectadores.

O peche da xornada chegará ás 23h no Auditorio Rubén García do Castelo con ICTUS (anatomía de A derradeira leición de Castelao), a nova creación de Chévere en coprodución co Centro Dramático Nacional. A compañía galega parte do histórico cadro de Castelao para preguntarse como se constrúe a memoria colectiva, que historias permanecen e cales corren o risco de desaparecer, nunha peza que incorpora lingua de signos e audiodescrición integradas na propia narrativa.

Fin de semana de danza, música e coidados

O sábado, tras a entrega do Premio da Academia Galega de Teatro, convivirán propostas tan diversas como a investigación escénica de Zoombies, a reflexión ecolóxica de Colapso e Mercedes máis eu, o encontro entre Janet Novás —Premio Nacional de Danza— e a creadora musical Mercedes Peón. Construída arredor do ritmo, da escoita e da construción dun “común sensible”, a peza escollerá precisamente Ribadavia para a súa despedida dos escenarios.

O domingo, a palabra e a dramaturxia galega tomarán protagonismo coa presentación de O Miradoiro e unha conversa sobre edición teatral, antes de dar paso ás representacións de Berenguela na gaiola e Hospital de campo, da compañía catalá Societat Doctor Alonso, unha proposta que afonda na vulnerabilidade e nos coidados desde unha singular investigación sobre o corpo.

Con compañías chegadas de Galicia, Portugal, Euskadi, Cataluña, Madrid, Andalucía, Canarias e México, a MIT reafirma nesta edición o seu compromiso coa diversidade de linguaxes escénicas e coa creación contemporánea, facendo de Ribadavia un espazo onde o teatro non só se representa: tamén se pensa, se comparte e se vive.

Cinco pezas para non perder

ICTUS (anatomía de A derradeira leición de Castelao) – Chévere. A gran proposta sobre memoria histórica desta edición. Parte do cadro A derradeira leición do mestre, de Castelao, para reflexionar sobre a memoria democrática, o esquecemento, a transmisión das historias colectivas e o legado do antifascismo galego.

A Fortaleza – A Feroz. Coprodución co Centro Dramático Galego e o festival FITEI do Porto, dirixida pola portuguesa Raquel Sousa. Recupera a memoria das guerrilleiras antifranquistas galegas a través da figura da maqui Consuelo Rodríguez López “Chelo”, un tema moi pouco tratado na escena.

José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983 – Teatro Experimental do Porto. Revisa o legado de José Afonso e da Revolución dos Caraveis, abordando a memoria política e cultural portuguesa a través dunha proposta escénico-musical de gran formato construída arredor da figura do cantautor, autor do popular Grândola, Vila Morena.

Mi madre y el dinero – Pornotráfico (México). Non traballa a memoria histórica en sentido estrito, pero si a memoria autobiográfica e política, a herdanza familiar e a relación entre o diñeiro, a clase social e a biografía, nun exercicio de reconstrución no que o autor, Anacarsis Ramos, comparte escenario coa súa propia nai.

El cuerpo vacío – CuatroxCuatro (México). Aborda o corpo como arquivo e lugar de memoria. Unha proposta máis poética e menos directamente histórica, máis ben a idea da memoria inscrita nos corpos e nas experiencias.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...