Opinión
Crer só en deuses que bailen

No Salón Teatro de Compostela, onde está o Centro Dramático Galego, foi representado nos pasados 1 e 2 de xuño o musical Afterparty da compañía A Feroz que fala sobre a actualidade, a busqueda da felicidade, o consumo, e outras cuestións ligadas á nosa existencia.

Afterparty Musical
Bea Romero, Lolo Castro, Inés Salvado e Gustavo Freire representando Afterparty. Foto: Manuel Blanco
25 jun 2019 11:55

O bo de ir ver un musical como o de A Feroz é que un abandona o teatro coa sensación de que o reloxo púxose a cero, outra vez, co corpo máis lixeiro e a mandíbula máis relaxada. Porque se algo non falta son as risas. E ese humor co que o guión de Lorena Conde é capaz de rir intelixentemente das nosas propias dúbidas e certezas, sen perder a dignidade do que nos fai humanos, recoñecendo as nosas propias fraxilidades e apostando pola alegría como ferramenta de salvación. Afterparty fala de nós, dunha xeración que procura asirse a algo que a sitúe no mapa, logo dunha época na que parece ser que, agora, o desengano do café para todos é a protagonista.

Pero a obra tamén fala dunha xeración que, mesmo se non os ten aínda, procura os seus propios referentes e a súa propia linguaxe de rebeldía contra todo isto. Entre luces, música e baile, vincúlanse as catro personaxe interpretadas por Bea Romero, Lolo Castro, Inés Salvado e Gustavo Freire. Unha obra que é máis que nada unha festa, unha celebración á que inevitablemente estamos convidados dende que comeza, aínda que esteamos sentados na butaca. E é que a revolución, se algún día somos quen de achegarnos algo a ela, non ten porque ser triste, nin levar consigo o espírito da pesadez occidental. A de aqueles gramáticos, excelsos literatos, filósofos de toda laia que procuran unha tese final sobre a realidade no medio do caos e o devir.

Afterparty, se algo ten, é unha grande amplitude de lecturas. Por unha parte, no que respecta ao aspecto máis técnico, os diálogos conteñen, a través das meles da festividade e das conversas máis superficiais- se se quere- un profundo carácter crítico sobre os nosos tempos e a nosa forma de relacionarnos. En canto á posta en escena, unha fluidez nos actores e actrices que denota non só un gran traballo de interpretación, senón tamén unha confianza que lles permite oscilar entre os distintos territorios emocionais polos que viaxa a obra. Dende as discusións, o desprezo e a frialdade, até a máis erótica e festiva complicidade, sen perder os sincericidios ou a tenrura.

Pero sobre todo, encontro que Afterparty ten dúas lecturas substanciais. Unha sociopolítica e outra existencial. Como público, espectadores e espectadoras non só nos sentimos atraídos pola festa que ten lugar no escenario, senón tamén interpelados polos diálogos. Filosofía e crítica social danzan nas voces das catro personaxes que celebran unha festa á que un mesmo como espectador, como dixen antes, síntese convidado. E é que a obra, aínda que non sempre as formule explícitamente no guión, navega pola procura de respostas ante un mundo que parece, máis que nunca, carente dun relato que aglutine a unha xeración como á que hoxe lle toca pensar e sentir o mundo, con aquela indignación que poboaba as prazas do 15M.

“O valor que espanta ás pantasmas crea os seus propios trasnos. O valor quere rir”, dicía Nietzsche poéticamente en palabras de Zaratustra. E é que é nesa mesma busca de sentido onde aparece a parte máis existencial da obra. Aí, nesa coxuntura da procura de respostas, aparece o sexo, o alcol, a música e a danza como elementos que nos protexen dos nosos propios temores ao compromiso, á reflexión, á pesadez, e a un sistema que nos esixe, constantemente, destacar e ser distintos como únicas categorías existenciais.

Afterparty é a resaca das promesas que esvaeceron cando a crise financeira interrompeu no noso devir. Pero con humor, con música e con dignidade. Cando Nietszche di que “crería só nun deus que soubese danzar” fala dese contramovemento contra a pesadume, contra o derrotismo, contra a escuridade dos espíritos puros. Quizais, a busca de referencias non teña por que ser un camiño de dogmas, ou quizais si, pero ese é outro debate. En todo caso, o que non pode faltar sen dúbida algunha é o baile, a alegría, a celebración.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando relacionadas...
Cargando portadilla...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...