Opinión
A celulosa e a mina son o modelo industrial do Partido Popular

Estamos nun momento crítico para o futuro de Galicia. O goberno autonómico está totalmente decidido a promover dous grandes proxectos —a mina de cobre de Touro e a macrocelulosa de Palas de Rei— na bacía hidrográfica do rí Ulla. E faino utilizando os vellos eslogans de “progreso” e “postos de traballo” como forma de atraer a atención e tapar as eivas estruturais que teñen ambos.
Unha primeira consideración metodolóxica pode ser útil. O río Ulla forma unha unidade ecoxeográfica coa ría de Arousa, non son realidades estancas, senón, ao contrario, interconectadas moi intimamente porque o río Ulla é o máis caudaloso dos que alimentan a ría, cun caudal medio de 79,3 m3/s.
Parecería lóxico, polo tanto, que se pretenderamos realmente avaliar o impacto de Altri ou da mina de cobre de Touro, teriamos que enfrontarnos a unha análise global, ou sexa, observar e cuantificar os efectos sinérxicos de ambos os dous proxectos conxuntamente sobre o río e a ría. Nada máis lonxe da realidade, a Xunta de Galicia permite unha avaliación individualizada e, aínda por riba, Altri só avalía o seu impacto hidrolóxico no encoro de Portodemouros e a mina de cobre só ten en conta o impacto nos ríos Lañas e Brandelos, afluentes do río Ulla.
Hai outra consideración xeral a ter en conta: ambos os dous proxectos —a mina e a celulosa— van ter 90 e 75 anos de concesión respectivamente. Son proxectos que van afectar ao futuro de Galicia e ás xeracións vindeiras. Son algo moi serio que precisamos ver con tranquilidade, sen presións e desde diversos ángulos de análise. E isto que eu entendo que é o máis razonable é o contrario ao que está a pasar porque a Xunta de Galicia declarou a estes dous proxectos de interese estratéxico (PIE) e iso acelera os procedementos e impide unha análise sosegada e mesmo un debate social plural. Declarar PIE un proxecto é o mellor xeito de que camiñe administrativa e socialmente como por unha autoestrada, para que cando nos decatemos xa se estea executando.
Ademais a lonxevidade de ámbolos dous proxectos obriga necesariamente a unha análise prospectiva de como lles vai afectar o cambio climático. Esta cuestión, que ten unha importancia capital para tomar unha decisión correcta cara ao noso futuro, non se está a abordar en ningún dos dous proxectos. No estudo Evaluación del impacto del cambio climático en los recursos hídricos y sequías en España (2017) avalíase ese impacto —ata 2100— no sistema hidrográfico Galicia Costa, dependente da comunidade autónoma. As conclusións son claras para calquera dos escenarios posibles: tendencia decrecente das precipitacións, incremento da evapotranspiración e diminución da recarga dos acuíferos. É dicir: vai haber menor cantidade de auga dispoñible tanto nos ríos como nas augas subterráneas. O verán será cada vez máis extenso e as choivas máis concentradas en pouco tempo con medias térmicas en gradual ascenso.
Mesmo cos datos históricos actuais do río Ulla podemos constatar que o promedio do caudal mensual no período 2009-2023 para os meses de xuño a outubro, ambos incluídos, é menor de 6 m3/s. Precisamente foi este criterio o que aduciu a consultora Pöyry, en calidade de experto independente, para rexeitar o traslado da fábrica de celulosa de Ence da súa ubicación actual en Pontevedra ao río Eume, por ter este un caudal medio de 6 m3/s (Localización y requerimientos. Industria global de celulosa Kraft. Mayo 2019, páx.25).
Altri vai producir máis pasta de papel que Ence e, polo tanto, terá unha vertedura maior. É curioso que esta consultora finesa Pöyry se fusionase coa sueca AF para converterense en AFRY e firmaren un contrato con Altri en 2021 para realizar os estudos preliminares e de viabilidade, seleccionar a ubicación, realizar os servizos de autorización ambiental e o deseño e inxeñería da planta de celulosas en Palas de Rei á beira do río Ulla.
Precisamente Altri asinou un convenio coa sociedade Impulsa (Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos de Galicia S.L.) o 1 de outubro de 2021. Impulsa ten maioritariamente capital público (40%+ 3,43% de Reganosa + 5,1% de Sogama) pero o goberno do Sr. Rueda, por algún motivo inconfesable, agóchanos a letra pequena dese convenio que compromete o uso do diñeiro público.
Porque ese é outro aspecto moi importante deste cambio de modelo produtivo que está impulsando o Partido Popular. Faise utilizando o diñeiro público, sen facer públicos os documentos que asinan e convertendo á administración autonómica en voceira de empresas multinacionais que queren implantarse no noso territorio para beneficiarense dos nosos recursos e deixárennos a contaminación para a vida. A Xunta de Galicia abandonou a defensa dos intereses maioritarios da sociedade galega e pasou a ser o axente comercial de Altri e da mina de Touro. Nin siquera aparenta neutralidade no procedemento. Estamos a vivir en directo como o PP destrúe o noso modelo produtivo vertebrador do territorio —o sector agrogandeiro e marisqueiro/bateeiro— e o substitúe sen abrir un debate no conxunto da sociedade, sen diálogo e con prepotencia.
Evidentemente para imporen este modelo xa foron construíndo unha andamiaxe legal que lles permita facelo coas menores garantías ambientais posibles, no menor tempo posible para evitar que a sociedade poida organizarse e respostar.
Por iso é fundamental tecer unha rede social transversal na sociedade, capaz de unir a sectores diferentes que sexan quen de aglutinárense nun movemento social arredor dun denominador común: a defensa do noso territorio e dos nosos sectores produtivos cun modelo alternativo, sostible, que artelle a sociedade, que transforme os nosos produtos de calidade con trazabilidade, que asegure que o valor engadido dos nosos produtos queda na nosa terra. Un modelo integrador, máis humano, que garantice a nosa soberanía alimentaria e afortale a nosa identidade.
Costas
A ría de Arousa, ao bordo do colapso ecosistémico
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!