Xabier P. Igrexas (BNG): “O único ámbito no que Vigo avanzou foi na propaganda e na persecución de quen discrepa”

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo acusa a Abel Caballero de converter a cidade nun “parque temático”, denuncia “prácticas mafiosas” contra os movementos sociais e reivindica un “novo tempo” para Vigo.
Xabier P. Igrexas - 5
O portavoz e candidato do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. Juancho Everman
29 may 2026 08:40 | Actualizado: 29 may 2026 10:02

A cidade máis grande de Galiza semella irrecoñecible estes días. Algunhas das súas zonas máis transitadas teñen unha presenza policial e militar da que non hai rexistro na historia recente. Os pavillóns públicos abeiran camas plegables cor verde oliva e no ceo voan cazas F18, Eurofigther, Harrier e helicópteros do Exército español que emiten sons ensordecedores. Nos diferentes peiraos da costa viguesa atracan fragatas e, nas visitas guiadas por militares co gallo da celebración do Día das Forzas Armadas, milleiros de nenos e nenas ‘desfilan’ entre carros de combate e armamento como parte da súa formación obrigatoria.

A maior parte dos partidos políticos do taboleiro galego non só están encantados coa fotografía, senón que levan meses a traballar arreo para que o desembarco de Felipe VI en Vigo sexa un éxito de afluencia e impacto. Dende logo os do Goberno de coalición español, tamén o que dirixe a Xunta e, por suposto, o consistorio que dirixe Abel Caballero, colocado con xeito na bisectriz de tódolos actos. A sociedade civil prepara unha gran manifestación que sirva de contestación e na que, previsiblemente, só asistirá un dos líderes das grandes organizacións políticas con capacidade de acción na cidade: Xabier P. Igrexas (Vigo, 1984), o candidato recén escollido polo Bloque Nacionalista Galego para tratar de riparlle a alcaldía Caballero en maio de 2027.

É estraño iso de mirar a cidade chea de militares.
Parecen imaxes doutra época, non? Nós cremos que onde deberan estar os militares, en todo caso, é nos cuarteis e por iso o renegamos dende o primeiro momento de maneira absolutamente clara e rotunda á organización do desfile das Forzas Armadas que, cómpre lembrar, é un día que substitúe o desfile que se facía durante o franquismo polo Día da Vitoria. Esta cidade que conta cun masivo clamor social en favor da paz, cunha cultura de paz onde o ‘non á guerra’ non é só unha consigna, que se resucita de maneira oportunista por parte de algúns, senón que forma parte da identidade da cidade.

O desfile militar é un acto ultraespañolista e un despilfarro público

Que lectura fas deste tipo de celebracións?
A dun acto de exaltación militarista e ultraespañolista que, ademais, supón un importante despilfarro de recursos públicos e que está a ocasionar xa evidentes prexuízos para a veciñanza Vemos como as instalacións deportivas municipais son secuestradas e ocupadas militarmente, expulsando ás persoas usuarias de ximnasios municipais, das pistas de atletismo e tamén prexudicando de maneira evidente aos propios clubes que viron reducidos os seus horarios de adestramento. Que gaña a cidade exactamente con este acto, porque o que non quixo contestar ata o momento o alcalde Abel Caballero é canto lle vai custar a Vigo este despropósito. Un desfile militar nun contexto que dende logo é moi preocupante dende o punto de vista internacional. Nun momento no que o imperialismo está a agudizar, está a agravar a súa tendencia belicista con cada vez maior aumento do gasto militar. Cun acto que, ademais, vai estar presidido por unha institución anacrónica, antidemocrática e corrupta como é a monarquía española.

Cres que baixo actos coma este, a celebración do aniversario da Policía española o pasado ano, o pleito para defender a cruz franquista do monte do Castro ou o financiamento público do Sagrado Corazón de Xesús, subxace certa estratexia que ten como obxectivo acadar máis electores na dereita sociolóxica?
Ben, é claro que a maioría absoluta de Abel Caballero nútrese da transferencia de arredor do 50 % das persoas que en Vigo, noutras convocatorias, nas eleccións galegas e nas eleccións xerais collen a papeleta do Partido Popular. Eu digo ás veces a xeito de brincadeira, pero ten bastante de afirmación real, que o maior activo do Partido Socialista en Vigo en realidade non é Abel Caballero. O maior activo do PSOE en Vigo é o desastre que é o Partido Popular nesta cidade. Nese sentido é clara a deriva confesional dun alcalde que dende logo pode presumir de ser o rexedor que maior cantidade de recursos ten transferido á Igrexa católica e que agora xa de maneira indisimulada participa directamente de canto acto litúrxico, de canta procesión pública hai e que ten a ben gabarse dunha relación extraordinaria co bispado

Xabier P. Igrexas - 1

Cres que esta dereitización da institución permea o imaxinario das cidadás e dos cidadáns? Dito doutro xeito, é Vigo agora máis de dereitas que hai vinte anos?
Sinceramente creo que non. Creo que o efecto máis negativo en termos democráticos é a devaluación da institucionalidade municipal. Ten moitas vertentes, daría para falar moito. Dende como se reduce o Concello ao Goberno, o Goberno ao alcalde e a cidade practicamente se personaliza en Abel Caballero. Algo que o Partido Socialista xa sostén de maneira absolutamente desacomplexada e ridícula. Cando escoitas ao portavoz do grupo de Goberno dicir que Vigo case non existía antes da chegada de Abel Caballero, que cada intervención do alcalde nun pleno —uns vinte e cinco ou trinta minutos— é unha clase maxistral... É esa hipérbole permanente na que está instalado o Partido Socialista e que ten provocado tamén esa devaluación institucional. Vemos un alcalde que ao mesmo tempo qu inaugura unha hamburguesería ou unha perroquería, é aclamado entre vítores en colexios privados claramente aliñados co Opus Dei, pasea nas procesións case como un pendón relixioso e patrocina con entusiasmo un acto tan rancio e españolista como o desfile das Forzas Armadas. Pero non permea, non.

Hai máis de 100.000 vigueses e viguesas que non foron votar: a cidade real non é a de Abel Caballero

Hai un feito que pasa moi desapercibido na análise electoral e sociolóxica da cidade: a súa maioría absoluta ten menos votos do que o número de viguesas e vigueses que, nas últimas eleccións municipais, non foron votar. Hai máis de 100.000 persoas que nas municipais de 2023 decidiron non acudir ás urnas. Polo tanto, ese resultado non é representativo do sentir da cidade. E fronte a esa institucionalidade cada vez máis casposa, fronte a ese alcalde meme, fronte a ese modelo de cidade parque temático, hai un contraste no Vigo real: seguimos sendo unha cidade fortemente combativa, cunha pulsión mobilizadora moi importante, cunha elevada conflitividade laboral, cunha resposta enérxica diante de políticas de recortes —como vemos en sanidade pública ou ensino público—, cunha cidade con compromiso radicalmente feminista, de vangarda a nivel de Estado, que na práctica se reivindica orgullosamente diversa en materias como a xenofobia ou a LGBTfobia. O Vigo real non encaixa nesta estampa triste que pretende retratar Abel Caballero.

Caballero deixou sen executar 137 millóns de euros. Iso son necesidades desatendidas, promesas incumpridas, anuncios que quedan na infografía colocada nos medios

Percibo certa complexidade á hora de elaborar o discurso dende a oposición —neste caso do Bloque, aínda que imaxino que ao PP tamén lle pode pasar— porque, co paso destes gobernos tan longos, percíbese tamén en certo espectro da sociedade viguesa que a cidade avanzou. Como enfrontades ese discurso dende a oposición?
O Goberno conseguiu en boa medida instalar un relato que é en grande medida falso. Faino desde unha posición de abuso —e só se pode definir así— cunha tendencia cada vez máis clara cara a pulsións de tipo autoritario. Cando falamos de abuso, falamos da dopaxe mediática con inxentes recursos públicos que permiten non só colocar a súa mensaxe, senón contribuír a invisibilizar a alternativa. Faino tamén cunha posición de claro abuso institucional. O principal afán de Abel Caballero foi reducir o pleno —o máximo órgano de representación democrática da cidade— á mínima expresión. As súas ausencias son o síntoma máis evidente: un alcalde incapaz de exercer a súa función de presidir o pleno, que se ausenta en canto se comezan a debatir as mocións da oposición.

Hai unha batalla de relato na que, desde unha posición de abuso, conseguiu instalar unha idea articulada dun falso avance na cidade. Porque cando vas á realidade material, ves feitos que pasan desapercibidos para a maioría social: temos un Goberno municipal cunha maioría absolutísima, sen ningún límite nin dependencia de ninguén, que é sistematicamente incapaz de executar os seus propios orzamentos. Hai un dato demoledor: no ano 2025, Abel Caballero deixou sen executar 137 millóns de euros. Iso son 137 millóns de necesidades desatendidas, de promesas incumpridas, de anuncios que quedan na infografía colocada convenientemente desde o punto de vista mediático pero que logo non se traducen en nada. Non hai mellora real dos servizos públicos, moi ao contrario. Vémolo claramente na situación do transporte. O abandono dos barrios e parroquias non se pode tapar con máis ramplas mecánicas nin con máis primeiras pedras. E diante do principal problema social que hoxe ten a cidade —o acceso á vivenda—, a política de Abel Caballero é unha absoluta estafa. Anuncia unha empresa municipal de vivenda que non está constituída, di que ten en marcha 800 vivendas públicas cando non ten en marcha ningunha. De feito, acaba de adxudicar a licitación para a promoción privatizada de 27 vivendas en Esturáns, que en todo caso levarán —falo de memoria— uns 27 meses de desenvolvemento; nunha cidade na que hoxe temos máis de dez mil persoas rexistradas como demandantes de vivenda protexida. E falamos do mesmo Abel Caballero que no ano 2007, sendo candidato á alcaldía, prometeu promover seis mil vivendas públicas en catro anos. Non promoveu nin seis mil, nin seiscentas, nin sesenta, nin seis. Ningunha. A capacidade do Goberno municipal de instalar o seu relato demostra que a propaganda funciona. Mais fronte á propaganda, fronte aos anuncios, fronte a ese monólogo sectario e autoritario de Abel Caballero, a cidade real existe.

Non houbo, en termos reais medibles, ningún avance en ningún ámbito. O único ámbito en que Vigo avanzou foi na propaganda e no autobombo. E digo isto tamén como vigués: en toda a etapa democrática da cidade nunca houbo un Goberno municipal que dispuxese de tantos recursos públicos. Temos orzamentos que rondan os catrocentos millóns de euros. Nunca tendo tanto, un goberno fixo tan pouco.

O Concello non é o partido. Hai unha confusión evidente entre a administración e o partido que a xestiona

Esa idea que sostés de que o Goberno local conseguiu colocar como éxito de xestión a non execución de boa parte do orzamento, instauralo na opinión pública como unha sorte de saneamento das contas. Que papel xogan neste labor os medios de comunicación, nomeadamente os locais?
Hai un imperativo democrático nisto: ningún goberno, ningunha administración pública, debería poder utilizar os recursos públicos para impoñer o seu discurso e, sobre todo, para impoñer a falta de pluralidade. A invisibilidade, o monólogo, a ocupación de todo o espazo de debate público, a invisibilidade dos discursos alternativos: todo iso é tamén un síntoma de febleza. Porque se tes un convencemento real sobre o que fas, se cres que a túa xestión de goberno é tan excepcional como sostén Abel Caballero a golpe de epítetos e hipérboles, non deberías ter ningún problema en sometela ao debate e á discusión pública. Eu teño convicción plena nas propostas do BNG e por iso nunca teño problema en contrastalas nin en discutilas. Pero hai unha eiva evidente: a política de comunicación do alcalde parte dunha confusión, que é que o Concello non é o partido. Hai unha confusión evidente entre a administración e o partido que a xestiona, que contrasta incluso con concellos doutros signos políticos. Esa tendencia a censurar e silenciar ten efectos evidentes. E converxeu cunha perversidade: utilizar o escenario de crise publicitaria, que minguou e impactou moi fortemente nos medios de comunicación, para doparse con diñeiro público e impoñer o seu discurso.

O máis grave é ver un goberno que converte sistematicamente en inimigo a quen se atreve a denunciar ou a visibilizar unha necesidade da cidade; a quen coloca algo que lle resulta incómodo. Convértese automaticamente en inimigo de Vigo, porque Vigo é él. Se hai un exemplo claro desa tendencia totalizante —de confundir unha lexítima maioría absoluta cun réxime totalizante—, é a política de hostigamento, persecución e criminalización dos movementos sociais. A entidade, asociación, organización sindical, colectivo, AMPA, club deportivo que se atreva a tusir é directamente un elemento a batir, e para iso se utilizan todos os resortes que dispón a administración municipal, desde a política de subvencións até a invisibilidade mediática. Nunha práctica que, sen ningún complexo, eu definiría como moi próxima a comportamentos de tipo mafioso. 

Falas dun tema moi interesante: o papel que xogou o caballerismo na atomización dos movementos sociais da cidade. Ves que haxa capacidade de recomposición?
Haina, pero hai moitas dificultades. O tecido asociativo tamén atravesa as súas propias transformacións e enfronta retos nalgúns ámbitos. O movemento veciñal non é o mesmo que cando eu entrei nel con moi poucos anos, a finais dos 90. A cidade mudou, os barrios mudaron, a conciencia social expréxase de maneiras diferentes. Tamén vivimos tempos nos que, mesmo desde posicións de esquerda, non valoramos suficientemente o moito que se complexizou a vida: hoxe as persoas encaran procesos vitais marcados pola precariedade, a inestabilidade e xornadas irregulares; á marxe do avance dos discursos do individualismo, hai, dende o punto de vista das condicións obxectivas, dificultades reais para a participación. E se a esas dificultades lle engades un muro inasequible que contesta con violencia institucional sen ningún mecanismo de control, a situación complícase aínda máis. É lamentable que a estratexia de extorsión e criminalización teña éxito, porque nalgunha medida si que o ten. Segue habendo movementos sociais, organizacións e colectivos que de maneira moi valente, case heroica, resisten e avanzan na reivindicación. Pero é moi complexo, porque ademais se ten a percepción de que non ten custo: que a resistencia cívica fronte a un goberno con tics autoritarios e totalizantes non o erosiona. Eu creo que a erosión é maior do que se ve, pero iso tamén desmobiliza.

Algo máis de 56.000 persoas colleron a papeleta do Bloque nas galegas, pero foron 15.000 nas municipais. Cales son as claves que manexades de aquí aos proximos comicios para que unha boa parte desas 56.000 persoas volva coller a papeleta do BNG?
O primeiro que hai que facer —e niso estamos a facer un esforzo importante— é rebater unha tese absolutamente falsa que se intenta inocular como factor de desmobilización: que non se pode facer nada, ou que xa está todo feito. Nese sentido, convén que ninguén perda de vista que, o 23 de maio, cando se abran as urnas, Abel Caballero vai ter exactamente o mesmo número de asentos no pleno ca min como candidato á alcaldía polo BNG: cero. A clave é que esa cantidade importante de viguesas e vigueses que saben que a cidade merece máis do que se lle está a ofrecer, que cren que os recursos do Concello non son para amorearse en remanentes ano tras ano, concentren esa gana de cambio na alternativa que o BNG aspira a liderar: un proxecto de transformación en positivo, aberto, que evite que non volva suceder o que sucedeu nos últimos procesos electorais, onde ningún voto que queira cambio na cidade quede sen representación no Salón de Plenos.

Xabier P. Igrexas - 3

Percibimos que hai unha parte importante da cidade que necesita un proxecto esperanzador, un novo horizonte. Ese novo Vigo que describimos pasa por construír unha cidade moito máis habitábel e verde, coas persoas no centro; socialmente xusta e igualitaria, onde se garanta o primeiro dereito á cidadanía, que é poder habitar a cidade —o que esixe unha enerxica política pública de vivenda—; que recolla o mandato dos masivos 8M con políticas feministas reais; que poña en valor o seu potencial como grande eixo creativo e cultural do conxunto do país; que deixe de maltratar o deporte; que dea alternativas a unha mocidade que merece moito máis que uns poucos grandes concertos no verán e que non debería ter que escoller entre emigración, desemprego ou precariedade. E que, fronte a este hiperlocalismo ramplón, asuma o papel que lle corresponde como maior cidade do país: liderar desde a cooperación, o diálogo e a sinerxia; configurar Vigo como capital galega da innovación e da tecnoloxía; competir con coñecemento e non con baixos salarios; ser o grande nodo da eurorexión Galiza-Norte de Portugal. Pensar Vigo en grande é pensar Galiza en grande: non unha cidade reducida á altura do ego do alcalde de turno, senón á altura das máis de trescentas mil viguesas e vigueses.

Somos unha cidade con universidade, pero non unha cidade universitaria e iso tamén responde ás miras moi curtas que se teñen

Sobre o hiperlocalismo do que falas. Percíbese unha estratexia do PSdeG de Caballero de desprover a cidade da súa identidade no conxunto de Galiza: afastarse de todo o que signifique galeguismo ou mobilización social, desprovela da súa identidade obreira xenuína e en cambio ocupar ese espazo cunha especie de identidade se cadra impostada a través do Nadal e que nin sequera asume a identidade católica en concordancia coa súa lóxica. Que lectura fas sobre ese traballo de construción da identidade da cidade por parte do caballerismo?
O que vemos é un goberno que en lugar de utilizar os recursos da cidade para facela avanzar, intentou encaixar a cidade nas súas moi estreitas costuras. Esa pulsión adanista de que Vigo arranca en 2007, ese baleiramento e borrado de identidade histórica e de presente: como se Vigo se puidese resumir en dinosetos, halos e ramplas. Vigo non é iso. Vigo é moito máis: é cidade de vangarda cultural, referencial a nivel galego e mesmo estatal e europeo; é un exemplo potente de loitas obreiras; é unha cidade que se construíu a si propia cunha enorme potencia industrial, de capacidade produtiva e de xeración de talento. Nesta cidade de parque temático, a universidade é un elemento absolutamente illado, por exemplo. Somos unha cidade con universidade, pero non unha cidade universitaria. E iso tamén responde ás miras moi curtas que se teñen. O problema é reducir Vigo ao Vigo dun só. Nese proceso de deconstrución da cidade real, parece que Vigo son millóns de luces LED polo Nadal, ou ese meme viral; pero a cidade é outra.

Somos a primeira cidade de Galiza en poboación e en tecido socioeconómico; a capital galega do libro; a cidade cos movementos sociais máis potentes do país. Todos eses elementos existen. O que pasa é que a algún é máis cómodo politicamente encastelarse —igual que está encastelado na súa sala de prensa sen xornalistas— entre as paredes do seu parque temático. E nós dicimos que non: o papel que ten que xogar Vigo é o de ser o motor de todo un país, e non hai nada máis ambicioso nin que exprese máis autoestima como cidade que iso. Por iso, fronte a ese localismo ramplón —que ademais sempre foi un vehículo para o españolismo, porque do que se trata é de romper a relación de Vigo co conxunto de Galiza—, non se pode entender a historia de Vigo, por exemplo as folgas históricas do 72, sen entender o eixo de dignidade e combatividade que nos unía cunha cidade na outra punta de Galiza como era Ferrol. Fuxir diso responde a esa mesma pulsión. E ademais hai unha visión moi folclórica: o localismo de Abel Caballero ten algo de hiperxesticulación e sobreactuación por parte de alguén que non é orixinario da cidade e que, ben, non entende o que en si mesma representa Vigo.

Ao final, o caballerismo é unha síntese: aquel viguismo algo ramplón que no seu momento podiamos simbolizar en figuras como Leri (Antonio Nieto Figueroa); a afirmación autoritaria da cidade que marcou parte da alcaldía de Manolo Soto; e os elementos aparenciais desa política oca de xesto e de simular, que definiu en boa medida a breve alcaldía de Corina Porro. Substituímos os tulipáns e a Volvo Ocean Race por ascensores monumentais e ramplas, pero ao final converxen no mesmo vértice. O caballerismo é esa apropiación e resignificación de culturas políticas que xa existían na cidade, conectando cunha necesidade real de autoestima que había en Vigo —e que algúns poderes fácticos levaban anos alimentando, implorando pola chegada dun Paco Vázquez á viguesa—.

Paco Vázquez non tiña TikTok.
Si, Paco Vázquez con TikTok. Poderiamos definilo así. Responde a esquemas moi de pasado. Porque ao final, aínda que o noso papel como oposición é fiscalizar e controlar a acción de Goberno, o debate non o queremos centrar aí. O peor non está no que fai este goberno, que admite moita discusión; está sobre todo no que, podendo facer, non fai. E de cara ao 23 de maio, a clave é que as viguesas e vigueses pensen en chave de futuro: que cidade queremos construír a partir do Vigo que nos deixan estes vinte anos de Abel Caballero.

Nós non imos competir en frivolidade nin en sobreexposición, o que queremos poñer enriba da mesa é unha alternativa con rigor

Deberían os movementos sociais, a política institucional, transmutarse e empezar a competir nese terreo mediático da farándula? Pelexar eses minutos de televisión, esas viralidades, construír personaxes, remodelar as caras visibles para entrar a pelexar nese terreo, se cadra superficial?
Contrariamente ao que as tendencias máis modernas de comunicación política poderían recomendar, eu sigo pensando que o importante en política é o qué; o como serve ao qué. O fundamental é a proposta e o proxecto. Hai que acertar na maneira de expresalo, e hoxe hai maneiras e espazos novos con novas esixencias. Pero dígoo con toda clareza: nós non imos competir en frivolidade, nin en sobreexposición, nin en afán de viralidade oca. Fronte á frivolidade actual, o que queremos poñer enriba da mesa é unha alternativa con rigor, con propostas, con solucións concretas. Porque no fondo hai unha confusión entre o que se consume e o que se necesita. Moita xente di: “Esa política de comunicación viral do alcalde —intentando facer o breakdance, o cal di moi ben del pola súa idade e forma física— ten moito consumo e consegue audiencias masivas”. Ben, pero que expresa exactamente esa mensaxe? Que hai un señor e un goberno que lle ofrece á cidade iso. E por tanto é o único que se pode consumir: o discurso de “sodes os mellores, viva Vigo”, o alcalde teloneiro permanente de todos os concertos, mesmo por contrato.

Forma parte dunha construción comunicativa que quere ser pantalla para desviar a atención do importante. Porque mentres discutimos sobre o alcalde facendo o parvo —con todo o respecto—, non discutimos sobre os 137 millóns de euros que deixou sen investir. Non falamos das 250 frecuencias menos de autobús que hai hoxe na cidade. Non falamos de que se reduciu o orzamento para axudas sociais —nunha cidade con 60.000 persoas en risco de exclusión e pobreza— nun 50% desde o ano 2020, mentres se triplicaba o gasto en luces de Nadal. Non falamos de que desapareceron máis dunha vintena de programas culturais. Non falamos de que facer trámites tan básicos como acudir ao padrón é unha tortura por falla de persoal, nun concello con case 400 prazas de persoal municipal sen cubrir. Non falamos dos problemas reais.

Eu non concibo a política como entretemento. A política é un instrumento moi potente para transformar a realidade, para mellorar as condicións de vida da maioría social. Pode que a solidez ou o rigor vendan menos en termos de viralidade, pero eu creo que son moito máis útiles para transformar. A proposta de Abel Caballero para a cidade, á parte de que el continúe sendo alcalde, é difícil de contestar. Mesmo sendo portavoz municipal e levando case oito anos na corporación, non son capaz de definila: máis do mesmo, instalar un quilómetro máis de ramplas, quizais un segundo Halo nalgunha outra punta da cidade. Non hai máis. E a proposta política da candidata do Partido Popular, en que consiste exactamente? A día de hoxe tampouco son quen de explicala. Podería discutir un proxecto; o problema é que non o hai. Pode que ter proxecto e proposta sexa menos vistoso. Eu creo que é moito máis útil para a cidade.

Para rematar, pensades máis en tumbar este goberno ou estades armándovos para o poscaballerismo?
O obxectivo non é tumbar un goberno; ten moito maior alcance. O que aspiramos é a lograr un apoio social suficiente, sumando a moitos millares de viguesas e vigueses que non se resignan co que hoxe hai, para converternos nunha forza determinante que permita abrir un cambio de ciclo. Un novo tempo histórico, unha nova etapa. E creo que é un acto de irresponsabilidade pensar que a cidade pode perder catro anos máis, porque xa levamos perdidos uns cantos, nun contexto no que os principais problemas da maioría social son cada vez máis graves. Hoxe en Vigo temos sete pisos turísticos por cada vivenda dispoñible para alugueiro residencial. Máis do 50% das vivendas que hoxe se ofertan para alugueiro teñen prezos por encima dos mil euros mensuais, nunha cidade na que hai 22.000 persoas con ingresos mensuais por baixo dos 625 euros. Unha cidade que destruíu emprego: só no ámbito industrial, arredor de 4.000 postos de traballo menos dos que había en 2009. Unha cidade que segue expulsando mocidade cara a migración.

Neste contexto, o reto é que ese sentir de necesidade de cambio, de pasar de pantalla, se traduza politicamente. E para iso o fundamental é concentrar todo ese apoio nun proxecto que aspira a transformar e reiniciar en positivo a cidade. Eu non estou disposto a esperar. E dígoo tamén: a Abel Caballero deséxolle unha longa vida chea de saúde para que poida comprobar como cidadán a pé como hai un goberno municipal que inicia un proceso de transformación e que deixa atrás o modelo de cidade de parque temático. Iso é o que desexo: que poida ver en vida como un BNG determinante é ese motor de cambio na cidade. O outro é o que xoga o Partido Popular: é evidente que dan Vigo por perdido a nivel galego, con maior razón despois de comprobaren nas últimas galegas que poden reter a maioría absoluta en Galiza perdendo en Vigo.

Xabier P. Igrexas - 8

Nós non ofrecemos un proxecto pensando en cando isto acabe. O que lles dicimos ás viguesas e vigueses é que teñen na súa man iniciar un novo tempo xa. As que confiaron en Abel Caballero sen pensar que a cidade ía ser reducida a un parque temático, a mocidade, as persoas que confiaron no BNG ou noutras forzas de esquerda que hoxe ollan ao BNG con ilusión, as moitas viguesas e vigueses que non foron votar nas últimas municipais e que non saben se irán o 23 de maio. Temos a oportunidade de non postergar o cambio que é imprescindible. Eu encaro estas eleccións cun compromiso: facer posible o que é necesario. E esa mudanza que necesita Vigo non pode esperar máis.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...