Alfonso Rueda deu 1,2 millóns a dedo ao sobriño do presidente do PP da Coruña para montar dous festivais

Gerardo Lorenzo Malvar recibiu 907.500 euros para a primeira edición do Galicia Fest cunha empresa creada ‘ad hoc’, 242.000 euros para o Recorda Fest, 65.000 da Consellería de Deportes e 80.000 da Deputación de Pontevedra, tamén do PP.
Miguel Lorenzo Alfonso Rueda 2
O presidente do PP da Coruña, Miguel Lorenzo, canda o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

A xogada é gañadora. O martes 15 de abril de 2025, o Boletín Oficial do Rexistro Mercantil de Pontevedra recolle a constitución dunha nova empresa: Galicia Fest 2025 AIE (Agrupación de Interese Económico). Non se lle coñece outro administrador que Gerardo Lorenzo Malvar, un empresario novo criado ao calor da banca internacional. Ao longo de agosto do mesmo ano, apenas catro meses despois de nacer, a súa empresa consegue 907.500 euros da Axencia de Turismo de Galicia, 25.000 euros da Consellería de Deportes e 83.000 euros da Deputación de Pontevedra, os tres organismos controlados polo Partido Popular. Todo ese diñeiro para crear un novo evento musical no porto de Vigo: o Galicia Fest.

Ademais de empresario, o administrador único da sociedade que acapara a confianza da Xunta é sobriño de Miguel Lorenzo, presidente do Partido Popular na Coruña —candidato perdedor á alcaldía en 2023—, cabeza de lista ao Congreso na candidatura do PP pola provincia en 2016 e cabeza de lista ao Senado tamén pola Coruña nas eleccións de 2019. Un peso pesado dos de Feijóo na súa terra. Todo queda en casa.

É un festival que nace do baleiro, cunha empresa creada do baleiro, sen unha gran experiencia coñecida do seu administrador no sector e que, con todo, consegue máis dun millón de euros de diñeiro público na súa primeira edición. Concretamente, 1.015.500 euros en tres contratos sen concorrencia competitiva. Nos papeis, “negociado sen publicidade”. En linguaxe non administrativa, a dedo.

O concepto de licitación é típico xa nos despachos da Xunta: “Patrocinio publicitario para a promoción do turismo de Galiza”. Aínda que chama a atención o da Consellería de Deportes: un torneo de baloncesto de tres contra tres feminino e outro masculino para os que reparten 400 euros para os campións e 200 euros para os subcampións. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, dirixida pola man dereita de Rueda, Diego Calvo, outórgalles para tal evento 25.000 euros de diñeiro público.

O festival celébrase a finais do mesmo mes e apenas vende 6.500 entradas para cada xornada: 13.000 pases —non persoas— en total. De tódolos xeitos, colgan o cartel de sold out. Malia que, cunha división sinxela, pode deducirse que a Xunta e a Deputación de Pontevedra ‘subvencionan’ con 78 euros cada entrada, o prezo dos abonos non resulta ser tan accesible. Desde 45 euros de prezo de saída a entrada para os dous días que dura o evento ata 40 euros a entrada por xornada.

Para algúns dos xestores culturais de longo percorrido consultados por O Salto para analizar a programación do evento, “non é en absoluto anecdótico” que o evento se chame Galicia Fest, pero que só un dos quince artistas que compoñen o cartel sexa galego —Fredi Leis— e que ademais cante en castelán. O resto poderían categorizarse como indies: Dorian, La Habitación Roja, Samuraï, Sexy Zebras, Éxtasis, Beret, Leire Martínez, Hey Kid, Maldita Nerea, Marlon, Noan e Paula Koops: “De Galiza só ten o nome e o diñeiro”, bromean fontes do sector.

A Xunta de Galiza non quixo responder a ningunha das preguntas formuladas por O Salto. Non explicou os criterios técnicos nos que se baseou tanto a Axencia de Turismo de Galicia como a Consellería de Deportes para confiar á empresa Galicia Fest 2025 sendos contratos. Tampouco se influíu na súa decisión o feito de que o administrador da agrupación de interese económico sexa o sobriño dun dos altos cargos do PP en Galiza.

Desde a Axencia de Turismo de Galicia limitáronse a remitir a este diario á plataforma de contratos públicos onde, segundo explican, aparecerían anexa “a resolución de adxudicación onde vén o detalle de todo o procedemento”, algo rotundamente falso como se pode comprobar en apenas dous clics: nin documentos adxuntos nin memoria xustificativa nin detalle ningún. “Durante anos, na Xunta de Galicia consideramos que o patrocinio de eventos é unha oportunidade única para mellorar a imaxe de Galiza, así como para atraer visitantes, fomentar o consumo e a proxección da economía galega. E así o demostran os eventos que apoiamos con total transparencia e rigor”, defenden.

Esta redacción tamén solicitou formalmente os contratos e as xustificacións dos mesmos, pero a Xunta declinou ata o momento facilitalos malia ser un documento público.

Recorda Fest, o mesmo modelo para o mesmo empresario

É difícil que se trate dunha coincidencia, pero o mesmo día que Galicia Fest 2025 AIE empeza a súa actividade segundo o Rexistro Mercantil, o 21 de xaneiro de 2025, outra asociación de interese económico fai o seu con outro nome que replica o modelo: Recfest 2025 AIE. O administrador é o mesmo, Gerardo Lorenzo Malvar, pero o Boletín Oficial que o reflicte é outro, o do 15 de abril de 2025. Desde aquí, a historia repítese.

A finais de agosto, a sociedade xa conta coa confianza da Xunta para outros dous contratos de patrocinio repartidos a dedo. Un da Axencia de Turismo de Galicia de 242.000 euros para a “promoción do turismo de Galicia” e outro da Consellería de Deportes de Diego Calvo para “a promoción do deporte” por outros 40.000 euros. Neste caso, o festival xustificaríao cunha exhibición de “diferentes demostracións de deporte galego”.

A familia Lorenzo, ben posicionada desde 1936

O eixo central sobre o que se adxudica todo este diñeiro público, Gerardo Lorenzo Malvar, é fillo de Gerardo Lorenzo Torres, empresario pontevedrés e expresidente do Pontevedra Club de Fútbol reconvertido a analista político no programa de Xabier Fortes en RTVE, La noche en 24 horas, onde adoita ocupar posicións ideolóxicas próximas á pola menos dereitizada do Partido Popular, pero complacentes co presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo.

O terceiro dos cuatro irmáns Lorenzo Torres e tío do dono do Galiza Fest e Recorda Fest é o actor Francis Lorenzo, popularmente coñecido polos seus papeis en Médico de familia e Águila roja. Ao igual que o seu irmán analista, tamén fixo uso do orzamento de RTVE coa súa presenza destacada no programa gastronómico MasterChef Celebrity.

O último dos irmáns —e dos tíos—, pero non menos importante, é José Manuel Lorenzo Torres produtor de televisión cunha amplísima traxectoria en postos de alta dirección. Foi director xeral de Antena3 a mediados dos noventa para pasar a selo de Canal+ ata 2004. Todos eles, segundo a hemerografía galega, son netos por parte de pai de Gerardo Lorenzo González, alcalde franquista de Cerdedo (Pontevedra), colocado alí tras o golpe de Estado de 1936.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...