O TSXG aparta o xuíz Villares da sala que xulga os eólicos tras ser sinalado pola patronal e a Xunta

A nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, María Azucena Recio, traslada á forza ao que fora exlíder de En Marea e á súa compañeira Dolores López.
villares marea
O xuíz Luís Villares.

Tras anos de sinalamentos de suposta parcialidade por parte do Goberno galego e de altos cargos do PP na Galiza, hoxe a Xunta está de celebración: os maxistrados Luís Villares e Dolores López foron trasladados á forza dos seus postos pola nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, María Azucena Recio, apenas unha semana despois de chegar ao cargo.

A Sección Terceira da Sala, encargada de xulgar litixios en torno a varios contratos da Xunta da Galiza como a causa do IBI do Hospital Álvaro Cunqueiro ou as tramitacións ambientais de polígonos eólicos nos montes galegos, queda, con esta manobra, sen os seus principais contrapuntos á lexislación da maioría absoluta do Partido Popular no Goberno galego.

O PP foi atacando a Villares en cada unha das súas resolucións xudiciais contrarias aos seus intereses. Con cada paralización cautelar dun parque eólico, a xustificación, para o Goberno galego, sempre foi política e nunca xurídica, sinalando a súa militancia e portavocía durante os anos doces da esquerda federal con En Marea.

A reorganización da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza desatou unha forte polémica tras unha serie de decisións adoptadas pola nova presidencia apenas días despois de asumir o cargo o pasado 6 de marzo de 2026.

Segundo un comunicado difundido pola Sección Territorial de Xuízas e Xuíces para a Democracia, unha das primeiras medidas da nova presidenta foi o “desmantelamento da actual Sección 3ª”, encargada de asuntos clave como as autorizacións de parques eólicos e grandes contratos públicos.

O colectivo xudicial cuestiona a base destas decisións, sinalando que “non consta que a Sala de goberno do TSX da Galiza aprobara ata o día de hoxe criterios como os aducidos”. Ademais, critican que os acordos se xustifiquen en motivos xenéricos como “un crecemento profesional e unha oportunidade na carreira profesional” ou “necesidades organizativas”.

A reorganización implica o traslado forzoso de dous dos catro maxistrados da Sección 3ª, unha medida cualificada de inusual: “Queremos chamar a atención do inusual dun traslado forzoso de tanta envergadura como o producido e as formas coas que se realiza”. Tamén denuncian que se adoptou “sen audiencia previa nin consultas informais”.

O comunicado advirte de posibles consecuencias no funcionamento do tribunal, xa que os novos maxistrados “non teñen experiencia previa nesta Sala nas concretas materias que lles son encomendadas”, o que podería xerar “unha evidente disfuncionalidade”.

Nun contexto de presión pública sobre esta sección polas súas resolucións, especialmente en materia eólica, o colectivo considera que a situación pode afectar á confianza cidadá: “Non é descartable que a cidadanía poida pensar que as reiteradas presións políticas e empresariais finalmente conseguiron o resultado perseguido”.

Así mesmo, alertan do impacto na independencia xudicial: “A imaxe do Tribunal e da súa independencia quedan moi afectadas” e o traslado “pode poñer en risco a garantía de inamovibilidade xudicial”.

Finalmente, a asociación expresa a súa inquietude e pide prudencia institucional: “Queremos mostrar a nosa preocupación polo risco de afectación ás garantías constitucionais de inamovibilidade e independencia”, ao tempo que trasladan “o noso apoio aos maxistrados/as” da sección afectada.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...