O PP impulsa unha plataforma para reclamar a fin da concesión da AP-9 que Aznar blindou até 2048

A presentación da plataforma pon o foco no cumprimento europeo, pero deixa fóra o debate sobre quen definiu e prolongou o actual modelo concesional das autoestradas.
alianza ap9 Pp
Representantes do PP e empresarios este xoves en Santiago.

A mañá deste xoves, no Parador de Santiago, presentouse a Alianza do Noroeste AP-9 e AP-66, unha plataforma impulsada pola consultora de comunicación MundiNova que reúne ás patronais de Galiza, Asturias e Castela e León e aos representantes dos tres gobernos autonómicos. O obxectivo declarado é esixir ao Goberno español que cumpra co ditame da Comisión Europea e impulse a anulación das prórrogas das concesións de ambas autoestradas. Neste contexto, é necesario explicar as decisións que deron lugar a esas prórrogas e o procedemento polo que foron aprobadas.

A operación de Aznar

No ano 2000, o goberno do PP presidido por José María Aznar concedeu directamente á empresa Audasa unha ampliación de 25 anos da concesión da AP-9, estendéndoa até 2048, sen convocar ningún concurso público. A lexislación española vixente naquel momento esixía expresamente que calquera extensión dunha concesión se adxudicase mediante un proceso competitivo aberto. O goberno coñecía esa restrición. En vez de respectala, eliminouna.

Segundo documentou o xornal Público, tres anos despois da prórroga, en maio de 2003, o BOE publicou en sábado unha nova lei de concesións que, na súa disposición derrogatoria, suprimiu o artigo que obrigaba ao concurso aberto. Catro días máis tarde anunciouse a venda da empresa pública propietaria de Audasa a un consorcio liderado por Sacyr, construtora cuxo titular acabaría imputado pola Audiencia Nacional na trama Gürtel por financiación ilegal do PP.

A Comisión Europea, no marco do seu expediente de infracción relativo á concesión da AP-9, considerou que a prórroga outorgada no ano 2000 foi ilegal e constituía unha modificación substancial do contrato que debería terse sometido a procedementos de licitación acordes co dereito da Unión Europea. Mariano Rajoy herdou esa situación e non a corrixiu. 

Durante ese período, a Xunta de Galicia solicitou en diversas ocasións o traspaso da titularidade da autoestrada. O Goberno central, a través do Ministerio de Fomento dirixido por Ana Pastor, rexeitou esa posibilidade ao considerar que non se daban as condicións legais e competenciais para a transferencia da AP-9.

Mentres tanto, Audasa seguiu cobrando. A concesionaria rexistrou beneficios históricos en 2025, e as bonificacións e subvencións públicas cubriron case o 40% da súa facturación no primeiro semestre do ano. O custo de manter uns peaxes que a propia UE declarou ilegais recaeu, en boa parte, sobre as arcas públicas.

O pasado mes de maio, o BNG impulsou no Congreso un acordo con PSOE e Sumar para desbloquear a lei de transferencia da AP-9. O PP votou en contra na ponencia parlamentaria. O BNG acusouno de levar “unha década boicoteando a transferencia” e de non querer o traspaso “nin agora nin nunca”.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, valorou con ironía a creación da nova plataforma e deu “a benvida a unha reclamación tan xusta”, ao tempo que lembrou que a súa formación leva “moito tempo nesta loita”. Sinalou que decisións adoptadas no pasado seguen a ter efectos sobre o actual sistema de peaxes, que considera condicionado por esas actuacións. Finalmente, reiterou o compromiso do BNG de continuar co seu labor político “até conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes”.

A Alianza do Noroeste presentouse hoxe coma unha plataforma “transversal, aberta e plural”. O que non explica é que as mesmas siglas que asinan a Declaración de Compostela foron as que, desde o goberno central, crearon a situación que hoxe denuncian e as que bloquearon, durante anos, calquera intento de resolución.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...