Cárceles
Voizes, o encerro en primeira persoa
Giada, Wil e Quiroga puxeron en marcha Voizes en 2015 como un arquivo internacional de entrevistas en vídeo con persoas que deixaron parte da súa vida nun penal. Son conversas sinceras que desmitifican a experiencia da cadea, onde a pregunta ‘que fixeron’ deixa de aplicar, para pasar a ‘que sentiron’.
Cantas veces escoitamos en primeira persoa o que supón un ano, cinco, dez, de encerro? Como é o día a día, como te sentes, como te tratan. Como transforma a túa vida unha condena. E cando saes, a que te enfrontas?
Rachar co silencio que envolve o sistema penitenciario, ter a oportunidade de escoitar a voz das persoas que deixan parte da súa vida nunha cela agochada deliberadamente, convértese nunha ferramenta moi útil para analizar a sociedade na que vivimos, e tamén para pensar colectivamente a sociedade que desexamos construír.
Giada, Wil e Quiroga comezaron co proxecto audiovisual Voizes no marco do 15M coa idea de arrincar unha conversa reflexiva sobre o sistema penitenciario. Incorporan no debate a persoas que pasaron un mínimo de dous meses sen liberdade, co proceso rematado, ou en vías de facelo. Durante permisos, sempre fora do marco da institución. Isto permitiulles falar con máis liberdade da súa experiencia, e mantendo o anonimato.
Giada conta por que decidiron facelo dese xeito: “Voizes expón o que é o cárcere contado pola xente que pasou polo cárcere. Queriamos que fixeran parte do diálogo para o cambio”. Wil contextualiza: “Existen moitos estereotipos do que é a cadea desde fóra, desde a xente que non estamos nin estivemos nunca en prisión, incluso desde a xente que é crítica co sistema penitenciario. Xurdiu a necesidade de preguntarnos que é o cárcere e outros centros de detención vista e contada pola xente que está dentro”.
Preguntamos sen ter estado presas
Empregan un cuestionario base con preguntas comúns a todas as entrevistas, que vai evolucionando. “Decatámonos de que o noso cuestionario, aínda que é moi aberto, non se adapta as diferentes realidades que imos atopando”, lembra Giada. O cuestionario ten que ir mudando. Ímonos adaptando e aprendendo con cada conversa”.Queremos fuxir da imaxe estereotipada do cárcere que producen os medios de comunicación”, explica Quiroga. “Buscamos unha visión máis global que coloque o protagonismo na persoa que fala”. Tamén queremos abordar outros tipos de encerro, non só as cadeas”.
Voizes agora mesmo é un proxecto en expansión composto de dezaoito entrevistas a persoas presas en cadeas de tres países. Teñen un crowdfunding en Chuffed.org, unha plataforma de captación de fondos para proxectos con fins sociais, que conclúe o 19 de novembro. O obxectivo do mecenado é chegar como mínimo a duplicar o número de experiencias do arquivo, e mellorar a web para facer máis práctica a navegación polas entrevistas. Pero sobre todo, o que buscan é convidar a facer parte do proxecto a colectivos e persoas achegadas á realidade das cadeas. “O ideal é que de agora en diante non participemos no proceso das entrevistas”, afirma Quiroga, “se non que poidamos encargalas ás propias comunidades de apoio ou ás persoas máis achegadas. Deste xeito, sairán cuestións nas que nós non caemos, pero de moito interese”.
As bases e as voices
Wil, Giada e Quiroga abren con Voizes as vías para o diálogo arredor do sistema penitenciario. “Facemos unha análise crítica das cadeas e pensamos que con este traballo favorecemos o debate. O cuestionario busca repostas a cuestións importantes como quen está principalmente no cárcere, ou se é un sistema de castigo que non busca a rehabilitación”. Fan unha análise das entrevistas: “Suponse que resolve conflitos, pero o que fai é aumentalos e crear máis. Esta é unha resposta unánime. Todas as persoas coinciden en que foi un proceso traumático. Non hai respostas correctas, non buscamos adoutrinar na loita anticarceraria. Pensamos que recollendo todo este material propiciamos a reflexión de que este sistema non funciona, que hai que cambialo profundamente”, engaden. “Non é a nosa intención facer un documento aséptico, o noso obxectivo e contribuír a cambiar o sistema penitenciario tal e como se entende a día de hoxe, cuns niveis de encarceramento que non responden a ningún tipo de alarma social xustificable”.Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!