Contaminación
O Supremo confirma que a inacción da Xunta ante a contaminación gandeira vulnera dereitos fundamentais
O Tribunal Supremo inadmitiu os recursos de casación presentados pola Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil contra a sentenza histórica que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSX) ditara en xullo de 2025 en relación coa contaminación do encoro de As Conchas e o río Limia. A resolución queda agora firme e de obrigado cumprimento.
A sentenza do TSX concluíra que a pasividade das autoridades autonómicas e estatais fronte á contaminación xerada por centos de explotacións porcinas e avícolas na comarca de A Limia supón unha vulneración directa dos dereitos fundamentais das persoas que alí viven. Entre eses dereitos figuran o dereito á vida e á integridade física, o dereito ao domicilio e á vida privada, o dereito á propiedade e o dereito á auga.
O encoro de As Conchas leva anos sufrindo os efectos da expansión da macrogandería intensiva na Baixa Limia. A concentración de nitratos e o proceso de eutrofización da auga acadaron niveis por riba dos umbrais fixados pola Organización Mundial da Saúde, situación que a propia providencia do Tribunal Supremo describe como un “risco certo para a vida e a integridade” que “perturba gravemente o domicilio e a vida privada” da poboación afectada.
Durante todo este tempo, tanto a Xunta de Galicia como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil fixeron oídos xordos. Non só non adoptaron medidas efectivas para frear a contaminación, senón que cando a xustiza lles deu a razón ás veciñas e veciños, optaron por recorrer a sentenza. O Supremo acaba de pecharlle esa porta.
Un precedente con alcance máis aló de Galiza
Pablo Álvarez Veloso, presidente da asociación de veciños local e un dos demandantes no caso, lembra que a loita levou anos, pero que a resolución do Supremo ven confirmar que “as administracións deben velar polos dereitos humanos” e protexer un encoro que, ao seu xuízo, "debería ser patrimonio de toda a poboación galega”.
As organizacións que apoiaron xurídica e tecnicamente o caso —Amigas de la Tierra, ClientEarth e a Federación de Consumidores e Usuarios CECU— coinciden en sinalar que esta sentenza non é só unha vitoria local, senón un precedente de calado para todo o Estado.
Nieves Noval, líder do equipo de sistemas alimentarios de ClientEarth, é contundente: “A Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil deben inmediatamente proceder a executar a sentenza para que estos dereitos se traduzan por fin nunha vida digna para as comunidades afectadas.”
A firmeza da sentenza implica que as autoridades competentes están agora legalmente obrigadas a tomar medidas efectivas para poñer fin á degradación do encoro e os seus arredores, e a restaurar os dereitos que foron vulnerados durante anos. O incumprimento desta obriga podería derivar en novas consecuencias xurídicas para a Xunta e para a Confederación.
Para Blanca Ruibal, coordinadora de Amigas de la Tierra, a resolución é “un fito histórico” no recoñecemento da vulneración de dereitos humanos provocada pola gandería industrial, e unha mensaxe inequívoca de que “a saúde e a natureza están por riba dos intereses duns poucos”. Ruibal confía en que a vitoria de As Conchas sirva de alento a outras comunidades que enfrontan situacións semellantes e que aínda non atoparon xustiza. “Imos seguir gañando batallas”, conclúe.
Contaminación
Un municipio galego demanda á Xunta pola contaminación do encoro das Conchas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!