Educación
A Xunta forza a un neno con autismo a cambiar de colexio e négalle a parada de bus máis próxima
Raquel vive en Baíñas, unha parroquia do concello de Vimianzo, na provincia da Coruña. O seu fillo Einar, de catro anos, ten autismo grao 2 non verbal e un 49% de discapacidade recoñecida. A finais do curso pasado, a familia solicitou escolarizalo no colexio de Baíñas, pero o centro ten tan poucos alumnos que, segundo lle trasladou a propia dirección, non resultaba rendible destinar unha coidadora a un só neno. Por iso foi derivado ao colexio de Vimianzo, que si conta con eses apoios.
O conflito xurdiu coa parada do bus escolar. Aínda que o bus sae de Baíñas —pasa mesmo pola porta da vivenda de Raquel antes de continuar cara ao seu seguinte punto de recollida—, o colexio alegou que non tiña permiso para autorizar alí unha parada e a familia acabou con ela asignada en Castrelo, a quince minutos en coche da súa casa.
A Dirección Xeral de Mobilidade, que depende da Consellería de Presidencia de Diego Calvo, indicoulle á familia que, ao tratarse dunha escolarización forzosa —o neno tivo que ser matriculado fóra da súa localidade pola falta de recursos no centro de referencia—, a parada en Baíñas debía aprobarse obrigatoriamente. Con todo, ao comezar este curso, a solicitude foi rexeitada. Dende Mobilidade aseguran que en ningún documento consta que a escolarización sexa forzosa. No colexio, pola contra, sosteñen que si a acreditaron.
Agora ambas as partes esixen un novo trámite, un certificado da Consellería de Educación que confirme, ademais do informe do neurólogo da Seguridade Social, que o neno necesita estar escolarizado precisamente en Vimianzo. Segundo denuncia a familia, o documento requirido cambiou varias veces ao longo do proceso, mentres a responsabilidade seguía a trasladarse dunha administración a outra.
Sen ratios para orientación
Cando un centro non ten orientadora propia e deriva alumnado a outro, “iso son decisións unilaterais da consellería”, denuncia Isabel Calvete, presidenta da Confederación Anpas Galegas. Calvete sitúa a raíz do problema na ausencia dunha ratio establecida para os equipos de orientación, unha reivindicación que arrastran dende hai anos. “Hai centros con 700 alumnos atendidos por unha única orientadora”, denuncia.
A Confederación pide reforzar os equipos con máis orientadores, especialistas en Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) porque, sen eses especialistas, as avaliacións —paso previo para poder reclamar calquera axuda— tardan cada vez máis.
Martina Martínez, presidenta da Asociación Galega de Orientadoras (Agoep), describe o Plan para o impulso da Atención á Diversidadepresentado pola Xunta como “un plan descoñecido” por elas. Segundo explica, o único cambio perceptible a nivel global é un aumento do número de orientadores, pero sen que se coñezan os criterios empregados para repartir as novas prazas. “Hai centros de 800 alumnos que seguen contando cunha soa persoa de orientación, mentres que outros de 500 xa dispoñen de dúas”, afirma.
Máis alá de “parchear” con medidas que “parecen un pouco improvisadas”, a asociación reclama algo moito máis básico, unha ratio para orientación, igual que a hai para o profesorado.
O máis grave, segundo Martínez, é que nin a propia consellería sabe cuantificar as necesidades reais. Agoep leva case dous anos reclamando no Portal de Transparencia datos básicos —número de orientadoras en activo, centros sen orientador propio, necesidades de PT e AL por zona— sen obter resposta. Trala terceira solicitude sen éxito, acabaron escalando a queixa á Valedora do Pobo a finais do curso pasado.
A falta de datos vai máis alá dos números xerais, xa que Agoep tampouco sabe con precisión cantas orientadoras comparten dous centros distintos, algo “bastante común”, nin cantas exercen a orientación en primaria sen a formación en psicopedagoxía que “a lei só recomenda, non esixe”.
A asociación calcula máis de mil centros educativos en Galiza, coa práctica totalidade deles dependendo dunha única persoa en orientación. A iso súmase, segundo Martínez, unha carga de funcións “insostible”.
Hai uns tres anos, un grupo de orientadoras recompilou todas as tarefas que se lles encomendan e o resultado foi de 292 funcións distintas. “Unha persoa soa en orientación acaba dedicándose a apagar lumes, xa que non hai marxe para a prevención nin para os programas, porque sempre está o urxente enriba da mesa”, argumenta.
A denuncia de Agoep e Anpas Galegas coincide co balance de inicio de curso feito por CIG-Ensino, que cualifica de “propagandísticos” os anuncios da Xunta sobre atención á diversidade. Segundo o sindicato, o Plan para o Impulso da Atención á Diversidade quedou, na práctica, “en faíscas”.
As 150 prazas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe que se ían estabilizar seguen pendentes do Concurso Xeral de Traslados deste ano e, ademais, correspondían a profesorado que xa estaba destinado nos centros, polo que non supoñen ningún reforzo real.
O incumprimento máis rechamante, segundo CIG-Ensino, afecta ás 100 prazas de PT e AL anunciadas para Secundaria, xa que a diferenza real fronte ao curso pasado é de só 5. Tampouco cadran as contas nas 50 prazas novas de Orientación, das que só houbo 45 adxudicacións máis que o curso anterior, unha cifra que o sindicato considera “a todas luces insuficiente” para os 311 centros galegos con estas ensinanzas, moi lonxe da ratio de 250 alumnos por profesional que se manexa como referencia.
Os datos do IGE amosan por que a presión sobre eses equipos, xa insuficientes, non deixa de medrar. O alumnado con necesidades educativas especiais matriculado en Educación Infantil pasou de 1.113 no 2020 a 1.874 no 2023, o último dato dispoñible. En Educación Primaria, a cifra subiu de 3.930 a 5.036 no mesmo período.
Segundo a Consellería de Educación, as ratios que fixa a lei son de alumnado por aula —non por profesional de orientación— e esas si se están a reducir: de 25 a 20 alumnos por aula en Infantil, e o mesmo en Primaria a partir do vindeiro curso. Sobre o Plan de impulso á atención á diversidade, precisa que este curso se suman 150 docentes novos en Secundaria máis outras 200 prazas consolidadas en Infantil e Primaria de persoal que xa estaba no sistema, con criterios “técnicos” fixados pola Inspección.
O sistema educativo galego conta, segundo os datos proporcionados, con máis de 5.000 profesionais dedicados á atención á diversidade. A Consellería matiza ademais que o CADP non reflicte o total de persoal dos centros, xa que non inclúe o profesorado con destino definitivo.
Para Agoep e Anpas Galegas, esa cifra global non resolve o que realmente reclaman: saber cantos deses profesionais hai en cada centro. Un ano despois de que a Consellería de Educación anunciase o seu Plan de impulso á atención á diversidade, a situación nos centros apenas mudou. Segundo explica Calvete, o problema de fondo non é só de recursos senón de xestión. “Levamos anos reivindicando eses datos e non conseguimos que a Consellería os saque”, resume.
Sen cifras públicas nin criterios claros sobre o reparto dos apoios, tanto as asociacións como as familias afectadas coinciden en que casos coma o de Raquel e Einar non son excepcionais, senón o síntoma dun sistema que carga sobre as costas das propias familias aquilo que non é capaz de resolver.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!