Energía hidroeléctrica
Unha central de bombeo reversible ameaza o lago das Encrobas de Cerceda
“A terra é nosa, e non de Fenosa”. Nunha fotografía de Xosé Castro, unha muller ataca cun paraugas a un garda civil. É 1977, e as veciñas de Meirama (Cerceda, A Coruña) enfróntanse co que teñen á man —paraugas, paus, os seus propios corpos— aos antidisturbios que custodian a expropiación das súas terras.
Onde hoxe se estende unha lámina de auga de máis de dous quilómetros, a empresa Fenosa escavaba un burato xigantesco para extraer lignito. Case 50 anos despois, tras un investimento millonario en restauración ambiental, o lago das Encrobas —o antigo oco mineiro— converteuse nun espazo de alto valor ecolóxico e recreativo.
Agora a historia repítese, aínda que con novos actores e unha linguaxe renovada. Coventina Renovables pretende converter o lago no depósito inferior dunha central hidroeléctrica de bombeo reversible. O proxecto, declarado estratéxico pola Xunta en setembro de 2025, activou todas as alarmas entre as veciñas.
Un investimento de 345 millóns e seis anos de obras
Cun investimento declarado de 345,7 millóns de euros e 440 MW de potencia, o proxecto de Coventina Renovables propón un aproveitamento hidroeléctrico reversible entre o lago das Encrobas e unha balsa de nova construción. A promotora prevé a creación dun depósito superior cunha capacidade de 4,83 hectómetros cúbicos.
“A día de hoxe, ninguén se puxo en contacto cos propietarios dos terreos afectados para notificar que é o que vai pasar, aínda que entendemos que van ser expropiados”, denuncia a Asociación Encrobas Viva.
Advirten do risco de atrapamento, xa que os fenómenos de succión en grandes caudais poden xerar vórtices que conectan a toma coa superficie, atrapando bañistas e succionándoos cara ao fondo
A Asociación Veciñal de Meirama sinala outro problema de fondo: “A principal molestia para unha poboación tan envellecida como a nosa é o volume das obras. Son seis anos de obras con perforacións e movementos de terra constantes”. Anos de ruído, po e tráfico pesado sobre unha poboación que rolda o milleiro de habitantes entre o Xalo e Meirama.
“Din que é completamente compatible co uso recreativo do lago, mais, con todo, poñen unha valla onde está a toma”, explican desde Encrobas Viva. “Se hai unha privación de acceso a unha zona do lago, será porque tan seguro non é”. As alegacións presentadas polas asociacións veciñais e ambientais advirten do risco de atrapamento, xa que os fenómenos de succión en grandes caudais poden xerar vórtices que conectan a toma coa superficie, atrapando bañistas e succionándoos cara ao fondo.
Doutra banda, o documento cuestiona a propia natureza “renovable” do proxecto. As centrais de bombeo consomen máis enerxía da que producen, xa que necesitan electricidade para elevar a auga ao depósito superior. Mais o proxecto non especifica de onde procederá esa enerxía.
Se o bombeo se fai de noite para aproveitar prezos máis baixos —como adoita ocorrer—, nese horario o sistema eléctrico español depende en boa medida de centrais de gas ou doutras fontes non renovables. Isto significa que se estaría usando electricidade con emisións de CO₂ para bombear a auga; e logo esa electricidade se revendería como “limpa” cando se xera coa turbina.
Por iso, advirten de que o proxecto non reduce as emisións, senón que as aumenta. Converteríase nunha simple operación económica: comprar electricidade barata e vendela máis cara, coa consecuencia engadida de incrementar as emisións globais de CO₂. Un proxecto así, conclúen, non cumpre nin cos principios de eficiencia enerxética nin cos obxectivos de descarbonización.
Conflito de intereses
Segundo o documento de alegacións, a concesión foi asinada por Jesús Antonio Manrique Merino, xefe do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Centro. Porén, segundo consta no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil de maio de 2022, o mesmo funcionario figura como administrador único e socio único de Intilux 4 SL, unha empresa que pertencía a Tasga Solar SL, do mesmo grupo empresarial que Coventina.
“O feito de que o secretario de zona de Augas de Galicia —que asina a acta cos veciños de visita a terreo e moitos dos documentos do expediente de Coventina— adquirise unha empresa a Coventina, fainos sospeitar dun conflito de intereses”, afirma a Asociación Encrobas Viva.
Segundo a entidade, Manrique Merino adquiriu esta sociedade en 2022, cando xa exercía como funcionario de Augas de Galicia e participaba na tramitación do expediente de Coventina. Para Encrobas Viva, isto supón un vínculo incompatible coa obriga de imparcialidade da administración e invalida a concesión e as súas posteriores modificacións.
Este medio solicitou información á Consellería de Medio Ambiente sobre o posible conflito de intereses na concesión de augas do lago de Meirama e sobre os mecanismos de control existentes, mais non obtivo resposta ata a publicación deste reportaxe.
A promesa da auga
En xullo de 2025, o responsable de Coventina compareceu no concello de Cerceda para anunciar unha doazón de 50.000 euros e prometeu que a empresa daría servizo de auga á urbanización do Xalo.
Con todo, segundo denuncian as asociacións ecoloxistas, esa promesa non ten respaldo legal nin técnico. “A propia concesión de Augas de Galicia indica que o uso da auga é só para a produción da enerxía eléctrica. Polo tanto, non vale para o consumo humano”, sinalan desde Encrobas Viva.
De feito, o proxecto prevé a construción dun pozo de captación independente para abastecer as propias instalacións da central. A Asociación Veciñal de Meirama lembra que a auga se movería continuamente entre o depósito superior do Xalo e o lago das Encrobas como parte do ciclo de xeración eléctrica, non dun recurso pensado para o consumo da poboación. Por iso, as entidades consideran que presentar esa auga como unha solución para a urbanización é, cando menos, enganoso.
As alegacións tamén advirten dunha omisión relevante no proxecto: non se avalía nin se describe a calidade da auga despois de pasar polas turbinas. Isto é especialmente sensible, xa que a auga devolta ao lago das Encrobas acabará fluíndo cara ao encoro de Cecebre, a principal reserva de abastecemento da cidade da Coruña.
O propio estudo de impacto ambiental, ao que este medio tivo acceso, recoñece riscos de contaminación por “movementos de terras, escavacións e formigonados” que poderían implicar “verteduras accidentais de hidrocarburos e sustancias oleosas que alterarían a calidade fisicoquímica das augas superficiais”.
As asociacións ecoloxistas tamén poñen o foco no efecto acumulativo da concentración industrial que xa sofre a comarca. Nun radio de poucos quilómetros superpóñense parques eólicos en distintas fases de tramitación e explotación, unha planta de baterías, unha planta fotovoltaica e agora unha central hidroeléctrica de bombeo de gran escala.
Os veciños alertan de posibles alteracións na calidade da auga, na dinámica do lago e nos hábitats acuáticos e ribeiráns; e advirten de que esta fragmentación da análise vulnera a lexislación ambiental e oculta o verdadeiro alcance do impacto. No caso concreto do lago das Encrobas, o proxecto ameaza con converter un espazo restaurado con fondos públicos e hoxe de alto valor ecolóxico e social nunha infraestrutura industrial máis.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!