Científicos documentan o deterioro dos bidóns radioactivos da Fosa Atlántica, ás portas da costa galega

O CNRS confirma fugas e corrosión avanzada en varios contedores durante a segunda fase da expedición francesa, mentres o BNG esixe ao Goberno español que abandone a súa “actitude pasiva” ante o achado.
barriles deteriorados en la Fosa Atlántica
Un dos barrís deteriorados na Fosa Atlántica captado polo Proxecto Nodssum. Foto do CNRS.

As augas do Atlántico, a uns 600 quilómetros da costa galega, agochan dende hai décadas un vertedoiro submarino con máis de 200.000 bidóns de residuos radioactivos, botados por varios países europeos entre os anos corenta e oitenta do século pasado. Unha misión científica francesa, bautizada como Nodssum e liderada polo Centro Nacional de Investigación Científica (CNRS) de Francia, leva dous anos estudando esta fosa abisal do Atlántico Nordeste, nunha zona que espertou especial preocupación en Galiza pola súa proximidade e polo seu posible impacto no ecosistema mariño.

Primeira campaña: localizar os bidóns

A primeira expedición desenvolveuse entre o 15 de xuño e o 11 de xullo de 2025 a bordo do buque L'Atalante, partindo de Brest. O seu obxectivo era cartografiar por primeira vez a extensión do vertedoiro, algo que nunca se fixera pese a que a existencia dos bidóns era coñecida. Para iso empregouse o robot submarino UlyX, equipado con sonar, capaz de traballar a máis de 4.000 metros de profundidade.

O xeólogo mariño Javier Escartín, un dos coordinadores da misión, explicou daquela nunhas declaracións á Axencia EFE que xa se cartografiaran máis de 120 quilómetros cadrados dos aproximadamente 10.000 que ocupa a zona de vertedura, e que naquel primeiro recoñecemento xa se localizara máis dun milleiro de bidóns depositados no fondo mariño hai décadas por distintos Estados europeos. Segundo Escartín, os aparellos de radioprotección a bordo non detectaran nada alarmante, xa que os niveis de radionúclidos eran baixos, e descartou que os contedores almacenasen uranio ou material fisible: previsiblemente tratábase de material de laboratorio e de oficina vinculado aos inicios da enerxía nuclear civil, do tipo de baixa e media actividade que hoxe se garda en repositorios terrestres pero que antano se botaba ao mar en contedores de cemento.

Aquela primeira misión, na que participaron tamén o Instituto Francés de Investigación para a Explotación do Mar (Ifremer) e a Axencia de Seguridade Nuclear e Radioprotección francesa, serviu ademais para lembrar unha historia pouco documentada: nos anos 80 un robot só conseguira tirar seis fotografías dos bidóns, sen poder mapear a súa distribución, e ata 2005 apenas se recolleron algunhas mostras de peixes na zona, con escasos datos publicados. As verteduras prolongáronse ata que, en 1982, o buque Sirius de Greenpeace e varias embarcacións galegas se enfrontaron a barcos holandeses para tratar de frear as súas descargas; unha década máis tarde, o convenio Ospar de protección do medio ambiente do Atlántico Nordeste prohibiu definitivamente esta práctica.

Segunda campaña: bidóns deteriorados e con fugas

Un ano despois, entre o 27 de maio e o 28 de xuño de 2026, o proxecto volveu ao mar para levar a cabo observacións directas dos residuos localizados e avaliar o seu estado de conservación e os potenciais impactos ambientais. Nesta ocasión, unha trintena de científicos embarcaron no buque Pourquoi Pas?, dende o que se realizaron 20 inmersións co somerxible tripulado Nautile, da flota oceanográfica francesa, a máis de 4.700 metros de profundidade, o que permitiu observar directamente numerosos bidóns e o seu contorno inmediato.

As observacións confirmaron un estado de degradación avanzado en varios dos contedores, algúns dos cales presentaban xa vertidos do seu contido, e permitiron identificar os distintos materiais empregados para o recubrimento dos residuos: resina, betume ou cemento. As medicións realizadas in situ confirmaron a presenza de radionúclidos característicos deste tipo de residuos, con niveis de actividade superiores aos esperados na zona, aínda que os científicos insisten en que se manteñen en valores limitados, que permiten manipular as mostras sen restricións importantes de radioprotección. As análises de laboratorio en terra, que se prolongarán durante os próximos meses, permitirán cuantificar con precisión estes radionúclidos e identificar posibles elementos adicionais.

Durante a campaña tamén se tomaron mostras de auga, sedimentos e organismos vivos para estudar como se dispersa e se transfire a radioactividade no contorno mariño, e cartografiouse a biodiversidade presente sobre os bidóns e nos hábitats próximos, ademais de recadar indicios que poderían axudar a identificar a orixe dalgúns dos barrís.

O BNG esixe ao Goberno que abandone a súa “actitude pasiva”

A proximidade da fosa ás costas galegas reavivou tamén o debate político. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou ao Goberno central que abandone a súa actitude pasiva e se implique de xeito activo na expedición francesa, ao considerar incomprensible que o Executivo permaneza á marxe dunha investigación desta relevancia mentres Francia lidera un estudo científico de referencia internacional sobre o estado real dos bidóns e o nivel de contaminación.

Segundo trasladou o BNG nun comunicado, Rego denunciou que o Goberno central descarta tanto participar na misión francesa como impulsar unha iniciativa propia semellante ou promover unha actuación conxunta no ámbito da Unión Europea para investigar ou abordar a eliminación destes residuos. O deputado nacionalista lembrou que, na súa última resposta a iniciativas parlamentarias, o Executivo recoñeceu que non contempla a retirada dos bidóns e que limita a súa actuación a realizar análises radiolóxicas en augas costeiras.

Por iso, o BNG instou ao Goberno a coñecer o estado real da situación para poder planificar actuacións —incluída a retirada dos bidóns, se se determina que é segura facela— co obxectivo de eliminar de forma definitiva esta fonte de contaminación. A formación nacionalista pediu ademais que o Executivo manteña contactos coas autoridades francesas para coñecer os resultados da misión científica e que abra vías de colaboración co CNRS e cos equipos investigadores que participan no proxecto.

Inquedanza institucional en Galiza

Ademais do BNG, eurodeputados do PP trasladaron igualmente preguntas á Comisión Europea sobre este asunto, mentres que a Xunta de Galiza reclamou información ao Goberno central sobre o estado do vertedoiro e os seus posibles efectos.

Neste sentido, o Consello de Seguridade Nuclear (CSN) trasladou ao Executivo galego que os resultados das medicións e análises realizadas ata a data non identificaran niveis significativos de radioactividade nin na costa galega nin na cantábrica, e que todos os valores rexistrados se sitúan por baixo dos límites establecidos pola normativa española e europea. O organismo lembrou ademais que España non realizou verteduras na fosa atlántica e que non ten responsabilidade ningunha sobre os bidóns nin sobre o seu estado actual.

Greenpeace, pola súa banda, esixiu á Unión Europea e ao Goberno español que asuman a investigación para determinar o estado real dos bidóns, no marco dunha campaña pública que xa reúne máis de 20.000 sinaturas reclamando o inicio dos traballos necesarios para a súa retirada.

A misión Nodssum mantén contacto permanente co comité de radioactividade de OSPAR e coa Comisión Europea para o seguimento da campaña, cuxos resultados definitivos —tanto sobre o alcance da contaminación como sobre a súa interacción cos ecosistemas das profundidades abisais— coñeceranse nos próximos meses, unha vez concluídas as análises de laboratorio das mostras e imaxes recollidas.

Cargando valoraciones...
Comentar
Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.
Cargando...
Cargando...
Comentarios

Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.

Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!

Cargando comentarios...