Galego
O galego é lingua minoritaria por primeira vez e descoñecida para un terzo dos menores de 15

Os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística evidencian un significativo retroceso xeracional no coñecemento e uso do galego.
Rueda Feijóo Eleccións 2024
Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda festexan a vitoria nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024. Fonte: PPdeG

O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou este venres os datos sobre coñecemento e uso do galego da última Enquisa estrutural a fogares. Este estudo publícase cada cinco anos desde o 2004, sempre con entrevistas realizadas o ano anterior, e é a principal referencia para monitorizar a situación sociolingüística en Galiza. A publicación máis recente constata un retroceso na competencia lingüística e comunicativa autopercibida polas falantes e unha marcada fenda xeracional. A porcentaxe de persoas que recoñecen saber “pouco ou nada” de galego aumentou en 2023 en todas as franxas de idade, mais é especialmente significativa entre as menores de 15 anos, onde pasou de 23,90 a 32,44% en apenas cinco anos.

Seguindo esta tendencia, o uso do galego na fala tamén retrocedeu de xeito xeneralizado en todos os grupos de poboación. Por primeira vez na serie histórica publicada polo IGE a porcentaxe de falantes habituais de galego baixou da metade ata situarse no 45,51%, fronte ao 51,88 da enquisa anterior, realizada en 2018, mentres que o monolingüismo en castelán pasou en 20 anos do 19,56 ao 29,20%. Ademais, tan só o 64,90% das entrevistadas declarou entender moito cando lles falan en galego, mentres que a poboación restante non ten unha comprensión absoluta, declarando entender bastante, pouco ou nada.

Educación
Educación Como 15 anos de PP na Xunta aniquilaron a oferta de material educativo en galego
O decreto de plurilingüismo, impulsado por Feijóo e Rueda, castelanizou todas as etapas educativas e restrinxiu o mercado ás editoriais galegas: xa non hai libros de Tecnoloxía en galego.

Así e todo, na presentación destes datos, as autoridades en materia de política lingüística da Xunta de Galicia celebraron como un éxito que sete de cada dez galegos e galegas sexan capaces de comunicarse en galego.

Para Carlos Callón, profesor de ensino secundario e autor de “O libro negro da lingua galega” (Xerais, 2022), “o sorprendente é que o galego exista e se manteña” despois dos consecutivos mandatos de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda. Os datos, segundo este experto, están en liña cos estudos que se viñan realizando sobre a situación sociolingüística do galego e indican unha perda na transmisión xeracional da lingua que doe particularmente porque existen resortes para garantir unha maior vitalidade do galego, de houber vontade a nivel nacional e estatal.

A fenda xeracional ameaza o futuro do galego

Un factor de crucial relevancia para avaliar a transmisión xeracional do galego e prognosticar o seu futuro é a distribución de falantes en función da idade, e é que esa minoría de falantes habituais de galego se concentra fundamentalmente nos grupos de poboación de máis idade. As persoas entrevistadas por riba dos 65 anos danlle un uso maioritario no 67,92% dos casos. Nas franxas de idade máis novas, porén, a realidade é ben distinta. Se no 2018 a porcentaxe de galegofalantes habituais de entre cinco e 14 anos era do 26,12%, no 2023 reduciuse ata o 16,19: 10 puntos nun lustro. Hai 20 anos superaba o 40%. Nestas dúas décadas o monolingüismo en castelán medrou do 34,17 ata o 53,67% para esta franxa de idade.

Ademais, se o 46,31% das persoas maiores de 65 anos se senten máis cómodas falando galego ca castelán, esta porcentaxe é do 6,68% para as de cinco a 14 anos, que xa se desenvolven mellor en castelán no 70,53% dos casos, en detrimento, ao longo dos últimos 15 anos, non só da preferencia polo galego, senón tamén da ausencia de preferencia entre as dúas linguas.

O primeiro contacto coa lingua pasa a ser en castelán

Se no 2008 un 27,88% das persoas de cinco a 14 anos respondía que seus pais lles falaban sempre en galego, 15 anos despois esta porcentaxe reduciuse ao 16,06%, mentres que os fogares nos que seus pais lles falan exclusivamente en castelán pasaron de representar o 36,98 ao 47%. Esta situación contrasta coa das persoas maiores de 65 anos, ás que seus pais lles falan só en galego nun 66,12% de casos segundo a última publicación do IGE, cifra que ascendía ao 78,85% en 2008. Os datos reflicten polo tanto unha transformación sociolingüística: se anteriormente se consideraba que o ámbito familiar ou privado era o reservorio do galego, mentres que o castelán representaba a lingua do ámbito social ou público, na actualidade o castelán xa predomina tamén no primeiro deles nas novas xeracións.

Isto coincide en gran medida coas porcentaxes relativas ás linguas nas que aprenderon a falar as cativas e cativos, aínda que se observan algunhas variacións: segundo a última publicación do IGE, a porcentaxe de persoas que declararon iniciarse na fala a través do castelán é maior que a das que responderon que seus pais lles falaban sempre en castelán, e a de persoas que declararon iniciarse na fala en galego é menor que a das que dixeron recibir exclusivamente galego por parte de seus pais. Así, entre as de 65 ou máis anos, o 19,93% recoñeceu o castelán como a súa única lingua materna, unha porcentaxe que ascende ata o 51,90 para as de entre cinco e 14 anos, mentres que para o galego as porcentaxes foron do 55,56 para as maiores de 65 e do 10,72 para as menores de 15 anos, o que supón un mínimo histórico que se sitúa nos dous casos máis dun 20% por baixo do que declaraban hai tan só dúas décadas.

Aumenta o descoñecemento do galego entre as máis cativas

Se analizamos a serie histórica desde 2003, os cambios máis relevantes respecto do coñecemento e uso do galego obsérvanse na infancia e na adolescencia. Hai dúas décadas, o 56,98% das persoas con idades comprendidas entre os cinco e os 14 anos afirmaba saber moito galego. En 2023, porén, esa porcentaxe situouse no 27,43%: menos da metade. Ao mesmo tempo, case un terzo dixo saber pouco ou nada de galego, o que representa case o dobre de hai dúas décadas e un incremento de 8,54 puntos con respecto aos últimos datos.

A plena capacidade para comprender o galego oral entre as menores de 15 anos tamén diminuíu de xeito significativo, pasando dun 75,44 a un 44,02% nun lapso de 20 anos.

No contexto educativo, a comunicación en castelán foi gañando aínda máis terreo, especialmente entre o alumnado do ensino obrigatorio, onde en dúas décadas a comunicación maioritaria ou exclusivamente en castelán coas compañeiras e compañeiros entre estudantes menores de 17 anos pasou do 61,52 ao 85,20%, asemade que o uso exclusivo de galego se reduciu do 26,22 a un case residual 4,65%, en contraste co 47,34% que só usa castelán. Con respecto ás persoas de máis de 17 anos, esta tendencia tamén se mantén ao longo da serie histórica, se ben é certo que o uso exclusivo de castelán diminuíu lixeiramente e na comparativa entre menores e maiores de 17 anos agora son estes últimos os que empregan o galego en maior medida. Estes datos non reflicten necesariamente unha recuperación do galego unha vez pasada a adolescencia nun contexto castelanizante, dado que aqueles que no 2023 son maiores de 17 anos respondían con máis frecuencia ser galegofalantes cando eran menores, de acordo cos datos de 2018 e anteriores.

Con respecto á percepción da lingua na que se desenvolven as clases, un 29,49% das estudantes dixo recibilas maioritaria ou unicamente en castelán no ensino regrado, fronte a un 13,89% en galego. Este desequilibrio é particularmente patente entre o alumnado de máis de 17 anos, para o que o castelán é predominante no 43,93% dos casos, fronte a un 15,82% para o galego.

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística levan tempo advertindo da situación crítica que atravesa o galego. Perante estes datos, o presidente Marcos Maceira valora que “estamos en emerxencia lingüística extrema”, culpando directamente ao Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Esta normativa supuxo un duro revés para a oferta de material escolar en galego e limitou severamente a súa presenza no sistema educativo.

O castelán arrasa no consumo de información

O consumo de información “en castelán sempre” ou “máis castelán ca galego” supera folgadamente o 90% en menores de 16 anos, tanto en televisión e radio como en prensa e libros. O desenvolvemento e recoñecemento público da industria editorial galega non se ve reflectido nestes datos, xa que a porcentaxe de persoas que len libros “en galego sempre” ou “máis en galego que en castelán” baixou entre os anos 2018 e 2023.

A partir dos 16 anos, o IGE permite comparar a estatística con anos anteriores, observándose unha tendencia crecente ao desentendemento total do consumo de televisión en galego. As persoas que optan exclusivamente polo audiovisual en castelán pasaron dun 23,90% en 2013 a un 34,41 en 2023. Esta propensión é máis marcada aínda na franxa que vai dos 16 aos 29 anos, para a que aumentou do 36,90 ao 54,02% nunha década. Estes datos coinciden cun período de recortes na dobraxe de contidos ao galego, así como cun proceso de precarización do servizo que ofrece a TVG, segundo veñen denunciando as xornalistas asociadas en Defende a Galega, que xa superou os 333 venres negros consecutivos en sinal de protesta.

O rural desgaleguízase pero continúa como bastión do galego

Alén da fenda xeracional, a publicación do IGE tamén dá conta dun importante contraste no coñecemento e uso do galego entre a contorna rural e a urbana. No tocante á competencia lingüística, a tendencia é á castelanización independentemente do tamaño do municipio, pero mentres que naqueles de menos de 10.000 habitantes a porcentaxe de persoas entrevistadas que saben “nada ou pouco” de galego é do 8,49%, nos de máis de 50.000 ascende ata o 25,34.

As diferenzas son maiores aínda no relativo aos usos lingüísticos. Segundo os datos de 2023, nos municipios de menos de 10.000 habitantes a porcentaxe de persoas que empregan unicamente o galego é do 45,44%, e a das que o empregan maioritariamente acada o 75,13%, superando o 56,15% de persoas que autoperciben saber falar moito galego. Isto implica que unha parte importante das entrevistadas no rural son galegofalantes pero dubidan do seu grao de corrección.

Nos municipios de máis de 50.000 habitantes a realidade é ben diferente. Considera saber falar moito galego un 42,94% das entrevistadas, pero só o emprega maioritariamente un 22,93, de maneira que o factor limitador son as actitudes lingüísticas. Mentres que nos municipios de menos de 10.000 é monolingüe nas prácticas orais un 11,59% da poboación, nos de 50.000 a porcentaxe increméntase ata o 44,85, ou sexa, invértense as proporcións das persoas que falan sempre en galego e sempre en castelán.

O IGE tamén arroxa luz sobre os usos lingüísticos nas sete cidades galegas, que seguen a tendencia xeneralizada da redución de falantes habituais de galego. O mesmo ocorre para a porcentaxe de falantes exclusivos de galego, que é inferior ao 5% na Coruña, Pontevedra e Vigo, mentres que Lugo e Santiago de Compostela se distinguen por superar o 15%. En canto á fracción de habitantes que falan sempre en castelán, supera a metade da poboación na Coruña, Ferrol e Vigo, e mantense por debaixo do 30% en Lugo, Ourense e Santiago de Compostela.

A pesar das ideas fatalistas que transmiten estes datos, Carlos Callón apunta que “a maioría dos galegos e das galegas ama o galego aínda que non o fale”, e que este é un aspecto salientable que non está medido na Enquisa estrutural a fogares. “É a base  do noso futuro”, comenta en conversa con O Salto Galiza sobre esta vinculación emocional que se reflicte na cultura popular. Tanto o sentido identitario do galego como o feito de pertencer a un sistema lingüístico máis amplo dan esperanzas de recuperación se mudan as políticas lingüísticas.

A Xunta desvía o foco contra as persoas estranxeiras

O Secretario Xeral da Lingua, Valentín García, eludiu responsabilidades sinalando as estranxeiras tras coñecerse as estatísticas. Segundo as súas palabras, a chegada de 115.000 migrantes a Galiza no período que vai de 2018 a 2023 é “un dato moi importante que inflúe directamente no incremento de castelanfalantes”. Porén, á marxe de que a promoción do galego entre as migrantes e facilitar medios para aprendelo son tarefas que tamén lle correspondería asumir á Xunta, son moitas as estatísticas, ademais das xa vistas, que contradín que a migración sexa un factor de peso na transformación do último lustro.

Por exemplo: o IGE ofrece cálculos en valores absolutos, e neste lapso de tempo o número de falantes únicos de galego de cinco a 14 anos pasou de 31.761 a 15.080, e o de falantes maioritariamente en galego tamén descendeu de 26.360 a 19.619, á vez que as falantes maioritaria ou exclusivamente en castelán aumentaron en 15.228 persoas. No outro extremo demográfico tamén se observan claros procesos de substitución lingüística, xa que entre as maiores de 65 anos no 2018 falaban sempre en galego 314.161 persoas e no 2023 facíano 277.942, ao mesmo tempo que as que falaban máis galego ca castelán, máis castelán ca galego ou só castelán aumentaron de 333.876 a 411.026.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Galego
Manifestación Miles de persoas enchen Compostela cun berro único en defensa da lingua galega
A plataforma Queremos Galego conseguiu aglutinar voces diversas da Galiza social, política e cultural para “parar a emerxencia lingüística” que sofre a lingua propia e así esixir á Xunta “un cambio de actitude”.
Xunta de Galicia
Política A Xunta recibe ao embaixador de Israel en funcións mentres Gaza agoniza ao bordo da fame
O Goberno de Alfonso Rueda escenifica a súa boa sintonía coa Administración de Benjamín Netanyahu apenas unhas horas despois de que Israel bombardease unha escola que servía de refuxio e ordenase unha evacuación masiva en Gaza.
Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.
Universidad
Genocidio Las universidades españolas han firmado 44 proyectos con Israel desde septiembre de 2024
Los acuerdos dentro del programa Horizon Europe se han sucedido a pesar de las declaraciones de decenas de universidades de suspensión de relaciones con Israel.
Asturias
Asturias El Parlamento asturiano reclama que las corridas de toros se consideren maltrato animal
PSOE e IU aprueban una PNL de la diputada Covadonga Tomé (Somos Asturies) instando al Gobierno de España a modificar las leyes que excluyen a las corridas de toros de esta categoría.
Mallorca
Investigación Cadáveres, ratas y suciedad extrema en una granja avícola que abastece a Mercadona, Eroski y Alcampo
Grupos activistas han denunciado a la explotación avícola de Llucmajor (Mallorca) ante la Fiscalía por delitos de abandono de animales, estafa y contra la salud pública. La granja cuenta con el sello de bienestar animal Welfair.

Últimas

Laboral
Laboral “Se buscan figurantes para una película a cambio de la merienda”
El sindicato CGT denuncia ante Inspección de Trabajo a una productora cinematográfica por ofrecer trabajo de figurante en la película ‘Corredora’ a cambio de una merienda.
Opinión
Opinión Prohibir no es liberar: una reflexión feminista sobre el uso del hiyab
La idea de que prohibir el hiyab nos abrirá la puerta a una vida más libre no solo parte de un prejuicio, sino que se convierte en otra forma de imposición. Y ninguna liberación real puede construirse desde la fuerza o la exclusión.
Granada
Represión La policía desaloja el centro social La Madriguera en Granada
El dispositivo policial ha echado a decenas de activistas del edificio, el pasado enero la empresa AMA Desokupa intentó cerrar el centro social con el apoyo policial en una operación que se saldó con cuatro personas heridas y una persona detenida
Euskera
Lourdes Oñederra “La comprensión tiene valor por sí misma, no es un mero paso intermedio”
Lourdes Oñederra destaca la comprensión lingüística como clave para abrir oportunidades y beneficios que merecen atención y cultivo.
Opinión
Opinión Veinte líneas de trabajo para garantizar el derecho a la vivienda
Existen muchas propuestas, no solo para paliar la emergencia planetaria de desahucios, sino para sentar las bases de un mundo equitativo en el que toda persona pueda acceder dignamente a un hogar. Aquí van 20.

Recomendadas

Pensamiento
Paulo Tavares “La imaginación es el primer acto político”
El arquitecto e investigador brasileño Paulo Tavares cuestiona las ideas fundacionales del pensamiento, el diseño y la ciudad occidentales en el marco de la crisis ecosocial.