Laboral
Coidar sen dereitos: a loita das traballadoras nas residencias privadas de Galiza

Sen tempo nin medios para ofrecer uns coidados axeitados, alertan dunha situación insostible nos centros e denuncian a privatización dun servizo a costa do benestar das persoas maiores e dependentes. O colectivo de traballadoras das residencias privadas loita por condicións laborais dignas nun sector precarizado e silenciado.
 Escrache conselleira de política social Fabiola García y Feijoo Vigo - 5
Protesta do pasado xoves en Vigo contra a conselleira de Política Social, Fabiola García, nun acto con Alberto Núñez Feijóo. Juancho Everman

“Traballamos coma se fósemos robots nunha cadea de montaxe. Non podes atender ben aos usuarios porque non che da tempo”. Beatriz leva 18 anos traballando como xerocultora na residencia para maiores DomusVi de Ferrol. “Cando chegas a casa de volta do traballo rompes coa frustración”, afirma.

O colectivo de traballadoras das residencias privadas de Galiza denuncia as precarias condicións laborais e salariais do sector, así como a sobrecarga de traballo e a falta de tempo para ofrecer uns coidados axeitados ás persoas usuarias.

A sección de Servizos da Confederación Intersindical Galega (CIG) iniciou o pasado 10 de abril un calendario de folgas e mobilizacións —que culminará cunha manifestación en Santiago de Compostela este sábado 26 de abril— para demandar un convenio digno, así como para reclamar a mediación da Consellaría de Política Social na negociación, bloqueada dende o ano pasado.

 Escrache conselleira de política social Fabiola García y Feijoo Vigo - 3
A conselleira do ramo, Fabiola García. Juancho Everman

As traballadoras sinalan que dende a sinatura do último convenio no 2022 os salarios perderon máis dun 7% do poder adquisitivo, xa que se pactaron subas inferiores ao Índice de prezos de consumo (IPC) real. A maioría das categorías están por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI); preto dunhas 8000 persoas, dun total de 12000 traballadoras en toda Galiza.

Dende a CIG tamén demandan a ampliación da cobertura das situacións de incapacidade temporal, xa que a pesar de que as enfermidades músculo-esqueléticas son moi comúns no sector, non están recoñecidas como profesionais. “Coller unha baixa é un luxo que non nos podemos permitir” recalca Beatriz. “Vas a traballar enferma porque non che poden faltar 200 euros ao mes”.

Moitas vense na situación de reclamar as enfermidades laborais ao Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) cando a mutua non as recoñece. Ademais, a exposición a enfermidades contaxiosas nos centros xeriátricos incrementa o risco a padecer virus; que tampouco son considerados como baixas laborais.

Outra das reivindicacións do colectivo é a actualización dos ratios de persoal, que non se axustan ás necesidades dos centros e derivan nunha sobrecarga de traballo que repercute na saúde das traballadoras e na calidade de vida das persoas usuarias.

“Eu pódolle adicar como moito 15 minutos a cada residente para duchalo, hidratalo e vestilo”, segundo explica Inés, xerocultora na DomusVi de Noia, a precariedade dos salarios dificulta a cobertura de persoal no caso das baixas por incapacidade temporal. “Se hai unha única persoa no posto de traballo e tes que levar a alguén ao baño, non podes abandonar unha estancia e deixar a 15 residentes sós”.

 Escrache conselleira de política social Fabiola García y Feijoo Vigo - 1

Doutra banda, a Xunta eliminou a obrigatoriedade de contar con persoal de enfermería as 24 horas, polo que nalgúns centros se está a formar a outras traballadoras cun curso “rápido” de Técnico de Coidados Avanzados en Enfermería. “Eu non estou capacitada para avaliar a necesidade de derivar a unha persoa que está enferma, nin tampouco para administrar medicación” alerta Ana Isabel, xerocultora e presidenta do comité de empresa de Cáser Residencial Pontevedra.

Esta carencia de persoal vese agravada trala decisión da Xunta de Galiza de ingresar nas residencias de maiores a persoas con doenzas psiquiátricas. As traballadoras advirten que a maioría dos centros “non están adecuados para este tipo de pacientes, nin contan co persoal formado para poder atendelos correctamente.”

A CIG solicitou unha reunión coa Consellería de Política Social o pasado setembro, pero aínda non recibiu resposta. O secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naia, lamenta que a administración se “lave as mans” e ignore as demandas das traballadoras. “O único que fan é vulnerar o dereito fundamental de folga coa imposición duns servizos mínimos do 100%”, destaca.

 Escrache conselleira de política social Fabiola García y Feijoo Vigo - 2
Alberto Núñez Feijóo chegando ao acto coa conselleira de Política Social. Juancho Everman

A intención da Xunta: seguir a privatizar un servizo público

Unha enfermeira en quenda para 150 residentes, unha soa limpadora para unha planta de 44 camas ou unha cociñeira para 55 persoas. “Fannos incluso atender ás visitas e aos familiares cando non hai ninguén en recepción” afirma Silvia, xerocultora na residencia Servisenior de Santiago. As traballadoras denuncian o modelo de coidados da Xunta, que aposta pola privatización dos servizos e “antepón o lucro empresarial” ao benestar das persoas maiores e dependentes.

No 2023 a Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais advertía da filtración das visitas aos centros por parte da Consellería de Política Social —dirixida por Fabiola García— co propósito de tapar irregularidades nas residencias públicas xestionadas por empresas externas.

Segundo os últimos datos do Rexistro Único de Entidades de Servizos Sociais, en Galiza hai un total de 374 centros residenciais para maiores; entre os que se inclúen residencias, miniresidencias, vivendas comunitarias, grandes centros residenciais e pisos tutelados. No tocante á titularidade, a maioría dos centros están en mans de empresas privadas con ánimo de lucro —341— mentres que as administracións públicas xestionan 209 e as entidades sociais 140.

Un informe elaborado pola Asociación de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais, determinou que Galiza ten un déficit de 13.850 prazas residenciais para acadar a proporción de 5 por cada 100 persoas maiores de 65 anos. Deste xeito, sitúase como a cuarta comunidade autónoma con maior déficit de prazas residenciais, por debaixo da media estatal.

O XXV Observatorio da Dependencia revela a dramática situación da atención á dependencia en Galiza. Dende o 2017 ata o 2024 faleceron 6.571 persoas en lista de espera sen ser atendidas, só no último ano; 345. En España a media de tramitación dun expediente é de 334 días, en Galiza; 386. A media de gasto público por persoa dependente é de 5.202,9 euros ao ano, por debaixo da media estatal de 6.188,7 euros. Ademais, o documento sitúa a Galiza como a segunda comunidade coa peor taxa de persoas atendidas.

 Escrache conselleira de política social Fabiola García y Feijoo Vigo - 6

Un sector altamente feminizado

O 84,7% das mulleres ocupadas en Galiza traballan no sector servizos. Segundo un informe da CIG, o aumento da taxa de actividade feminina na última década está estreitamente ligado á externalización dos coidados; o 65,7% das persoas asalariadas nos servizos sociais son mulleres.

A fenda salarial neste sector, ligada á forte presenza feminina e á precariedade, é do 16,2%. O documento da CIG revela que o 40,5% das mulleres asalariadas en Galiza teñen ingresos por debaixo do SMI. Dende o sindicato advirten da “desvalorización dos traballos feminizados, nomeadamente os de coidados, a pesar de seren esenciais”.

O Instituto das Mulleres abordou en diversas publicacións as graves consecuencias do desmantelamento dos servizos públicos e como esta carencia afecta especialmente ás mulleres traballadoras, ao non contar co apoio necesario para ser suplidas nas tarefas de coidados. Neste senso, outra das demandas do colectivo de traballadoras das residencias privadas é a adopción de medidas de conciliación para facilitar a compatibilidade entre a vida laboral e persoal. “Nas negociacións as empresas vense envalentonadas porque teñen o respaldo da Consellería”, destaca Ana. “Vai ser un conflicto longo”.

Informar de un error
Es necesario tener cuenta y acceder a ella para poder hacer envíos. Regístrate. Entra na túa conta.

Relacionadas

Migración
Migracións A veciñanza mobilízase para acoller migrantes tras o peche de centros de Rescate Internacional en Galiza
Tras o progresivo desmantelamento de varios dispositivos de acollida, moitos refuxiados foron trasladados a outros puntos do Estado sen aviso previo. Outros son simplemente desaloxados trala denegación da súa solicitude de asilo.
Palestina
Genocidio La ONG anti-UNRWA lanzada por exespías y marines de EEUU siembra el caos en el reparto de alimentos en Gaza
La Fundación Humanitaria de Gaza (GHF) creada a comienzos de este año y vinculada a agentes del ejército y la inteligencia estadounidense ha sido acusada de desaparecer a una persona y disparar a quienes estaban esperando ayuda.
Alemania
Litigio climático Un tribunal alemán abre la puerta a que grandes emisores puedan ser responsabilizados de daños climáticos
El jurado descarta la demanda del agricultor peruano Saúl Luciano Lliuya por entender que el riesgo a su propiedad es demasiado bajo, pero esta misma argumentación podría llevar a condenas en otros casos.
Madrid
Derecho a la vivienda Victoria contra la Sareb: 16 familias consiguen firmar contratos después de años de lucha
Un bloque en lucha de Casarrubuelos (Comunidad de Madrid) consigue formalizar contratos con el banco malo, al que acusan de actuar “como un fondo buitre”. En Catalunya, diez ayuntamientos apoyan los reclamos de 62 hogares en huelga contra La Caixa.
Xunta de Galicia
Política A Xunta recibe ao embaixador de Israel en funcións mentres Gaza agoniza ao bordo da fame
O Goberno de Alfonso Rueda escenifica a súa boa sintonía coa Administración de Benjamín Netanyahu apenas unhas horas despois de que Israel bombardease unha escola que servía de refuxio e ordenase unha evacuación masiva en Gaza.

Últimas

Universidad
Genocidio Las universidades españolas han firmado 44 proyectos con Israel desde septiembre de 2024
Los acuerdos dentro del programa Horizon Europe se han sucedido a pesar de las declaraciones de decenas de universidades de suspensión de relaciones con Israel.

Recomendadas

Culturas
Erika Lust y Sara Torres “El deseo tiene una potencia inagotable para transformar la realidad si lo liberamos de las normas”
Sexo, deseo o ética del placer son algunos de los temas que hilan la escritora Sara Torres y la productora de cine porno Erika Lust en ‘La abundancia del deseo’.