Laboral
Menos dereitos e recortes encubertos no convenio de DIGI aprobado por CCOO e UXT que precariza 8.000 empregos

Os eufemismos utilizados foron “homoxeneización” e “unificación” das condicións laborais de máis de 8.000 traballadores en todo o Estado español da empresa de telecomunicacións DIGI. A realidade, unha igualación á baixa para os empregados dunha empresa que no primeiro semestre de 2025 facturou 445 millóns de euros e obtivo un beneficio de máis de 82 millóns. Os autores, os sindicatos Comisións Obreiras e UXT coa oposición frontal doutras centrais como CGT, CIG, ELA ou ESK polo resto do territorio.
Ata este verán, as condicións do emprego da maior parte das traballadoras e traballadores de DIGI rexíanse polos convenios provinciais do metal: con toda probabilidade, dos mellores textos en canto a dereitos laborais. “O que fixeron, en esencia, é unha igualación pola baixa”, explica a O Salto Nelo Pineda, traballador da sección sindical de CGT na provincia de Pontevedra. Desde CCOO mírano en sentido contrario: “Unifícanse as condicións laborais de máis de 8.000 persoas traballadoras, cun escenario de máis de 80 convenios provinciais que non foron máis que un foco de agravios e mala xestión nos últimos 13 anos”. Cos textos fronte a fronte de ambos convenios, os feitos arrojan unha imaxe diferente.
Non só son baixadas salariais encubertas
Facer unha comparativa das decenas de convenios que ata agora rexían as condicións dos e das traballadoras pode mostrarse confuso. Con todo, se se sinalan as diferenzas dalgúns deles nos seus apartados máis lesivos, a esencia do novo convenio queda clara. Por suposto, os máis agraviados son os empregados das zonas do Estado onde a industria e os portos son máis fortes. É dicir, Euskal Herria e Galiza, pero non só.
Segundo os cálculos de CGT para Galiza, o cómputo total de medidas lesivas acabará por facer que os traballadores “lle regalen de media 6,7 semanas de traballo” á empresa. Para obter a cifra sumaron as baixadas salariais severas para novos empregados; a perda de ata unha hora de desprazamento ao domicilio dos clientes por día como parte do traballo; a limitación de subida interanual do salario ao 2%; a absorción e compensación do 75% do ticket restaurante —a súa dieta diaria de 9€ para comida—; a desaparición de variables ligadas a obxectivos; e a perda de ata once días de permiso polo falecemento dun fillo ou unha parella, entre outros moitos conceptos.

Por iso, desde CGT confirman que xa son 17 as provincias que acudirán coa mesma estratexia á vía xudicial: “Estamos convencidos de que é absolutamente ilegal polo empeoramento das condicións en relación aos convenios dos que viñamos”, avisa Pineda. Mentres esa vía se resolve, que pode chegar a tardar ata dous anos, as centrais sindicais non sistémicas do Estado español como ESK, ELA, CGT ou CIG prepáranse xa para a folga como outra das vías de presión.
Xornada alargada e desprazamentos a cargo do empregado
Co novo convenio, que aínda non foi publicado no Boletín Oficial do Estado, o tempo de traballo tamén se verá endurecido. Aínda que as horas anuais son similares, a xornada en DIGI esténdese cun sistema de distribución irregular que permite á empresa mover turnos con máis facilidade.
A iso súmase que os desprazamentos recaen no propio traballador, restando media hora por traxecto do seu tempo persoal, mentres que no convenio do metal ese cómputo considerábase parte da xornada efectiva. A flexibilidade, neste caso, tradúcese en maior dispoñibilidade sen compensación. De feito, explican a esta redacción traballadores da empresa, DIGI xa os estaba “presionando” coa instalación de GPS nas furgonetas coas que van dar servizo técnico en telecomunicacións aos seus clientes: “Están aplicando xa unha cláusula do convenio sen estar aprobado definitivamente. Por iso xa mandamos á Inspección de Traballo”, confirman desde CGT. Por todo isto, desde ESK, sindicato maioritario en DIGI en Gipuzkoa, viñeron insistindo na necesidade de negociar convenios provinciais e non “unificacións á baixa” a nivel estatal.
Soldos máis baixos e subidas limitadas
A comparación salarial non deixa dúbidas. No novo convenio de DIGI, os soldos arrincan nos 17.000 euros e apenas alcanzan os 20.000 para mandos intermedios. No do metal, a horquilla sitúase entre 23.000 e 26.600, unha diferenza que se agranda coas subidas anuais: un modesto 2% lineal en DIGI fronte a incrementos de entre o 3% e o 5% ligados ao IPC no metal de Pontevedra. O convenio de DIGI introduce un plus de antigüidade limitado e compensa parte do salario con tickets restaurante que son absorbibles, o que na práctica neutraliza calquera mellora real.
Recorte de permisos e beneficios sociais con letra pequena
As licenzas por falecemento ou coidado de familiares redúcense ao mínimo en DIGI. O novo marco establece catro días, sexa cal sexa o parentesco, fronte a un sistema escalonado no metal que garante ata quince días por fillo ou cónxuxe. A homoxeneización á baixa supón un golpe especialmente duro nun momento no que a conciliación e os coidados forman parte central do debate social.
A compañía presenta como avances a inclusión de fibra gratuíta e un seguro médico privado. Con todo, estas medidas vense ensombrecidas pola redución das cobertas de vida e incapacidade, que caen ata os 10.000 euros, moi por debaixo dos 26.000 e 30.000 que garante o convenio do metal. A isto engádese a supresión da variable ligada a obxectivos, o que supón un recorte directo variable e mensual para moitos traballadores.
Fugas sindicais de CCOO e UGT
A raíz da, en palabras do resto de sindicatos, “negociación centralista á baixa” das grandes centrais sindicais españolas, CCOO e UGT, algúns dos seus afiliados nas provincias máis afectadas —onde o sector do metal é máis forte— comezaron un proceso de fuga das súas afiliacións sindicais ás mencionadas organizacións. A dimensión do éxodo non é anecdótica, nalgúns comités de empresa, que prefiren manter o anonimato “polo delicado da situación”, a fuga chegou a tal punto que é probable que as organizacións nas posicións de dirección cambien radicalmente.
Relacionadas
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!