Laboral
O TSXG condena a Mercadona por vulnerar dereitos sindicais fundamentais
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenou a empresa de Juan Roig por vulnerar os dereitos fundamentais dunha traballadora delegada da CIG. A sentenza recoñece que Mercadona negou sistematicamente ás empregadas afiliadas á Confederación Intersindical Galega (CIG) na provincia de Pontevedra o acceso á documentación sobre prevención de riscos laborais, o regulamento do Comité de Seguridade e Saúde e información sobre as acreditacións doutros sindicatos. A sentenza recoñece que Mercadona negou sistematicamente ás delegadas da Confederación Intersindical Galega (CIG) na provincia de Pontevedra o acceso a documentación sobre prevención de riscos laborais, o regulamento do Comité de Seguridade e Saúde, e información sobre as acreditacións doutros sindicatos. O tribunal considera que as tres condutas constitúen unha vulneración da Constitución e que a empresa non achegou xustificación suficiente para ningunha delas.
O conflito arrinca do trato desigual que Mercadona dispensaba ás delegadas sindicais da CIG no seo do Comité de Seguridade e Saúde (CSS) da provincia de Pontevedra. Aínda que estas participaban nas reunións do órgano con voz pero sen voto, a empresa negábase a facilitarlles a mesma documentación que entregaba ás delegadas de prevención de UGT e CCOO: informes de avaliación psicosocial, protocolos de actuación para persoas traballadoras sensibles e demais material tratado nas sesións.
A empresa xustificou a súa postura argumentando que as delegadas sindicais e as delegadas de prevención son figuras xurídicas distintas e, polo tanto, non teñen os mesmos dereitos de acceso á información. O TSXG rexeita este razoamento con rotundidade: a única limitación que impón a Lei de Prevención de Riscos Laborais ás delegadas sindicais é a ausencia de voto, non o acceso á información. Facer extensiva esa restrición á documentación supón, segundo o tribunal, unha interpretación restritiva dun dereito fundamental que a empresa non xustificou en ningún momento.
A condena comprende tamén a negativa de Mercadona a entregar á CIG unha copia do regulamento de funcionamento interno do CSS, así como a falta de información sobre a identidade e as datas de nomeamento das persoas designadas como delegadas sindicais de UGT e CCOO ante a empresa. Este último punto adquire especial relevancia á luz do que consta nos feitos probados: a Inspección de Traballo e Seguridade Social detectou que non constaba de maneira fidedigna o nomeamento dalgunhas persoas que asistían ao CSS en representación doutros sindicatos, mentres que á CIG só se lle permitía participar coas delegadas formalmente designadas.
A sentenza chega nun momento de tensión crecente nas relacións laborais en Mercadona. A CIG, sindicato maioritario na empresa a nivel galego, denuncia unha campaña sistemática de acoso contra as súas representantes que se intensificou desde que obtiveron presenza no comité provincial de Pontevedra.
Verónica Pérez, secretaria da sección sindical da CIG en Mercadona na provincia de Vigo, explicou que o patrón que viven as delegadas combina vixilancia intensiva do traballo, solapamento entre a actividade sindical e o desempeño como traballadoras, e sancións económicas encubertas. A ferramenta principal é o chamado “modelo”, un regulamento interno que a empresa aplica en paralelo ao convenio colectivo e que, segundo Pérez, “difiere do que é a legalidade, porque se vas por modelo, non vas por convenio”. As delegadas que non se axustan a ese código informal ven como non cobran a prima de beneficios nin, este ano, a semana adicional de vacacións que Mercadona publicitou tras un acordo no comité intercentros. “Esa é un pouco a distopía coa que xoga a empresa, esa escala de grises”, subliñou.
O mesmo patrón de bloqueo describe Pérez en relación coa documentación de prevención de riscos, que constitúe precisamente o núcleo da condena xudicial. A sección sindical da CIG viña reclamando sen éxito tanto o regulamento do CSS como os informes dos test psicosociais. A empresa negouse en todo momento a entregalos, alegando que só correspondían ás delegadas de prevención. Nas propias reunións do comité, o acceso era parcial e sesgado: “a dirección proxectaba diapositivas coa información, pero non facilitaba a documentación completa”. Para Pérez, todo iso forma parte dunha “liña de desgaste” sistemática contra a representación da CIG.
Para comentar en este artículo tienes que estar registrado. Si ya tienes una cuenta, inicia sesión. Si todavía no la tienes, puedes crear una aquí en dos minutos sin coste ni números de cuenta.
Si eres socio/a puedes comentar sin moderación previa y valorar comentarios. El resto de comentarios son moderados y aprobados por la Redacción de El Salto. Para comentar sin moderación, ¡suscríbete!